O CONTOMAR


Luns, ás 18,00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar 

Coordinadora: Mar García Hermida

O CONTOMAR é a actividade fundacional da asociación Espazo Lectura. Consiste na celebración de sesións de semanais de contacontos que vimos facendo desde hai máis de dous anos, protagonizadas por un grupo de nais e pais, e que ten como obxectivo crear un espazo de encontro dos nenos e nenas cos libros e a lectura a partir de dous piares fundamentais: as familias (somos as nais e pais os que preparamos e contamos as historias) e a biblioteca (as sesións realízanse sempre na Biblioteca Municipal de Gondomar). 

AS SESIÓNS realizámolas sempre con libro xa que o obxectivo da actividade é a PROMOCIÓN DA LECTURA. Pretendemos, polo tanto, que vexan que esas historias que lles gustan están nos libros, e facemos fincapé nos nomes dos autores e dos ilustradores, procurando que a selección semanal teña en conta distintos tipos de propostas de libro infantil. Durante estes dous anos fomos chamados por diversos centros de ensino do Val Miñor para realizar sesións nas escolas e colexios. 

Ao Contomar asisten nenas e nenos A PARTIR DE TRES ANOS de idade, fidelizados a través de carnés de socios do contacontos, un programa de estrelas semanais para conseguir contos de agasallo, diplomas de asistencia, etc. De xeito habitual asisten as sesións semanais do Contomar unha media de 40 nenos e nenas. Neste sentido, o traballo de Espazo Lectura supuxo un importante incremento do número de socios infantís da Biblioteca Municipal.

Tamén celebramos SESIÓNS ESPECIAIS con motivo dalgunhas das datas sinaladas no Calendario da Lectura (Día da poesía, Día do Teatro, Día do Libro, Día das Letras Galegas, etc.), nas que procurabamos agasallar os nenos e nenas con contos e propoñer algunha actividade especial. Por exemplo, no Día Mundial do Teatro as nais e pais fixemos unha sesión de teatro lido da obra de Cándido Pazó O merlo branco e no Día das Letras Galegas unha nai caracterizouse como María Mariño e contoulles aos nenos o conto da súa vida. Tamén celebramos outro tipo de sesións especiais en que contamos coa presenza de convidados como os ilustradores Ramón Trigo, Pepe Carreiro e Anxo Fariña ou os grupos de música e teatro Golfiños e Migallas.

 As sesións teñen lugar todos os luns ás 18 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Os cumprecontos do Contomar.  

Información sobre Espazo Lectura

Equipo do Contomar: Mar García Hermida (coordinadora), Tere Pereira Alborés, Rosa Costas Fernández Luís Domínguez, e Irene Silva Giráldez.