Panna Cotta De Queixo Con Espuma De Froitos Do Bosque

Ingredientes para 8 panna cotta:

 

·        800 ml. Nata/ tona

·        200 gr. azucre

·        160 ml. leite          

·        300 gr. Queixo Philadelphia

·        8 follas xelatina

·        Azucre de vainilla

 

Comezamos poñendo as follas de xelatina a remollo en auga fría.

Nun cazo xuntamos nata, azucre, queixo e o azucre de vainilla e poñemos o lume baixo e vamos removendo ata que se dilúan por completo o azucre e o queixo. Unha vez cocida a nata retiramos antes de que chegue a ferver e incorporamos as follas de xelatina integradas no leite quente e remexemos.

Repartimos en moldes individuais, eu no fondo do molde puxen un chorriño de xarope de chocolate para darlle un toque de cor e para facilitar á hora de quitalos do molde, e refrixeramos polo espazo de 8 horas para que se solidifique por completo.

 

Ingredientes para a Espuma de froitos do bosque:

 

·        250 gr. Froitos do bosque

·        500 ml. Nata

·        150 gr. Azucre

·        2 cargas de sifón

·        75 ml auga

 

Comezamos poñendo nun cazo os froitos do bosque, eu empreguei conxelados xa que nesta época do ano é complicado topalas frescas, xunto co azucre e unha pouca de auga para evitar que se nos acaramelen ó poñelas no lume. Deixamos cociñar ata conseguir que quede coma un xarope lixeiro e a froita se desfaga, nese intre trituramos ben e pasamos por un coador moi fino para evitar que se nos colen as sementes que farán que se atasque o sifón. Xuntamos coa nata, mesturamos ben e introducimos no sifón, introducimos dúas cargas de sifón e deixamos repousar na neveira mínimo 6 horas.