Hic et Nunc‎ > ‎

Léxico política e sociedade

A pervivencia léxica dos termos da política e sociedade romana

Os romanos engadiron aos términos políticos que xa acuñaran os pensadores gregos (política, monarquía, oligarquía, tiranía, anarquía, democracia, aristocracia, ostracismo, etc.) outros novos, como é o caso da palabra República que provén do latino res publica a cousa pública”; pero, a partir da Revolución Francesa, xa non designa un Estado en xeral senón o xeito de organizar o Estado, na cal o cargo de dirixente non é herditario nin vitalicio, senón por eleción popular. Emprégase en oposición á monarquía, aínda que perviviu a acepción antiga de colectividade en expresións como “República das letras” (unha sociedade onde todos os individuos racionais poderían expresar a súa opinión), ou como reclamo comercial dun coñecido anuncio televisivo (“a República independente da túa casa...”)

Do léxico político latino, perviviron moitas palabras que designaban institucións e cargos, aínda que hoxe non as utilizamos sempre co mesmo sentido.

A palabra Senado (senatus), institución romana que subsistiu dende a monarquía ata a caída do Imperio, cando concentrou o poder foi en tempo da República. Provén da palabra latina senexvello, ancián” porque o Senado estaba integrado polas cabezas das principais familias patricias. Na actualidade, os senadores teñen unha representación territorial e o senado continúa sendo un órgano consultivo, pero perdeu, en certos estados modernos, a importancia que tiña o Senado romano, que obstenta a outra cámara, o Congreso Ambas cámaras forman o Parlamento.

Concilio provén de concilium, asemblea plebeia. Hoxe pasou a ser unha asemblea ou congreso, especialmente de bispos, para deliberar e decidir cuestións eclesiásticas.

Tribo vén de tribus, unha antiga división do pobo romano a efectos de participación nas votacións.

Tamén falamos de pagar tributos, do latino tributum, aquilo que se pagaba por tribos, e as Deputacións provinciais recadan a contribución, ou sexa, os impostos que pagamos pola nosa vivenda ou finca (na imaxe un recibo da contribución).

Os días dos Comicios, do latino comitia, hoxe utilizámolo como sinónimo do día das eleccións. Eran as asembleas lexislativas e electorais, nas que os romanos elexían cargos relixiosos ou maxistrados, ademais doutras competencias.

Temos dende a República romana o termo maxistratura, que designaba os cargos públicos no seu conxunto, pero hoxe só se mantén no mundo xudicial. O maxistrado (en latín magistratus) é o xuíz membro dunha Audiencia ou do Tribunal Supremo, ou o funcionario público con autoridade xudicial.

Entre os demais cargos públicos que ostentaban os políticos romanos, pervive o termo consul, malia que non ten nada a ver coa antiga función que tiña na república romana (era a maxistratura suprema, cos poderes que podería ter hoxe un xefe de Estado); un cónsul na actualidade é un representante dun país no estranxeiro, que se encarga de protexer os intereses dos súbditos do seu estado no outro.

A palabra dictador (dictator), que era un cargo recoñecido da República romana con validez de seis meses e ao que se recurría en momentos de crise, só ten en común cos dictadores actuais os plenos poderes no cargo.

Edil da palabra latina aedilis actualmente quere dicir “concelleiro, membro dun concello” en linguaxe culta; polo tanto mantén o significado orixinario posto que se encarga aínda hoxe do goberno municipal.

O Censor era o encargado de elaborar o censo (census) dos cidadáns, que se facía cada cinco anos; na actualidade un censor ten o encargo de facer a censura de libros, películas, etc, derivado doutra das tarefas dos antigos censores romanos (censores): vixiar a moralidade pública, protexer os costumes e confeccionar a lista dos posibles membros do senado, da que eliminaban a quen cometera un delito contra a moral ou costumes mediante a nota censoria.

Da época do Imperio, conservamos ademais da propia palabra imperio, do latín imperium, emperador (imperator), príncipe (princeps) “a primeira cabeza, quen ocupa o primeiro lugar”, que era o título oficial dos primeiros emperadores (hoxe tamén temos principado do latino principatus) ou César que de nome propio (proviña do cognomen de Caius Iulius Caesar) pasou a ser sinónimo de emperador, e do que derivan as palabras Zar/Tsar (ruso) e káiser (alemán).

Curiosa é a etimoloxía da palabra candidato ou aspirante para a obtención dun cargo; provén da palabra latina candidatus, “vestido de branco”, posto que co blancor reluciente da súa toga candida podía ser facilmente visto e recoñecido por todo o mundo durante a campaña electoral.

Entre os latinismos temos referéndum, “consulta que se fai ao conxunto de cidadáns dun Estado para que, por sufraxio universal, aprobe ou rexeite unha proposta do goberno”, pero antes dicíase ad referenduma consulta”, posto que había o costume de someter á consulta do pobo as decisións que tomaba o senado.

E para indicar que hai os membros suficientes dun organismo ou colectivo para tomar acordos válidos nunha reunión falamos hoxe de quorum, literalmente “dos cales”, pero significa en realidade “a presenza dos cales é suficiente”, posto que este xenitivo plural do pronombre relativo qui-quae-quod é unha abreviatura da frase latina quorum praesentia sufficit.

En Roma para facer carreira política facía falta ser un bo orador e ter grandes dotes de elocuencia. Abofé que hoxe en día os políticos non se esquecen disto!

Tamén o pobo respectaba e admiraba os seus líderes, sobre todo a Augusto, tal como estes días pasa co novo presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, e ademais en moitos estados americanos utilizan o latín como lema propagandístico, entre outros, o de Virxinia é Sic semper tyrannis (en alusión as verbas pronunciadas polos asasinos de César "Así sempre aos tiranos") ou de Arkansas Regnat populus (“Reina o pobo”) e o de Missouri Salus populi suprema lex estoSexa o benestar do pobo a suprema lei”.

 
 
 

E que dicir do propio billete de Dólar americano, que contén dúas imaxes con máximas latinas: annuit coeptis, novus ordo seclorum e e pluribus unum.

No caso da primeira, annuit coeptis, provén dunha frase do poeta latino Virxilio, que no libro X da súa Eneida, nunha oración por Ascanio, fillo do heroe Eneas, di:

Iuppiter omnipotens audacibus adnue coeptis”, “Xúpiter todopoderoso, favorece as miñas empresas”.

O departamento de Estado de EEUU tradúcea como “El favoreceu as nosas accións”, en referencia a Deus, simbolizado polo ollo da providencia divina.


A segunda, novus ordo seclorum, provén doutra obra de Virxilio, neste caso a cuarta Égloga, que contén esta pasaxe:


Magnus ab integro saeclorum nascitur ordo.

Iam redit et Virgo, redeunt Saturnia Regna,

Iam novas progenies caelo demititur alto.

Xa nace do máis profundo dos séculos unha gran orde,

Xa volve a virxe, volven os reinados de Saturno,

Xa descende do alto ceo unha nova proxenie.

Esta “nova orde dos séculos”, traducida moitas veces coma “nova orde mundial”, foi interpretada polos cristiáns medievais como unha profecía da chegada de Xesucristo, aínda que Virxilio de quen en realidade falaba era da nova realidade política romana, identificada co novo réxime Imperial de Augusto, o primeiro emperador, e coa súa familia, orixe da dinastía imperial coñecida como xulio-claudia.

A última, e pluribus unum, “de moitos, un”, alude á integración das trece colonias americanas para crear un só país, aínda que hoxe en día adquiriu outro significado debido á natureza plural dos Estados Unidos por mor da inmigración (a famosa melting pot, “recipiente de fundición ou crisol de razas”)

Xa sabedes, se vos queredes dedicar ao mundo da política, no espello de quen vos tedes que mirar! Os Estados Unidos tivérono moi claro!

Por que recibimos unha herdanza lexica romana tan abrumadora no campo da política? Ten que ver, quizais, cos réximes políticos que seguiron á caída do imperio romano?

Temos tamén moitos termos procedentes da organización social da antiga Roma (socialista de sociuscompañeiro, aliado” dá nome hoxe a un partido político).

En latín, a comunidade de cidadáns e a mesma cidadanía dicíase civitas, derivado de civis, “cidadán” (derivan de aquí civil, civilización, civilizar, incivil, cidadán, cidade...)

Os romanos, igual que os gregos, crían que só na cidade podíase desenvolver a cultura, oposta ao rústico (do latín rus, “campo”), ao salvaxe. A palabra urbs designa á cidade como marco físico, e de aí proveñen urbano, urbanismo, urbanidade, urbanizar, urbanizable, urbanización, urbanícola, interurbano, suburbano, suburbio..

Pobo provén de populus (e de popular toma o nome outro partido político actual).

A palabra clase é de orixe grega pero herdámola a través da romana classis, “división do pobo romano”, que xa en tempos do rei Servio Tulio foi dividido en clases segundo a súa riqueza, traducida en posesión de terras. Atendendo a esa división repartíanse tanto os postos do exército (os máis ricos cabalería e infantería pesada) como a orde nas votacións (eran moitas máis e votaban antes as centurias das primeiras clases). Ademais de clase social ten moitas accepcions: categoría en xeral, grupo de alumnos, etc.

Os cidadáns de clase alta eran os patricios (patricii ou descendentes dos fundadores ou patres da cidade) ou optimates (de optimus superlativo de bonus, como de aristós en grego procede o termo aristócratas), os cidadáns de rúa eran os plebeos (plebeii) de plebs (plebe, plebeo, plebiscito), homes libres pero que non gozaban de todos os dereitos. Hoxe falamos de patricio como sinónimo de nobre ou de persoa que destaca polas súas orixes ou virtudes, e de plebeo como propio da plebe, pero tamén como sinónimo de acción mesquiña ou baixa, e temos plebiscito como sinónimo de consulta popular sobre un acto de goberno, no que o pobo ten a facultade de aprobalo ou rexeitalo.

Aos estranxeiros que residían na cidade os atenienses denomináronos metecos e os romanos peregrini. Peregrinus vén de per + agercampo”, palabra que conservamos no significado de “persoa que vai en peregrinación, viaxeiro”, pero tamén como algo “raro, insólito ou extraordinario”.

Os estranxeiros que ían a Roma para mellorar a súa calidade de vida eran os clientes e poñíanse de xeito voluntario baixo a protección dun patricio, denominado patronus, que os mantiña, defendía nos xuízos e mesmo podía agasallar cun lote de terras; durante a República, a causa dun empobrecemento de parte da plebs, moitos plebeos arruinados víronse forzados a depender de cidadáns ricos. O patrón mantíñaos a cambio de obter apoio político. Cada mañá o cliente visitaba ao patrón e este dáballe unha cesta con víveres. Cantos máis clientes máis oportunidades políticas! Hoxe todos somos clientes dunha tenda, dun bar, dunha compañía telefónica ou dun avogado.

Os cabaleiros eran, tanto en Grecia como Roma, unha clase intermedia de xente moi rica, que se podía permitir o luxo de ter un cabalo (caballus). Nas orixes de Roma eran a garda persoal do rei, como o foron despois os cabaleiros medievais. Hoxe, á parte do significado de xinete, temos tamén o de persoa honorable, fiel, galante, señor.

Os proletarii eran os membros da clase social máis baixa e recibían este nome porque o único que podían aportar como posesión eran os seus propios fillos (proles, “descendencia, posteridade”); hoxe a maioría somos proletarios posto que dependemos dun soldo: obreiros, traballadores, asalariados.

Os escravos, persoas que non gozaban de liberdade posto que pasaran a ser propiedade dun home que era o seu dono (dominus), en latín recibían o nome de servi, de onde derivan palabras como servo, servil, servidume, servizo, autoservizo, servicial, servir...

FONTES

Comments