eL PUBLICACIÓNS


Os ollos do Contomar

Os ollos do Contomar. Unha experiencia de fomento da lectura é a primeira publicación de Espazo Lectura, editada coa colaboración do Concello de Gondomar e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O libro consta de fotografías e textos. As fotogafías son da autoría de Manuel G. Vicente, e van acompañadas de pequenos textos dunha ampla nómina de autores e autoras que reflexionan sobre a lectura e os libros.

Os ollos do Contomar é unha crónica en imaxes de dúas das actividades desenvolvidas por Espazo Lectura: o Contomar (sesións semanais de contacontos destinados a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos) e Unha noite na biblioteca (acción de sensibilización e fomento da lectura que consiste en pasar unha noite durmindo na biblioteca e participando en xogos e actividades de promoción da lectura).

 

Lecturas da Grampa

Ademais das publicacións en formato libro nas que se vaian recollendo as experiencias da asociación e, sobre todo, a análise e as reflexións derivadas das actividades que desenvolve, Espazo Lectura mantén unha liña de publicacións de pequeno formato destinada a difundir e complementar as actividades da asociación, establecer listaxes de lecturas recomendadas e dar formación específica sobre fomento e animación á lectura. Trátase da serie Lecturas da Grampa iniciada con motivo do II Dar de ler coma quen dá de beber en abril de 2009.