PCR 2014: Guatemala


Este espazo reflexa as experiencias dos bolseiros PCR deste ano: Lucía García-Cernuda e Sabela Girón. Desexamos que poidades ter unha experiencia significativa e poida contribuir na vosa formación.

Sprint e final

publicado a la‎(s)‎ 12 nov. 2014 3:59 por Sabela GG   [ actualizado el 12 nov. 2014 4:18 por Lucía Cernuda ]

A semana que sucedeu á nosa visita ao Lago Atitlán, como comentaba Lucía, non se presentou nada apetecible. Quedaba moito por facer, todo o traballo de campo que iamos experimentar, e o noso regreso e despedida de Guatemala estaba á volta da esquina; é dicir, á semana seguinte. Chegamos do lago o luns, festivo no país, pero non para nós, que debiamos preparar a documentación para que o martes puideramos facer as validacións das vivendas que o Consejo de Autoridades priorizara para o proxecto. Así foi como comemos ben cedo para estar á unha en Nueva Cajolá, reuníndonos cunha pequena representación desta comunidade que a continuación nos acompañaría facer as visitas ás dez familias que recibirían vivenda. Tras moita calor, pó e cansanzo, rematamos cara ás catro e media da tarde e chegamos a Cuchuapán, a outra comunidade priorizada, preto dunha hora despois. Novamente recibíronnos un grupo de persoas representantes da poboación, algunhas formaban parte dos COCODE. Desta volta, agradecemos que as presentacións e demais verbas intercambiadas antes de pasar ás visitas, foran menos ca en Nueva Cajolá, pois só desexabamos acabar canto antes e voltar para casiña. Mais logo de visitar ás tres primeiras familias, a noite botóusenos enriba. Os días anteriores chovera con ganas e nestas comunidades, especialmente en Cuchuapán, a lama protagonizaba calqueira camiño. O coche só podía pasar polos principais para non quedar enterrado, así que o que tocou enterrar foi os pés e, tendo que chegar andando a cada unha das casas que restaban, chegamos co barro até os xeonllos, e o coche, ao que subiamos e baixabamos de cada vez, non volveu ser o mesmo.

Xa de volta en Reu, cansadas e coa imperiosa necesidade dunha ducha, dispuxémonos a pensar no seguinte obxectivo: para o xoves estaba planeado comezar coas visitas ás 60 familias que participarían nos talleres de hábitos domiciliares saudables. Lucía e máis eu habiamos de rematar o deseño das boletas, as fichas de 24 debuxiños coas que deberiamos de avaliar a situación en que se atopaba cada familia neste ámbito. A idea consistía en que recolleramos por medio dun código de cores (vermello, amarelo ou verde) o resultado observado para cada aspecto e lle deixaramos á familia unha folla onde viran esta puntuación en cada un dos debuxiños, de fácil identificación, para que chegada unha segunda visita ao final do proxecto puideran ter mellorado aqueles hábitos perxudiciais para a saúde nas súas vivendas. A un día de comezarmos con esta actividade, aínda nos quedaba rematar os debuxos, facer o deseño definitivo, levalo a dúas reprografías para probar a mellor das impresións e emplasticados e que na escollida nos fixeran o traballo para o día seguinte. Chegado o mércores pola maña e dispostas a facer a primeira impresión antes de comer, unha bendita chamada de Farmamundi nos comunicou que certa reunión que tiñamos o venres polo tema dos centros de saúde quedaba suspendida, así que sen pensalo dúas veces, chamamos a Cruz, traballador de ASIAPRODI, e lle pedimos que cambiara as visitas do día seguinte para o venres que agora nos quedara libre. Así, o tema das boletas pasou a urxir, pero non afogarnos, o deseño case estaba e a proba iámola facer o mesmo día, pero a impresión podía agardar un día máis. Pero como ese pouquiño de relax non se debía corresponder co que viría nos días seguintes, cando chegou Cruz cara á tardiña, resultou que non entendera ben o recado, a xente seguía convocada para o xoves ás 8 da mañá. E as boletas seguían sen imprimir... Estresado todo o mundo outra vez, atopamos en Reu un marabilloso local onde un matrimonio estivo a imprimir e plastificarnos as boletas até as nove da noite e logo de darlles mil gracias, puidemos voltar para casa coas 30 boletas coas que traballariamos para as familias de Nueva Cajolá. Cruz nos recibiu cunha mirada de alivio polo malentendido que se ocasionara ao longo do día e un gran sorriso. O caso foi que, estando ordenando xa toda a documentación para as visitas, un dos debuxos feitos non estaba nas boletas; un pequeno fallo, repetido 30 veces...

Chegadas as 8 da mañá do xoves puidemos comezar coa actividade, cunha reunión previa onde explicamos como funcionaría todo, como nos repartiriamos en tres grupos para facer as visitas a cada familia e en que consistiría a dinámica (ademais do pequeno fallo no debuxiño tal da columna cal...). Todo foi ben, moi canso pero ben. Os criterios, explicacións e niveis de esixencia para cada aspecto foron variando ao longo do día, mais todo serviu para que, chegado o martes seguinte, cando fixemos o mesmo en Cuchuapán, a análise e resultados recollidos foran máis exactos, pois moitos erros xa estaban corrixidos e a efectividade, logo de tanta práctica, foi moito maior.



O venres foi o único día da semana no que puidemos acougar un chisco, aínda que o adicamos, case por completo, a rematar os planos dos centros de saúde de Quetzaltenango, que voltariamos visitar o luns. A axenda non deixaba ocos, o sábado tocou ir á capital buscar a Adrián, que logo do peor da tormenta, voltaba para caer de golpe no estrés, nos malentendidos, nas decisións de última hora e no moito traballo que quedaba por facer. O domingo tivemos as reunións cos albaneis e maestros de obra que participarían na construción e a firma dos acordos de compromiso por parte das familias que recibirían vivenda. A cousa non foi doada, pois a redución de orzamento deste proxecto afectou tamén a este sector. Unha vez máis acabamos de noite en Cuchuapán, unha cuestión que non favorece en nada ás fotografías nin a saír impune dos ataques dos zancudos. O luns tocou visitar Xela e reunirnos coas directoras de cada centro para coñecer en profundidade as necesidades de mellora, ademais dunha reunión vía telemática que houbemos de manter cos compañeiros do grupo de ASF-Galicia nunhas condicións nada comúns: metidas no coche. O martes rematamos coa nosa encomenda de visitar ás familias de Cuchuapán e realizar o estudo dos hábitos domiciliares e o mércores tocou despedirse de Reu, da casa, dos armarios... E de todo o vivido naquelas paredes, naquelas rúas e naquel lugar. Voltamos para a capital, o xoves á mañá tiñamos o avión alí. Marchabamos de Guatemala.



E aquí queda a simpática proba dun dos cambios que se produciron ao longo da nosa estadía neste piso de Reu. Ao chegarmos, a todos e cada un de nós os catro atemorizáronnos estes xigantes que acompañaban a cada cuarto. Ao final, rematamos por collerlles cariño, se é que se pode facer iso cun moble. Por incrible que pareza, non foi senón até o remate da experiencia que caímos na conta de que xamais volveríamos ter tanto espazo para gardar as cousas! Ou bueno, cicais si que podería haber outra oportunidade, de habela para voltar a velos, de voltar a Reu...

E sen máis que contar, pois xa estamos de volta na realidade que xa coñeciamos, me despido, máis non sen antes deixarlle os meus inmensos agradecementos á Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC por brindarnos esta oportunidade, a todo o grupo de ASF por confiar en min para mandarme tan lonxe e coa responsabilidade correspondente, e sobretodo aos compañeiros desta aventura, a Lara, Adrián e Lucía, por compartiren comigo tantas cousas, por deixarme disfrutar de todo o que coñecín alá e por portarse tan ben en todo momento, que nin capaz son de plantexarme que puidera ter habido compañeiros mellores. Por iso, a todos eles lles deixo unha aperta ben grande.

PD. Despois de escribir Sabelinha, é moi difícil engadir nada. Gracias tamén a ti, rapaza. Despídome de todos vós, agardo resultase interesante de ler, como para min foi escribilo. Un abrazo, Lucía.

Unha semana tranquiliña.

publicado a la‎(s)‎ 5 nov. 2014 1:44 por Lucía Cernuda   [ actualizado el 5 nov. 2014 1:45 ]

Despois de andar subindo e baixando montes tivemos unha semana tranquila na oficina en Reu. Tiñamos como tarefas redebuxar os planos dos centros de saúde do proxecto da AECID e adaptar o deseño dunha boleta/ficha sobre vivenda saudable para o proxecto da costa.

O traballo de campo que fixeramos foi bastante produtivo, conseguimos levantar as plantas, os alzados e as seccións botándolle tan só un chisco de inventiva. As medidas coincidían bastante ben e aínda que nos faltaron datos puntuais de carpinterías e outros detalles, os planos serviron como base para que Lara e Adrián comezaran a preparar a intervención.

O proxecto da costa, como xa comentamos, ten un resultado sobre hábitos domiciliares saudables. Para levalo a cabo vanse realizar as seguintes actividades:

- Unha primeira visita ás familias beneficiarias para medir a situación actual da súa vivenda.

- Tres talleres sobre capacitacións a saúde na vivenda aos que asistirán estas familias.

- Unha segunda visita ás familias para medir a situación posterior da familia e observar se houbo evolución.

Para estas visitas tiñamos que adaptar unha boleta extraída da guía Hacia una vivienda saludable editada pola Organización Panamericana de la Salud. O obxectivo era facela recoñecible pola poboación beneficiaria, é dicir, adaptala á realidade da costa guatemalteca. Toda a información da boleta tiña que ser gráfica para que fora entendida por todas as persoas participantes. Así que comezamos a debuxar.

Creo que foi a semana máis rutinaria que tivemos.  O noso horario foi o seguinte: erguerse cedo, traballar, un gran almorzo, seguir traballando, baixar aos recados, xantar, mais traballo á tarde, asistir á nosa actividade de ocio deportivo, cea na casiña, traballar e pasade pra cama, rapaces que xa é hora. Creo que todos agradecemos esa tranquilidade de ... catro días.

O sábado de novo á estrada, rumbo á capital. Despedimos a Adrián no aeroporto e nós marchamos cara ao noso destino de fin de semana, o lago Atitlán. Era unha viaxe moi esperada polo ben que tíñamos oído falar do lugar. Ademais viñan con nós Ana Amaro, unha antiga compañeira do programa Oxlajuj Tz'ikin e Lía, a súa pequena.

O lago está rodeado por tres volcáns  e numerosas vilas, cada una con cadanseu carácter.  Para non conducir de noite, despois de todos os km recorridos durante ese día, decidimos quedarnos en Panajachel. Á mañá seguinte, despois dun bo almorzo saímos no barco rumbo a San Pedro. O que podía parecer un apetecible paseo polo lago baixo a elegante figura do Atitlán non ía ser tranquilo e tocounos dar botes debido á "velocidade de crucero". Unha vez en terra firme achegámonos en mototaxi ata San Juan para ver as cooperativas de artesanía e pinturas propias do lugar. Recorremos as rúas visitando as pequenas tendas e galerías.  Despois volvemos a San Pedro, onde pasaríamos a tardiña nunha linda piscina de auga quente. O luns amenceu soleado e  non resistimos a tentación de darnos un baño no propio lago. Nadar na inmensidade do Atitlán rodeadas polos seus cerros e volcáns foi unha gran experiencia para pechar a fin de semana.

Tocaba volver a Reu e vivir as semanas máis estresantes da nosa estadía, pero, ai! namentres, na auga, ninguén sospeitaba nada.




Continuamos avanzando!

publicado a la‎(s)‎ 31 oct. 2014 3:02 por Sabela GG   [ actualizado el 2 nov. 2014 13:07 ]

Avanzando, subindo, baixando, volvendo a subir e... Si, volvendo a baixar, porque cando un fai unha excursión a certo volcán, parece que cunha soa vez que subes e baixas, non chega.

Tras volver de Xela, pola mañá do xoves 9 de outubro ben cediño, pasamos por Reu e sen tempo para poder almorzar en condicións, marchamos para Champerico porque alí tiñamos unha reunión coa municipalidade ás 8 da mañá para presentarlle o proxecto entre as tres asociacións que traballariamos xuntas: nós, ASIAPRODI e a FODHAP. Logo dunha non sorprendente espera (xa se sabe o que pasa coas cousas de palacio...) reunímonos co alcalde, que nos recibiu a todos no seu modesto despacho con tres sofás onde nos acomodamos as dez persoas que acudimos, cheo de fotos de Champerico e de trofeos que el mesmo, por diversos logros, obtivera. Detalles a parte, é curiosa a acertada apreciación que puido facer Lucía ao rematar a reunión, xeralizando un pouco, sobre a coincidencia de certas actitudes que comparten practicamente todos os alcaldes de calqueira parte do mundo...

O caso é que o proxecto non foi mal recibido, o alcalde mostrounos unha cara moi sensibilizada con toda a necesidade que existe actualmente e en especial nas comunidades pertencentes ao municipio no que goberna, nas que nós traballamos. Cicais o máis complicado foi que mostrara interese en apoiar institucionalmente certo punto da liña da que se responsabiliza a FODHAP, a da lei de vivenda na que é moi importante que a municipalidade acompañe ás familias necesitadas; mais logo de debatilo un par de veces, os membros da FODHAP lograron facerlle entender e acordar que se contaría con este apoio e que desde a municipalidade acudirían aos seminarios que impartirán no mes de decembro. Ao rematar a reunión, co tempo xusto para que non nos chovera estando alí, puidemos dar un paseo até a praia de Champerico, cumprindo co desexo dos compañeiros da FODHAP, que vivindo na capital non tiñan a oportunidade de visitala desde facía uns cantos anos e co noso, de Lucía e máis meu, de “reconciliarnos” con este lugar, polo noso anterior e primeiro encontro, un tanto atropelado.

Coa volta a Reu puidemos descansar do traballo “de campo”, mais continuamos desde a oficina até o día seguinte, ao tempo que pensabamos na nosa seguinte parada: o volcán Acatenango, que tras moito cavilar, decidiramos subir cun grupo de montañeiros cos que Lara, Adri e algún que outro PCR anterior xa fixeran algunha excursión e sempre resultaran en experiencias únicas e impresionantes, inda que tamén algo duras polo esforzo físico correspondente. Desde a páxina da asociación, viramos que o reto non se plantexaba fácil: subir o Acatenango a madrugada do sábado, baixar até a horqueta que o une co Volcán de Fuego (un dos tres en actividade de Guatemala, cuestión que a alguén por aquí lle preocupaba, digamos que un chisquiño...), pasar a noite alí, facer opcionalmente unha saída nocturna para un novo ascenso, subir pola mañán ao de Fuego para ver o amencer (non ao cume en erupción, senón a outro máis baixo, supostamente fóra de perigo), baixar outra vez á horqueta e desfacer o camiño andado, é dicir, subir outra vez ao Acatenango e baixar para voltar á pequena vila desde onde comezaramos a ascender: ollo ao dato, chamábase “La Soledad”.

Desde a asociación propuñan quedar ás dez da noite en Ciudad de Guatemala, viaxar toda a noite e chegar a La Soledad preto das tres da madrugada, para saír cara ás catro e media, puidendo descansar no bus até esta hora. Lara e Adrián, coñecendo esta dinámica nada apetecible para a véspera do ascenso a un volcán por experiencias anteriores, acordaron con nós que era mellor achegarnos nós mesmos en coche até este lugar, pasando a primeira parte da noite en Antigua, a vila máis próxima, e achegarnos para estar no lugar de comezo da excursión á hora precisa. O plan estaba feito, todo parecía amañado e, sen embargo, nada puido saír como esperabamos. Para comezar chegamos máis tarde a Antigua do previsto, a noite e o tráfico nunca son bos compañeiros para viaxar aquí en Guatemala, e nesas condicións o coche comezou a fallar, a perder forza nas subidas, e nós tiñamos que chegar até unha vila no medio da montaña, en plena noite e por camiños non asfaltados... Precisabamos un cambio de plan. Así, ao chegar a Antigua chamamos aos que xa viñan desde a capital no autobús e lles pedimos que ao pasar por alí, a iso das doce e media, nos recolleran. E así foi como comezou a nosa a aventura de subir a un volcán de case 4000 metros de altura, sen durmir. Para máis inri, o bus viña xa con xente de máis, de pé, e nós tivemos que acomodarnos entre algunhas persoas amables que se apretaron un pouco máis para que puideramos sentarnos. Inda así, o sono non chegou, a viaxe foi moi incómoda e ao chegar á vila de partida, o frío era tanto que nin descansar un pouco puidemos.

Nestas condicións comezamos a subir. Eu, por pequeneira e non habituada a facer moito exercicio, por moito que nos aproveitaramos nas semanas anteriores de ter en Reu unha piscina olímpica, xa sabía que non ía ser un reto doado de lidiar, máis só quedaba aguantar e seguir, pasiño a pasiño, cara adiante. Así, tras máis de dez horas de ascenso, chegamos ao cume do Acatenango. Polo camiño soubemos que as vistas desde este volcán competían entre as mellores dos de Guatemala, algunha nube non nos deixaba disfrutar plenamente delas, máis agardabamos esperanzados que ao chegar arriba se despesaxe e puideramos ser partícipes diso que contan, sobre que todo o sobresforzo sufrido durante o ascenso dun volcán, vése máis que recompensado cando un chega arriba e pode contemplar unhas vistas marabillosas. Así foi como cada vez chegaron máis nubes e máis, máis e moito máis frío. Iamos preparados para a situación e, sen embargo, o pasamos moi mal por este aspecto. Eu, concretamente, non habituada á altitude e máis cun cambio tan grande coma o que estabamos a experimentar chegando desde a costa, sentín bastante a falta de osíxeno; así, pasaba o camiño desexando parar a descansar e cando podía facelo, desexaba volver camiñar porque nin dous minutos tardaba en sentir o aire coma xeo. De todas formas, subir, compartir a ledicia por estar alí, falar coa xente... Entre unhas cousas e outras, nunca cheguei a dubidar de que merecera a pena.




Despois de descansar e durmir un pouco alá no cume, continuamos descendendo cara á horqueta. Novamente non foi un paseo agradable, baixar non é cómodo e o camiño foi bastante máis longo do que esperabamos. Chegamos a montar o campamento cando xa anoitecía e non pensabamos noutra cousa que non fora en durmir. Unha vez máis, o frío apareceu polo medio e non foi cousa fácil pechar os ollos. Ao chegar a madrugada, parte do equipo se dispuxo a subir ao Volcán de Fuego. Nósoutros, oíndo as chamadas e sabendo o que nos podiamos perder, non saímos da tenda e continuamos a loitar por que a temperatura do corpo se termase dentro do saco. O único que nos aliviou desta quenda viu desta parte: o Sol saiu, máis a néboa apareceu densa pouco antes, así que aqueles valentes que subiran contemplalo, nada puideron ver. Logo de almorzar con ganas e recoller outra vez toda a carga, nos dipuxemos a subir outra vez o Acatenango. Había outra opción, que realizou parte do grupo, que era bordear a montaña e non subir até o cume, máis nós preferimos darlle unha segunda oportunidade a esas vistas das que tanto falaban os máis experimentados. Pero como a dinámica non ía cambiar tan facilmente, nada vimos e as nubes continuaron cubríndoo todo. Iso si, a subida tivo algún tramo duro e a última parte da baixada tampouco foi agradable, mais o resto do que camiñamos ese día xa o levamos bastante mellor cao do anterior.

Por último, tras o refrixerio que nos ofreceron ao chegar de volta en La Soledad, o bus que nos estaba a agardar non puido arrancar porque quedara sen batería, así que as nosas ganas de marchar e durmir nunha cama en condicións tiveron que aguantarse media horiña máis, a que viñeran cargala. Xa en Antigua, pedimos un cuarto nun hoteliño bastante cómodo. Ao erguernos á mañán seguinte, isto foi o que puidemos observar:



E a isto só me queda engadir: Acatenango, algún día hei volver.

Tierra fría.

publicado a la‎(s)‎ 24 oct. 2014 10:35 por Lucía Cernuda   [ actualizado el 24 oct. 2014 10:38 ]

Tocounos coñecer Tierra fría.

Durante esta viaxe, ademais do proxecto das vivendas da costa sur, estamos participando na fase de identificación dun convenio entre Farmamundi, ASF e Mugarik Gabe financiado pola cooperación española. O convenio, resumidamente, traballa na desnutrición infantil e a saúde materna e reproductiva en varios municipios do departamento de Quetzaltenango. ASF encárgase da mellora de infraestruturas sanitarias e a nós, concretamente, tocounos ir medir e levantar os planos dos centros de saúde de San Juan Ostuncalco e San Martín Sacatepéquez.

A viaxe a Xela disfrútase. É unha subida continua na que a paisaxe cambia moito e rapidamente. Da calor e vexetación tropical da costa, pasando polo val e as hortas de Zunil ata a luz e as árbores perennes do altiplano. Moito máis recoñecible para nós esta última mirada. O frío e o aroma a pino que sentín ao baixar do carro transportáronme por un intre a outros lugares lonxanos agora.

Despois de arranxar o os papeis do seguro do coche en Xela achegámonos a San Juan. Alí quedaramos co compañeiro de Farma que viría con nós ás visitas. Como aínda non chegara comezamos a sacar fotos do exterior do centro de saúde e un rato despois decidimos entrar e autopresentarnos. Así comezou o traballo, apurado, como case todo aquí, pois tiñamos apenas tres horas para medir os dous edificios, traslado entre ambos incluido.

Hai que dicir que montamos un gran equipo de traballo. Lara encargábase de sacar as fotos e a información necesaria do persoal laboral. Ía falando con todos e todas averiguando  as necesidades, patoloxías, datos estatísticos, da obra, como funcionaba o centro, etc. Así Adri, Sabela e eu tiñamos liberdade de movementos para medir sen ter que atender a ninguén. Eles debuxaban en planta e alzado respectivamente ás medidas que eu tomaba. En tres horas rematamos o primeiro. E fomos bastante eficientes.


Tiñamos que despedirnos rápido e acudir a San Martín onde tamén agardaban por nós. Como era de esperar chegaron a noite e a xeada e nós coa cinta métrica e a cámara ás envoltas.  Finalmente rematamos. O traballo foi intenso e concentrado pero tamén interesante. As condicións dos centros de saúde non son boas. Coñecimos unha realidade da man dos seus propios usuarios. Agora toca facer unha análise e diagnóstico para priorizar as intervencións a realizar.

Rematamos a noite dando un paseo, abrigadas, polo parque central da cidade e ceando unha pizza que nos intentaron facer pasar por calzone nun local pintoresco coa mellor música que atopamos por aquí ata o momento. Iso, aviso, son palabras maiores.

Quedamos con moi boa impresión de Xela. Agora só nos falta volver.

Unha vez asentadas

publicado a la‎(s)‎ 17 oct. 2014 22:46 por Sabela GG   [ actualizado el 27 oct. 2014 20:51 ]

Eiquí estamos outra vez, moi boas!

Xa levamos no piso/oficina de Retalhuleu case tres semanas, estamos aclimatadas e comezando a traballar con certo ritmo porque a volta xa está aí, e con ela as datas límite para rematar as diferentes tarefas que temos que desenvolver durante a nosa estadía por aquí.


Unha vez asentados, a primeira semana continuamos coa tarefa de presentar o proxecto entre as diferentes organizacións coas que habiamos de traballar. Xa tiñamos falado cos responsables de ASIAPRODI, contraparte local e contacto directo coas comunidades beneficiarias; e por outro lado coa FODHAP, asociación de varias organizacións guatemaltecas encargada de levar a cabo a liña do proxecto relacionada coa implantación e difusión da lei de vivenda aprobada en 2012. Así, a seguinte reunión tratou de xuntarnos coas dúas, estrenando así a oficina como tal, e poñendo sobre a mesa os puntos clave para o correcto desenvolvemento do proxecto, as diferentes responsabilidades que se desenvolverían en común e as que cada organización habería de asumir por separado. Esta reunión serviulle aos membros de ASIAPRODI para sentar unhas bases esperanzadoras para o futuro do Consejo de Autoritaridades Comunitarias del Sur, conxunto de persoas encargadas do papel de empoderamento institucional nas comunidades, ás que representan coma líderes e lideresas, que neste momento está a pasar por unha fase de baixa forma, xa que perdeu parte da actividade que conseguira con anteriores proxectos. Por outra banda, os membros asistentes en representación da FODHAP, confirmando a primeira impresión que nos transmitiran de seren persoas moi competentes, dixeron estar ilusionados con este proxecto e verlle espectativas de futuro de cara a continuar a relación con ASIAPRODI, colaborar co seu empoderamento como asociación e comprometerse con esta tarefa, coa fin de continuar na liña da produción social de vivenda. Para concluír a reunión fixáronse as datas para as diferentes capacitacións, seminario e reunión coa municipalidade de Champerico, coa que nos habiamos de ver para presentarlle o proxecto, xa as tres organizacións xuntas, unha semana despois.



O sábado día 4 asistimos á reunión do Consejo de Autoridades, na sede da Cooperativa de bloque situada na comunidade de Andrés Girón La Verde, en Champerico. Coa satisfactoria cifra de dez comunidades presentes, por medio de candanseu líder e sabendo de dúas máis que non puideran asistir por motivo xustificado, presentouse o proxecto con algo de medo a ser recibido con reticencia polas limitacións presupuestarias que ían afectar directamente á disminución da parte construtiva, en comparación con proxectos anteriores. Mais para a nosa sorpresa, as diferentes persoas alí presentes mostráronse moi agradecidas pola volta á actividade de ASF nas comunidades, pola axuda adquirida en programas anteriores e polo bonito recordo que hoxe se conserva deste traballo do que todos se sentiran membros e responsables, porén das diferentes dificultades que daquela puideran xurdir, como é propio de colaboracións desta índole. Foron tamén dignas de mención as intervencións que fixeron Juventina como representante de ASIAPRODI e Damián como representante da cooperativa, dúas persoas moi admiradas nestes ámbitos e das que tanto Lucía coma min oiramos falar con respecto á súa capacidade de palabra, de mover á xente e de crear espectación polo seu discurso; e aínda así, ambas as dúas quedamos pampas ao comprobar até que límites chegaban estas acertadas descricións. Por outra parte, nos sentimos moi ben recibidos, preparóusenos un delicioso almorzo con caldo de chipilín, marisco de champerico e peixe; o peor foi que cometeramos o erro de ir tomar un aperitivo antes, co cal o noso plan de praia para despois da reunión resultou máis “pesado” do que planearamos, mais foi levado a cabo igualmente, Lucía e máis eu precisabamos probar esas augas do Pacífico, era unha desas cuestións a tachar da lista de cousas na nosa oportunidade de virmos a Guatemala. O que resultou máis tarde dese baño nublou bastante as nosas espectativas e non precisamente pola que persoalmente considero unha temperatura marabillosa para a auga, pola paisaxe tropical ou polo ambiente festivo e relaxado da localidade de Champerico, coma de tantas outras neste país. O que experimentamos foi algo que non estaba planeado, que non por iso non contou con menos emoción, pero que certos aspectos me impiden contalo aquí con detalle; en resumo diremos que o baño foi breve, pero intenso.


Coa volta a Reu voltamos ao traballo e a comer frío porque cousas coma conseguir unha bombona de butano, o cilindro, aquí pode levar máis dunha semana. Polo menos, ao longo deste tempo puidemos experimentar até que límites chega a imaxinación para facer ensaladas e diversos pratos sen cociñar cos que Lucía nos sorprendeu e así acabou consagrándose coma a nosa chef de cada día, agora tamén cociñando quente, pero igual de ben. Xente de ASF, que saibades que esta rapaza non só fai ben os postres, aquí hai moito máis para explotar!

E como pensamos que é mellor racionalizar a información para non cansar aos lectores, vos vou deixar sen saber como nos foi na nosa visita á fría Xela, aos centros de saúde máis precarios que xamais viramos, como coñecemos ao alcalde de Champerico ou como nos foi subindo, baixando e volvendo a subir o volcán Acatenango, entre outras cuestións. Así que socios, daquí non marchamos sen quedarmos para mañá. Ata a próxima!

Nas rúas de Reu.

publicado a la‎(s)‎ 7 oct. 2014 11:28 por Lucía Cernuda   [ actualizado el 24 oct. 2014 10:45 ]

Boas.

Hoxe tócame escribir a min, son Lucía e xa fomos presentadas a semana anterior. Teño que puntualizar que non son tan boa compañeira de viaxes como comentouvos Sabela e quedo durmida nos avións. Ela, sen embargo, trouxo encrucillados e galletas de chocolate.

Tócame falar da nosa chegada a Retalhuleu e de como, finalmente, temos casa e oficina. A busca foi ardua e intensa, pero ofreceunos unha visión peculiar e alternativa da vila á que acababamos de chegar. Creo que non hai mellor forma de coñecer un lugar en tan breve período de tempo.

A nosa primeira opción de estancia foi o piso onde xa viviran Lara e Adrián e varios dos nosos compañeiros e compañeiras PCR en anos anteriores. Desafortunadamente, Don Antonio xa o tiña alugado. Unha vez descartada esta baza ideal, comezamos o traballo de campo. Falamos cos nosos contactos, percorremos as rúas de Reu en busca de letreiros de Se Renta Apartamento, preguntamos nas tendas e comercios e ata esgotamos o saldo do móbil varias veces. Vimos sitios de todo tipo; desde construcións inundables e sen fiestras a carón do río ata casas enormes con parqueo para dez coches. Ademais conversamos con moita xente diversa que nos ofreceu unha mostra do carácter da costa guatemalteca.


Dous días despois tiñamos xa cinco finalistas. Procedemos á puntuación con parámetros obxectivos e a sentimento e ¡velaí! Aquí estamos. No apartamento grande do chino misterioso ao que non podemos ver e que  manda emisarios para contactar con nós. A nosa casa é espazosa, con moita luz e ata poderíase dicir fresca, con varios patios e situada ao lado do parque central.  Desde a terraza, cando está despexado vemos no horizonte a Sierra Madre e aos volcáns Santiaguito e Santa María. O piso converteuse tamén na oficina en terreo de Arquitectos Sen Fronteiras durante o proxecto. Temos un comedor amplo para organizar reunións e recibir visitantes.

Soamente botábamos en falta o mobiliario. Levaba nove meses esperando por nós nas bodegas da Cooperativa B'eljuj Q'anil en Champerico. Como teñen xa comentado todos os meus compañeiros previamente é especial esta primeira visita. De repente aquilo do que oíches falar e no que traballaches durante tanto tempo cobra materialidade. Aí estaban o Ranchito das botellas, as tellas, os bloques e Juventina colaborando cun sorriso permanente.



Unha vez comodamente instalados é hora de poñerse a traballar. Hai moito que facer e o tempo escasea. En próximas edicións.

Chegamos!

publicado a la‎(s)‎ 2 oct. 2014 19:32 por Sabela GG   [ actualizado el 24 oct. 2014 10:42 por Lucía Cernuda ]

Buen día! Que din por aquí.

Son Sabela Girón Gesteira. Este ano fun beneficiaria, xunto con Lucía García-Cernuda, da bolsa PCR (Proxecto de Coñecemento da Realidade) ofertada pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC, para termos a oportunidade de vir a Guatemala e colaborar co proxecto que ASF desenvolverá este ano na zona da costa. O proxecto abrangue varias liñas nas que se inclúen construción e mellora de vivenda, capacitacións para a educación en hábitos domiciliares saudables e colaborar coa implantación da nova lei guatemalteca de vivenda de 2012 en varias comunidades do departamento de Retalhuleu. Durante a nosa estadía tentaremos axudar no máximo posible, desde a nosa labor de voluntarias, aos técnicos expatriados Lara e Adrián, que serán os encargados de levar a cabo este proxecto neste terreo, no que contan xa cunha ampla experiencia. Lucía e máis eu pertenciamos xa ao grupo de cooperación internacional, parte do cal segue a desenvolver a labor correspondente desde a sede da demarcación, na Coruña. Desde o grupo puidemos participar, Lucía máis activamente ca min e durante máis tempo, na formulación deste mesmo proxecto, ampliando así o noso interese pola súa correcta elaboración, e posterior aprobación e materialización.


Chegamos a Ciudad de Guatemala o día 19 de setembro, tras máis de 21 horas de terminais, controis, avións, escalas, aduanas, máis avións, máis controis e máis terminais... Realmente penso que o levei ben. O levamos, de feito; teño que facer mención da boa compañeira de viaxe que foi Lucía, que me puido dar conversa, animar a longa viaxe de nove horas que tivemos de Madrid a Miami, e aturar as inevitables queixas que todo isto contrae. Chegamos cara ás sete de media da tarde, hora local de Guatemala, máis ca esgotadas. O noso primeiro inconvinte atopado no caixeiro automático do aeroporto fixo que, dando unha volta máis do previsto, sorprenderamos comicamente polas costas á bonita comitiva que nos foi esperar: parte dos compañeiros de ASIAPRODI, contraparte local coa que se desenvolverá o proxecto, prestáranse a achegar a Adrián e Lara e así irnos buscar todos xuntos. Foi emocionante coñecer nada máis chegar a esas persoas das que tanto oímos falar nas reunións alá en Galicia. Ao chegar ao hotel, porén de seren as oito da tarde, non puidemos intercambiar moito máis de dúas palabras: boas noites.


Estivemos na capital até o mércores seguinte, inda que a fin de semana aproveitamos para coñecer Antigua, unha cidade moi turística e bonita ao pé de varios volcáns que, malia ter unha curiosa lei de patrimonio que impide restaurar calqueira ruína unha vez comeza a caer, non deixou de sorprendernos e puidemos aproveitar esta peculiar característica á nosa maneira. Xa de volta en Guatemala puidemos asistir ás primeiras reunións de toma, ou retoma, de contacto con varias asociacións que participarán connosco no proxecto ou que, dun modo ou outro, resultarán de interese para participar con ASF a longo ou medio prazo. Creo que podo falar no nome das dúas para referirme á gran importancia que tivo para nós asistir a estes encontros e sentirnos parte desa representación da nosa asociación aquí, en Guatemala.



O mércores por fin puidemos deixar o que pensabamos que ía ser o período de hotel para instalarnos en Retalhuleu, o noso destino e onde tería lugar a nosa estadía, máis ao chegar aloxámonos a primeira noite noutro hotel, pois aínda había que buscar vivenda, e esa primeira noite converteuse en varios días de intensa búsqueda onde puidemos obter unha ampla visión da oferta inmobiliaria desta vila. Mais esta historia creo que lla vou deixar a Lucía na seguinte entrada, porque esta xa vai sendo longa de máis para o primeiro achegamento.


Iso si, como dicía o meu benquerido Xabarín, daquí non marchamos sen quedarmos para mañá! Así que intentaremos, agora que xa estamos asentadas e a aptitude para o traballo e as tarefas pendentes van collendo peso, escribir por aquí máis frecuentemente para contarvos as nosas aventuras ou desventuras, segundo aconteza e/ou conveña.


Apertas!

1-7 of 7