Videoteca‎ > ‎4. Actividades comarcais‎ > ‎Ourense‎ > ‎

Peregrinaxe pola lingua. Eu camiño pola lingua, e ti?

Presentación do proxecto

Publicado a 17/09/2010, 03:50 por Plataforma Cidadá

Somos un grupo de persoas de todas as idades, profesións, intereses, afeccións… que temos unha cousa en común: queremos galego nas aulas, na administración, nas empresas, nos xulgados, nos medios de comunicación; cos pais, cos fillos, cos amigos, cos compañeiros de traballo; para vivir, para sentir, para soñar…

E, neste ano xacobeo, tamén queremos que o galego estea no Camiño de Santiago. Por este motivo imos facer o Camiño pola lingua.

Acompáñanos. Camiñaremos pola Vía da Prata, ruta mozárabe, os días 10, 17, 24 e 31 de outubro. Se non podes vir ás catro xornadas apúntate para as que poidas.

Ao rematar cada etapa plantaremos unha árbore cunha mensaxe que sexa testemuño da nosa peregrinaxe e leremos un manifesto en catro partes, que se completará ao chegar a Compostela.

Primeira etapa.  Domingo  10 de outubro

Ourense-Tamallancos-Cea. 24 km (aprox.)

Saímos camiñando ás 8:00 da mañá da parada de autobuses do Parque de San Lázaro de Ourense. Ao chegar xantaremos en Cea e, arredor das 17:00 h, un autobús traeranos de volta a Ourense.

Segunda etapa. Domingo 17 de outubro

Cea-Castro Dozón-Botos (Lalín). 26 km (aprox.)

Un autobús sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) para levarnos a Cea. Desde alí, continuaremos o camiño ata chegar a Lalín. Ao rematar de xantar volvemos a Ourense en autobús.

Terceira etapa. Domingo 24 de outubro

Lalín-Silleda-Bandeira-Ponte Ulla. 24 km (aprox.)

Un autobús sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) para levarnos a Lalín e, ao rematar o xantar, recolleranos en Ponte Ulla para volver a Ourense

Cuarta etapa. Domingo 31 de outubro

Ponte Ulla-Lestedo-Santiago. 24 km (aprox.)

O autobús que nos levará a Ponte Ulla sae ás 8:00 da parada de autobuses do Parque de San Lázaro (Ourense) e, ao xantar, recolleranos en Santiago.

 Inscrición

Podes inscribirte para cada etapa ata a mañá do venres anterior a cada unha, nos números de teléfono: 988 218 123 ou 639 519 242 ou ben na dirección electrónica amencer@amencer.org

O prezo de inscrición son 5 euros e inclúe todas as etapas. Para estudantes e parad@s é de balde.

Trae a túa equipación e o teu xantar e bebida. A equipación axeitada é a seguinte:  calzado cómodo (o ideal é de goretex)  que non sexa novo (pódese levar calzado de reposto por se manca), dobre calcetín, roupa cómoda, gorra (non viseira), chuvasqueiro por se chove. Nunha mochila pequena cómpre meter o xantar e bebida. Todo isto debe estar dentro dunha bolsa de plástico por se a mochila non é impermeable. Tampouco esquezas a protección para o sol.

Organizan:

Asociación Xuvenil Amencer

Queremos Galego

Concellaría de Voluntariado do Concello de Ourense. Programa de voluntariado lingüístico

1-1 of 1