O mundo da gaita segue a dar voltas, recollemos aquí algunha delas
27 de xaneiro de 2012 Pasou hoxe o patrón Xosé Seivane. Patrón da nave Seivane, voará quizá dende hoxe polo seu Chao do Pousadoiro, polos lugares onde hai unha gaita co seu nome. A derradeira parola con el, no pasado concurso Bellón, levando un lene bastón, foi sobre "as nosas pezas, o noso xeito de tocar". A Seivane debemoslle tanto o seu saber facer como a súa xenerosidade. Non tivo problema en sentarse con xente nova para explicar o seu saber, para animar a facer máis e mellor. Grazas Xosé, non te esqueceremos, e ánimo á familia, dignos seguidores da súa dignidade. Ista é a reseña que lle dedica o Ateneo Ferrolán, con quen tanto e tan ben colaborou no Constantino Bellón: A Xosé Manuel Seivane Rivas (1921-2012) A Xunta Directiva deste Ateneo Ferrolán quere manifestar o noso máis sentido pésame pola perda de XOSÉ MANUEL SEIVANE RIVAS. Un sentido e agarimoso adeus a un bo e xeneroso, fillo desta terra nosa, creador de tantas gaitas espalladas polo mundo que sen dúbida soarán estremecidas cun ronco son ao coñecer a noticia, pero tamén cun fino e suave son ao lembrar a este galego enteiro e universal. Fillo dun pai ebanista e unha nai cun "marabilloso oído musical", construíu a súa primeira gaita en 1939, recen acabada a Guerra Civil nunha época que como el mesmo definía "na que non había onde agarrarse, unha cousa parecida á de hoxe", inventouse un oficio: Xosé decidiu ser "artesán-construtor” de gaitas. E con el naceu unha dinastía de gaiteiros, músicos e fabricantes, os SEIVANE, un apelido hoxe referencia do ancestral instrumento galego, iniciador desta saga de artesáns e músicos que xa conta coa súa cuarta xeración. Dende o ATENEO FERROLÁN rememoramos a presenza destacada desta figura senlleira, fundamental e básica para a música e a cultura galega. No ano 1997 o Ateneo Ferrolán decidiu concederlle a Gaita de Ouro, mención outorgada no XVII Concurso Internacional de Gaita Galega “Constantino Bellón” pola súa traxectoria. O pasado mes de febreiro do 2011 acudimos á festa do seu 90 aniversario que lle organizaban amigos e familiares. Este pasado mes de agosto tivemos o privilexio de contar coa súa presenza, unha vez máis, no noso XX Concurso Internacional de Composición e Gaita Galega “Constantino Bellón” 2011, facendo persoalmente xunto a súa familia a entrega do Premio Seivane, que dende o ano 2008 e grazas ao seu apoio e doazón, engadiuse ao Punto nº 5 das Bases do “Constantino Bellón referente ao Gaiteiro de Soutelo, que consiste nunha gaita feita e personalizada que será concedida a aquel concursante que, a xuízo do xurado, mellor defina, tanto na súa presenza como na súa interpretación, a imaxe tradicional do gaiteiro. Porque os sonos dun neno deron lugar a un gran mestre. Grazas Xosé polo teu legado! ATENEO FERROLÁN – Xaneiro 2012 15 de outubro de 2011 Airiños de Fene dedican as súas XXIII xornadas a Raparigos. Ler máis. Artigo en La Voz de Galicia 14/10/2011 aquí. Columna Dende Escandoi de Ramón Loureiro, enlace 31 de agosto de 2011 Celébrase a 20 edición do Constantino Bellón, tras o paréntese imposto o ano pasado pola falla de apoio institucional. Falece Anxel Muñoz, tambor de Raparigos, aos 59 anos Tras tres anos de loita pola vida, Anxel nos deixou o lúns 19 de outubro de 2009. Ler o obituario publicado en La Voz de Galicia do día 21. Texto. Sábado 26 de setembro de 2009, 20:00 h Raparigos participa na homenaxe a María Manuela e Xoan Rubia organizada pola banda e asociación "Airiños de Fene" Concerto de apertura do ciclo de música FORUMFOLK no Forum Metropolitano da Coruña. ··· Decembro de 2008, XXI Xornadas da Gaita do Ateneo Ferrolán. Información aquí |