A BIBLIOTECA COMO CENTRO DE RECURSOS
DE INFORMACIÓN
No ámbito das bibliotecas
escolares é xa un obxectivo tradicional o de convertilas nun centro de recursos
para aproveitamento nas actividades de
ensino- aprendizaxe; este aproveitamento pode focalizarse cara a información,
probablemente o aspecto máis destacado, pero tamén se pode orientar cara á
formación. Sobre o achegamento á información que poden aportar os documentos da
biblioteca e o seu tratamento hai
abundantes experiencias, moitas das cales poden consultarse no portal das
bibliotecas escolares de Galicia e en moitos outros portais que traballan na
mesma línea, así como en entidades especializadas como pode ser a Fundación
Germán Sánchez Ruipérez, que ten publicada unha excelente Guía práctica de acceso a la información en la biblioteca escolar. De
la pregunta al documento cun
importante conxunto de propostas de actividades sistematizadas orientadas a tal
fin e axustadas aos diferentes niveis educativos.
Se nos orientamos cara á
formación compriría cambiar o enfoque, especialmente no relacionado á
participación do profesorado e buscar novos tipos de protagonismo por parte do
alumnado. O traballo conxunto entre o equipo de biblioteca e outros profesores
e profesoras de diferentes especialidades pode facilitar o desenvolvemento dun
tipo de aproveitamento que supere a mera consulta puntual ou a información
sobre referencias bibliográficas (na maior parte das veces solventadas
directamente na rede sen criterios de rigor na consulta dos documentos
dixitais). A biblioteca escolar pode facilitar a participación, non só mediante
a información sobre as características da colección, senón aportando
suxerencias de aproveitamento na aula que faciliten cambios ou innovacións nos
enfoques pedagóxicos que trascendan as propostas didácticas máis habituais.
Na liña do citado anteriormente
faise esta proposta de traballo con medios da biblioteca a partir dunha
reflexión sobre as linguas impartidas no centro, ben como primeiras ou segundas
línguas estranxeiras, ben como linguas cooficiais e mesmo valorando a
posibilidade de introducir o traballo con novas linguas relacionadas con
actividades nas que participa o centro, aínda que non teñan un desenvolvemento
formal. Nos últimos anos o ensino das linguas, especialmente as estranxeiras,
evolucionou favorablemente mediante o uso de métodos comunicativos cada vez
máis axustados ás necesidades do falante e orientados a adquisición das
diferentes competencias que esixe a comunicación, pero fíxose de modo independente
para cada unha das linguas, sen establecer nexos coas demais que eran obxecto
de estudo. Certamente desde a administración fíxose fincapé en que se traballasen de modo coordinado as
competencias lingüísticas que inclúen conceptos comúns a fin de limitar as
duplicidades, concretando que “os
centros docentes impartirán de xeito integrado o currículo de todas as linguas
da súa oferta educativa, co fin de favorecer que todos os coñecementos e
experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa
competencia comunicativa plurilingüe”, acción esta que debe concretarse no
proxecto lingüístico, o cal recollerá acordos sobre criterios metodolóxicos básicos,
terminoloxía, tratamento dos contidos, criterios de avaliación e estándares de
aprendizaxe similares en cada unha das materias de lingua, avance importante
dada a dificultade que supón coordinar o
conxunto das linguas estudadas, así como tratar de interrelacionalas para
buscar conexións entre elas.
Á vista do devandito, considérase
que unha recuperación limitada do tradicional método traductivo pode resultar
de utilidade para establecer unha certa complementariedade entre as diversas
linguas do currículo. Tamén se pensa na conveniencia e mesmo necesidade de
abrir a participación dos alumnos á preparación de materiais a partir de textos
en diferentes linguas que xa sexan coñecidos por eles por formar
parte dos procesos lectores que teñen a biblioteca como protagonista; pódense
aproveitar como elementos de traballo textos lidos, tanto por esixencia das
programacións das diferentes linguas (que poden coordinar a lectura de toda ou
parte da mesma obra, cadansúa en diferente lingua) como por actividades
desenvolvidas dentro da programación da biblioteca (clubes de lectura, hora de
ler…) ou por suxerencias dos propios lectores ao longo do curso; con esta
proposta pódese estimular no alumnado -cadaquen no seu nivel de posibilidades-
o interese pola “práctica literaria” ao tomar exemplos e referencias de
personaxes e tramas previamente coñecidas que poden ser reelaboradas,
modificadas ou trascendidas configurando novas personaxes e/ou situacións.
Para exemplificar esta proposta elabóranse
uns materiais que poden ser utilizados nas diferentes áreas lingüísticas
impartidas no centro, materiais que en situación real de clase poderían facerse
coa participación do alumnado, e que permitiría o seu uso como documento
comparativo dentro das aulas capaz de ser valorado, analizado, modificado e,
chegado o caso, mesmo representado.
Nos materiais presentados pártese
de referentes de libros de lectura
manexados polo alumnado, neste caso O
segredo de marco Polo de Francisco Castro e O principiño de Antoine de Saint-Exupery e a partir dos protagonistas de ambas obras
créase un diálogo con estrutura teatral traducido ás diferentes linguas que
recolle expresións básicas, de modo que poidan ser comparadas as estruturas
manexadas, xiros, expresións, léxico, etc. A pretensión é que os textos das
diferentes traducións sexan utilizados polos diferentes profesores nas súas
clases de modo indistinto utilizando as linguas de referencia do grupo como
achegamento aos textos das linguas a aprender.
A proposta exemplificada non
estrutura unha actividade pechada senón
que proporciona un modelo aberto no que cada docente define as posibilidades de
aproveitamento dos materiais adaptándoos á súa práctica profesional. Entre os posibles
aproveitamentos poden citarse
actividades como traducir na clase o texto
ofertado dunha lingua coñecida á lingua que se ensina e establecer
comparacións coa tradución existente, que faría de modelo; practicar a lectura
dialogada dos textos en diferentes linguas; memorizar e representar unha ou
varias escenas dos textos ou propoñer ao alumnado a ampliación dos diálogos na
lingua que corresponda, introducindo elementos novos nas respectivas linguas de
ensino.
A posta en marcha deste tipo de
actividade require necesariamente a colaboración de profesorado dos diferentes departamentos
lingüísticos, a quen correspondería facer a selección dos materiais aportados libremente
polos seus alumnos e as diferentes traducións, para dispor de aqueles que
permitan un mellor aproveitamento común. Por parte da Biblioteca facilitaríase
a coordinación e a provisión de obras ou documentos necesarios para as
actividades. Así mesmo, responsabilizaríase do arquivo dos materiais elaborados
para constituír un fondo de recursos didácticos de libre disposición para o profesorado
dos departamentos participantes.