NOITE NA BIBLIOTECA 


O sábado 21 de xuño de 2008, Espazo Lectura levou a cabo unha experiencia pioneira en Galicia: unha noite na biblioteca. Un total de 27 nenos de 6 a 11 anos pasaron a noite na biblioteca municipal de Gondomar, cun amplo programa de actividades de animación á lectura que comezou á sete e media da tarde na praza que está diante da biblioteca. A demanda de duplicou o número de prazas dispoñibles e a experiencia resultou realmente extraordinaria e fructifera. Diversas bibliotecas doutros lugares dirixíronse a Espazo Lectura desde entón solicitando información sobre a actividade. A iniciativa tivo moita repercusión nos medios de comunicación e algúns telexornais pecharon os seus informativos coa noticia e entrevistas á presidenta de Espazo Lectura. Pero o máis importante é que se cumpriron os obxectivos da asociación, que logrou crear un ambiente onde o libro e a lectura foron protagonistas con absoluta naturalidade e espontaneidade.

O programa da Noite na Biblioteca constou de dúas partes. A primeira foi para nenos e nenas de todas as idades e a asistencia éera totalmente libre, celebrándose na rúa, diante da Biblioteca. A segunda parte do programa celebrouse na biblioteca era necesario estar inscrito. Foi fermosa e intensa noite de pixamas na biblioteca. Na biblioteca durmiron os 27 nenos e nenas incritos, 10 adolescentes que colaboran con Espazo Lectura e cumprían o papel de monitores, así como 8 adultos da organización de Espazo Lectura. O chan da biblioteca cubriuse de colchonetas e as nenas e nenos pasaron a noite nos seus sacos, que tiñan que levar canda si. Espazo Lectura organizou unha cea previa, compartida coas familias, e serviulles o almorzo ao día seguinte. Así mesmo, nun dos xogos da actividade, a asociación agasallou cun libro a cada neno.

Espazo Lectura publicou no seu blog máis dunha decena de vídeos sobre a Noite na biblioteca 2008. Este actividade ten carácter anual.