VI Copa Galega de Kaiak Extremo

Presentación.

ORGANIZAN:


Federación Galega de Canoaxe.

Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla.

Asociación Cultural e Ecoloxista "Curuxás"

ADEGA

Ferventía

COLABORAN:

Deputación de Lugo, Concellos de Agolada, Melide, Palas de Rei , Santiso,  Toques e Antas de Ulla; Asociacións, Hoteis, Casas de Turismo Rural, Bares, Restaurantes, Comercios e  outras empresas do Alto Ulla.

 

Presentación

Esta actividade xurdiu como unha mostra mais dos recursos do Alto Ulla e das posibilidades de posta en valor dos mesmos. O río Ulla desde o seu nacemento vertebra e une os concellos que conforman o Alto Ulla, sendo o principal recurso natural da zona cunha  incalculábel biodiversidade que destaca ademais polas Torrentes de Mácara –Ramil.

Chamamos Alto Ulla, ó tramo do río desde o seu nacemento en Olveda ata o encoro de Portodemouros, o que discorre polos Concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei que conforman a Comarca da Ulloa no que é a Provincia de Lugo, e logo de pasar entre as Serras do Farelo e do Careón une os Concellos de Agolada (Pontevedra) xunto con Melide, Santiso e Toques (A Coruña). Sendo unión das tres provincias (no centro xeográfico de Galicia), onde aínda brinca  o Ulla rebuldeiro e onde podemos disfrutar da herdanza que a través dos tempos nos deixaron os nosos antergos: natureza,  patrimonio histórico, etnográfico.

Do río Ulla e dos seus principais afluentes neste tramo, os ríos Pambre e Furelos salientaremos a riqueza da súa fauna (unha gran variedade de anfibios, insectos, aves, mamíferos, peixes, moluscos de auga dóce....). A riqueza da súa flora (érbados, sobreiras, acivros, carballos, sanguiños e outras especies que forman parte do chamado bosque de ribeira), a riqueza do seu patrimonio histórico-artístico e etnográfico (o Balneario de Frádegas, o Castelo de Pambre, pontes, pasos, muíños, mámoas, petroglifos, pesqueiras,...), sen esquecer as augas mineromedicinais que flúen en varias fontes a carón do río e a súa riqueza natural da que salientaremos As TORRENTES.

As torrentes de Mácara-Ramil ,  atópanse no río Ulla logo de pasar o Balneario de Frádegas e ata pouco antes de se unir ao río Pambre, a 2 km do castelo de Pambre, río abaixo. sendo posiblemente o conxunto de torrentes máis longo e fermoso de Galicia.

No Alto Ulla como en outros moitos lugares de Galicia, búscase na actividade turística unha saída, que ten como principal reclamo os seus recursos naturais e patrimoniais, que entorno ao Alto Ulla concéntranse entorno ao río Ulla. Aquí se realizan o 95 % das actividades de deporte na natureza  que se desenvolven na zona (rafting, augas bravas, barranquismo, rapel, sendeirismo, bici de montaña, rotas a cabalo, etc.) cabe destacar que as torrentes son recoñecidas internacionalmente pola practica dos deportes de auga, debido ás súas características (dificultade, beleza e calidade dos seus rápidos) únicas en Europa. Ademais aquí están o 80 %  das casas de turismo rural (Parada das Bestas en Pidre, Casa Blanco en Sambreixo, Pazo de Mariñao en Meixide, Balneario de Pambre no Vilariño - o principal proxecto revitalizador das comarcas -, Casa Domingo en Pontecampaña, Lugar de María Mercedes en Barreiro, O Abrigadoiro en San Xián do Camiño, Casa do Herdeiro no Remesedo, Casa da Cerca no Vilar, Pazo de Eidián, Muíño das Cañizas en Barazón,...etc.). , Existindo tamén outros establecementos de turismo rural en proxecto (sómente na Comarca da Ulloa (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei téñense investido máis de seis millóns de euros cos proxectos europeos PRODER e AGADER.

A Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla, coa colaboración de varias empresas de turismo activo, asociacións culturais, deportivas e ecoloxistas, e co amparo da  Federación Galega de Canoaxe pretendemos facer unha posta en valor ética e sostíbel dun recurso natural como referente das comarcas e concellos do Alto Ulla, e dado que esta actividade ten transcendencia para alén das fronteiras de Galiza (na súas edicións acudiron canoistas do resto do estado, Alemaña, Portugal, Francia, Países Baixos  e Reino Unido) esta actividade é tamén un referente de Galiza no Mundo.