FRAN ALONSO 

 


(Vigo, 1963)

Fran Alonso (Vigo, 1963) é escritor, xornalista e editor. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou o seu percorrido laboral no ámbito do xornalismo e na actualidade exerce como Subdirector para a Edición Xeral en Xerais. Entre 2006 e 2010, ocupou o cargo de vicepresidente da Asociación Galega de Editores. Tamén foi membro da directiva do Pen Club de Galicia. Durante varios anos colaborou semanalmente nas páxinas de opinión de La Voz de Galicia e posteriormente nas páxinas de cultura do diario El País. Durante dez anos, mantivo unha columna no semanario A Nosa Terra e na actualidade colabora no xornal dixital Praza Pública e anima o seu blog Cabrafanada, a súa conta de twitter e a súa páxina de Facebook.

Como escritor, publicou máis de 20 títulos e concedéronselle premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria de 1998, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, a distinción White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic, o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvnil do ano...

A súa obra abarca a narrativa, a poesía, a literatura infantil e xuvenil e o xornalismo.

Autor de máis de vinte títulos, como narrador publicou Tráiler (1991), Cemiterio de elefantes (1994), Silencio (1995), O brillo dos elefantes (1999), Males de cabeza (2001), Cartas de amor (2006) e Ninguén (2011) . Como poeta deu á luz Persianas, pedramol e outros nervios (1992), un libro considerado pola crítica como un referente fundacional da poesía dos 90; Tortillas para os obreiros (1996); Cidades (1997); Subversións (2001), Balada solitaria (2004) e Transición (2011). Tamén é autor de  Poetízate (2006), unha divertida e desenfadada antoloxía da poesía galega, da que se publicaron dez edicións.

Como xornalista publicou a crónica de literatura periodística Territorio ocupado (1998), sobre o conflicto saharuí; o libro de entrevisas Un país a medio facer (2008), que intenta de trazar unha liña na evolución da cultura galega nos últimos vinte anos; e tamén Contesta ou disparo (2011), un libro dixital de entrevistas frescas e curtas con personalidades da cultura galega, realizadas arredor de 1990. Tamén é autor do texto biográfico "A voz que vén da seitura", sobre a vida da Señora Carmen, incluído no seu libro-disco-DVD A flor dos meus anos (PAI Música, 2007), así como da entrevista que se publicou no DVD. Así mesmo, abordou a biografía en A vida secreta de María Mariño (2007) e  Folerpas de Novoneyra (2010).

Para primeiros lectores, é autor do álbums ilustrados A casa da duna (2002) e A araña e mais eu (2009) realizado en colaboración co fotógrafo Manuel G. Vicente.

 O volume mixto A lúa no probador (1992) recolle os seus primeiros relatos e poemas. 

Por outra banda, é coautor da tradución do francés ao galego de Polgariño (1995), de Charles Perrault; e autor da versión ao galego de A historia sorprendente dun homiño moi valente, de Hans Traxler. Así mesmo, promoveu, coordinou o libro Mini.relatos (Cartabón, 1999), que retou a case trinta narradores e narradoras a escribir textos mínimos.

A súa obra está traducida a diversas linguas como o castelán, o catalán, o portugués e o inglés. 

Todos os libros de Fran Alonso  (incluídas as traducións)

Obra en antoloxías ou libros colectivos

Reseñas e críticas sobre os libros de Fran Alonso

Recursos didácticos dos libros de Fran Alonso

Entrevistas con Fran Alonso