¿MOSTEIRO DE SAN CLODIO DE LEIRO?
Frutos Fernández González
Publicado no Boletín Avriense, t. XXXIV, 2004, pp. 263-266
Dicía un vello profesor meu que a onomástica en xeral e a toponimia en particular son ás veces unha especie de proba do carbono 14 arredor dunha determinada realidade histórica. É por iso que a súa conservación debe ser un dos obxectivos fundamentais da política cultural de calquera pais. A aparición dun par de publicacións referíndose ó Mosteiro de San Clodio como Mosteiro de San Clodio de Leiro[1],[2], fai preciso realizar algunhas anotacións sobre o verdadeiro nome, ou mellor nomes, deste Mosteiro.
Unha das publicacións onde figura Mosteiro de San Clodio de Leiro
Para comezar hai que dicir que denominar como Mosteiro de San Clodio de Leiro ó Mosteiro de San Clodio é unha inexactitude de tal magnitude que sería como chamarlle Mosteiro de Santa María de Cea ó Mosteiro de Oseira, Mosteiro de Santa María de Forcarei ó de Acibeiro ou de Nª Señora de Monistrol ó de Monserrat. A inexactitude non tería maior importancia se unha das publicacións ás que me refiro non aparecese patrocinada pola propia Xunta de Galicia, e dentro da Xunta nada menos que pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
¿Cabe algunha dúbida respecto do nome do Mosteiro de San Clodio? Certamente non. O extenso fondo documental de San Clodio pode suxerir múltiples dúbidas ó investigador en moitos aspectos, pero non neste. Nin sequera hai necesidade de acudir ás fontes directas, basta ir ás publicadas e ler os títulos: El Monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: Estudio y Documentos, de Manuel Lucas Álvarez e Pedro Lucas Domínguez, primeira obra de referencia a que hai que acudir para abordar calquera estudio sobre San Clodio; Santa María de San Clodio, dentro do Monasticón Cisterciense Gallego, Santa María de San Clodio, no Monacato Gallego de Hipólito de Sa; San Clodio do Ribeiro, voz da G.E.G. da autoría do P. Damián Yáñez e, dentro da misma voz, Santa María de San Clodio no estudio artístico de Juan Carlos Valle. O número e autoridade dos investigadores citados xa evitaría calquera insistencia sobre o tema.
O nome correcto: Mosteiro de San Clodio do Ribeiro
Pero, ¿que nos di, ó respecto, un estudio máis polo miúdo das fontes? Pouco máis: Desde o coñecido documento fundacional do Mosteiro de San Clodio polos señores Alvaro e Sabita, no ano 928, o nome de Mosteiro de San Clodio repítese sen engadido de ningún tipo, salvo nalgún documento do século XIV que se refire a el como Mosteiro de San Martiño de San Clodio. A partir de finais do mesmo século XIV faise común a denominación de Mosteiro de San Clodio do Ribeiro de Avia –Moesteiro de San Croio do Ribeiro davia, nos primeiros documentos en galego, que era como gustaba de citalo Otero Pedrayo-, recollendo a denominación da, daquela nova, Terra do Ribeiro de Avia, unha das Terras resultantes da escisión da antiga Terra de Castela. Non en balde, no século XVI, a nova xurisdicción de señorío do mosteiro recibiría o nome de Xurisdicción de San Clodio do Ribeiro de Avia, homónima coa denominación do Mosteiro e, por certo, a única do Ribeiro que levaba o nome da, agora, antiga Terra. Con ese nome de Ribeiro de Avia sería coñecida toda a comarca ata a actualidade. É unha honra que lle cabe ó Mosteiro, á súa xurisdicción e á súa freguesía; independentemente de que ninguén a reivindique. Esta realidade facíalle escribir, no ano 1916, ó noso P. Samuel Eiján Lorenzo, tal vez coa paixón esaxerada do fillo pero non por iso falto de razón, que fronte as rivalidades que daquela traían Ribadavia e O Carballiño polo liderado da comarca, “..., esta cuna, mal que les pese, está allí, está en San Clodio. Es humilde si se quiere, pero gloriosa en su pasado; y nadie, al ahondar en los secretos de la antigûedad, puede sustraer el ánimo a la convicción firmísima de que el Rivero ha nacido para la civilización, se ha formado para la agricultura, al rededor y bajo la influencia del célebre monasterio que es para San Clodio, que debiera ser para todo el Rivero, el dulce imán de sus cariños, la gloria por excelencia entre sus glorias.”
A incorporación do mosteiro de San Clodio á Congregación de Castela, a principios do século XVI, pouco cambiou as cousas no que se refire ó nome do mosteiro, salvo no do padroado da casa que pasou a ser Santa María, acorde coas normas da Congregación. Esta devoción, na súa advocación do Rosario, que segue a ser a patroa da parroquia, foi respectada polos benedictinos na súa derradeira etapa en San Clodio e así se reflicte na iconografía do altar maior da igrexa. A maioría dos documentos do XVI falan do Mosteiro de Santa María de San Clodio do Ribeiro de Avia, ou do Mosteiro de Santa María de San Clodio a secas, e así ata a Desamortización. Logo virían os benedictinos e o mosteiro seguiuse a chamar Mosteiro de San Clodio do Ribeiro de Avia, Mosteiro de Santa María de San Clodio ou Mosteiro de San Clodio. Cando Frei Veremundo Diéguez Arias, refundador de San Clodio, en escritura pública outorgada diante do notario Ricardo Duran y Moure, doaba a propiedade do mosteiro á Comunidade de San Clodio o día 26 de xuño de 1886; declaraba: “Que es dueño en propiedad y pleno dominio de todo el Monasterio de San Clodio del Ribero de Avia, a excepción de la parte correspondiente al Cura Párroco y a la casa de la escuela..”. Ese mesmo ano publicábase na Imprenta de Jesús Alende de Santiago un opúsculo anónimo de título “Compendio de la historia del monasterio de San Claudio del Rivero de Avia”. En fin, a propia Raíña Rexente Dª María Cristina accedía a petición de Fr. Veremundo para establecer unha comunidade benedictina en San Clodio, por Real Orde de 8 de Maio de 1886, nestes termos: “En vista de la instancia elevada a este Ministerio por Fr. Veremundo Díeguez Arias, Monge exclaustrado de la orden de San Benito con fecha 15 de Marzo último, pidiendo autorización para establecer unha Comunidad de Benedictinos en el antiguo Monasterio de San Clodio en el Ribero de Abia, en esa provincia y Diócesis...”.
Algo parecido ocorreu coa freguesía que ten por verdadeiro nome freguesía de Santa María de San Clodio do Ribeiro de Avia. Anque o do Ribeiro de Avia xa llo mutilaron fai tempo, a pesar de que no Diccionario Madoz (1845), pleno século XIX, para atopala aínda hai que buscar na voz Ribero. De novo remitimos ós incrédulos o abondoso fondo de protocolos dos escribáns da antiga xurisdicción de San Clodio. De momento a freguesía xa aparece nun cartel de obras, de novo da Xunta de Galicia, que eu saiba, como San Clodio de Leiro.
En resumo, en toda a historia do vello mosteiro de San Clodio non aparece por ningún lado o nome de Leiro dentro da súa denominación. Non podía ser doutro xeito ó ser Leiro un simple lugar da veciña freguesía de Lebosende no Antigo Réxime. Desde 1836 Leiro pasou a ser capitalidade do novo concello, e San Clodio unha freguesía máis do mesmo. Esa foi en resumo a historia. Aconteceu o mesmo con outros mosteiros desprazados da capitalidade municipal; ó principio da carta citaba uns cantos e hai bastantes máis, pero non por iso perderon o seu vello nome ¿Quen podería estar interesado en que San Clodio o perdera? A resposta a esta pregunta debería ser ninguén, pero tampouco sería a primeira vez que se intenta reescribir a historia. Ben dicía o P. Feijóo que, desde que hai historia escrita, son coñecidos os fortes ventos que, ás veces, torcen as plumas, e a súa orixe. Esperamos que, neste caso, ¡o vento amaine!
. Frutos Fernández González Marzo 2006
|