![]() O CMUS Xoán Montes de Lugo é un Conservatorio Profesional de Música
situado na cidade de Lugo, onde se imparten ensinanzas de réxime
especial de música elementais e profesionais, concretamente das
especialidades de piano, violín, viola, violoncello, contrabaixo, guitarra, acordeón, gaita, canto, frauta traveseira, clarinete, óboe,
fagot, trompeta, trombón, trompa, tuba e percusión. É un dos sete
centros públicos destas características dependentes da Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, e
a el están adscritos e da soporte administrativo a varios
conservatorios privados da provincia, tales como o Conservatorio
Profesional de Música de Vilalba, o de Viveiro, o “Adagio” e “Mestre
Ibáñez” de Monforte de Lemos, o “Cantiga” de Sarria, o Centro
Profesional de Música “Fingoi” e o Galén de Lugo. O Conservatorio Profesional de Música de Lugo foi creado pola Consellería de Educación no ano 1995, comezando as súas ensinanzas como centro público no curso 1995-1996, sendo a súa ubicación ata o curso 2002-2003 na rúa Frai Prácido Rei de Lemos. Foi no curso 2002-2003 cando o Conservatorio Profesional de Música de Lugo comeza a súa etapa nas instalacións actuais. Un novo edificio de deseño moderno e moi luminoso que se atopa nunha zona en expansión da cidade próxima ó
campus universitario, e que comparte recinto con outros dous centros de
características arquitectónicas similares: o Conservatorio Profesional de Danza (CDAN) e a Escola Oficial de Idiomas (EOI). Na cidade
existen outros dous Conservatorios Profesionais de Música privados e
unha Escola Municipal de Música. Esta nova localización permitiunos facer mais
atractivo o centro, podendo ofrecer mellores condicións para impartir as
ensinanzas. Esto facilitounos unha mellora na
organización e aproveitamento do tempo do alumnado, a posibilidade dunha
configuración de horarios máis funcionáis e a programación de
actividades complementarias e extraescolares de interese para toda a
comunidade educativa. O edificio conta cun total de trinta e oito aulas, trece cabinas de estudo, unha aula de usos múltiples, biblioteca, fonoteca, sala de profesores, un local para alumnos, seis despachos para os departamentos, catro despachos para os membros do equipo directivo, salas de administración e conserxería, ascensor con cabida para traslado de instrumentos, acceso para minusválidos, espazo para cafetería, aparcadoiro na parte traseira do edificio e un auditorio cun aforo de 200 persoas e sistema de grabación de audio, do cal hai que eloxiar a súa excelente acústica corroborada por intérpretes e agrupacións que nos visitaron ao longo destes anos. O cadro de persoal do centro está formada por 54 profesores e 6 empregados non docentes. Dos 549 alumnos matriculados no curso 2016-2017 (304 no Grao Elemental e 245 no Grao Profesional), a súa meirande parte proceden da cidade de Lugo. Compre sinalar que o CMUS Xoán Montes acolle un número considerable de estudantes doutras localidades. Moitos destes estudantes comezaron a súa aprendizaxe musical nos diversos Conservatorios Municipais e Escolas de Música que existen nas diferentes vilas da provincia. No ano 2014 o centro pasa a denominarse Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, levando así na súa nomenclatura o recoñecemento ó insigne músico lucense. ![]() No curso 2016-2017, o CMUS Xoán Montes comeza a súa andaina nos programas internacionais coa solicitude do seu primeiro Proxecto Erasmus+. Esta solicititude foi aprobada pola nosa Axencia Nacional, polo que durante os cursos 2017-19, puidemos levar a cabo o noso primeiro Proxecto Erasmus. Despois dunha primeira experiencia Erasmus moi positiva, no CMUS Xoán Montes nos decidimos a darlle continuidade a esta andaina europea presentando un novo proxecto para poder seguir medrando como centro a todos os niveis. Ó longo dos cursos 2019-2021 faremos realidade este segundo e enriquecedor proxecto. |