LENDO CONTIGO

Club de lectura compartida


Data: Derradeiro sábado de cada mes
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar
Coordinadores: Anxo Iglesias, Rosana Estévez e Luís Domínguez


Esta actividade da asociación Espazo Lectura está dirixida aos nenos e nenas de 8 a 11 anos e aos seus pais e nais: o club de lectura compartida Lendo Contigo. Lévase a cabo na Biblioteca Municipal de Gondomar os últimos sábados de cada mes e habitualmente contamos coa presenza do autor ou autora do libro que é obxecto de lectura.

En certo modo, este club de lectura naceu como consecuencia do éxito das sesions de contacontos Contomar, xa que detectamos que comezaba a haber nenos e nenas que viñeran a todas as sesións nestes dous anos anteriores e que agora deixaban de vir porque a súa idade xa non se axustaba ao perfil da actividade. Parecíanos unha mágoa perder eses usuarios habituais da biblioteca e decidimos facer unha nova proposta máis axeitada á súa idade, de xeito que cubrimos así coas dúas actividades as franxas de idade que corresponden con educación infantil e primaria. 

Comezamos a posta en marcha do  Club de lectura compartida Lendo Contigo a través de conversas cos directores de todos os colexios de Educación Primaria da zona para difundir a proposta e conseguir o seu apoio na dinamización e difusión da mesma e na elaboración ou distribución nas familias dos materiais para publicitar a iniciativa.

Ao club de lectura Lendo Contigo asisten nestes momentos arredor de 60 persoas e por el pasaron escritores como Agustín Fernández Paz, Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Fina Casalderrey ou Cándido Pazó.

Tendo en conta, ademais, que na biblioteca do IES Auga da Laxe de Gondomar, coa que mantemos unha estreita liña de colaboración, funciona desde hai tres anos un Club de Lectura para o alumnado de secundaria e as súas familias, a nosa proposta vén cubrir ese chanzo intermedio que podería contribuír a manter a vinculación dos rapaces coa asistencia a actividades de dinamización lectora.