Cupcakes de Chocolate e Noces con Recheo de Chocolate Branco

Ingredientes para 12 biscoitos:

 

·        100 gr. Manteiga

·        100 gr. Azucre

·        75 gr. Azucre moreno

·        2 ovos

·        180 gr. Fariña

·        25 gr. Cacao en pó

·        1 culleriña de levedo Royal

·        ½ culleriña de sal

·        225 ml. Leite

·        120 gr. Chocolate

 

Comezamos derretendo o chocolate o baño María.

Nun recipiente poñemos a bater a manteiga xunto cos azucres ata que a mestura quede esponxosa.

De seguido vamos engadindo os ovos un a un sen deixar de bater. Logo engadimos o chocolate previamente fundido.

Unha vez ben integrado o chocolate, engadimos os ingredientes secos ós poucos,logo de peneiralos, e rematamos co leite ata que consigamos unha masa homoxénea.

Repartimos a masa nas casullas e metemos ó forno, xa quente a 180º, durante 20 minutos.

 

Ingredientes para o frosting de queixo e noces:

 

·        150 gr. manteiga

·        125 gr. Azucre glass

·        150 gr. Queixo philadelphia

·        100 gr. Noces limpas

 

Comezamos picando as noces en anacos ben pequenos, para que logo non se nos atasque a manga pasteleira.

Á parte, nun bol, batemos a manteiga xunto co azucre ata conseguir unha textura cremosa. Engadimos  o queixo e seguimos batendo ata que se incorpore por completo e facemos o mesmo coas noces que picáramos previamente. Poñemos nunha manga pasteleira cunha boquiña rizada.

O seguinte paso vai ser facer o chocolate branco para o recheo, poñemos ao lume 150 ml. de tona nun cazo. Xusto no momento que vaia comezar a ferver retiramos e engadímoslle 100 gr. de chocolate branco e remexemos ata que se disolva por completo o chocolate, sempre fora do lume.

Coa axuda dun descorazoador ou dun coitelo facemos un buraco, no centro do biscoito sen chegar a base , que  enchemos co chocolate branco feito previamente. Facemos unha roseta co frosting de noces e coroamos con media noz pelada.