Proposta de Iniciativa Lexislativa Popular 
pola Garantía dos Dereitos Lingüísticos


Proposición de Lei, por iniciativa lexislativa popular, sobre o uso do galego polas Administracións de Galiza e no ámbito do ensino

 

 

Exposición de motivos

 

              Transcorrido máis dun cuarto de século desde a aprobación da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, cómpre desenvolvela de xeito sectorial para dar cumprimento efectivo aos seus preceptos referidos ás Administracións públicas de Galiza na regulación dos seus usos lingüísticos en cuestións fulcrais como o procedemento administrativo, a contratación administrativa ou as axudas públicas.

 

              Por outra parte, a mesma Lei 3/1983, do 15 de xuño, indica que ao remate do ensino obrigatorio se garantirá a igualdade de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais. Para conseguir este fin, e entanto o galego non sexa lingua vehicular de todo o ensino na Galiza, faise preciso afondar no desenvolvemento lexislativo dos preceptos da Lei de normalización lingüística relativos ao ámbito educativo, cunha nova regulación legal de ámbito sectorial sobre o uso e aprendizaxe do galego, que facilite o seu emprego de xeito progresivo e xeneralizado en todos os niveis e graos non universitarios.

 

              Preténdese facer efectivos os dereitos lingüísticos do pobo galego, dando cumprimento ao deber de fomento do uso do galego na vida pública para que a nosa lingua propia acceda a ámbitos institucionais e privados dos que tradicionalmente estivo excluída, nun momento en que a grave perda de falantes aconsella a adopción de medidas urxentes con rango de lei formal, sen prexuízo de desenvolvementos futuros máis ambiciosos para a normalización plena da nosa lingua nacional.

 

              As medidas aprobadas recollen igualmente os compromisos internacionais derivados da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo Estado español en 2001, e o acordo unánime do Parlamento de Galiza polo que se aproba en 2004 o Plan xeral de normalización da lingua galega.

 

Título I.

Sobre o uso do galego como lingua oficial das Administracións de Galiza

 

Artigo 1. A lingua das Administracións de Galiza.

 

              1. A Xunta de Galiza e os seus organismos autónomos; as administracións locais; as universidades públicas; as corporacións públicas; as institucións, entidades e empresas públicas, calquera que sexa a súa forma xurídica de personificación; así como os concesionarios dos seus servizos deben utilizar o galego nas súas actuacións internas e na relación entre eles. Tamén o utilizarán nas comunicacións e notificacións dirixidas ás persoas físicas ou xurídicas residentes en Galiza e na atención cotiá, oral e escrita aos cidadáns e cidadás, sen prexuízo do dereito destes á atención na lingua oficial da súa escolla, se o solicitaren.

 

              2. O Goberno Galego, as administración locais e as universidades públicas regularán, mediante disposicións regulamentarias, o uso do galego como lingua oficial nas actividades administrativas de todas as dependencias administrativas, órganos e entes da súa competencia.

 

Artigo 2. Os procedementos administrativos.

 

1.Nos procedementos administrativos tramitados pola Xunta de Galiza e os seus organismos autónomos, polas corporacións locais e polas demais Administracións de Galiza debe utilizarse o galego, sen prexuízo do dereito dos cidadáns e cidadás a presentaren documentos, faceren manifestacións e, se o solicitan, recibiren notificacións en castelán.

 

2. As comunicacións e notificacións dirixidas a persoas físicas galegas residentes fóra do ámbito lingüístico galego e ás organizacións das colectividades galegas de fóra da Comunidade Autónoma Galega faranse en lingua galega, sen prexuízo do dereito dos cidadáns a recibilas en castelán se asi o solicitaren.

 

Artigo 3. A capacitación lingüística do persoal ao servizo das Administracións de Galiza.

 

              1. O persoal ao servizo das Administracións públicas, as universidades e os organismos, institucións e corporacións públicas de Galiza debe ter un nivel de coñecemento  suficiente da lingua galega, tanto na expresión oral como na escrita, para dar cumprimento á normalización do idioma galego e para garantir o dereito dos cidadáns e cidadás ao uso da lingua propia de Galiza nas relacións coa Administración.

 

              2. No acceso ao emprego público na Administracións públicas, as universidades e os organismos, institucións e corporacións públicas de Galiza debe acreditarse o coñecemento da lingua galega, tanto na expresión oral como na escrita, no nivel acaído para o desempeño das funcións propias dos postos de traballo. Para estes efectos, as bases das convocatorias estabelecerán que unha ou máis das probas do proceso selectivo haberán de se realizar exclusivamente en galego, sen prexuízo das probas adicionais que puideran preverse para aqueles postos que requiran un especial coñecemento da lingua galega.

 

Artigo 4. A contratación administrativa e as axudas públicas.

 

              1. Os contratos administrativos e as axudas públicas deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora. Os baremos aplicábeis á adxudicación recollerán este obxectivo, cuxo cumprimento será avaliado periodicamente.

 

              2. Os pregos de contratación das Administracións de Galiza incluirán previsións para garantir que os documentos administrativos e técnicos que teñan que achegar as empresas concesionarias e contratistas da Administración deban estar, cando menos, en lingua galega.

 

              3. As empresas concesionarias de servizos públicos están suxeitas aos mesmos usos lingüísticos que as Administracións de Galiza nas súas relacións cos cidadáns e cidadás, debendo garantir os dereitos lingüísticos e dispor da documentación contractual, recibos e información aos usuarios cando menos en lingua galega.

 

 

Artigo 5. O fomento do uso do galego na Administración de Xustiza e nas notarías.

 

              1. A Xunta de Galiza, en colaboración co Ministerio de Xustiza, elaborará un programa de normalización específico, para o ámbito da Xustiza. Este programa garantirá a formación sobre o réxime xurídico do uso das linguas oficiais e incorporará obxectivos de capacitación lingüística.

 

              2. A Xunta de Galiza garantirá a existencia de versións en galego de todos os programas informáticos de xestión e formularios de uso cotián, asi como a súa presenza en todos os órganos xudiciais de Galiza.

 

              3. Promoverase que en todas as xestorías, escritorios de avogados e procuradorías de Galiza existan indicacións en relación co dereito dos cidadáns e cidadás a que os documentos se redacten en lingua galega sen custos suplementarios nin demoras na atención.

 

                        4. A Xunta de Galiza garantirá nas notarías a tramitación e atención en galego nos procedementos da súa competencia.

 

 

 

 

Título II.

Sobre o uso do galego no ámbito do ensino

 

Artigo 6. O uso da lingua galega na Administración educativa.

 

              1. A Administración educativa de Galiza, os centros de ensino dependentes dela e o persoal ao seu servizo utilizarán a lingua galega .

 

              2. As actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, como actas, comunicados e anuncios, redactaranse en galego, agás o referido a comunicacións con outras comunidades autónomas e cos órganos da Administración do Estado, radicados fóra da comunidade autónoma, nas que se utilizará o castelán.

 

Artigo 7. O horario do ensino en lingua galega.

 

              1. Nas ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o número de horas dedicadas ao ensino en galego será, como mínimo, o cincuenta por cento do horario lectivo, nos termos establecidos para cada etapa educativa no Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado polo Parlamento de Galiza o 21 de setembro de 2004 (BOPG nº 622, do 7 de setembro).

 

              2. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará nas aulas a lingua inicial predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galiza, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escrita en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado.

              3. A Administración educativa impulsará e recoñecerá ao profesorado as iniciativas pedagóxicas e proxectos educativos tendentes a estender o número de materias e horario a impartir en galego por riba das fixadas con carácter de mínimo de dereito necesario.

 

Artigo 8. Os materiais e recursos para o fomento do uso do galego no ensino.

 

1. Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.

 

2. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos aos que se refire o parágrafo anterior estarán escritos en galego e inseridos na realidade de Galiza. Con este fin, a Administración educativa fomentará a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.

 

              3. A consellaría competente en materia de educación impulsará os equipos de dinamización e normalización lingüística en todos os centros educativos, dotándoos de recursos económicos suficientes ao inicio de cada curso escolar, promovendo a coordinación das súas actividades, fornecéndolles apoio técnico e formativo e facilitando aos seus membros a redución de carga lectiva necesaria para a realización das súas funcións.

 

            4. A Xunta de Galiza dispensará a formación inicial e permanente ao conxunto do profesorado, dentro do horario lectivo, a fin de que adquira a competencia necesaria para desenvolver totalmente a docencia en galego.

 

            5. A Administración educativa avaliará periodicamente a competencia lingüística do alumnado e adoptará as medidas precisas para que os programas de estudo garantan un coñecemento igual das linguas oficiais nos diferentes niveis de ensino.

 

Artigo. 9. O uso do galego no ensino universitario.

 

A Xunta de Galiza promoverá o uso da lingua galega nas Universidades galegas co obxectivo de que a oferta docente universitaria inclua o galego como lingua vehicular, tanto nas Faculdades como nas Escolas ou calquera outros centros universitarios. Para iso, de común acordo coas tres Universidades galegas, ofertaranse aulas e cursos que funcionen integramente en galego, nomeadamente naquelas especialidades e áreas de coñecemento que teñen a ver directamente coa formación de futuros profesionais do ensino infantil e do ensino primario e secundario.

 

Disposición Adicional

 

A Xunta de Galiza adopta e asume como seus os textos da “Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias” (1992), aprobada e ratificada polo Estado español, e mais a “Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos” (1996), aprobada polo Congreso dos Deputados e polo Parlamento Galego. A Xunta de Galiza vincúlase ao cumprimento das disposicións que estas Cartas prevén para que os poderes públicos garantan o exercicio dos dereitos lingüísticos que contemplan, dentro do recoñecemento dos principios da pluralidade e de respecto á diversidade e á multiculturalidade que recolle a Unión Europea.

 

Disposición derrogatoria única

 

              Fican derrogadas cantas disposicións, de igual ou inferior rango, se opoñan ao disposto nesta Lei.

 

Disposicións derradeiras

 

Primeira. Habilitación.

 

              Autorízase á Xunta de Galiza a ditar as normas regulamentarias que procedan para o desenvolvemento e execución desta Lei.

 

Segunda. Entrada en vigor.

 

              A presente Lei entrará en vigor no día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.