vitormejuto

Vítor Mejuto: A temperatura












Os tres, ou catro, que pasades por aquí de cando en vez talvez fixachedesvos na lista de blogs que hai á dereita, aí onde di blogroll. Entre outras xoias ha unha que se chama No tiene pérdida, fotoperiodismo con textos moi afinados por Vítor Mejuto. Esta sorpresa agradable en forma de blog descubrinna logo de coñecer as súas pinturas. Como cando descobres catro meses logo de empezar a saír coa túa moza que ademais toca a guitarra de marabilla.
Vítor Mejuto (Barcelona, 1969, vive en Galicia desde os 10 anos) fai unha pintura por encima de todo constructivista e logo de todo moi no ronsel de Stella. Por un erro de comunicación da Galería Sargadelos de Ferrol non cheguei a tempo de ver a mostra Rebelión de Polígonos, pero xa haberá máis. De momento pódese ver o seu traballo na web vitormejuto.com. Na galería da páxina hai dez series diferentes pero prolongadas entre si. Algo serio.

A obra de Vítor Mejuto é cor, toda a personalidade dun artista, a súa distribución en forma e fondo, as súas relacións deliberadas creando estados psicolóxicos que son temperaturas. As leis da cor son súas, as armoniza, estimúlanos o gusto e afírmao. Algunhas das primeiras obras máis poperas poderían estar nalgún pub setentero de Malasaña pero cada vez sofisticouse máis, máis De Stijl, coma en International Style, ata a Rebelión de polígonos, liberada e vibrante, sen esa gravidade rusa. Nestes tempos, nada bos para a lírica.