30 DE XANEIR0

Dia mundial da paz


 

 

       

        

Ao longo da historia, numerosas institucións e particulares loitaron por acadar a paz no mundo e seguen a facelo porque queren conseguir ese difícil e desexado obxectivo.

        Desde hai anos e ata a actualidade temos cada un dos nosos días rodeados de episodios contrarios á paz: malos tratos, infanticidios, guerras, inxustizas, etc, algo que todos desexariamos vencer para lograr un mundo de paz e tranquilidade que fose eterno.

        O ser humano é por natureza egoísta, avaricioso e ás veces egocéntrico e inconformista; actitudes que poden desencadear feitos como as guerras.

        As persoas que estiveron e están traballando por lograr a paz, seguirano facendo ata que esgoten os seus folgos, deixando esta vida sen teren logrado o proposto, vende dende o “máis alá” como o mundo segue medrando e avanzando, tendo de protagonistas os episodios xa mencionados e vendo como se vai desfacendo, sendo nós os únicos culpables do noso egoísmo.

 

                                    A PAZ

 

O Día da Paz conmemórase o 30 de xaneiro. Neste día móstranse símbolos característicos da paz.

A pomba branca coa póla de oliveira no pico é o símbolo máis universal da paz.

         Pero a paz non é un feito en todo o mundo, hai demasiados lugares que sofren guerras, outros que teñen que afrontar catástrofes naturais e en moitos pasan fame, non teñen os medios suficientes para vivir.

         Que fermoso sería o mundo en paz, sen nenos que pasasen fame, por guerras ou polo mal reparto da riqueza; nenos que non teñen o que nós: amor, xoguetes, roupa…

         Que felicidade se todos puidesen vivir sen sangue derramado, sen armas, sen a perda de seres queridos… que fermoso sería…

 

                                A PAZ, SI

 

É aquilo que se desexa en todo o

 mundo. É o estado e sentimento

 que cada un de nós queremos

encontrar.

 

Esa paz interior, ese estado de

 sentirse ben con un mesmo, o non

 ter problemas con ninguén.

 

Ese mundo sen guerras, sen

conflitos, onde cada persoa sexa

feliz, que non existan problemas

 entre as persoas, que tampouco

haxa fame, sede… o mundo perfecto: un mundo

 cheo de paz.

 

                          Adrián

 

                30 DE XANEIRO DO 2008                        

 

Desexamos, espertamos, declaramos e demandamos

Irmáns e irmás ilusionarnos coa irmandade, co

Amor, amizade, acercamento, axuda, aprendendo

Deportivamente a dar unha man, despedindo

Armas, violencia, insultos, berros, descalificando

Pelexas, pateras, prantos e

Amando a amizade, apreciando, acercando

Zurdos e zonas, zocos e mercados

E compartindo sorrisos, intercambiando opinións

Deixando voar as pombas, sen Guantánamo

Armas, nin violencia, nin pobres, nin explotados

Nin inxustizas, nin fame, nin discriminación,

Outro mundo podemos compartir

Nun novo horizonte de pombas libres e brancas

Voando libremente sen noite nin escravitude

Ilusionados viaxeiros, camiñantes de ríos e mares

Ocupantes deste planeta agonizante camiñemos

Libres de odio, cargados de comprensión

Esperanzados en mañás de pombas

Na luz do futuro, en min, en ti, en

Cada un de nós que aportaremos un gran

Inesgotable de amor por cada un dos que temos ao lado

Amor e amizade, respecto e xustiza sempre.

 

                            ERA UN NENO

Era un neno. Era un neno e nacín nun seo de odios, miserias e rancores; pero era un neno; eu non me decataba.

 

Medrei no medio das bombas, das navallas e das pistolas; pero era un neno; era un neno e eu non me decataba.

 

Cumprín os seis anos e dinme conta de que os anos inocentes xa pasaran para min, de que agora ía xogar; ía xogar de verdade con aquilo que tanto desexara coller de pequeno, e que agora non quería tocar. Pero tiña que facelo; non me quedaba outra; tiña que coller nas miñas mans aquela arma e disporme a matar: aquela arma coa que vin morrer os meus pais.

Era quince de xullo e eu tiña nove anos; estaba a xogar no parque da casa con meus pais. A casiña era humilde e ben bonita para estar naqueles tempos. Estábame tirando polo tobogán que meu pai me facía polas súas pernas; cando, de súpeto, chamaron á porta. –A situación que se vivía era difícil, xa que o país andaba en revoltas-. Chamaron de novo. Meu pai mirounos; primeiro a mamá e logo a min, e con aquela mirada díxonolo todo; sabía que nunca máis nos volvería ver. Miña nai e mais eu agochámonos na trampela, debaixo do chan e meu pai abriu a porta. Alí estaba; aquela cousa que tantas veces vira, apuntándolle agora ao meu pai na cara e escoitamos dous tiros, tiros que me deixaron orfo, -miña nai morreu un mes despois, coa pena-; tiros noxentos que anos máis tarde me ían volver a visitar…

Amañeime como puiden para sobrevivir á fame e á miseria, á guerra e ás súas bombas, á falla do amor e á invasión do odio que me foi enchendo o corpo. Pouco a pouco chegaron os dezaseis anos, anos que esperaba esperanzado para fuxir daquel lugar de guerras. Pero todas as ilusións fóronseme cando…fuxindo… me atraparon os da guerrilla, para matar con eles, se non quería que me matasen a min. E aí foi onde a vin; aí atopeime con ela; con esa cousa que tanto odiaba; con aquela arma asasina; arma que agora ía ter que usar eu.

Pasaron trinta anos diso, e agora xa teño os meus corenta e seis ás costas. Non durmo pensando naquel home inocente que matei para salvarme eu; mateino diante do seu fillo e da súa muller; tal como mataran ao meu pai. Mateino dun tiro, pedíndolle perdón coa mirada. Coñecín, por diversas circunstancias, á aquela  muller e aos seus fillos, logo de saír da guerrilla. Unha muller e uns nenos dos que me fun namorando, ao mesmo tempo en que eles me daban todo o que perdera neses terribles anos de secuestro pola guerra, neses anos de asasino. Agora téñoo todo, teño dous fillastros, Xan e Paulo, aos que quero como se fosen carne da miña carne; e teño unha muller: Tiniña, á que quero como a ninguén, pero tamén teño a alma negra. Negra porque fun eu quen os deixei sen pai e sen marido, negra por apertar aquel gatillo, por suplantar ao home que tanto querían. Por iso, hoxe, chega o día do meu encontro con meus pais. Hoxe, quince de xullo, de novo, logo de trinta e sete anos, decídome a limpar o mal que levo dentro:

 

Non quero que choredes. Muller, fillos: perdón por roubarvos ese talismán que tan ben vos soubo coidar, perdón por facervos iso. Perdón por ser un covarde e despedirme así de vós, perdón. Agora entendo o que meu pai me dixo coa mirada antes de que o mataran, aquela mirada que eu

vos envío por letra. Verémonos logo, cando xa sexades velliños e nos reencontremos. Pero agora éme hora de partir; de partir onda o voso pai e o meu e pedirlles desculpas, se é que podo. Chegoume a hora de volver ver a aquela que tanto odiei, de agarrala nas miñas mans para facer o que hai anos fixen: apertar o gatillo de novo, aquel gatillo que me ennegrece a alma. Para saír deste mundo de miserias, guerras e bombas. Quero saldar a morte dun inocente, dun inocente que abandonou aos fillos e que te abandonou a ti, pola miña culpa, pola culpa dun covarde temeroso da morte. Matei a un home inocente, inocente como o meu pai, que se viu obrigado a deixarme a min como EL se viu privado de vós. Por iso vos digo que non choredes. Enchédevos de ledicia de saber que desde aló enriba farei para que exista a paz; unha paz que na miña vida non existiu. Enchédevos de alegría loitando por ela, por conseguila; no mundo enteiro e dentro de vós mesmos. Por iso vos digo unha vez máis: “non choredes”. Loitade para que vós e os vosos fillos non vos vexan morrer. “VIVA A PAZ NO MUNDO”

Era un neno. Era un neno e nacín nun seo de guerras, odios e miserias; de miserias e rancores. Pero era un neno e eu non me decataba.

 

Era un home. Era un home e vivín nun seo de guerras, pero con amor e esperanzas. Pero era un home; un home ata coller aquela arma, un home, e agora xa non son nada.

 

POLA PAZ.

 

                                               Natalia GÓMEZ PEDREIRA

 

 

                            A PAZ

 

Dentro de algo menos dunha semana, concretamente o 30 de xaneiro, celébrase o Día da Paz en todo o mundo. Pero eu creo que o mundo aínda non coñece o concepto de paz:

         Paz quere dicir vivir nun mundo sen guerras, nin fame, nin enfermidades epidémicas e endémicas, máis propias da Idade Media que deste século XXI no que vivimos. Porque parece mentira que aínda hoxe existan millóns de persoas pasando fame e sufrindo enfermidades como a peste ou a lepra. Iso pasa porque aínda non somos o suficientemente solidarios co mundo e co pobo que nos rodea; porque xustamente esas persoas que teñen menos recursos sofren catástrofes naturais como furacáns ou tsunamis que deberían vivir os países desenvolvidos porque somos os que non coidamos o mundo que temos e como non espertemos pode ser demasiado tarde. Todo iso pásanos por non ser solidarios co mundo que temos, con el e os uns cos outros. Ata que non levemos á práctica a solidariedade non entenderemos o verdadeiro significado da paz.

                   Mª Jesús VÁZQUEZ BERMÚDEZ

 

 

 

                  UN MUNDO EN PAZ

 

Un mundo en paz sería algo magnífico, algo que todos desexamos ter para ser felices día tras día. Para que existise a paz habería que rematar coas guerras e chegar a resolver os conflitos dialogando. Habería que acabar cos atentados que arrebatan a vida de persoas inocentes; habería que pór fin á fame que lles tira a vida a moitos nenos e a maiores nos países en vías de desenvolvemento e aínda habería que acabar con moitas máis cousas, propias do mundo actual de violencias, inxustizas e guerras.

 

E eu penso que se cada un puxese algo de seu alcanzariamos esa paz e todos poderiamos gozala nun mundo xusto, nun mundo feliz.

           

                  Marta

 

               Vangardismo pacifista

 

Hoxe 30 de xaneiro,

Día Mundial da Paz

simbolizado por

unha pomba branca

que un día no ceo apareceu

e de amor e paz o mundo encheu;

para que todas as persoas

vivan felices e en harmonía,

cada un de nós deberiamos

poñer o noso gran de area,

mostrar á xente un sorriso e non ser un arisco

para non levarte mal coas persoas deste mundo

o máis importante é

estar en paz con nós mesmos

sen pelexas nin enfados,

porque así estaremos todos ledos!

e gozaremos máis da vida

e da nosa boa xente:

busquemos a paz no mundo

       

         Noelia, Rocío e Naty