CONTOS EN CUEIROS

Contacontos para bebés de 0 a 3 anos.

Coordinadoras: Anaír Rodríguez, Beatriz Nuñez, Marta López Viso, Bea Pereiro

As actividades celéberanse lugar na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, Gondomar)


«Contos en cueiros» é unha actividade que pretende ser un lugar de encontro para nais e pais cos seus bebés de 0 a 3 anos. Nas diferentes sesións as cancións, os contos e os xogos son o xeito de achegarmos os máis pequechos á lectura.

A  actividade inaugurouse o venres 30 de novembro de 2012 cunha charla de formación titulada «Os bebés tamén len» que estivo dirixida a nais e pais de bebés (e a todo o público interesado)e que foi impartida por Ana Abelenda, contacontos, animadora á lectura e especialista en Educación Infantil. Ana Abelenda realizou unha intervención moi ilustrativa e amena sobre as distintas etapas prelectoras: dende o primeiro «encontro literario» cos arrolos e as cantigas populares, o achegamento á tradición oral a través de cancións que convidan á exploración corporal, pasando polos xogos de cucú-tras para, finalmente, entrar de cheo no libro, con vocabularios e contos ilustrados. Durante a súa intervención deleitou ao público asistente cun bo número de cancións.

Logo da sesión inaugural, o 14 de decembro de 2012 tivo lugar a seguinte cita, que consistiu na actuación de Xabier Díaz e Guillermo Fernández que ofreceron un concerto de Arrolos de Salitre, un disco de nanas e arrolos destinado especialmente a bebés.