Revista do IES ILLA DE ONS. BUEU. GALIZA . ANO 2008
Cada noite...ti Rebeca Agulla Peixoto 3ºA
Cada noite soño o mesmo. Soño que me queres e que ninguén nos pode separar. Pero soamente é un soño. Fúcheste da miña vida sen dicir nada, deixándome inmersa nesta amargura que me impide pensar con claridade. Por que te fuches? Por que non te quedaches comigo? Non o sei. Por máis que penso no que puiden facer mal non recordo facerche tanto dano para que me deixases.
No meu soño disme repetidamente que me queres. Oxalá non só fora un soño. Oxalá estiveses comigo para protexerme e quererme. Eu estraño os teus bicos, a túa mirada penetrante, o teu olor inesquecible... e choro. Choro porque tan só son recordos que algún día, por máis que o intente, non recordarei.
Onte estiven a punto de chamarte. Tiña ganas de escoitar a túa voz leve e agradable. Pero non me atrevín.
Eu sígote querendo coma o primeiro día ou mesmo máis. Todo me recorda a ti: o ceo, as estrelas, as cancións de amor... Non hai día no que deixe de pensarte. Agora mesmo teño a túa imaxe na miña mente.
Pero ti non pensas en mi. Non me estrañas, non me necesitas, non me queres. Lémbraste daqueles días nos que recordabas cada noite canto me amabas? É o meu recordo máis triste. Soamente é triste polo feito de ser un recordo de días pasados.
Gustaríame que esta noite, sobre as doce (como soías facer), me chamases para explicarme o moito que me queres. Eu aproveitarei o momento para demostrarche o meu amor. Un amor tan alegre e triste á vez, tan perdido e lembrado por min. Encantaríame que quixeses verme. Nese intre, cando esteamos mirándonos, direiche que te quero e non te deixarei marchar.
Sempre me dicías que os soños fanse realidade se loitas por eles. Sinto ter que dicirche que agora es ti quen se rendiu por culpa das opinións dos demais.
Porque eles non comprenden o nosa relación. Basta un aceno ou unha mirada entre nós para saber o que está a pensar o outro, e cando falamos de cousas serias sempre acabamos rindo porque non queremos sufrir máis. Queremos ver a vida como ninguén é capaz de vela. Queremos abrirnos completamente sen temer nada.
Esta vez fareiche caso e non temerei nada. Soamente quero mirarte e pasar un día inesquecible, como os días que disfrutamos nos meus soños. Cando só estamos ti e eu, sentados na praia e mirando as estrelas. Pero non falamos porque as palabras voan co vento.
A Illa de Ons: Josefa e Emilio. Emilio naceu o 24 de Xunio do 1950, Josefa, a súa muller, naceu o 8 de Outubro de 1954. Os seus pais, naceron tamén na Illa de Ons, nas festas patronais que facían na Illa. Ela vivía no Centulo e el no Cucorno. Namoránronse con 12 anos e aos 15 surxiu a relación. Josefa con 16 anos tivo a súa primeira filla na Illa. Foi atendida no parto por unha muller anciá que se dedicaba á profesión de comadroa. Un ano despois casou con Emilio en Ons. Ao seu banquete foron todos todos os habitantes da Illa. Pouco tempo despois naceu o seu segundo fillo, esta vez varón, tamén na Illa. Tres anos despois a terceira, e seis máis tarde a cuarta. Emprenderon a súa vida xuntos, posto que seus pais faleceron moi novos a causa de enfermidades.
Na Illa habitaba un mestre, pero ensinaba todo o que sabía moi poucas veces, xa que os nenos de alí dábanlle máis importancia ao traballo que aos estudos. Emilio traballaba na mesma dorna na que traballa actualmente, e con ela segue mantendo a familia. Ía un gandeiro de Pontevedra a suministrarlles os animais. Utilizaban o troco: Josefa, baixo ordes do pai, trocaba un ovo por tabaco ou aceite, a carne non a podían tocar porque era unha tradición de vellas. Mantíñanse de peixe fresco e de matanza do porco, que salgaban en salgadoiros xa que non había neveira para conservar os alimentos. O pan tiñan cada un a súa ración e se non había fariña para cocelo tiñan que comer pan duro. Almorzaban as cuncas de caldo con pan de millo; ao xantar ou ben touciño ou carne de porco e sardiñas salgadas. Ao acabar de xantar, os homes, ían defender a súa pesca e as mulleres ao monte co gando. Con tanto traballo os nenos de Josefa coidáballos a súa nai antes de falecer. Cando os seus fillos medraron, mercaron unha casa en Bueu. A maioría da xente marchou para Bueu porque o inverno na Illa foi -e é- moi duro, xa que os mariñeiros non podían manter as embarcacións no porto polo mal tempo. Para que a familia estivese unida tiveron que vir para Bueu. Unha das razón foi que alí os nenos non tiñan estudos e a súa avoa tróuxoos para aquí. Ao chegar o verán volvían para a Illa onda seus pais e pasaban alí as vacacións até o inicio da escola. No nadal ou por enfermidade Emilio e Josefa viñan a Bueu, onda seus fillos (aínda hoxe o fan así). Non podían -nin poden- abandonar a Illa porque é o seu medio de vida e así foi como levantaron a fillos e netos. Actualmente a súa vida é a mesma: din que o único que lles pesa son os anos. Seguen vivindo na Illa, na súa casa a carón do Faro, velando polo benestar dos seus fillos e netos. Din que o que pasaron antes cos fillos pásano agora cos netos, xa que teñen cinco de 19, 16, 14, 13 e 3 anos. Para min é un privilexio ter a Josefa e a Emilio de avós, xa que son a súa terceira neta e vin todo o que loitaron na vida, e seguen loitando nos mares, da nosa Illa , porque a Illa de Ons é nosa xa que ninguén a viviu e coñeceu coma nós, a nosa familia nunca abandonou a sú Illa e aínda na última hora da morte permanecerán nela.
A Illa de Ons: Emilio e Iván.
Emilio P.L. naceu na Illa de Ons o 22 de Decembro de 1973. Habitou na Illa até os doce anos e traballou de mariñeiro axudando ao seu pai. É irmán de tres irmás: Olga, Berta e Vanesa. Os seus pais, Emilio e Josefa, traballaron arreo para manteren os seus catro fillos.
Pasa o tempo e múdanse para Bueu, onde viven actualmente nun lugar chamado a Carrasqueira aínde que seguen mantendo a casa para veranear . Con dezaoito anos, Emilio casa e ten unha filla, máis tarde ten outra. A súa irmá máis vella tamén forma unha familia na que ten tres fillos: o maior, Iván, herda os dotes do seu tío, deixa de estudar e con dezaoito anos emprende a súa vida de mariñeiro na empresa familiar. Intenta aprender todo o que seu tío lle ensina, o seu maior obxectivo é chegar a ser algún día tan bo mariñeiro coma el. De vez en cando van xuntos o mar, e divírtense moito.
Nós quixemos entrevistar a tío e sobriño e saber que pensan eles do seu traballo e do seu estilo de vida. Emilio actualmente ten 33 anos e traballa como mariñeiro co seu cuñado. Ten tres lanchas, cada unha co seu respectivo nome: a pequena chámase Nuevo Maraxe, a mediana ten o alcume de súa nai, Masenlla, e a grande, Fervenza, na que traballa actualmente. Noutro tempo traballaba como percebeiro coa lancha pequena, pero cóntanos que indo só ao percebe non daba para pagar e decidiu traballar en conxunto co seu cuñado que se atopa nas mesmas condicións ca el. O seu traballo consiste en erguerse moi cedo, coller roupa de abrigo, un par de bocadillos e marchar para o mar ata a tardiña. Despois seleccionar o peixe e preparalo para vendelo na lonxa de Bueu.
Emilio dinos que lle custou moito sacar a súa familia adiante pero traballando moito logrouno, e agora pode vivir tranquilo sen ter medo a non chegar a fin de mes. Tamén di que a pesar de terse que erguer tan cedo gústalle respirar todos os días o aire do mar e ver que todo o que seu pai lle ensinou sobre a arte da pesca valeu de algo, así que el agora ensinalle aos seus sobriños e mesmo ás súas fillas , xa que di que saíron a el: fortes e espelidas, capaces de valerse por elas mesmas. Iván é un rapaz de 18 anos ao que lle queda moito por aprender. Cóntanos que el prefire traballar no mar que estar no colexio a aburrirse: “encherse de deberes e romper a cabeza”. Sacou a E.S.O. para poder tirar o carnet de coche e poder sacar a competencia de mariñeiro e ir ao mar. Pouco a pouco, por medio de cursiños, foi adquirindo títulos pero non tantos como o seu tío. Actualmente traballa na empresa de seu avó como percebeiro e o que gaña sóbralle para os seus gastos, xa que non ten fillos nin vive só. Comparte as ideas do seu tío . Enorgulléceo erguerse pola mañá e percibir o aroma a mar e ver as gaivotas saíren a carón súa. Iván quere que o día de mañá, cando teña fillos, sexan coma el e compartan a súa afección polo mar. Nós pensamos que é apaixonante a súa vida marítima e dariamos o que fora por velos traballar nas pedras do mar por iso aquí vos ofrecemos algunhas fotografías súas.
Cova dos Mouros Jesús Manuel Soage Vidal 4ª
Esta historia contouma miña avoa. Trata dunha cova situada na lIla de Ons chamada a Cova dos Mouros, que se atopa no interior dun bosque no alto sur da illa. Antigamente tiña unha entrada dun metro e medio de altura, na actualidade acceder ao interior da cova non é posible, debido ao afundimento da terra cara ao chan.
Hai moitos anos, cando os mouros habitaban na illa, construíron unha cova con pasadizos no seu interior que conducían a varios lugares. Un deles conducía por baixo do mar até terra firme.
A lenda conta que nunha cámara no fondo da cova hai un tesouro gardado polos mouros dende hai anos e que consta de moitas riquezas.
Meu bisavó Xesús, xunto co seu irmán, sendo pequeno, camiñando polo monte, un día meteuse na cova cunha lanterna, para explorala e saber un pouco máis do que alí se atopa. A medida que ían camiñando albiscaban a dereita e esquerda pasadizos ou camiños que conducían a outros puntos da Illa, cara ao Castelo das Rodas, outro cara á praia de Melide, tamén cara á praia de Fedorentos e até Cabo Udra.
Descendendo polo camiño que comezaba na entrada chegou a un punto no que se decatou de que podía estar baixo a súa casa, porque escoltaba o ruído da auga dunha fonte que había a carón dela. Decidiron seguir camiñando, pero ao pouco a luz que até agora mantiñan acesa apagárase, e estaban nun grave problema, porque de non toparen a saída poderían quedar atrapados alí para sempre. Unha vez que se tranquilizaron, comezaron a camiñar cara a arriba enliña recta. Estiveron a punto de desistir, pero de repente o irmán do meu bisavó tropezou no chan e sen querer atopou unha saída que non coñecían.
Cando saíron e o contaron, a súa historia quedou rexistrada na súa cabeza, pero tamén para min é unha historia que meu bisavó viviu de pequeno. Algo que me encantou cando miña avoa ma contou. Cada vez que me contan estas historias sorpréndome aínda máis, porque son historias que nin o creador de ficción máis creativo podería imaxinar, e aínda menos facelas realidade como fixo o meu bisavó.
YOEL PARADA SANTOS 3º B
Cando marchamos ao Auditorio de Galiza en Santiago de Compostela, no que asistimos a unha actuación de Mercedes Peón, moitos coma min tiñamos na cabeza simplemente saír da rutina de clase, pero eu levei unha grata sorpresa, posto que é unha muller digna de seguir. Ten unha voz incríbel, e un carácter moi grato. As súas cancións envían mensaxes directas.
O que máis me gustou foi cando ao final, para rematar cunha actuación espectacular, atreveuse a cantar a capella (sen micrófono), e foi abraiante, porque se escoitou até na última fila. Tamén me sorprendeu moito que fixera ela mesma os compases, e que buscara tons diferentes con cousas de uso ”cotiá” (como a lata de pementos). Iso si: disgustoume que case non tocara o famoso sacho. En definitiva: foi unha excursión moi boa e non me importaría repetila, e sobre todo, Mercedes Peon é unha artista de pés a cabeza.
YOEL PARADA SANTOS 3º B Nº 10
BAIle de SAlóN Jessica Barreiro Barreiro 4ºB
ende moi pequena gústabame moito o baile.
Hai moitos tipos de bailes, cada un cos seus pasos, ritmos, movementos… Ao escoitar a música é algo superior a min: empézame unha perna a tremer e a coller o ritmo da canción e xa se me empeza o corpo enteiro a mover. Até que apaguen a música non paro de bailar. Sempre que había un concurso de baile, apuntábame para facelo o mellor posible e divertirme. Nos bailes de fin de curso sempre facía entre un e tres bailes, logo ía bailar diante da xente. Ao acabar todo o mundo aplaudía sen parar: era tan emocionante que por veces entrábanme ganas de chorar. Miña nai ao sentirse tan contenta por verme feliz facendo o que me gustaba, díxome se quería ir a bailes de salón. Eu díxenlle que si, porque me sentía libre bailando. Ao apuntarme e levar só unha semana bailando, a profesora mandoume a concursar, pero tiña moito medo porque apenas sabía os pasos. Durante esa semana todos me estiveron animando e grazas a iso, ao chegar o gran día bailei con moita forza e quedei primeira. Sentinme moi feliz. Estiven dous ou tres anos na academia, dándoo todo, xa que o único que me gusta é bailar e que á xente lle guste. Un día estando na neve manquei un xeonllo, e converteuse nunha traxedia:tiven que deixar o baile de salón polas molestias que me causaba. Aínda así, cando teño un tempo libre bailo con moitas ganas e recordo aqueles tempos tan bonitos. Seguirei bailando até que os médicos non me deixen, pero non van poder dicirme nada porque iso lévase no sangue. O significado que ten para min é algo que non se pode expresar con palabras:os movementos, a forma de ser,as sensacións e os sentimentos.
O baile é a miña felicidade.
La Rochelle Araceli Durán Barreiro 3ºC
No verán, grazas a unha bolsa de estudos que me deu a Xunta (de inmersión lingüística), viaxei a un lugar de Francia chamado La Rochelle, onde pasei vinte un días fantásticos. Partimos de santiago o 3 de agosto en autobús, no cal tardamos unhas dez horas en chegar á fronteira francesa, onde collimos un tren. O primeiro día sentíame soa, porque non coñecía a ninguen, pois ían rapaces de todas as partes de Galicia. Ao chegar ao internado -no cal nos instalamos rapidamente- repartíronnos en grupos de tres persoas por cuarto. A miña habitación era duplex, tiñamos que compartir o baño e unha terraza preciosa con vistas ao mar. As miñas compañeiras de habitación, coas cales intimei moi pronto, unha era dunha vila da Coruña chamada As Pontes, e a outra do centro de Vigo. Todas as mañás, do luns ao venres, asistiamos a clase de francés, repartidos en tres grupos, despois de almorzar no mesmo edificio. Estas clase semellaban máis ás dos nenos en parvuliños cás do instituto, porque só eran dúas horas, cun recreo de media hora e para aprender, moitas veces facíamolo de forma divertida. Polas tardes os nosos animadores e profesores(que eran xóvenes, tiñan sobre vinte ou trinta anos), levábannos á praia, faciamos turismo pola cidade, deixábannos tempo libre para mercar, e ata un día fixemos un “tour de fotos”. E á parte de todo iso e moito máis, tiñamos actividades moi entretidas: vela, canoa e equitación. A finais da semana, o venres pola noite, celebrabamos un baile na sala do internado, até a unha da mañá. Pola semana, das nove ás once da noite, faciamos xogos en francés na sala, ou no extenso xardín do que gozabamos, no cal había bancos, unha mesa de ping-pong e un campo de voleibol. Tamén houbo un día no que nos levaron de excursión a un parque medieval, non moi lonxe de alí. Era inmenso, tiña numerosas edificacións feitas para representacións de obras de teatro: castelos, anfiteatros, teatros... Nestes lugares podías asistir, por exemplo, a unha loita de gladiadores, a un asalto ao castelo, a unha invasión vikinga.... Para percorrer todo este inmeso parque, tivemos medio día, no cal puidemos camiñar ó noso ritmo. En realidade, aventuras semellantes a estas vivímolas moi a miúdo, como por exemplo, cando nos levaron ao parque de tirolinas, á piscina(semellante a un pequeno parque acuático)..... Aínda que esta experiencia a nós pasóusenos nun abrir e pechar de ollos, en realidade durou tres semanas, que mereceron a pena.
Tokio Hotel Araceli Durán Barreiro 3º C É unha banda de Rock alemá, que está formada por catro membros: Bill (o vocalista), Tom (o guitarra), Georg (o baixo) e Gustav (o batería).
Os seus compoñentes son xóvenes (roldan os dezaoito anos) e comezaron tocando en locais pequenos, como outra banda calquera.
Bill e Tom son xemelgos e dende pequenos comezaron a compoñer e a tocar xuntos, ata que coñeceron a Georg e a Gustav.
Despois deste acontecemento formaron unha banda, Debilish, a cal ía actuando en locais “de pouca monta”. Algún tempo despois, trocaron o nome do grupo e comezaron a tocar máis en serio, e así foi como se deron a coñecer.
Aos pais e á xente maior non lles soe gustar moito este cuarteto de alemáns, á parte de pola súa música tan potente, pola súa aparencia:
Os seus tres primeiros discos foron en alemán, pero este último que acaban de sacar, “Scream”, é en inglés, (o resultado da fiel traducción, do que eles compuñeron en alemán). Este feito, precisou dun gran esforzo de Bill, para intentar cantar cun acento verdadeiramente inglés. (Que ao final conseguiu!) Por todo iso e polo seu grande encanto, as letras das súas cancións chégannos tan a dentro e apreciámolos tantísimo. (Ou polo menos eu)
Páxinas web: http://www.tokiotelspain.com http://tokiotel.ya.st http://tokiohotel.es http://www.tokiohotelcat.com http://www.officialgroupiesthspain.blogspot.com
Po As miñas verdadeiras paixóns. Victoria González Soliño 3ºB
As miñas verdadeiras paixóns son tocar o órgano e cantar nun coro que está aquí mesmo, en Bueu. Eu coñecía a unha rapaza chamada Sara Comedeiro, que agora mesmo está en cuarto da ESO e sabía que ela ía a ensaiar co coro e pregunteille que había que facer para poder ir ao coro con ela e así aprender a traballar—a voz. Vai facer case dous anos que entrei no coro. Gustoume cantar desde o primeiro día que puiden aprender. O primeiro día que fun ensaiar tiven que escoitar como cantaban as demais, pero antes diso fixéronme unha proba para saber se tiña a voz de soprano -que é a voz máis aguda- ou de contralto, que é a voz máis grave. Resultou que era soprano. A proba consistía en que a directora, Rosa, facía uns sons co teclado e eu ía cantando o que me dicía que cantase co ton da nota que ela pulsaba.
Antes de empezar a cantar a partitura a directora fainos un quecemento, que consiste en tocar unha nota e unhas palabras co ton da nota. Grazas a isto estou coñecendo novos lugares porque viaxamos fóra de Bueu, como por exemplo a Monforte de Lemos ou a outros lugares. O órgano foi outra cousa. Enteireime de que a directora cursara nun conservatorio os ciclos de piano e soprano lírica. Ela, como nos coñecía, quíxonos enganchar a min e a outra rapaza amiga miña para aprender a tocar. Entón penseino e decidín aprender novas cousas. Empecei en setembro e estou moi contenta de ter aceptado porque o paso moi ben. Xa aprendín dúas cancións e agora vou empezar a tocar outra. O órgano tíveno que comprar para poder ensaiar na casa, e teño que levalo os venres. Saímos ás oito e media e entramos ás seis e media. Logo aireamos un pouco e enlazamos co coro, que agora é as oito e media porque non é verán. No verán mos de nove a dez.
Unha troita de pé Autor do texto e deseños: Josuha Acuña Martínez. 3ºA
RINCHARDO: Estamos aquí no lugar dos feitos, o río Bispo, intentando entrevistar á troita pero o único que conseguimos foi mollar os pés. Por outro lado, o que si conseguimos foron declaracións dos veraneantes, que din moi consternados que non sabían eles que era época de veda e que foi un acto de necesidade, inducidos pola fame que, á vista de tan exquisito manxar, empurrounos a botarse enriba dela de forma impulsiva, é dicir, movidos por un impulso. Tanto foi o impulso, que se botaron os dous á vez, ouséxase xuntos, provocando o escorregamento da troita das súas mans coa consecuente escapatoria do probe animaliño, que ante semellante susto, correu a fume de carozo a denunciar os feitos.
A sentencia foi: 1º: Condenados a comer 500 quilos de carne a finais de fin de mes, e xa veredes vos como a próxima denuncia é dunha vaca ou dun porco. 2º: Orde de afastamento de calquera individuo acuático, incluidas lanchas, dornas e gamelas, sen contar os ferrys, e sen poder poñer un pé na mar salgada, na auga dóce e na limonada. 3º: Quédanlles total e absolutamente prohibido comer peixe de calquera clase, raza ou credo. Así mesmo non poderan cocer fritir, asar ou salgar ningunha clase de mamífero mariño, marisco, bivalvo, cefalópodos sen encluir as aguaneiras, e xa verás ti como as próximas en poñer unha denuncia son as aguaneiras. Dende o río Bispo para Galicia, Rinchardo Salmonete, o mellor correspondente, da paso ós estudios centrais da TVG.
A neve en León. Marzo 2008.
Rafting. Abril 2008. Río Miño
Diarios de Adriana e Jacky.
Colectivo Doussabores: Mónica Rguez. Juncal. Mª Elisa Dios Ríos 4ºB
CAPÍTULO I Diario de Jacky. 09/04/08
Despois de tantos días de sol chegou a chuva, unha chuva que reflicte como se atopa o meu corazón neste momento, baleiro, confundido, sen saber a onde ir, buscando a verdadeira esencia dos seus sentimentos. Fun ao instituto como sempre, aínda que hoxe cheguei un pouco tarde. Había unha ringleira de coches no cruce preto da miña casa. Non facía máis que mirar desesperada o reloxo. Sentía que non ía chegar a tempo.
“…e como sempre ao noso carón ``as cloacas´´ grupo composto pola Icía e a pendanga de Ana Belén, inseparable do seu móbil!”
Cheguei cinco minutos antes de que soara a campá. Como todas as mañás estiven de parrafada coa miña mellor amiga, Adriana, e como sempre ao noso carón ``as cloacas´´ grupo composto pola Icía e a pendanga de Ana Belén, inseparable do seu móbil! E como non, Raquel. Soou a campá. De súpeto sentín como alguén me chamaba. Vireime. Era Maika, xa estaba agarrada ao meu brazo e abrigándome co paraugas a min e a Adriana: -Temos que ir un día ao cine, cando quedamos? Sen darnos tempo a contestar comentou: Podemos quedar o sábado. -Xa veremos. Contestei. Adriana non dicía nada hoxe. Estaba calada, como se lle sucedera algo. Ao chegar á aula, como sempre, había moito barullo, xices polo chan, bólas de papel e algún que outro pintando o pallaso. Entrou a mestra de Inglés e como de costume en case todas as materias perdemos clase polos comentarios inapropiados dos de sempre aos que hoxe se uniran Eva e Jenny. As tres primeiras horas pasáronme voando, nun abrir e cerrar de ollos estabamos no recreo. Por certo, Diego avisou de que mañá non viña, que ten que ir ao médico. Seguro que mañá falta moita xente. Coa escusa da excursión sempre hai algún ou algunha que aínda que non participe na actividade non vén a clase. Hoxe non veu Xulia así que Rosa “estivo con nós no recreo” (Póñoo entre aspas porque iso é o que se supón pero a verdade é que cando eu estaba con ela escoitando música no seu MP4, Xulia chegou e veuna buscar para contarlle non sei o que. Naquel tempo deixoume o MP4 a min e moveuse algunhas escaleiras para abaixo). Pouca era a distancia entre elas dúas e eu, pero daba igual Rosa deixárame soa. Dicía que era por un momento pero eu sabía que non, daquela fun buscar a Adriana que estaba na aula. Eu non fora quedara porque non me apetecía estar alí hoxe.
“Sei que o mellor é que o esqueza, e a verdade é que xa non me gusta como antes…”
Cando estabamos na aula petaron na porta: eran Marcos e Sofía viñan a coller non sei o que para Plástica. El xa non me fala como antes e Lola, a moza que lle gusta mírame dun xeito estraño e, segundo me teñen contado, ela díxolle que non estaba pasando unha boa racha. Pero aí hai algo. O que me parece unha estupidez é que me eliminara da súa lista de contactos de Messenger, e pensa que eu non o sei. Volvemos a non dirixirnos case a palabra, xusto cando comezabamos a levarnos ben. Sei que o mellor é que o esqueza, e a verdade é que xa non me gusta como antes pero non podo sacar da cabeza a súa falta de madurez por non dicirme as cousas á cara e a sua falsidade. Porque os amigos non fallan a alguén desta maneira. Os amigos son para estar aí cando o necesitas, nos momentos máis duros e nos momentos de ledicia. Ou será que el nunca me considerou unha amiga? Entón porque me contou que a que lle gustaba era Lola?.
CAPÍTULO II Diario de Jacky 10/04/08
Onte pola tarde fun comprar globos, hoxe pola tarde é o aniversario de Maika, non debería axudala a facer a festa despois do problema que tivemos no baile. Tomounas comigo! Que mal o pasei ese día! Estiven chorando toda a tarde e parte da noite co disgusto. Pero hoxe é hoxe e como eu digo hai que vivir o presente e non pensar moitas veces no pasado nin facer plans de futuro. Porque a vida dá moitas voltas e ninguén sabe como será o seu destino. Hoxe tamén está o día nubrado, tivemos unha noite de augas pero pola mañá escampou aínda que o ceo atópase cuberto de nubes. Como me imaxinaba, na clase falta xente á parte dos que foron á saída, e coa excepción de Diego que ía ao médico. A segunda hora tivemos garda e eu e Adriana fomos para a biblioteca a facer un traballo de Educación física.
Diario de Adriana:
Que mala é a envexa, hai que ver! Rosa, a que vai de super amiguísima de todos e todas preguntóulle a Jacky que se podía ler a novela, e como é lóxico, ela contestou non, que por agora non, e Marcos dixo en tón burlón ``non,agora non´´. Envexa! Envexa! Envexa! a Jacky dóelle oír esas palabras da súa boca. É lóxico; está namorada. Así é o amor: un camiño de idas, voltas, e reviravoltas no que se perde a noción da realidade e estás coma nunha nube de algodón. Aínda que ela asegura que o que sente por Marcos non se chama amor, que ese sentimento é unha paixón desbocada que lle surxe das entrañas.
“…a Jacky dóelle oír esas palabras da súa boca. É lóxico; está namorada.”
Xa está a Jacky falando con Hugo. É que non paran nin un momento! Ademais o asunto ten o seu miolo: discuten por que película van ver na clase. Como xa vos dixen, moi interesante o tema. A min persoalmente o rapaz que me gusta para Jacky é Marcos, pero iso é... cousas á parte. Con quen tamén fai moi boa parella é con Diego, co que xa estivo saíndo, pero aquilo foi algo estraño, unha misteriosa relación que rematou cunha amizade, por culpa de Ana Belén ``a levantamozos´´. Aínda que iso non afectou á súa relación de amigos, e Luís aínda por riba pensa que seguen xuntos. Como di el mesmo:``iso acaba en voda´´ Xa tocou o timbre, e Germán, o primeiro en entrar, vai de lado a lado. O que toma fai milagres! E os da ``cuchipandi´´: Rogelio, Ángel e Germán, ímolos mandar os tres a Eurovisión! Temos a Josefa, a profesora que máis mola, e é a confidente de todos os rapaces, aínda que dá unha das materias máis aburridas. |
Umbrela 10. Revista do IES Illa de Ons. Bueu. Galiza. Maio de 2008.
Comentarios e parabéns do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística en maio do ano 2008:
Os enderezos de referencia xa foron anunciados na entrada do Instituto, mais indicámolos aquí de novo: Biblioteca: http://bibliotecailladeons.blogspot.com/
Equipo de Normalización de D. Lingüística: http://endl-illadeons.blogspot.com/
Umbrela: http://revistailladeons.blogspot.com/
O Club dos Poetas Vivos son un colectivo que escriben sobre o amor e o desamor, sobre os ciumes, a ausencia da persoa que se quere,…aínda que tamén encontramos composicións que se afastan desta temática, como a elexía de Yoel á morte da súa bisavoa ou un aínda inédito sobre a Illa de Ons de Estrella e Tamara. Cada un dos poetas canta cunha voz diferente, e pódese percibir isto tanto no contido, como na emoción e na forma do poema. Isto non impide que algunhas composicións sexan colectivas, como o poema “Ti,…” de Agustín, Tamara e Yoel.
Encontramos os Diarios de Adriana e Jacky nunha Googlepage á que se pode chegar seguindo unha ligazón que se encontra no blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística ou no da Biblioteca. J. Martín Gil Mtnez., alumno de 4ºA, creou para elas unha páxina web que non depende do IES Illa de Ons. Podedes visitar esta páxina en www.doussabores.zxq.net
A grande riqueza lingüística, tanto pola expresividade como polo vocabulario mariñeiro, son un valor fundamental nesta obra. Encontramos Memoria de Adán nunha Googlepage á que se pode chegar seguindo unha ligazón que se encontra no blog do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística ou no da Biblioteca.
Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Illa de Ons. ARREPENTIRASTE Rebeca Agulla Peixoto 3ºA Vaite. Vaite da miña vida e non volvas se é o que queres. Non volvas pedíndome perdón por facerme tanto dano. Soamente quedará o teu recordo no máis profundo do meu corazón. Ti collerás un autobús e iraste. Iraste sen pensar no moito que necesito e sen saber que en realidade non quero que marches. Se marchas, para que regresaches? Para desilusionarme e deixarme sen os teus bicos, sen as túas palabras, sen alma... Eu buscareite, pero soamente atoparei un recordo. Non te despidas de min, será peor. Eu marcharei lonxe, a Canadá, como xa tiña pensado. Pensaramos en ir os dous, pero a ti átate a túa xente. No amor hai que deixarse levar e descubrir até onde podes chegar se non te dedicas a pór límites na túa vida. Finalmente recibirás esta carta. O seu fin non é que recapacites senón que a próxima vez que te namores non cometas o mesmo erro. Non serei eu a afortunada pero tampouco serás ti a persoa que esta comigo toda a vida descubrindo o que ti non te atreviches a experimentar. Os dous sabemos que me queres e que te arrepentirás cando, ás agachadas desde o aeroporto, vexas como eu marcho da túa vida.
“O amor tan bonito pero á vez tan complicado” Rebeca Agulla Peixoto 3ºA
Sempre pensei que o amor era cousa de persoas adultas e responsables... ata que me namorei.
A verdade é que ao principio non foi moi agradable este sentimento, pois a persoa da que me namorei era o mozo da miña mellor amiga. Ao principio decidín non dicir nada. El vivía lonxe, en Madrid. Eu en Galicia. Cando decidiu voltar á súa terra materna durante uns días atopouse con que eu non lle falaba moito e non me gustaba velo da man da súa moza. El sabía que me pasaba algo e preguntoumo. Negueime a responder. Non era o lugar nin o momento axeitado.
Esa mesma noite declareime.
Non o tomou a ben. Durante uns días non quixo falar comigo. Ata que unha tarde recibín unha mensaxe del na que dicía: eu sinto o mesmo por ti. Nese intre sorprendinme moito e decidín, tras meditalo, contarlle todo á miña amiga. Como é de supoñer non o tomou a ben e cortaron. Aínda así entre as dúas acordamos darlle un tempo para que aclarase os seus sentimentos.
Eu sentíame fatal. Estaba convencida de que a miña amizade con ela xa non ía ser como antes. Dúas semanas despois el xa tiña a súa decisión tomada: quería estar comigo. Pero eu non estaba moi segura.
Saímos xuntos durante un mes e una semana. Non foi nada especial. Comezamos a distanciarnos cada vez máis. Xa non confiabamos tanto o un no outro, nin nos chamabamos polas noites como cando el e eu eramos un.
Despois de cortar todo volveu ser como antes: máxico, incrible... botaba en falta esas tardes falando con el nas que nos contabamos todo e respirábase un aire agradable no ambiente.
Actualmente eu non lle oculto o meu amor, e el parece sentir algo por min. Esta vez non estropearei a miña amizade con el sen motivos.
Cada noite soño con el. Soño que nunca nos distanciamos e que cando volva á súa Galicia rexurdirá un amor esquecido.
IR DE PESCA Adán Lorenzo Domínguez Falcón. 4ºB
A min dende pequeno gústame o mar, e gústame pescar. Cando teño tempo libre vou pescar co meu tío, ás rinchas e ás fanecas. O mar onde vou pescar é o Cabo Udra ou se non á illa de Ons, pero agora non se pode pescar na Illa de Ons porque é o Parque nacional Illas Atlánticas de Galicia. Tamén acompaño o meu pai ao mar , levántome ás 3:30 da madrugada, porque meu pai anda á pesca do polbo e hai que ir cedo para arriar as nasas[1] coas que se apaña o polbo. Despois de arriar as nasas imos fondear para durmir. O tempo de durmir é de dúas horas, e despois imos levantar as nasas e darlle o lance[2] a todas as caseas[3]. Ao terminar comemos un bocadillo e xa marchamos a levantar.
O lanse da tarde é distinto porque hai que iscar[4]dentro da bolsa[5] e despois atámola a un cordel que esta na sareta[6]. A recollida das nasas faise cun aparello chamado halador e pode durar dúas ou tres horas. Ao rematar marchamos para terra, para descargar o polbo, pesalo e clasificalo en tres tandas[7] para vender na lonxa. Ao terminar de vender atamos o barco e marchamos para casa, ceamos e deitámonos a descansar para madrugar ao día seguinte.
[1] NASAS- Gaiola de aceiro inoxidable de forma redonda cuha entrada de plástico e una saída de rede. [2] LANSE- É a operación que lle facemos ás nasas, consiste en levantar e arriar outra vez. [3] CASEA-Agrupación de nasas que pode ser de 100 ou de 200 nasas que estan suxeitas por un cabo e nos estremos unha boia. [4] ISCAR-Consiste en engadir comida que pode ser sardiña ou xurelo esmagado. [5] BOLSA-Recipiente de plástico de forma cuadriculada que está feita de fío. [6] SARETA-Saída da nasa que esta feita por rede e por onde sacamos o polbo. [7] TANDAS-Clasificar o polbo en grande, mediano e pequeno.
Poemas de amor surrealistas. Ana Teresa Barros 4ºA
Poema 1
Corazóns rotos peóns rodando polo aire, os mortos cheos de vida: os cadros da terra.
O neno falando en inglés italiano perfecto o anel de ouro de Marte caendo polo elevador as mozas namoradas do colexio aberto as portas pechadas o pixama posto estábase creando unha pomba SOÑADORA.
Poema 2
Choveu carne. O neno chorou sangue azul mirando o gato.
A tele caeu. Soou o teléfono. Tapouse a manta coa cara cadrada de chocolate.
A serea foise e o frío saíu polo líquido de cor dunha NAMORADA.
Poema 3
Sufrir por amor chorar por rir beber por fame comer por sede.
O traballo do gato canso.
A nena agardando que o can chute a pelota e a televisión rompendo o silencio ruidoso do chan ADOLESCENTE.
Na memoria do meu avó mariñeiroÁngel Manuel Torres Ferradás 3º A Un mediodía de verán a miña avoa rememorou un percance que lle ocorrera ao meu avó, coñecido por todos como “O Naranjero”, un Agosto de mediados de século. Cheguei á praia de Tulla ás catro da tarde. Abrochei o chaleco e botei a embarcación ao mar, aínda sabendo que non estaba ese día nas mellores condicións. Alí estaba eu, outra vez, chimpando sobre as ondas dun mar cada vez máis picado. Tiña pensado dobrar a punta da Juda, pero vendo como as ondas batían contra ela cambiei de parecer. Cruzei a praia de punta a punta e en menos de dez minutos xa estaba remando entre os barcos fondeados fronte a praia de Mourisca. Baixei a terra e comín o bocadillo que levaba para a merenda. Despois de ver como o ceo se cubría cun manto de nubes subín a un petón e probei sorte coa cana. Levantei un serrán. Decidín voltar para casa ao pouco tempo, pois intuín que se estaba levantando un temporal. Non sen esforzo cheguei a Tulla tras vinte minutos de loita co mar. Tan mala cara poñía a tarde que ata as gaivotas e os corvos marños se resgardaban baixo os saíntes das rochas. Durante esa viaxe que fixen, quizais de maneira irresponsable, comprendín o perigos que pode chegar a ser o mar. Puxenme na pel do meu avó vogando entre as ondas, incansables e bravas, e o mar pareceume un gran animal, imprevisible e perigoso.
Admirei a afouteza do meu avó e de tantos outros, que saían pescar día sí e día tamén, quizais para non volver nunca. E nesa mesma noitiña, cavilando na experiencia que vivira, foi cando comprendín completamente o sentido duro e implacable dunha frase que moitas veces repetían as xentes do mar: “o mar danos o pan pero tamén o cadaleito”.
Poesía surrealista. J José Martín Gil Martínez 4ºA
P Poema 1.
A
estrela baixaba a alegría Cun rapaz que tiña un paxaro Nunha esperanza coa formiga Que saltaba baixo o chan, movendo un cempés.
A escaleira seguía baixando E agarrando á montaña subían os montañeiros Co lapis que estaban escribindo no papel.
A serpe que baixaba polo ceo Describía ondas elípticas cun cadrado no interior, Colleu a camiseta e cantou Ata afogar cheo da luz Coa que ese día chegara o seu gato.
Cando xa colleu o estoxo, Sacou un moble cunha casa que a rapaza Chegou para borrar.
Despois de ter a tristeza Retida nas súas mans, saíu E a televisión cambiou soa de canal Cando a estaba vendo unha cadeira que non miraba
Sempre que a flor facía iso non chegaba nunca o coche Que sempre dá voltas ó redor da parede.
O cemento non estaba do home Que tiña o bolso, que cantaba sen pausa, Pero non o fixo: o son do ruido Que zoa todos os séculos.
Mellor que o bolígrafo Ten o que o sillón atrapou
Sen ver a mesa colleu unha presa moi grande, E a herba mirou para a árbore.
Poema 2.
No bosque ocorrera algo: o rapaz saltaba na mesa Co ceo no chan sempre mirando Para o lapis que estaba cos pés Cantando baixo unha táboa vermella.
O verme estaba na praia cando A chuvia chamou a un ollo Para dicirlle que fixera chover E as nubes co neno nelas saltando Co plástico que o profesor Lle dicÍa a seu alumno.
Aquel parque fixo unha conferencia Para que o raposo aceptara a proposta Do bebé, a súa nai Foi unha muller.
A vida fixose nunha cor Que tiña varias cores nela, Cunha voz de axuda Que tiña como a luz do sol Nunha noite que era de día. Con iso todo se volveu Como a cortina nun barco da ventá Facía unha conversa con ela mesma.
Guía turística de Castiñáns-Torrón e Pozo de Coiro. Agustín Gallego 3ºB Jonatan Lobeira 3ºB
Nestes lugares tan queridos por nós da parroquia de Cela atópanse recordos nosos e dos veciños, logros e derrotas, risos e choros, das nosas vidas.
Vías de comunicación.
Estrada do Carballal: esta vía comunica a estrada xeral coa Barraca e os arredores. Nela atópanse a Fonte da Gandra e os Soutiños.
Estrada do Carballal.
O Camiño Oscuro: este camiño, de nome tan medoñento, en realidade só é oscuro nuns corenta metros e unicamente durante a noite. Rodeado de veigas e viñas, atópase xunta a casa de Anita (ver “puntos de referencia”), baixa até o Pozo de Coiro e dá ao camiño que se dirixe a Bueu.
O Camiño Oscuro.
Camiño do Pozo de Coiro: este camiño comeza a cincuenta metros da casa de Agustín e chega até Bueu. A el chegan segundos camiños como o Oscuro e o dos Seforos.
Está circundado a esquerda e dereita por campos e viñas e leva o nome polo pozo que hai nel.
Camiño do Pozo de Coiro.
O Camiño dos Seforos: Este camiño únese tanto co Oscuro como co do Pozo de Coiro formando unha especie de rectángulo e comunica os campos dos arredores.
Camiño dos Seforos.
Camiño dos Seforos. Puntos de referencia (.)
Casa de Anita: Chámase así porque nela habitan Manolo e Anita, unha parella de anciáns queridos por todos. Esta casa atópase ao principio do Camiño Oscuro.
Casa de Anita é un punto de referencia porque cando unha persoa quere chamar un taxi, tómase de referencia esa casa e os taxistas xa saben onde ir e tamén teñen unha pequena área a carón dela onde aparcar.
Casa Anita.
Supil: A tenda chámase Supil, pero é mais coñecida como a tenda de Suso.
A tenda é coma un pequeno supermercado, onde a xente pode atopar dende unha barra de pan até alpiste para os paxaros.
A de Suso é un punto de referencia para todos porque ese lugar sempre estivo dedicado ao comercio, e así o saben todas as xeracións de veciños. A tenda de Suso. Supil.
O Torrón: o Torrón é unha especie de praza onde se xuntan catro rúas. O torrón é paralelo a unha rúa onde está a tenda de Suso mencionada anteriormente.
No Torrón podemos atopar A Bodega, Taberna rural actualmente pechada, aínda que recentemente abriuse un bar na zona: Na Póla. Alí van os vellos a xogar a partida e os máis novos ao futbolín.
A Bodega de Torrón.
A Póla (bar) Vista xeral de Torrón. Arquitectura antiga.
A fonte das Tías: É a única fonte de auga natural que é de uso propio. Está dentro da propiedade de Agustín (Tinso). Como a familia de Agustín, se leva moi ben con todos os veciños, se queren auga cóllena alí. Pero chegado o verán sempre seca e até chegaren as primeiras chuvias non bota auga. Cando alguén pasa por alí camiñando pola Ruta do Colesterol, que é un paseo frecuente, acércanse até a fonte para beber auga fresca e boa. Esta fonte tamén abastece de auga os campos dos Soutiños e os pozos veciños. A fonte das Tías. A fonte da Gandra:Esta pequena fonte
atópase no Carballal e emprégase para o regadío, aínda que tamén a xente se
acerca para coller auga para o consumo. A fonte da Gandra.
A fonte de Resille: Esta fonte atópase nun camiño próximo ao Carballal, de uso público. Ten este nome porque enriba dela atópanse a casa da familia Resille, que é quen a coida, e a verdade é que a teñen moi ben.
A Fonte de Resille Hórreos de pedra: Nesta zona hai só dous hórreos de pedra, construídos hai douscentos anos aproximadamente. Un deles está na casa de Agustín e o outro está na capela do Pazo de Sta. María do Torrón. Son moi bonitos e chaman a atención da xente. Os dous están en uso actualmente.
Hórreo de Agustín. Capela de Pazo de Sta. Mª de Torrón:Esta capela emprégase aínda en misas ocasionais. A casa anexa serve de vivenda para unha familia. A capela conta cun gran terreo que vai dende o comezo do Camiño do Seforos, até case o final. Capela do Pazo de Sta. Mª de Torrón. Pazo de Sta. Mª do Torrón.
Escudo do Pazo de Sta. Mª do Torrón.
Lugares de lecer. As Castiñáns: É unha pequena porción de estrada duns dous metros e medio de ancho e uns trinta metro de longo. Alí os rapaces teñen un lugar de xogo, xa que unha viña fai de portaría aínda que está torta. ¡As Castiñáns. No centro a viña que fai de portaría de fútbol.
O Pozo de Coiro: Este pozo está situado ao final do camiño oscuro e dá o nome ao camiño no que está. Alí uns abidueiros fan sombra no verán e esa sombra alberga as lerias dos máis vellos.
O Pozo de Coiro.
Outros lugares de interese. Soutiños: É un conxunto de campos e viñas traballo dos, maiormente, polos seus donos, que son ben poucos e máis ben vellos e mulleres. Consta dun sistema de regos e mangueiras para o regadío. Soutiños. Vista xeral.
Poema surrealista 1 Sara Comedeiro Ferradás 4ºA nº6 Nota de Umbrela: os poemas surrealistas publicados creáronse a partir da escrita automática, unha técnica de principios do século XX que seguindo a Psicanálise de Freud pretende liberar o inconsciente e crear unhas imaxes literarias impactantes. O sentido do poema non é racional, posto que se encontra na liberación da parte irracional da mente.
Atravesando o río da paixón, xogando coas cores das augas, pero semellante flor non podía crer o que fixera o seu compañeiro de cela xogando ó xadrez no que aquel estoxo rematara.
Ainda que aqueles rapaces miraban pintar as árbores de vermello.
Nada semellante ao osiño de trapo que afundira, nun corazón.
Incrible exactitude imediata de espiñas, aquela lúa sufrindo na sua órbita.
Sen darse conta, aquela cascuda mordéralle unha perna mais, foi tan afable que desexou entrar no cadro pintado por aquel rapaz; empezou a voar SEN ton nin SON atravesando OS ESCUROS lagos do inferno. Poema surrealista 2 Sara Comedeiro Ferradás 4ºA nº6
Corazón latente, caído por un precipicio ao cal non sabía como contestarlle.
Aquela rosa que sen ter razón ningunha comezou a correr ata que o maldito do coche, atropelou o pobre planeta.
Lástima de torta que quedou esmagada por culpa daquel paxariño que non lle deu de comer aos seus fillos atrapados, sen poder saír, berrando.
A flor xacente ao pobre do río, amargo que arrastraba o seu vestido de loito nunha oscuridade eterna. camiñando, camiñando conseguiu unha cascuda, entrar na terra e rachar a órbita da lúa, tan indefensa, indecisa que voltou para a súa casa e deu un baño con escuma ata o fin dos días.
Debuxo: Sara Comedeiro Ferradás 4ºA
Andrea Bacelar Entenza 4ºB GaiVoTa vOadOra qUe pAsEa poLa pRaia CanDo O CaN comía
lebRe e o xaRdín o afogABA nos seus ocos de amarga TRiSTEZA NunCa cHoVia naQueLa cAsA
Ti o meu universo, a miña vida.
A distancia unha barreira imposible.
O amor, a luz que ilumina a miña noite, e a ti, a carón da lúa.
A túa mirada indiferente deixa maltreito o meu corazón.
Os teus ollos, engaiólanme: dúas estrelas, na noite de verán
Agustín, Tamara e Yoel
Unha lágrima túa, é unha puñalada no meu peito.
Un sorriso da túa face, é unha luz celestial.
Unha mirada dos teus ollos é esperanza de vida.
Un bico dos teus beizos perfectos, dáme ás para voar e chegar até o altar do ceo.
Yoel
Estráñote tanto...
Estraño os teus beizos.
Son os teus bicos.
Estraño os teus ollos.
Son o teu o teu desexo.
Estraño a túa pel.
Esperta a miña paixón.
Estraño as túas palabras que me din que me queres.
Estraño o teu cheiro que me enche de vida.
Tamara.
Mírote ámote.
Óiote, namórasme.
Tócasme paralízasme.
Que soño tan bonito. Unha fórmula matemática: EU + TI = NADA Nada = o meu sentir.
Pensarei outra: Bicarte, Verte de preto Tocar o teu cabelo. Como será iso? Non o sei, E temo que nunca.
Agustín
Atrápoo. Escapa. Calma. De súpeto Boom!!! Atrapeino.
No meu corazón engaiolada unha fera.
Domador, adestrador é como me sinto.
Esa besta remata dóce cara a min.
Sinto un corazón ao meu lado. É o teu e sente o mesmo ca o meu. Demostrámolo.
O primeiro bico apaixonado de amor xove.
Este amor será pasaxeiro, seguro, pero intenso.
Agustín.
Cada noite mirando as estrelas do ceo pídolle a deus que se algún día os teus beizos non bico me saque a vida.
Véxote en cada esquina da miña casa.
Os teus ollos perséguenme.
Non sei se me queres pero a miña alma e o meu corazón perténcenche.
Fai con eles o que queiras.
Estrella.
Ti, todo para min.
Luz que alumea a miña vida como unha estrela con quen soño todas as noites.
E agardo por terte nos meus brazos.
Ti que enches cada oco do meu corazón que me dis que me queres que sen min perdes a razón.
O único a quen eu amo.
Ti o centro da miña vida: douche as grazas por quererme así por amarme sen medios e facerme feliz.
Tamara.
Nunca te esquecerei. Á miña bisavoa Margarita, que faleceu o 30 de xaneiro de 2008.
Xa marchaches. Non te voltarei mirar. É unha viaxe para Sempre. Recordo aqueles tempos, cando era cativo: dábasme unha moeda e xa era feliz.
Xamais esquecerei como me ilusionabas cun simple xoguete.
Xa non estás e o que antes non era nada agora son recordos que se cravan no meu corazón.
Tantas cousas no aire! Palabras sen dicir, momentos que non pasamos xuntos.
Un simple quérote demostraríache o que te botaría de menos.
Como non cho dixen cando vivías, digocho neste verso: Quérote bisavoa!.
Yoel.
O meu amor por ti non o troco,ti a min trocaríasme?
Pasearía polos teus brazos, Reflectiríame nos teus ollos, Perfumaríame no teu cabelo, e nos teus beizos acocharíame.
Eu por ti morrería, ti por min morrerías? Daría a miña vida, Perdería o meu sangue, Por ti non sei o que daría.
Estrella.
Club dos Poetas Vivos.
|