BOOKCROSSING, LIBROS RULANTES

 

Espazo Lectura tamén promove o bookcrossing, é dicir, a liberación de libros en espazos públicos, como actividade para o fomento da lectura. A primeira campaña de bookcrossing realizada por Espazo Lectura realizouse en maio de 2008 baixo o nome «Bookcrossing no Val Miñor». A campaña presentouse nunha rolda de prensa ao aire libre, que se celebrou na Ramallosa, á beira da foz do río, e contou coa colaboración dos tres Concellos do Val Miñor, acudindo ao acto os alcaldes de Baiona e Nigrán. A campaña foi presentada por Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, e Anaír Rodríguez, membro da directiva e coordinadora da campaña de bookcrossing.  Ao remate do acto, ceibáronse 120 libros en diferentes espazos públicos dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán. Para esta campaña houbo múltiples zonas de solta e establecéronse oito zonas bookcrossing no Val Miñor.  

Os 120 libros rulantes que se van liberaron foron previamente rexistrados por Espazo Lectura na web oficial de Bookcrossing e foron etiquetados cun número de identificación que permite que as persoas que os atopen poidan entrar na web e dar conta do lugar onde os atoparon, deixar algún comentario sobre a súa lectura e indicar onde os volveron deixar para que outras persoas poidan buscalos. A solta de libros foi acompañada da edición de 10.000 folletos nos que se explicaba o espírito da campaña e o que hai que facer cando unha persoa atopa un destes libros. A iniciativa tamén contou coa colaboración da editorial Galaxia e de Edicións Xerais de Galicia.

 

Espazo Lectura:

¿Que é Espazo Lectura?