O Sobreiral das palabras
A biblioteca do IES Valadares, chamadap, forma parte do Plan LIA desde 2019 e traballa de xeito continuado nos seus tres piares fundamentais: lectura, información e aprendizaxe. Desde o curso 2025-2026 formamos parte do programa Biblioteca Creativa, sendo unha das primeiras bibliotecas de centros de ensino secundario en participar nesta iniciativa.
O actual espazo onde se sitúa O Sobreiral das Palabras é relativamente novo, xa que foi inaugurado en 2019. Concibiuse desde o primeiro momento como un espazo interdisciplinar, un viveiro de cidadanía que acolle diferentes ambientes: o espazo para ler e escribir, onde se atopa a colección de libros de ficción; o espazo de investigación, rodeado dos libros de non ficción; a zona de xogos; e un espazo versátil de traballo. Completa este conxunto a radio escolar, un espazo insonorizado destinado á gravación, e, a continuación, a zona de xestión e organización, dedicada ao préstamo de libros e á súa catalogación.
Un pouco de historia
A historia do noso espazo creativo comeza de xeito paralelo á da propia biblioteca, pois a antiga biblioteca xa contaba cun lugar destinado á creación. Porén, cando se deseñou o novo espazo en 2018, tivéronse en conta as necesidades de crear unha zona máis especializada, dotada de material manipulativo ao dispor do alumnado. O obxectivo pedagóxico entronca directamente cunha metodoloxía baseada en proxectos interdisciplinares que favorezan o desenvolvemento de contidos curriculares de diferentes materias, así como a adquisición das competencias clave. Tratábase de dotar a biblioteca escolar dun lugar para deseñar, crear e construír; é dicir, dun espazo onde as ideas puidesen transformarse en algo real e tanxible.
Este espazo versátil, con recursos accesibles e material manipulativo en diferentes formatos, é, ante todo, un espazo vivo e en continua evolución, que foi adaptándose para dar resposta ás novas necesidades tanto do alumnado como da comunidade educativa. Cando a biblioteca foi aceptada dentro do programa Biblioteca Creativa, considerouse necesario redistribuír os espazos para outorgarlle un maior protagonismo á zona creativa. Para iso contamos coa colaboración do grupo de voluntariado da biblioteca, que non dubidou en achegar ideas e propostas para esta nova transformación. Da súa man fomos dándolle forma a este novo espazo.
Unha vez decidida a nova localización, puxémonos mans á obra: mover mobiliario, limpar e organizar caixas, elaborar unha listaxe de materiais e recoller propostas, entre outras tarefas.
Na actualidade contamos cos seguintes espazos cun recuncho destinado á costura creativa, unha mesa na que se sitúa a cortadora láser e un espazo con caixóns perfectamente sinalizados para gardar o material manipulativo. Na parte superior organizouse o material de construción xunto coa parede de LEGO. Todos estes recursos complétanse con dúas mesas altas, pensadas para que o alumnado poida traballar comodamente nos seus proxectos e creacións.
O espazo creativo
Sinalética inclusiva e recursos accesible.
Para construir e dar vida a creatividade.