Desde o Ribeiro

 
 Esta páxina contén os textos de diversos traballos publicados polo autor. No seu blog JEANFRUJO atoparás outros artigos e ensaios, e a posibilidade de publicar as túas propias opinións.
 

Porto Pereiras

A PONTE DE PORTO PEREIRAS
 

 

 

FRUTOS FERNÁNDEZ GONZÁLEZ

 

(Publicado en Argentarium, anexo V, 2008, pp. 37-43) 

 
A thing of beauty is a joy for ever. 

J. Keats.

 

 

 

 

INTRODUCCIÓN

 

                                   Galicia é, segundo afirmaba Cunqueiro, o país dos mil ríos, e ben podería ser tamén, sen esaxerar, o país das dez mil pontes. Foi o mesmo Cunqueiro quen escribiu: “Habrá que hacer en su día el catálogo y elogio de las puentes de nuestros ríos…Bajo ellas pasan aprendiendo mesura y geometría, ... las aguas que brotan,.. del pecho de nuestra tierra antigua.” ¡Cánta razón tiña o grande mestre! Se a ponte é considerada, baixo un punto de vista arquitectónico, como obxecto exemplar da enxeñería e paradigma da obra pública, cánto non debemos respectar as nosas vellas pontes en Galicia?, un país caracterizado tanto pola súa ampla rede hidrográfica coma pola dispersión do poboamento.

 

 

            Moito se ten avanzado desde que Cunqueiro pedira o catálogo das nosas pontes e, neste senso, hai que facer mención dunha publicación fundamental: Puentes Históricos de Galicia[1], obra dos enxeñeiros Segundo Alvarado Blanco, Manuel Duran Fuentes e Carlos Nárdiz Ortiz. Nesta referencia obrigada estúdianse en detalle cincuenta pontes históricas de Galicia,  incidindo sobre todo nos aspectos funcional, formal e constructivo, ademais de incluír como anexo un inventario  que recolle preto de trescentas pontes. Non obstante, no estudo das pontes non sempre é doado coñecer a súa historia; a maioría das veces temos que darnos por satisfeitos se somos capaces de datar correctamente a súa época de construcción. Son monumentos singulares, onde poucas veces atopamos suficiente base documental para clarexar o seu pasado e onde, a miúdo, prende a historia fabulosa, coma nos castros ou en calquera outra construcción antiga. Por iso, cando, coma neste caso, sucede o improbable, é dicir, se atopa o contrato de construcción da ponte e o mestre canteiro, o investigador sinte a especial satisfacción que produce o desvelar os segredos ben gardados.  Moito queda por facer, polo tanto, no estudo das nosas pontes. O que segue é unha minúscula contribución ao coñecemento desta pequena, ponte, a de Porto Pereiras. Descúbrenos, entre outras cousas, a utilización dun xeito novidoso de  financiación destas importantes obras para o común dos veciños.

 

 

O IMPULSO DA FE

 

Na Idade Media, as fábricas das pontes eran consideradas obras boas e meritorias e non eran poucas as persoas que nos seus testamento incluían mandas para contribuír a tan loable empresa. Entre os documentos recollidos por Ferro Couselo na súa Vida e Fala dos Devanceiros[2],  un dos máis antigos que contempla este tipo de mandas é o testamento de Pedro Peláez do Vilar, do ano 1292, e refírese, curiosamente, a pontes do noso entorno  “...mando aa ponte de Poul, se se fezer, e V aa do Arinteyro, se se fezer.. e a ponte de Ourense XX soldos...”.  A importancia do impulso relixioso na construcción de pontes tamén queda ben demostrado nas obras de santos coma San Domingo da Calzada ou San Xoán de Ortega, que participaron na construcción de pontes fundamentais para o Camiño de Santiago. Máis próximo a nós estivo San Pedro Telmo, a quen se lle atribúe a construcción da Ponte de Ribadavia. A propia Ponte San Clodio fíxose por iniciativa dun abade, o derradeiro abade medieval de San Clodio, Rodrigo de San Xes. Algo terían que ver esas orixes coa disposición con que as pequenas freguesías rurais, a maioría das veces sen ningún tipo de axuda exterior, acometeron estas importantes obras durante séculos. Foi un feito histórico sen parangón ao que soamente se lle compara  o esforzo que estas mesmas freguesías fixeron para a construcción dos propios templos  parroquiais. Son dous exemplos que serven para argumentar contra aqueles que atopan no individualismo extremo unha das características da cultura galega.

 

Teñen outra importante cousa en común as igrexas e as pontes: a maioría son de autoría anónima, ou mellor dito: son obra do pobo. E utilizo a palabra pobo co fondo significado que daba Castelao a esta verba. Poucas veces sabemos os nomes dos mestres que traballaron nesas construccións, que son parte fundamental da nosa identidade, e á maioría nunca os coñeceremos. Pero ás veces, coma neste caso, atopamos unha luz que nos alumea. Desvélase entón o segredo, non soamente do nome do mestre, cousa de por si moi importante, senón tamén das diversas vicisitudes que levaron á construcción do monumento. Desas vicisitudes case sempre temos algo que aprender.

 

A ponte obxecto desta breve comunicación é, como dixen, unha ponte humilde, pero fermosa, como a maioría das vellas pontes galegas. Calquera diría que sempre formou parte da paisaxe na que se integra. Ten aquela triple dimensión que xa, no século VII, buscaba o poeta chino Li Tai Po en calquera ponte: o carácter de obra viva, a nobreza dos materiais e a presencia do arco. A de Porto Pereiras, á súa modesta escala, conxuga perfectamente os tres elementos. A descuberta do contrato de construcción súmalle unha cuarta dimensión non menos importante: a natureza do impulso que levou á súa construcción.
 

 

 

 

 O PORTO PEREIRAS

 

                                               O Porto Pereiras é un lugar da freguesía de San Mamede de Xendive, no actual Concello de Boborás. Na época de construcción da ponte, a freguesía reunía uns oitenta veciños repartidos entre os lugares de Nogueira, Meixome, Pico, Xendive, Porto Pereiras e Pereiras[3]. A freguesía pertencía á xurisdicción de Orcellón, señorío do Conde de Monterrey, excepto o lugar de Pereiras que estaba dentro da xurisdicción de Pazos de Arenteiro. Na parroquia chegaron a ter propiedades, entre outros, o Conde de Andrade e o Mosteiro de San Martín Pinario de Santiago.

 

 

 

 

            O lugar de Porto Pereiras, moi preto de Xendive, está situado xusto no punto de encontro de dous ríos, o Viñao, que ven do Irixo, e o río de Nogueiroa, tamén chamado Lovagueira, que ven do Paraño. Confírelle unha especial fermosura á paisaxe de Porto Pereiras e Xendive a súa horizontalidade, nun entorno onde predomina a verticalidade dos montes do Testeiro. O terreo forma aquí un pequeno e feraz val constituído polas veigas que rodean ós dous ríos. Pero, a característica fundamental de Porto Pereiras, e así queda reflectido no topónimo, ven de ser lugar obrigado de paso de importantes e antigas vereas que tiñan que vadear aquí calquera dos dous ríos.

 

A vista de paxaro a silueta do lugar debuxa perfectamente a dirección da verea máis importante; arredor dela foron construíndose, ó longo do tempo, as dúas decenas de casas que aproximadamente forman o lugar. Tratábase da antiga verea de Ourense a Pontevedra polo Paraño. Este camiño de Ourense a Pontevedra por Orcellón, considerado medieval por Elisa Ferreira[4], despois de cruzar o Arenteiro pola ponte Veiga, seguía por Astureses e Xurenzás. Xusto antes de entrar en Porto Pereiras salvaba o Viñao por unha ponte de poldras, que aínda se conserva. Desde Porto Pereiras comezaba a propia ascensión do alto do Paraño, por Cerdeira, para chegar logo ó lugar de As Antas.  O carácter que tiña Porto Pereiras de punto de paso era o que, seguramente, determinaba que as dúas únicas tabernas da freguesía, unha delas estanco, estivesen situadas no lugar a mediados do século XVIII.
 

 
 

 

Porto Pereiras aínda era considerado paso obrigatorio no proxecto de camiño de Ourense a Pontevedra que realizaban, no ano 1804, o comisionado Sr. Acuña, o enxeñeiro D. José López e o Ministro Maior de Camiños D. Melchor Ricoy: “...acordaron ser esta la mas acertada dirección, por lo vistoso y delicioso de su transito todo por lugares poblados, libre de pantanos y otros obstaculos....De Sotelo de Montes se dirige al lugar de las Santas en cuya disancia de una legua, por ser tierra llana, camino hecho por su naturaleza no ofrece gasto alguno....siguiendo por el Paraño en cuyo punto se haya ya hecho un gran trozo de camino hasta el pueblo de Porto Pereyras, distante de las Santas una legua; aqui se necesita un puente de un solo arco... De Porto Pereiras pasa a las Torres distante una legua= De las Torres a Ponte Veiga y Amanderas otra legua corta aqui se necesita un Puente de corta consideración sobre el río Taboada. De Amanderas a Amoeyro media legua= De Amoeyro a Canedo o Puente Ceballos una legua= De Puente Ceballos a Orense otra legua...”. Logo, o proxecto definitivo da nova estrada de Ourense a Pontevedra,  realizado a mediados do século XIX, ó decantarse, no tramo entre o Carballiño e Portela de Lama por la linea vaja o sea por Boboras”[5], deixaría a Porto Pereiras fora desta importante vía de comunicación, e sería a causa definitiva do seu estancamento e decandencia.

 

            Pero a ponte obxecto do noso estudio é a outra ponte de Porto Pereiras, a que está sobre o río de Nogueiroa. Esta ponte servía a outros importantes camiños de Xendive, o que ía a Parada de Laviote e o que ía ó Irixo por Reádigos; este último servía tamén de enlace con vereas que viñan do Ribeiro para Santiago e o Deza. Pero o interese principal do promotor da ponte, como veremos, era unir os lugares da freguesía das dúas bandas do río.

 

O CONTRATO

 

            A escritura do contrato de construcción da ponte outorgouse diante do escribán da xurisdicción de Orcellón D. Jacinto Alonso Romero[6], o día 24 de xuño do ano 1790. Compareceron: D. Pablo Fernández de Castro, abade da freguesía de San Mamede de Xendive, como promotor da obra, e Joseph Monteagudo como mestre canteiro e contratista:

 

«Dentro de las casas rectorales de la feligresia de San Mamed de Gendive, Jurisdicción de Horcellon  a veinte y quatro dias del mes de Junio año de mil sietezientos y noventa ante mi escribano y testigos parezio presente D. Pablo Fernandez de Castro actual abad de la insinuada feligresía e dijo que por  beneficio publico de los lugares de Pereiras, Puerto Pereiras y otros de su parrochia ha resuelto hazer de su quenta un Puente de piedra sobre el río que vaja de Nugueiroa a la parte de arriba en que al presente subsiste un Puente de Palo entre dhos dos lugares y al efecto mando fixar papeletas en varias partes publicas para la concurrencia de Maestros de Cantería En vista de que lo ha executado Joseph Monte Agudo del significado arte vezino de la feligresia de S. Juan de Cerdedo de la Jurisdiccion de Montes que puxo la construcción del referido Puente de piedra en dos mil y  duzientos reales vellón en cuia cantidad desde luego el exponente por virtud de la presente escritura y como mas aia lugar le haze remate vajo las condiciones siguientes: Que el recordado Joseph Monte Agudo ha de azer dho uúente de Piedra vien segura a satisfacción y reconocimientos de Maestro o Maestros facultativos dandola concluída en dho año que rije cuio púente se ha de componer de dos arcos de ocho varas de viento cada uno en su ancho sin incluir lo que pueda ocupar la cepa con su cortamar y el mismo puente ha de tener catorce quartas de ancho con su varandilla de cantería desbastada por todas partes de quatro quartas de alto con todo el largo del repetido Puente y las dovelas de los arcos de dos quartas y media de asta igualmente de cantería, entendiendose lo propio en las puntas del cortamar y tolo lo demas de piedra  pizarra. Que la cal necesaria clavazon Herrero y todo lo demas que sea preciso y no se menciona en esta escritura ha de ser igualmente de quenta del mencionado Joseph Monte Agudo y todo ello por solo la señal dada sin que pueda repedir otra cosa alguna aunque pierda cantidad.... que para la tal  construcción del puente de piedra unicamente le ha de azer contribuír el señalado exponente con el servicio necesario de carretos, peones carpinteros y maderas y de entrada le entregará mil reais de vellón y los mil y duzientos restantes de concluido y acabado que sea el referido Puente previo su reconocimiento por otro Maestro a que se obliga dho exponente en legal forma; Presentemente el expresado Joseph Monte Agudo que enterado de las condiciones extipuladas se obligo con su persona y todos sus bienes..... su fiador a Juan de Firvida el maior vezino del citado lugar de Puerto Pereiras de la mesma fra. de Gendive......otorgaron firma el referido D. Pablo y no el Monte Agudo y Firvida por ..no saber de sus ruegos lo aze un testigo que lo fueron presenciales D. Phelipe Gil de Ventosa, Francisco Das Alas y Balthasar da Caiña, vezinos de la propia feligresia de Gendive...»

 

            O primeiro feito singular e salientable do contrato é que o cura párroco asumise o custe total da obra:  ha resuelto hazer de su quenta. Máis normal resulta que o mestre canteiro fose orixinario da Terra de Montes. Un bo número de mestres canteiros das nosas pontes viñeron desas terras. Tres exemplos próximos: a fermosa ponte de Pazos sobre o Avia, onde descubrimos a autoría, no primeiro cuarto do século XVIII, do mestre Carlos de Rivas, veciño de San Salvador de Xirazga[7]; a pontiña de poldras do campo de Suatorre de Leiro realizada por Manuel Cota, veciño de A Lama, a mediados do século XIX; e a Ponte da Esperela, de finais dese mesmo século, de novo sobre o Avia, onde foi mestre canteiro José Cerviño, patriarca dos Cerviño que se estableceron por estas terras, que era natural de Augasantas, no Concello de Cotobade, e curmán do famoso mestre Cerviño, autor de obras tan coñecidas como o Cruceiro de Hio, de algúns dos pasos da Semana Santa de Cangas e tamén de dous artísticos panteóns no cemiterio de O Carballiño

 

            O baixo presuposto da obra, dous mil douscentos reas, en comparación co de outras pontes semellantes, non debe levar a engano. Todo o servizo de carretos, peóns, carpinteiros e madeiras corría a cargo do señor abade, que supoñemos contou coa colaboración desinteresada de toda a veciñanza da freguesía. A forma de pago era a normal neste tipo de contratos, deixaba unha parte importante do montante total pendente de cobro ata  a finalización da obra, e previo visado da mesma por un mestre recoñecido.

 

 

A PONTE

 

            A ponte consta de dous arcos de sillería granítica de directriz semicircular e presenta un perfil horizontal de clave a clave. Cada arco ten unha luz de, aproximadamente, 6,5 metros. Este valor coincide moi ben co establecido no contrato, ocho varas, se temos en conta que cada vara equivalía, aproximadamente, a 84 cm. As dovelas dos arcos teñen 55 cm de lonxitude, tamén a medida establecida no contrato, dos quartas y media de asta, pois cada cuarta equivalía a 21 cm. A pila central ten unha anchura de 2,10 m. Presenta tallamar triangular contra a corrente, que non alcanza o nivel da calzada,  e espolón da mesma altura pola parte de abaixo.

 

 

 

            A calzada, enlousada recentemente, parece ser que coas pedras orixinais, ten un ancho de 3 m, as 14 cuartas contempladas no contrato. Desapareceron os peitorís orixinais despois dunha crecida. Agora presenta unha barandilla metálica, coa que a ponte gañou en anchura, o que facilita o tráfico por ela, pero a súa estética resultou moi desmellorada. Os paramentos dos muros e tímpanos están feitos de cantería regular ben labrada. Este é o único aspecto no que non se respectou o contrato, que falaba de: todo lo demas de piedra  pizarra. É de supoñer que este cambio, moi favorable para a estructura da ponte, encarecería algo o custo da obra, e que se decidiría con ela comezada.
 

           

Entre as pontes galegas non abondan as de dous arcos, coma esta de Porto Pereiras; non obstante, nas proximidades atopamos dúas moi semellantes. A de Pontarriza, con dous arcos de 10,22 e 11,10 metros de luces, ponte que por estes anos precisaba unha reparación[8], e a Ponte de Brués, con dous arcos oxivais de 7,20 e 7,70 metros e rasante horizontal. Non me estrañaría que esta última tivese servido de modelo, salvo na directriz dos arcos, para a ponte de Porto Pereiras.

 

 

 

CONCLUSIÓN

 

            A magnífica fábrica da ponte de Porto Pereiras, pasados máis de douscentos anos desde a súa construcción, aínda presente un estado de conservación excelente, a pesar das moitas crecidas do río que leva sufrido. Puiden ver o orgullo con que me falaban da ponte os poucos veciños que quedan no pobo: recoñecían a obra ben feita. Eu pensaba, mentres falaban, na gran riqueza dun país onde as xentes de calquera pequeno lugar sempre tiñan algunha obra da que estar orgullosos, e dubidaba que fose o mesmo ca este onde os veciños sempre teñen unha obra próxima da que avergonzarse.

 

O mestre, Joseph Monteagudo, non puido asinar o contrato por non saber escribir -máis ben porque nunca llo ensinaran-, pero sabía facer ben o seu traballo. Así eran unha boa parte dos nosos artistas, xentes humildes do pobo que aprenderan o oficio desde nenos, inmersos nas tradicións constructivas dos seus mestres e así xeración tras xeración.

 

            Adoitamos buscar os grandes nomes para construír a historia e esquecemos que a maior parte do noso patrimonio provén do traballo de multitude de pequenos nomes. A mesma multitude de pequenos nomes que, por certo, se encargaron de conservalo, un feito que esquecen case sempre as institucións que agora se ocupan de tal cometido. Joseph Monteagudo ou D. Pablo Fernández Castro foron dous deses pequenos nomes, e, como escribía Walter Benjamin: “ tarefa máis ardua é honrar a memoria dos seres anónimos cá das persoas célebres: A construcción histórica está consagrada á memoria dos que non teñen nome.

             

 

O Carballiño abril do 2006

 

 

 

 

 

 

 



[1] ALVARADO S. e col. “Puentes históricos de Galicia”. Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos. Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.  A Coruña 1989.

[2] FERRO COUSELO X. (1967). “A vida e a fala dos devanceiros”. Ed. Galaxia. Vigo.

[3] A.H.P.O. Catastro de Ensenada; Libro 101.

[4] FERREIRA PRIEGUE, E. “Los caminos mediavales de Galicia”. Boletín Auriense. Anexo 9. 1988.

[5] Reza un documento do expediente da devandita estrada do ano 1852.

[6] A.H.P.O. Protocolos notariais de Jacinto Alonso Romero. 1790.

[7] FERNÁNDEZ GONZÁLEZ F. (2004): “ A Ponte de Pazos sobre o Avia”, en Boletín Auriense  XXXIV, pp. 79-96.

[8] A.H.P.O. Protocolos Notariais de Francisco A. Carballal y Ulloa. 1798.