Escóllense diferentes poesías e dispóñense por grupos. Deben tratar distintos temas, procurando que sexan de fácil comprensión, tendo en conta a idade do noso alumnado. É importante que figure o autor/a do poema así como o título do libro do que foi sacado para facilitar que lean o resto da obra no caso de que o soliciten (é posible que, ao resultarlles o poema do seu agrado, queiran ler máis, o que sería un valor engadido á actividade)
Pedimos ao alumnado que pensen nunha persoa á que lles gustaría facer un agasallo especial e as razóns que teñen para facelo (podemos suxerirlles a alguén da súa familia: pais, avós...) A continuación entregámoslle as fichas onde escribirán o nome da persoa a quen fan o agasallo, pegarán o poema da súa elección e escribirán os motivos do regalo. Unha vez rematado introdúcenas nun sobre para entregalo á persoa destinataria. No sobre escribirase a frase: "Para unha persoa especial" e debaixo o nome desa persoa e o curso no caso de que sexa algún dos alumnos ou alumnas do cole. As cartas que teñan como destinatario/a a alguén do centro déixanse na biblioteca esperando que o destinatario pase a recollela. Non se notifica a ninguén, debe ser o alumnado o que vaia a preguntar:"HAI VERSOS PARA MIN?"
Podemos realizar a actividade na biblioteca ou recoller os materiais e facelo nas aulas.
Esta actividade admite moitas variantes: que todos os destinatarios sexan alumno/as do centro ou que todos sexan da propia familia do remitente ...
(As fichas, nos adxuntos)
|