O Ribeiro como nome: Mito e Historia
Frutos Fernández González
(Traballo publicado en O RIBADAVIENSE na istoria, nº12, ano 2008, pp. 4-5.)
Sempre foron as festas de Galicia unha boa ocasión para a desmitificación de institucións e crenzas de todo tipo. Dentro destas últimas, non son as toponímicas as que precisan menos do san exercicio do escepticismo.
Na busca das raíces históricas dos territorios, sexan estes pequenos pobos, grandes cidades ou mesmo nacións, sucede algo semellante ao que acontece coa maioría dos estudos xenealóxicos: o obxectivo case sempre consiste en atopar un pasado glorioso sobre o que asentar a realidade presente, a miúdo máis prosaica do que sería desexable. Confeccionou Peñafiel de Contreras a árbore xenealóxica de Felipe III, quen resultou ser descendente directo de Adán despois de cento dezaoito sucesións. O duque de Lerma, valido á sazón, non quixo ser menos e encargou a súa: era parente do monarca aínda que certamente afastado; separáranse as dúas ramas da familia nada menos que en Tros, rei de Troia e bisavó de Príamo e Eneas. É verdade que a maioría das nosas familias fidalgas galegas, certamente máis modestas, contentáronse con ser descendentes directas dos reis godos. Algo semellante pasa coa historia dos pobos. Moi coñecida, e difundida, é a teoría –máis ben fantasía- que identifica Ribadavia co oppidum Abobriga de Plinio. Igual mérito se disputan: Baiona, Oia, o monte de Santa Tegra, a cidade de Aveiro en Portugal ..... Para complicar un pouco máis as cousas, nin sequera estamos seguros de que o nome correcto fose Abobriga, pois Pomponio Mela rexistrou Adrobriga. Pero non é de Abobriga do que quero falar, senón de Ribadavia e do Ribeiro. Hai pouco tempo, lía nun xornal un artigo sobre os viños do Ribeiro no que o autor afirmaba que no século XII xa eran viños moi apreciados. Tratarei de demostrarvos que, se falamos con precisión, isto non é admisible. Existían os viños e xa eran moi apreciados, pero non eran viños do Ribeiro. A razón é sinxela: ¡no século XII aínda non existía O Ribeiro! E non existindo O Ribeiro malamente se pode falar de viños do Ribeiro. Como sabedes, “ribeiro” é un derivado do latín ripa, substantivo feminino que fai alusión ás terras que lindan cun río. O substantivo latino aparece detrás do nome desta vila, Ribadavia, antiga Ripa d´Avia. A pesar da claridade do topónimo, un erudito do século XVIII, de nome Juan Antonio de Estrada, escribía unha disparatada e pouco coñecida interpretación sobre o significado de Ribadavia: «Fundáronla Griegos, compañeros de Diomedes, quando Tuy. Después los Hebreos llamaron Avia al río, interpretado Voluntad del Señor; y como está en sus corrientes y Rivera, juntándose voces se dixo Ribadavia». Pois ben, do latín ripa deriva riparia ‘ribeira’. Non obstante, o riparius masculino preciso para ‘ribeiro’ non existía no latín clásico co significado de ribeira. O riparium de ribeiro é palabra do latín medieval e ten, creo eu, unha connotación de tamaño con respecto á forma feminina ribeira, igual ca cesta/cesto, leira/leiro ou poza/pozo, correspondéndolle nestes casos ó masculino o tamaño maior. Se atendemos á diplomática medieval galega, o primeiro ripario que documento é un Ripario Limie no ano 1145. Logo, atopo varias referencias de Ripario(s) microtoponímicos, isto é pequenas paraxes, na beira do Miño. Concretamente, un documento de Oseira de 1219 fala dun Ripario que podería estar na freguesía de Prado, en Castrelo, e un da Catedral de Ourense de 1265 rexistra outro Ripario que eu situaría na freguesía de Puga (Toén). Non obstante, todas esas referencias son de ripario, non de ribeiro. O fenómeno de sonorización das consoantes oclusivas, como é o paso p>b, prolongouse moito no tempo en Galicia. O primeiro ribeiro documental galego, con b, que eu coñezo, nada ten que ver con estas terras e aparece en documento de Samos do ano 982. Trátase dunha doazón que lle fai o confeso Lucito Lucidiz ó devandito mosteiro, que inclúe o “ Ribeiro de Linar Mendiz”, no val do río Neira. Talvez nas nosas terras o fenómeno da sonorización foi un pouco máis tardío, e o certo e que ata o primeiro cuarto do século XIII non rexistro formas con b -as primeiras repiten en varias ocasións o nome do lugar de Ribeira, na freguesía de Lebosende-. É probable que moitos dos ripario(s) documentados nestas terras xa fosen ribeiro(s) na fala antes desas datas, pero, en todo caso, non aludían á Terra do Ribeiro senón a simples casares ou paraxes agrícolas. Iso é o que explica que existan no Ribeiro pequenos pobos e términos co mesmo nome da bisbarra, é o caso do lugar de Ribeiro na freguesía de San Fiz do Barón. A Terra do Ribeiro, especificamente a Terra do Ribeiro de Avia, comeza aparecer na documentación -e a existir como tal-, arredor do final do primeiro cuarto do século XIV. A primeira referencia que atopo é do ano 1325, nun documento de San Clodio que asina «...Afonso Rodriges notario jurado en terra do Ribeyro da Auia...». A partir desta data, as referencias son moi numerosas. A Terra do Ribeiro de Avia era unha das xurisdiccións baixomedievais que resultara da escisión doutra circunscrición máis antiga, a da Terra de Castela, terra e condado que agrupou ata o século XII todo o que son agora as comarcas do Ribeiro e O Carballiño. A Terra do Ribeiro de Avia tivo unha vida relativamente curta, uns escasos cento cincuenta anos. A derradeira noticia da que temos constancia aparece nun documento do libro de notas do concello de Ourense do ano 1467, un ano moi importante na historia de Galicia. Foi o ano no que o pobo chá ó grito de ¡Deus fratresque Galletiae! arremeteu contra dos señores e das súas fortalezas na denominada revolta Irmandiña. A iso refírese o documento, onde lemos «... os do Ribeyro da Ávea e dos ditos partidos tomaran e querían tomar en sí as ditas fortalesas e derribaron Roucos e Formygeiro e Pena Corneyra e querian derribar a Peroja e Cabadoso e Juuencos...». Era o ano 1467, o ano no que ¡os gorrións venceron ós falcóns! Como é ben sabido, a alegría dura pouco na casa dos probes, e dous anos máis tarde regresaron os falcóns; esta vez para quedarse. Unha das víctimas daquelas revoltas foi a Terra do Ribeiro de Avia. Nos novos señoríos xurisdiccionais do século XVI xa non aparecía O Ribeiro de Avia. Soamente a Xurisdicción de San Clodio do Ribeiro de Avia mantería o rastro toponímico da antiga terra. O resto do antigo territorio repartiríase entre diversas xurisdiccións, a maioría de señorío do Conde de Ribadavia. Eran Castro Cavadoso, Roucos, Veiga e Carballeda e Ribadavia, xurisdiccións distintas pero que se recoñecían na práctica co nome unificador de Condado de Ribadavia. Coincide esa época do século XVI coa de maior fama dos nosos viños, e esta é a razón pola que maioritariamente se coñecen, neses anos, e sobre todo fora de Galicia, como vinos de Ribadavia. Aínda así, a desaparición do Ribeiro de Avia como entidade xurisdiccional non foi capaz de eliminar o concepto cultural e xeográfico do Ribeiro, tan axeitado, que xa quedou definitivamente incorporado ó espírito do pobo galego a través da fala. Desde entón, a palabra Ribeiro expresa, coma ningunha outra, esa confluencia secular e ambivalente dun viño e dunha terra cun País. Por iso non dubido eu de que é O Ribeiro un dos nomes que máis se asocia con Galicia e co galego.
En resumo, no século XII aínda non existía o concepto do Ribeiro de Avia, nin como terra diferenciada, nin como entidade administrativa. Existía Castela, e deberíamos falar para esas épocas dos viños de Castela. Xa sei que serán moitos os que renunciarán a tal denominación, uns por considerar innecesarias tales precisións na linguaxe coloquial e outros polas connotacións que pode ter o nome de vellas adulteracións e matutes. Eu diríalles a estes últimos que hai un pequeno matiz: O difamado matute non se facía con viños de Castela, senón con viños de Castilla, que non é o mesmo. Cousas da lingua, e da historia.
O Carballiño, xuño do 2008
|