Sinais de identidade

Características do centro

O IES “Francisco Daviña Rey” está situado na rúa Doutor Casares, nº 63 de Monforte de Lemos, nas proximidades do Centro de Saúde e do río Cabe (limita coa rúa Paseo do Malecón).

É un centro cunha longa historia que se remonta á década dos 40 cando foi creado como “Escola de Maestría Industrial”. No ano 1973 pasou a ocupar a súa situación actual e dende ese momento foi modificando e ampliando as ensinanzas que se imparten no mesmo ata chegar a situación actual na que se imparten as etapas educativas de ESO, Formación Profesional Básica, BAC e ciclos formativos.

O complexo educativo consta de dous edificios separados: o ximnasio e o resto das dependencias. O edificio principal presenta tamén dous ámbitos moi diferenciados: un de proxección máis vertical e outro de proxección máis horizontal. O primeiro, que ten tres plantas e soto, contén os servizos xerais do centro e a maior parte das aulas. O segundo, dunha soa planta, está ocupado esencialmente por talleres. O espazo restante completano unha franxa axardinada na parle frontal e un pequeno patio asimétrico resultante do peche do recinto entre as dúas estruturas fundamentais. A natureza do edificio reflexa a súa historia e os cambios que foi sufrindo ao longo dos anos para adaptarse ás novas ensinanzas. Para unha descrición física máis detallada do

Valores, principios e fins

Valores

Pluralismo

Non se permitirá a exclusión de ninguén pola súa procedencia, sexo, relixión, ideoloxía, nivel económico ou calquera outra característica persoal ou social. Educarase ao alumnado para vivir nunha sociedade plural na que se debe respectar aos demais.

Tolerancia e Solidariedade

A tolerancia e a solidariedade apréndense e afiánzanse coa práctica. Transmitiranse os valores que as constrúen:

      • A aceptación da diferencia como elemento consubstancial da identidade.

      • A empatía, a capacidade de poñerse no lugar do outro.

      • A preocupación polos demais.

      • A procura dun entorno afectivo e comunicativo.

      • A axuda e asistencia aos demais.

      • A colaboración cos outros.

      • A compartición cos demais.

Convivencia pacífica

A convivencia nun centro educativo é ás veces complexa, tanto polo número como polas características e intereses dos diferentes membros que forman a comunidade educativa. Favorecerase un bo clima de convivencia e facilitaranse ferramentas para a solución pacífica dos conflitos.

Igualdade de xénero

A igualdade de xénero é un dos piares fundamentais da convivencia e da xustiza social. Fomentarase a implicación dos membros da comunidade educativa na loita activa contra a desigualdade de xénero e a violencia machista, así como a colaboración no fomento dos valores que os movementos feministas defenderon dende os seus inicios.

Respecto polos Dereitos Humanos

A Declaración universal dos Dereitos Humanos son a manifestación explícita dos valores que forman a esencia máis positiva das persoas e, como tal, estarán sempre presentes na vida do centro e na educación do alumnado.

Valores Democráticos

Transmitiranse os valores dunha sociedade democrática: o respecto cara aos demais e cara a un mesmo, o sentido da liberdade ligado ao da responsabilidade, a solidariedade, o respecto á xustiza, a satisfacción polo traballo ben feito e o interese pola participación na mellora da sociedade.

Valoración do esforzo

Transmitirase o valor do esforzo como medio imprescindible para conseguir os obxectivos propostos e lograr as propias metas. Sen o esforzo, principalmente do alumnado pero tamén do resto da comunidade educativa, non hai educación posible, non hai evolución posible no ser humano.

Respecto ao medio natural e ao patrimonio cultural

Transmitirase o respecto ao medio natural e ao patrimonio cultural, facendo unha especial referencia ao de Galicia, que é especialmente rico e identitario.

Principios de identidade

O IES “Daviña Rey” declarase defensor da ensinanza pública, independente de intereses privados, aconfesional, pluralista, tolerante, promotor da lingua galega, esixente coa igualdade de xéneros e coa integración social, e promotor da interdisciplinariedade e da multiculturalidade.

Toda a actividade do centro está centrada na atención ao alumnado xa que son os alumnos e as alumnas os protagonistas da súa propia aprendizaxe.

O IES “Daviña Rey” é aconfesional. A posición de todas as persoas que forman a súa comunidade educativa será de absoluto respecto as crenzas de cada persoa e á súa opción de pensamento, sexa esta relixiosa ou non. O centro respectará a pluralidade ideolóxica, especialmente nos aspectos políticos e relixiosos. Facilitaráselle ao alumnado información totalmente obxectiva.

O centro estará xestionado de maneira democrática, baseándose na participación real e efectiva de todos os estamentos a través de equipos de traballo constituídos a tal fin e dos órganos de coordinación.

É fundamental educar na participación e na responsabilidade para formar cidadáns críticos e comprometidos cos valores democráticos, de xeito que poidan tomar decisións con rigor e participar na sociedade aportando valor ao seu desenvolvemento.

As relacións entre todos os membros da comunidade educativa estarán presididas polo diálogo, a tolerancia coas ideas e os puntos de vista alleos e a disciplina no cumprimento das normas de convivencia serán as máximas de actuación.

A acción educativa estará centrada na liberdade e no pluralismo, no respecto ós demais, na solidariedade, na cooperación, no diálogo e no afán de superación, rexeitando calquera comportamento discriminatorio. Todas as actividades que se realicen estarán exentas de connotacións políticas partidistas, pero ao mesmo tempo fomentarase a participación política dos seus membros.

Traballarase activamente na eliminación da discriminación sexista, na superación de tabús e mitos relacionados con ela, e na diferenciación de roles entre o home e a muller: coeducación. O mesmo tempo garantirase a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade, rexeitando calquera tipo de discriminación social ou persoal dos alumnos e alumnas, debida a calquera tipo de prexuízos de tipo racista, social, psicolóxico ou económico.

É tamén un elemento distintivo da actividade educativa do noso IES a vocación e ambición por estar o día nos avances dentro do campo educativo, que nos permitan comprender mellor aos alumnos e alumnas e facilitar aprendizaxes de maior nivel e calidade: fomentarase a participación do profesorado en proxectos de innovación educativa e emprego de novas tecnoloxías na aula. Todo isto coa finalidade de acadar unha educación de calidade para todo o alumnado e conseguir calidade tamén nos procesos de ensino.

No relativo á lingua de comunicación, o noso centro fomentará o uso do galego como lingua de aprendizaxe, respectando o dereito a utilizar o castelán, sempre dentro do establecido pola lexislación vixente. Procurarase que sexa a lingua ambiental e vehicular das actividades do centro.

Fins educativos

Formación plena: Proporcionar ao alumnado unha formación plena que lle permita conformar a súa propia e identidade, así como construír unha concepción da realidade que integre á vez o coñecemento e a valoración ética e moral da mesma. Tal formación plena irá dirixida ao desenvolvemento da súa capacidade para exercer, de xeito crítico e nunha sociedade plural, a liberdade, a tolerancia e a solidariedade.

Transmisión de valores: Transmitir e exercitar os valores que fan posible a vida en sociedade, singularmente o respecto a todos os dereitos e liberdades fundamentais e adquirir os hábitos de convivencia democrática e do respecto mutuo. Educar na loita contra a discriminación e a desigualdade, sexan estas por razón de orixe, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra de índole social ou persoal.

Preparación para a cidadanía responsable: Preparar para a participación responsable nas distintas actividades e instancias sociais. A madurez das sociedades derívase, en moi boa medida, da súa capacidade para integrar, a partir da educación e co concurso da mesma, as dimensións individual e comunitaria.

Formación e instrución para unha sociedade en permanente evolución: Dar a formación, a instrución e a transmisión de coñecementos e saberes que aseguren unha óptima adecuación de resposta ás crecentes e cambiantes necesidades da sociedade do coñecemento.

Obxectivos xerais do centro

Tendo en conta as características do centro, as circunstancias do noso alumnado e os fins educativos que nos propoñemos, o lES “Daviña Rey” perseguirá coa súa práctica educativa os seguintes obxectivos xerais:

    1. Propiciar unha convivencia respectuosa, democrática e participativa entre todos os membros da comunidade educativa.

    2. Desenvolver a personalidade do alumnado mediante unha formación personalizada que propicie unha educación integral en coñecementos, destrezas e valores en todos os ámbitos da vida persoal, familiar, social e profesional.

    3. Adquirir hábitos intelectuais e técnicas de traballo, así como coñecementos e saberes de diversos tipos adaptándonos á época actual manexando a información en diversos formatos prestándolle unha especial atención as tecnoloxías do aprendizaxe e o coñecemento (TAC).

    4. Potenciar o traballo en grupo e en equipo, a colaboración entre o alumnado e a aprendizaxe cooperativa.

    5. Fomentar o desenvolvemento das capacidades creativas e do seu espírito crítico.

    6. Favorecer a efectiva igualdade de dereitos entre as persoas e o rexeito a calquera tipo de discriminación por razóns de sexo, raza, relixión, opinión ou calquera outra peculiaridade persoal ou social, inculcando hábitos de comportamento democrático.

    7. Preparar ao alumnado para participar activamente na vida social e cultural a nivel de Centro, poboación na que residen e sociedade en xeral.

    8. Capacitar ao alumnado para o exercicio de actividades profesionais.

    9. Formar no respecto á pluralidade lingüística e cultural dos pobos do mundo.

    10. Progresar no uso da lingua galega, como un ben cultural propio da nosa comunidade.

    11. Formar no respecto e na defensa do medio ambiente fomentando a súa implicación persoal.

    12. Fomentar as actitudes de diálogo como medio para a resolución de conflitos.

Prioridades de actuación

Tendo en conta a análise feita anteriormente sobre a situación socioeconómica, cultural e lingüística da zona e os valores, principios e fins establecidos neste proxecto, as prioridades de actuación céntranse nos seguintes puntos esenciais:

    • Compensar a situación de partida desfavorecida dunha parte do alumnado, especialmente en cuanto á súa contorna cultural, tratando de chegar a unha situación de equilibrio co fin de asegurar a igualdade de oportunidades para todo o alumnado.

    • Manter un contacto permanente cos Servizos Sociais co fin de intercambiar a información necesaria para axudar ao alumnado e ás familias no que necesiten, tanto social coma educativamente.

    • Propiciar unha convivencia respectuosa, democrática e participativa entre todos os membros da comunidade educativa, potenciando o desenvolvemento da personalidade e das capacidades individuais de cada un dos seus membros.

    • Dotar ao alumnado de ESO dunha aprendizaxe funcional, fundamentado na adquisición das competencias clave e no logro dos obxectivos xerais da etapa, que os forme como cidadáns críticos, conscientes dos seus dereitos e liberdades, tolerantes, solidarios, e responsables con respecto aos seus deberes. Esta aprendizaxe debe servir de base para poderen cursar estudos postobrigatorios ou para a súa incorporación ao mundo laboral.

    • Preparar ao alumnado de Bacharelato para abordar con garantías de éxito estudos superiores (sexan universitarios, de formación profesional, artísticos ou deportivos).

    • Dotar ao alumnado dos ciclos formativos cunha formación de calidade que lle permita asegurar a súa inserción laboral en campos relacionados coa súa formación, ou ben continuar estudos superiores.

    • Utilizar todos os medios e recursos necesarios para preparar ao alumnado de modo que sexa quen de enfrontarse a unha sociedade tecnolóxica e en continuo cambio: é necesario que saiban buscar a información, procesala e crear novos coñecementos a partir dela.

    • Formar cidadáns e cidadás comprometidos coa igualdade de oportunidades de homes e mulleres, activos na loita contra o machismo que permanece en moitos ámbitos da sociedade.

    • Formar cidadáns e cidadás comprometidos coa lingua galega, que sexan quen de valorala e utilizala con normalidade en calquera ámbito da súa vida.

    • Motivar ao alumnado para que se forme polo menos nunha lingua estranxeira (inglés), dadas as necesidades de mobilidade no mercado laboral ao que deben acceder nun futuro.

    • Tomar as medidas preventivas oportunas permita anticiparse aos problemas sociais e educativos que poidan xurdir.