A Ponte de Pazos sobre o Avia
A historia fronte ás lendas
FRUTOS FERNÁNDEZ GONZÁLEZ
Traballo publicado no Boletín Avriense, t. XXXIV, 2004, pp. 79-96
“Os camiños tamén morren.” Al Masudi.
INTRODUCCIÓN
Á marxe da súa historia, as ruínas da ponte de Pazos sobre o río Avia son, xunto coas do castelo de Ribadavia, unhas das máis emblemáticas do Ribeiro e seguramente figuran entre as máis fermosas de Galicia. Na contemplación da maxestosidade do arco maior como centro desa bucólica paisaxe de ribeira sobre un fondo de socalcos e casas pacegas, podemos percibir, non só as mellores esencias da paisaxe, da luz e dos sons do Ribeiro, senón tamén unha marabillosa sinopse do devalar histórico destas terras a través do tempo: As ruínas da ponte, os socalcos invadidos polo mato, as edras que tapizan os muros e fiestras de casas que noutrora estiveron cheas de vida; todo elo forma parte do relato tráxico dunha sociedade que colapsou.
A forza expresiva do monumento e do seu entorno non debeu ser allea ó interese que leva espertado, e pode explicar, en parte, as múltiples referencias históricas, artísticas e literarias, nas que aparece citada a ponte de Pazos. Sobre a época e motivos da súa construcción, ante a falla, ata o de agora, de referencias precisas, as opinións son variadas, anque é crenza bastante xeral que se trata dunha ponte medieval. Entre os investigadores, Elisa Ferreira Priegue[1] supón que formaba parte dun camiño medieval de Ribadavia a Pontevedra por Pazos de Arenteiro e Pena Aguda. Para Yolanda Barriocanal[2] é a ponte para a que José Pérez Machado, Maestro de Obras y Director por S. Magestad de las Reales Obras de los Caminos del Reino de Galicia, fixo plano e presentou plego de condicións no ano 1783, segundo informara Couselo Bouzas[3]. Alvarado Blanco e col.[4], en base ás características constructivas e ás referencias previas, estiman que se trata dunha obra do século XVIII. Fronte ás variadas opinións sobre as datas de construcción da ponte, en torno á causa da súa ruína parece haber un acordo xeral: sería consecuencia da famosa batalla que, cando a Guerra da Independencia, libraron neste lugar os paisanos, comandados por Cachamuíña, contra os franceses nos primeiros días de marzo do ano 1809.
A documentación que se presenta neste traballo demostra que a ponte de Pazos sobre o río Avia comezou a construírse, por iniciativa dos veciños de Lebosende, no ano 1728. O seu uso público principiou no nadal do ano 1734. Tamén se argumenta que puideran se-los defectos constructivos, debido a escaseza dos orzamentos, ¡e non a famosa batalla de Pazos!, a causa máis probable da súa ruína.
O PORTO A PAZOS
Ata a construcción da ponte obxecto do noso estudio, o paso do río Avia no lugar de Pazos de Arenteiro realizábase polo denominado “Porto a Pazos” -topónimo que se atopa de forma repetida na documentación consultada- que estaba situado un pouco máis arriba da desembocadura do Arenteiro no Avia. A ponte levantouse xusto por debaixo da devandita desembocadura. Olga Gallego, que estudiou en profundidade a complexa rede de barcas que franqueaban os ríos da provincia de Ourense no antigo réxime[5], descubriu que neste lugar, a finais do século XVI, había uns pasos e unha barca que eran propiedade da Encomenda de Pazos de Arenteiro, sen que se atope referencia a ningunha ponte: “..los pasos do porto o canal y de barco sitos en el río davia, junto al dicho lugar de paços de Arenteiro”[6].
A inexistencia por esas datas dunha ponte sobre o Avia parece proba clara de que Pazos de Arenteiro non podía estar situado en ningún dos camiños medievais importantes de saída dos viños do Ribeiro de Avia con dirección a Pontevedra ou Santiago, os seus principais centros de consumo. Cando se investiga a causa da suposición, moi arraigada, dese camiño medieval de Ribadavia a Pontevedra por Pazos de Arenteiro e Pena Aguda[7], compróbase que se debe á confusión de dous topónimos moi semellantes: o de Paraguda -referencia correcta do documento[8] citado por Elisa Ferreira-, dentro da freguesía de Vieite, en pleno Ribeiro de Avia, co de Penaguda, na parroquia de San Miguel de Albarellos, moi distante de Vieite. Refírese, por tanto, o documento ó camiño que une Vieite e o Ibedo, dentro da propia parroquia de San Adrián de Vieite e non a un camiño entre Vieite e Pena Aguda, pasando por Pazos de Arenteiro.
FREGUESÍA DE LEBOSENDE-XURISDICCIÓN DE SAN CLODIO. UNHA HISTORIA DE CONFLICTOS.
Para entende-las razóns que levaron ós veciños de Lebosende a acomete-la construcción da ponte de Pazos, fóra da súa freguesía e xurisdicción, resulta tal vez necesario facer un pouco de xeografía e outro pouco de historia. A freguesía de San Miguel de Lebosende pertencía á antiga xurisdicción de San Clodio do Ribeiro de Avia, señorío eclesiástico do Mosteiro de San Clodio, que incluía ás parroquias de Lebosende, Bieite e San Clodio, ademais de parte das de Gomariz e San Lourenzo da Pena, sen contar diversos cotos anexos á mesma. A freguesía de Lebosende, sen dúbida a máis rica e poboada de toda a xurisdicción, sempre se opuxera á dependencia de San Clodio, parroquia central da xurisdicción que agrupaba tódolos oficios importantes da mesma e concentraba a maior parte da actividade comercial, a pesar de ser moito máis pequena ca Lebosende.
As comunicacións eran outro foco de conflicto entre San Clodio e Lebosende. Ata a construcción da Ponte San Clodio, a finais do século XV, as parroquias de San Clodio e Lebosende estiveran separadas polo río Avia. Deste xeito, o tráfico de viño e mercadorías das dúas veiras do Avia cara o resto de Galicia, estaba ben diferenciado. O da banda dereita, maiormente en dirección a Pontevedra, pasaba por Leiro e Lebosende, e o da esquerda, cara a Santiago, Coruña e Lugo, circulaba por San Clodio. Logo da construcción da Ponte San Clodio e do establecemento de varias feiras anuais ó seu carón a principios do século XVI, Lebosende e o seu núcleo principal de Leiro perdían presencia no importante comercio do viño. Paralelamente o novo lugar da Ponte San Clodio emerxía como centro principal de contratación de viños e outras mercadorías, incluídas as relacionadas con Pontevedra, cidade que agora podía acceder con facilidade ós viños de Gomariz, San Clodio, Cuñas ou Esposende. Estes feitos, sumados a outros relacionados coas rendas que percibía o mosteiro nesta parroquia, desembocaron nunha posición combativa dos veciños de Lebosende, que contou sempre co apoio das familias máis poderosas da freguesía. Primeiro os Candendo, de Lebosende, e máis tarde os Hermida, da Casa Grande de Leiro.
As ansias de Lebosende por liberarse da dependencia de San Clodio cristalizarían a finais do século XVI. Cando Felipe II sacou á venda moitos dereitos xurisdiccionais de mosteiros, os veciños de Lebosende mercaron a súa independencia da xurisdicción de San Clodio á Coroa. Pagaron por ela a importante cifra de once mil ducados[9]. Paralelamente, Pedro González de Candendo, fidalgo de Lebosende, mercou nuns seis mil ducados os vasallos que tiña a xurisdicción de San Clodio en Gomariz, Bieite e Cuñas. Diante do grave prexuízo económico que lle causaron as referidas vendas ó mosteiro de San Clodio, que vía como o seu señorío xurisdiccional quedaba case reducido á pequena parroquia de San Clodio, os monxes tentaron en repetidas ocasións recupera-las posesións perdidas.
Tras de múltiples e ruidosos preitos, o mosteiro recuperou a xurisdicción sobre Lebosende no ano 1616. Antes tivo que realizar un préstamo á Coroa de case cento vintecinco mil reas[10] en concepto de recompensa, ademais de reembolsar ós veciños de Lebosende o que pagaran por ela. Tamén recuperou o mosteiro, no ano 1620, a xurisdicción sobre os vasallos de Bieite, Cuñas e Gomariz por concordia cos herdeiros de Pedro de Candendo[11], logo de varios conflictos diante dos tribunais. A concordia custoulle ó mosteiro uns tres mil cincocentos ducados e varios foros en condicións vantaxosas á familia Candendo; entre eles, o da facenda de Leiro[12].
A recuperación da xurisdicción aínda encrespou máis os ánimos dos veciños de Lebosende que terían nos anos seguintes multitude de conflictos co mosteiro. O máis soado foi a negativa a paga-lo quinto de uvas e outras dereituras, despois dun incendio no arquivo do mosteiro. O consecuente preito rematou cunha executoria da Real Audiencia contra os veciños de Lebosende no ano 1715.
1728: OS VECIÑOS DE LEBOSENDE DECIDEN CONSTRUÍR UNHA PONTE EN PAZOS.
Foi nese ambiente de confrontación como, no ano 1728, os veciños de Lebosende decidiron construír unha ponte nova en Pazos. O primeiro que resulta sorprendente é o lugar elixido, fóra dos lindes da freguesía de Lebosende e da xurisdicción de San Clodio. O enclave, un poco mas abajo del Puerto a Paços, está dentro dos límites da freguesía de Pazos de Arenteiro, nin sequera limítrofe coa de San Miguel de Lebosende[13].
¿Que xustificaba tan grande inversión fóra dos lindes da freguesía? A resposta a esta pregunta estaba clara para os veciños de San Clodio: “..construir dha puente...no solo por su privativo ynteres, sino con el fin de quitar el comercio por dha verea publica del dho puente antiguo de San Clodio y llevarlo para la dha de Lebosende...”[14].
O CONTRATO
A ameaza de ruína en 1728 da Ponte San Clodio[15] foi considerada polas forzas vivas da freguesía de Lebosende escusa ideal para toma-la iniciativa na construcción da nova ponte. Se a Ponte San Clodio fraqueaba, unha ponte en Pazos posibilitaría que boa parte do tráfico de mercadorías entre o Ribeiro de Avia e Santiago, Coruña, Lugo e Mondoñedo se desviase por Leiro e Lebosende, en prexuízo de San Clodio.
O contrato da ponte perfeccionouse o 18 de marzo de 1728 diante do escribán da xurisdicción de San Clodio D. Juan Mosquera[16]. Asinaron os apoderados dos veciños de Lebosende[17] e o mestre canteiro Carlos de Rivas, veciño da freguesía de San Salvador de Xirazga, da antiga Xurisdicción de Montes.
No contrato, os podatarios de Lebosende remítense á planta da ponte debuxada e asinada polo mestre canteiro nun papel simple que quedaba en poder do procurador xeral da parroquia, D. Bernardino de Rivas y Labora. Esta copia “ha de servir para cotexar la fabrica de dho puente y saber si su fabrica se hace conforme a ella..”[18]. Aínda así, o contrato recolle algunha característica constructiva que facilita o seu recoñecemento: “ = que quanto a los dos ultimos arcos azia la parte del lugar de Cabanelas toda la distancia dellos y de sus pilares y renpujo se reduze a una calzada seca fuerte disminuiendola de su altura de manera que desde enzima del arco inmediato disminuia asta la correspondiente al llegar a la subperficie de la tierra del fondo de la viña que alli se alla asta testar en el ballado della quedando dha calzada capaz de espeler el agua en las crezientes= Es condicion que los tres arcos de dho puente hallando dho maestro no ser perjudicial al seguro y permanencia del pueda rebajar de su altura añadiendo a unos y quitando a otros; item que los pilares estribos y cortamares se an de asentar por la parte de afuera una bara de distancia alderedor en argamasa de cal y arena hasta tres baras de alto del zimiento fabricando todo lo demas en seco con piedras vien crecidas sin tierra alguna= Tambien es condicion que no ha de llevar antepecho sino encima de los tres arcos quedandose la calzada desocupada para el despediente de dha agua en las crezientes= Y es condicion que dha fabrica quanto al labrar la piedra solo lo ha de hacer en las que fuera necesario y conduzente para el seguro y manutencion de dho Puente de manera que quedando segura en lo demas se dexa al arbitrio de dho Maestro..”. Dedúcese da lectura do contrato que as modificacións contempladas obedecían ó obxectivo de rebaixar algo o prezo final da obra. O proxecto orixinal debía contemplar unha fábrica con cinco arcos que agora se reducían a tres; quedando eliminados os dous últimos da parte de Cabanelas, que se substituían por unha calzada seca e forte, sen antepeitos para que circulase a auga libremente nas crecidas.
O prezo total da obra quedaba establecido en 25000 reas que se pagarían a prazos do seguinte xeito: “=Al principiar dicha obra se an de entregar quatro mill Rs= Y despues dentro de dos meses otros quatro mill y dentro de otros dos meses siguientes otros quatro mill Y estando dicha obra fabricada la mitad le an asimesmo de entregar siete mill Rs y lo restante al cumplimiento de dhos veinte y cinco mill Rs se le an de entregar de fenecida y rexuntada dicha obra y declarada por buena y segura..”.
Verbalmente, despois de iniciada a obra, acordouse a construcción dun cuarto arco. Por esta modificación, os veciños de Lebosende pagarían a maiores 2000 reas e 20 moios de viño de buena calidad[19].
UN ORZAMENTO ESCASO
Un dos problemas principais para a construcción da nova ponte radicaba en que debían pagala integramente os veciños de Lebosende, sen posibilidade de solicitar reparto con outras freguesías e xurisdiccións. Non podían argumentar os veciños o interese xeral da ponte que pretendían construír estando Leiro e Lebosende a carón da ponte medieval de San Clodio[20] e a máis dunha legua do Porto a Pazos. Pero Lebosende era unha parroquia rica. Nese momento tiña máis de 300 veciños, o triple ca parroquia de San Clodio, e importantes propiedades do común; entre elas cinco tabernas moi rendibles, as alcabalas, que enaxenaran á Coroa e importaban máis de 2500 reas ó ano, confrarías piadosas que tiñan moitos ingresos anuais, etc. Soamente así se pode explica-la súa decisión.
A pesar da riqueza e decisión dos veciños de Lebosende, a construcción dunha ponte da envergadura que se precisaba en Pazos parecía estar por encima das súas posibilidades. Esa foi, seguramente, a razón das reformas do proxecto orixinal que se contemplan no contrato. Aínda que os 25000 reas nos que se axustara a ponte eran menos da metade do que custou a reconstrucción da Ponte San Clodio, realizada uns anos máis tarde, eran moitos cartos para unha soa freguesía[21].
UN GRUPO DE VECIÑOS DE LEBOSENDE OPONSE Á CONSTRUCCIÓN DA PONTE DE PAZOS
Para facer fronte á financiación da obra os veciños de Lebosende decidiron, en asemblea de concello aberto, como era habitual, facer uso de tódolos recursos da freguesía. Os caudais das confrarías do Santísimo Sacramento e do Apóstolo San Pedro, o arrendo por sisa e alcabalas das tabernas e contadorías da freguesía e a recadación dos propios da república. Pero, dado que eses caudais non eran suficientes, foi preciso recorrer ó empréstito. Tal empréstito, que roldaba os 15000 reas, sería pagado por reparto a censo entre os veciños.
A pesar de que no grupo dos apoderados para impoñe-los devanditos censos atopábanse representados tódolos notables da freguesía[22], vintecatro veciños de Lebosende, apoiados por algún comerciante da Ponte San Clodio, decidiron opoñerse ós devanditos acordos diante da xustiza. Estes veciños argumentaban a inutilidade da ponte que se pretendía construír en Pazos e defendían a rápida reparación da Ponte San Clodio[23]. Ademais non consideraban axustado a dereito o uso dos caudais das confrarías piadosas[24] para fins non relixiosos nin o uso dos arrendos de sisas e alcabalas sen antes cumprir coas obrigas impositivas da Coroa. Por último, alegaban a invalidez dos acordos tomados por falla de quórum. Segundo eles, a decisión de impoñer censos tomárase nunha xuntanza á que asistiran a penas noventa veciños dos trescentos vintecinco que nese momento tiña a freguesía. Este conflicto, que remataría nun dilatado preito diante da Real Audiencia, tería importantes consecuencias para a construcción e remate da ponte de Pazos.
A CONSTRUCCIÓN DA PONTE
As obras da ponte comezaron no propio verán do ano 1728. Primeiro foi preciso abrir camiño para que os carros con pedra e outros materiais puidesen acceder ó lugar. O obradoiro estableceuse na marxe esquerda do Avia, no pequeno campo que queda entre o río e as viñas, un bo lugar de traballo no verán pero que non estaba a salvo das crecidas. No obradoiro traballaban, ademais dos canteiros, un numeroso grupo de ferreiros e carpinteiros; uns para apuntar e compoñe-las diversas ferramentas, e outros para prepara-la madeira para acimbres e estadas. Deste xeito entre o verán e o outono dese ano 1728 fabricáronse tódolos cementos e piares da ponte e labrouse toda a pedra do arco maior: “hiço y fabrico los cimientos y pilares y labro toda la piedra para el arco mayor y mas que avian menester en que prosiguio asta diciembre del mismo año setecientos veinte y ocho..”[25].
Desde decembro do ano 1728 ata marzo de 1729 a obra quedou parada pola invernía e conseguinte crecida das augas. Carlos Rivas, o mestre canteiro, tiña cobrado ata ese momento 13125 reas. Para poder prosegui-la obra, na primavera do ano 1729, o mestre solicitou novos pagos ós apoderados de Lebosende, pero estes comunicáronlle que, debido ó conflicto que iniciarán algúns veciños que se negaban ó pago do censo imposto, non podían pagarlle diñeiro algún: “.. por averse aumentado las aguas y cargando hinvierno no se pudo proseguir y queriendo azerlo en el principio del mes de marzo del año siguiente de mill setecientos y veinte y nueve a fin de poder cerrar todos los arcos en el verano que seguia acudi pidiendo dinero y se respondió que no lo avia a causa de estar litigando preito con algunos de lo que se dize rresistian la paga y quando hubiese dinero me avisarian para que concurriese con los oficiales a proseguir dha obra el que no se me ha dado hasta mediados de junio del mismo año ...”[26]. Así comezaban os problemas entre os promotores da ponte e o mestre canteiro ¡que tamén rematarían nos tribunais!
Cos novos cobros volveron os oficiais ó traballo en xuño de 1729 e en dous meses prepararon e labraron tódalas dovelas do arco maior. Pero a mediados de agosto, cando xa estaban colocadas a maioría das madeiras das estadas e acimbres precisos para cerra-lo devandito arco, volveron xurdir problemas. Carlos Rivas, que percibira uns cinco mil reas desde que se reanudaran as obras, solicita, diante da xustiza ordinaria de San Clodio, un novo pago de seis mil reas para poder cerra-lo arco maior no verán deste ano. Ante a negativa dos apoderados dos veciños de Lebosende a realizar tal pago, por considerar que o mestre canteiro xa levaba cobrado moito máis do que lle correspondería polo contrato, Carlos Rivas, xunto cos seus traballadores, abandonaba a obra.
As obras permaneceron paralizadas case dous anos, ata abril do ano 1731. En febreiro de 1731, os veciños de Lebosende conseguirían un auto que obrigaba ó mestre canteiro ó remate da obra contratada. Aínda así, o clima de conflictividade entre os promotores e o constructor permaneceu. Dado que tódolos acimbres foran arruinados polas crecidas e moito material disposto desaparecera –suponse que roubado- no tempo que a obra estivera parada, Carlos Rivas pretendía agora a indemnización dos veciños de Lebosende por eses danos, dos que el cría responsables ós propios veciños polo retraso nos pagos. No colmo da mala sorte, no mes de agosto de ese mesmo ano do 1731, colocados de novo tódolos acimbres e estadas, unha inusual crecida do río arruinou, outra vez, todo o traballo feito. De novo xurdiron os conflictos e sucedéronse as denuncias diante dos tribunais ata que, en setembro de 1732, os veciños de Lebosende conseguiron unha Real Provisión ó seu favor para que se rematase a obra[27].
Aínda que aparecerían máis problemas á hora da peritación dos traballos realizados, a obra continuou. No ano 1734, quedaron cerrados tódolos arcos e igualada a ponte, que se abriu ó uso público no nadal de 1734. D. Andrés Fdez de Godas, escribán da xurisdicción de Castro Cabadoso, daba fe en Testemuño de Verdade de que, desde o citado ano 1734, circulábase pola mesma sen impedimento: “..certifico de verdad a los señores que la presente vieren y a donde combenga como el Puente nuebo que Carlos de rrivas maestro de canteria fabrico de horden de los vezinos de la feligresia de Lebosende en el rio abia y a la parte de abajo del puerto a paços se alla desde el año proximo pasado del mil setecientos treinta y quatro se alla con todos los arcos cerrados e igualada con ellos y desde dha se transita por ella asi tanto de a pie como en cavallerias y recuas de arrieros cargadas y vacias Y para que conste doi la presente que signo y firmo... a veinte dias del mes de octubre del año mil setecientos treinta y cinco.”[28].
UNHA OBRA MAL REMATADA
A pesar do uso público da ponte desde o Nadal do ano 1734, a obra distaba de estar ben rematada. Así, en xullo do ano 1736 aínda se atopaban no lugar “..mas de cuatrocientas baras de piedra labrada...y mas de mil carros de piedra..”[29] disposta para ser colocada. Pouco despois o mestre Carlos Rivas enfermaba e retirábase a San Salvador de Xirazga. A obra volvía quedar parada mentres na Real Audiencia se seguían a dirimir preitos promovidos por ámbalas dúas partes.
Carlos Rivas faleceu no ano 1740 e foi o seu fillo e herdeiro universal, Pedro Antonio de Rivas, quen rematou a ponte ¡quince anos despois de que se iniciase a súa construcción! Pero nin sequera despois de finalizada a obra acabaron os conflictos. A derradeira noticia sobre a tormentosa relación entre os mestres canteiros da ponte de Pazos e os veciños de Lebosende témola nun poder que outorgaba, en xaneiro de 1745, o procurador xeral de Lebosende, D. Ignacio Manuel Mosquera Hermida y Luazes, ó procurador da Real Audiencia D. Antonio Guerra de Andrade para que se opuxese á pretensión de Pedro Antonio de Ribas de cobrar certo diñeiro que supostamente lle debían os veciños de Lebosende pola construcción da Ponte de Pazos[30].
Como cabía esperar, a estructura da ponte de Pazos resentiuse, pasados poucos anos, de tódolos problemas que xurdiron na súa construcción.
1753-1756: AS XURISDICCIÓNS DO RIBEIRO NÉGANSE A CONTRIBUIR Á REPARACIÓN DA PONTE DE PAZOS
Os primeiros danos importantes na estructura da Ponte de Pazos debéronse producir a principios do ano 1753, ano de importantes chuvias que arruinaron moitos dos camiños do Ribeiro[31]. Para o seu arranxo a Intendencia ¨Xeral do Reino nomeou un comisionado, adiviñan en quen recaeu o cargo? Pois nada máis e nada menos que en D. Ignacio Manuel Hermida Mosquera y Luazes, o antigo procurador dos veciños de Lebosende. A pretensión de D. Ignacio de reparti-lo custo total da reparación dos camiños de Lebosende e da Ponte de Pazos entre tódalas xurisdiccións do Ribeiro, aducindo o interese xeral de tales obras, atopou forte resistencia por parte de todas elas. En 1754 son os veciños de San Clodio e Cuñas os que se opoñen ó reparto de 1259 reas para “..los gastos de dha fra y partido de Lebosende y Puente de Pazos de Arenteyro..”[32] e outorgan todo o seu poder, para que os defenda diante do Real e Supremo Consello, ó Reverendísimo Padre Fray Juan de la Serna, Prior Mayor en el monasterio de Santa Ana de la Villa y Corte de Madrid del Horden de San Bernardo. Cítase o nome do apoderado dos veciños de San Clodio e Cuñas en Madrid porque resulta unha proba clara do apoio que tiñan os devanditos veciños no Mosteiro de San Clodio. Cabe sinalar que os danos na Ponte en 1754 aínda non podían ser graves: ese ano deixou constancia do paso por ela o Padre Sarmiento, que lle chama ponte nova de Pazos, cando se desprazaba de Moldes a San Clodio
En 1756, ademais dos de San Clodio, Bieite e Cuñas[33], eran os veciños da xurisdicción de Arnoia, os do Coto de Reza, os da xurisdicción de Veiga e os do Coto de Beiro os que se opuñan á mesma pretensión do Comisionado da Intendencia Xeral. Todos eles recusaban ademais ó xuíz comisionado: “..no devia conocer desta causa como Juez ni como comisionado D. Manuel Ignacio Mosquera y Luazes por tenerle por sospechoso, como uno de tantos vecinos de la fra de Lebosende, e ynteresado en ello, como quien el y su hermano D. Joseph Benito siendo procuradores de dha fra de Lebosende ymbentaron la construcción del citado Puente desta disputa...”[34].
REEDIFICACIÓN A FINAIS DO SÉCULO XVIII?
Os numerosos preitos impediron a restauración da ponte antes da década dos oitenta do século XVIII. Deste xeito continuou o seu deterioro e cando atopamos de novo noticias da ponte xa non se fala de restauración senón de reedificación. O Padre Eiján asegura que a ponte se restaurou “por los años de 1781” a pesar da oposición do concello de Ribadavia que non cría obriga dos seus veciños contribuír ós gastos da restauración, tal como pretendían os veciños de Lebosende[35].
Tal vez a posible reparación, se é que se realizou, habería que retardala uns anos. En 1782, na xunta de veciños que nomea a D. Francisco Santos Procurador Xeral da freguesía de Lebosende, en substitución de D. Manuel Angel Hermida, confíreselle poder ó novo procurador para que prosiga e defenda tódolos preitos da freguesía “..a excepcion del que tienen pendiente en la Intendencia General deste Reino sobre la reedificacion del Puente de Pazos que quanto a este quieren que lo prosiga hasta fenezerlo en todas ynstancias el repetido D. Manuel Angel Hermida..”[36]. Tampouco cadraría a data de 1781 co feito de que D. José Pérez Machado, Mestre de Obras e director das Reales Obras dos Camiños do Reino de Galicia fixese plano e presentase plego de condicións, en 1783, para a construcción da ponte de Pazos de Arenteiro[37]. O certo é que despois dese ano hai un grande baleiro documental que nos fai dubidar que a proxectada reparación chegase a realizarse.
A PONTE NA BATALLA DE PAZOS
Tal como apuntamos é crenza bastante xeral que a ruína da ponte de Pazos sobre o río Avia produciuse a raíz da batalla que libraron os paisanos mandados por Cachamuiña, o dous de marzo de 1809, fronte ás tropas francesas; batalla que puxo fin á presencia dos franceses no Ribeiro. Esta causa do derrube da ponte incluso se recolle nalgúns traballos de investigación dándose por totalmente veraz[38],[39].
Á vista da accidentada historia da Ponte de Pazos, quíxose comprobar se a causa que se lle atribuía á ruína estaba ben asentada documentalmente ou se, pola contra, cabía a posibilidade de que puidera ser elaborada ó longo do tempo polo maxín popular, como explicación da ruína da ponte. Como sabemos, os pobos sempre foron propensos a atopar razóns sinxelas, e podendo ser gloriosas, para explica-la súa historia. Non esquezamos que a propia batalla que, segundo algúns autores, puxo fin á ocupación francesa de Galicia, en xuño de 1809, ocorreu a carón doutra ponte, a Ponte Sampaio, derrubada parcialmente para impedi-lo paso dos franceses.
Cando se revisan as fontes que utilizaron os autores que escribiron sobre as accións dos guerrilleiros do Ribeiro, sorprende que todos, sen excepción, beberon dunha fonte casque única: As cartas e relacións escritas por testemuñas directas dos sucesos da Guerra da Independencia en Galicia, publicadas entre 1809 e 1810 por Manuel Pardo de Andrade no seu Semanario Político, histórico y Literario de la Coruña e reimpresas por Martínez Salazar en 1892 baixo o título: Los Guerrilleros Gallegos de 1809. Aínda que non aporta nada novo para a acción de Pazos, outra fonte fundamental sobre a Guerra da Independencia en Galicia, e sobre as accións do Ribeiro e terras do Carballiño en particular, é a obra do ilustre frade franciscano, natural do lugar de Lousado no Concello de Piñor de Cea, Juan R. Legísima: Héroes y Mártires Gallegos. Los Franciscanos de Galicia en la Guerra de la Independencia. A obra de Legísima, publicada en 1912 e que segue moitas veces o relato de Pardo de Andrade, ten como fonte fundamental os datos extraídos dun manuscrito, elaborado na época dos acontecementos polo R.P. Fray José López, gardián do convento franciscano de Viveiro, que leva por título: Invasión francesa en el Reino de Galicia en 1809, con los atentados cometidos en los conventos de San Francisco de la Provincia de Santiago.
Examinadas ámbalas dúas fontes, compróbase que as dúas citan a batalla e maila ponte de Pazos pero en ningún caso se fai mención do derrube ou ruína da ponte. O feito resulta bastante sorprendente se temos en conta que, na época, unha ponte coma a de Pazos de Arenteiro sobre o Avia era unha obra pública de primeira orde e de terse producido o seu estrago por mor da batalla parece seguro que os cronistas da época o citasen. Outra referencia importante, tal vez a máis próxima no tempo despois das dúas citadas, aparece na voz Pazos de Arenteiro do Diccionario de Madoz: “..Se halla el Puente de Pazos, que es célebre desde que en febrero de 1809, los habitantes de la comarca sostuvieron un encarnizado choque con las tropas francesas en número de 1400 hombres...también los hay de piedra sobre el río Viñao y Arenteiro..”. Como vemos, tampouco aquí se cita ningún estrago ou ruína da ponte.
A pesar de que Madoz sitúa a batalla na ponte sobre o Avia, incluso cabe a dúbida de se a ponte á que se refiren os cronistas da época é esta ou a do Arenteiro, pois en ningún caso se concreta de cal se trata. No relato de Pardo de Andrade escríbese: “Resentidos los franceses de tan dulces recibimientos, especialmente del que tuvieron en Cabanelas, destacaron 1000 hombres de caballería e infantería para la justa correspondencia, quienes se presentaron en la madrugada del 2 de Marzo al frente de dicho lugar y junto al puente de Pazos..”. Refírese o cronista á ponte sobre o Avia? Non queda claro. Se as forzas francesas chegasen á ponte do Avia subindo pola banda dereita do río, nunha soa columna, a redacción debería ser: ..se presentaron.. al frente de dicho lugar, junto al puente de Pazos. A conxunción y podería indicar que se formaron dous destacamentos, un que subiría por San Clodio e Gomariz seguindo o vello camiño de Cabanelas[40]-al frente de dicho lugar (Cabanelas)-, e outro por Lebosende e Osebe -junto el puente de Pazos-. De tódalas formas o que resulta pouco probable é que Cachamuiña establecese as súas defensas na ladeira de Cabanelas, disposición que obrigaría a unha posible, e difícil, retirada pola estreita ponte do Arenteiro á vez que deixaba as costas mal cubertas[41]. Á espera doutros datos, parece máis probable que o groso do exército de Cachamuiña estivese situado na ladeira de Pazos, defendido pola barreira natural dos dous ríos, Avia e Arenteiro, e coa retagarda completamente libre de franceses. Tampouco sería estraño que algún destacamento quedase a defender Cabanelas ó mesmo tempo que podía perturba-lo posible paso de franceses pola ponte sobre o Avia.
Unha partida de defunción do 4 de marzo de 1809 na parroquia de Gomariz pode poñer bastante luz sobre este asunto. Ese día dábaselle cristiana sepultura a Juan Rodríguez, veciño de Sagra que, ferido dun disparo, remata morrendo en Gomariz. Na referida partida aclárase: “..ha muerto el dia dos..en este día fue el ataque a Pazos de Arenteiro con los franceses y como estos se retirasen al mediodia siguiendo los nuestros, y con ánimo de coger prisioneros a otros que había días estaban en el Mº de San Clodio no habiendolos hallado regresaron..”. Dado que a persecución se realiza por Gomariz, na banda esquerda do río, parece seguro que os franceses realizaron o ataque a Pazos desde o lado de Cabanelas cos guerrilleiros defendendo Pazos en torno ó Arenteiro e á súa ponte. O propio relato de Pardo de Andrade, que admite que os franceses entraron en Pazos –..vuelven sobre los franceses, que ya se adelantaran hasta el pueblo de Pazos...[42]-, apoia esta hipótese.
Á vista de tódalas informacións previas, pódese asegurar que o día dous de marzo de 1809 houbo un importante enfrontamento en torno a Pazos de Arenteiro entre os guerrilleiros do Ribeiro e as tropas francesas. Dubidamos das cifras que recollen os cronistas que falan dun milleiro de franceses e “apenas” trescentos fusiles e escopetas dos guerrilleiros. O número de baixas na loita debía ter sido importante; sen embargo, revisados os libros de defuncións de Pazos de Arenteiro e de tódalas parroquias limítrofes, excepto o de Banga que non se conserva, non se atopa nin unha soa víctima[43], excepto o probe Juan Rodríguez, que nin sequera foi ferido na mesma batalla senón na persecución dos franceses que fuxían. Con respecto á ponte sobre o Avia, non atopamos ningún dato que faga sospeitar dunha posible ruína a causa da batalla. Incluso parece probable que fose a outra ponte, a do Arenteiro, o punto máis estratéxico da loita.
A PONTE DESPOIS DA GUERRA DA INDEPENDENCIA
Non volvemos atopar referencias sobre a ponte de Pazos entre os documentos dos notarios da xurisdicción de San Clodio, e logo do concello de Leiro, ata o ano 1838. Ese ano os veciños de Lebosende piden ós seus representantes: ....Promuevan la construcción o reparación del Puente de Pazos...[44]. Poucos anos máis tarde, o diccionario de Madoz[45] recolle na voz Abia: “..Por Pazos de Arenteiro recogiendo las aguas del riachuelo de este nombre y encuentra un puente de cantería de tres arcos, destruído uno de los colaterales y recompuesto de madera..”. Debeu ser esa recomposición de madeira a derradeira para a ponte de Pazos sobre o Avia.
A partir de mediados do século XIX comeza a construcción da nova estrada Ribadavia-Carballiño. Desaparecida a vella xurisdicción de San Clodio, o novo concello de Leiro, centrado na freguesía de Lebosende, desenténdese da Ponte de Pazos e concentra os seus esforzos en desvia-lo proxecto inicial da nova estrada Ribadavia-Carballiño, que pasaba o Avia pola Ponte San Clodio, cara a Leiro. Pasarían case trinta anos pero ó fin, coa construcción da ponte da Esperela, os vellos obxectivos dos veciños de Lebosende serían por fin alcanzados. A Ponte San Clodio quedaría definitivamente fora das vías principais de comunicación.
Cumpriu o seu segundo centenario a ponte de Pazos en estado ruinoso pero aínda así permitía o paso das xentes, que non dos carruaxes. Os máis vellos do lugar aínda se lembraban hai poucos anos doutra ponte de poldras que se construíra un pouco máis abaixo da vella ponte nos primeiros anos do século XX. Por esa ponte chegaban carros cheos de xofre desde Leiro e Lebosende para moer nos denominados muiños do xofre de Pazos. Tamén se lembraban do efémera que foi a vida desta nova ponte, levada por unha crecida do río poucos anos despois de ser construída.
O 12 de abril do 2005, con este traballo rematado desde había algún tempo, o xornal La Región publicaba na súa sección de hace 75 años, xunto a unha foto da Ponte de Pazos: “12 abril de 1930. Vecinos de Pazos de Arenteiro denunciaron ante la Guardia Civil que habían escuchado dos detonaciones producidas por cartuchos de dinamita en el puente antiquísimo del que se sirven todos los vecinos, con la intención de derribarlo. Se ignora quienes son los autores.” ¡Testemuño que nunca lera nin sequera escoitara!: Pode ser un bo exemplo de como funciona a memoria colectiva.......
O Carballiño 14 de xullo do 2005
[1] FERREIRA PRIEGUE, E. “Los caminos mediavales de Galicia”. Boletín Auriense. Anexo 9. 1988. [2] BARRIOCANAL LÓPEZ Y. “Pazos de Arenteiro”. Guías do Patrimonio Cultural. Museo Arquelóxico de Ourense. 1988 [3] COUSELO BOUZAS, J. “Galicia Artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX”. Compostela. 1933. [4] ALVARADO BLANCO S., DURAN FUENTES M., NARDIZ ORTIZ C. “Puentes Históricos de Galicia”. Colegio Oficial de Ingenieros de Caminos y Puertos. Xunta de Galicia. 1989. [5] Olga Gallego. “BARCAS E BARCOS DE PASAXE DA PROVINCIA DE OURENSE NO ANTIGO RÉXIME”. Boletín Auriense. Anexo 24. Ourense 1999. [6] A.H.P.O. Clero. Orde de San Xoán. Pazos de Arenteiro. [7] FERREIRA PRIEGUE E. (1988) op. cit. px. 152. [8] A.H.P.O. Libro 681. Clero. f. 161: “..a viña que ay en a paraguda como parte debajo polo camino de carro que vai do ybedo para bieyte..” [9] AHPO. Clero. L679; f. 381. [10] EIJÁN, S. (1920). Historia de Ribadavia y sus alrededores. Madrid, 1920. .px.326. [11] AHPO. Clero. C10155. Protocolos ante Lorenzo Mosquera; f. 307.1620 [12] AHPO. Clero. L679; f.380v. [13] A freguesía de San Salvador de Pazos ten o seu estremo sur sobre o río Avia no denominado Porto das Ledas, onde linda pola banda dereita do río con San Tomé de Serantes e pola esquerda con San Xoan de Cabanelas, entón Santa Eulalia de Banga. Curiosamente estes lugares atopábanse dentro da Xurisdicción de Castro Cabadoso e non da Encomenda de Pazos de Arenteiro, que non tiña xurisdicción sobre toda a freguesía de San Salvador de Pazos. [14] A.H.P.O. Protocolos de Salvador González de Noceda. 1756. C1913. [15] A.R.G. Leg 16152; f. 7: “...en el lugar llamado Puente San Clodio ai un puente grande antiquisimo en dho rio avia que dice a ambas veredas y caminos publicos de uno y otro lado del dho Puente se transita y comercia de toda la provincia de Tui en derechura a la de Santiago, Ciudad de la Coruña, obispado de Lugo, al de Mondoñedo y otras partes a pie y a caballo concurriendo los comerciantes por dho puente deste dicho rivero con todo genero de víberes, abasto y sacas de vino que es el fruto que produce el pais y no otro y con el caso de las muchas crecientes y avenidas de agua ha flaqueado el mencionado puente..” Poder de varios vecinos de Lebosende ante el esno. Mauro Benito González. 15-05-1728. [16] A.R.G. Leg. 16152; ff. 166-167v [17] D. Luís González Prado y Zuñiga, cura párroco da freguesía; o licenciado D. Carlos de Santos y Parga, avogado da Real Audiencia; D. Bernardino de Rivas y Labora procurador xeral dos veciños e D. Juan Antonio da Pousa. [18] A.R.G. Leg. 16152; f. 166. [19] A.R.G. Leg. 16152; f. 173v. [20] A Ponte de San Clodio era considerada de interes xeral e, inmediatamente que o Supremo Consello de Castilla tivo noticias do seu mal estado, nomeouse un xuíz executor para que organizase os correspondentes repartos que posibilitasen a súa reparación. Estes repartos, que se realizaron entre tódolos partidos de vinte leguas á redonda, conseguiron xuntar os 55000 reás de vellón en que foi rematada a obra polo mestre arquitecto Agustín Coutiño. As obras de reconstrucción comezaron no ano 1732 e remataron no ano 1733. [21] para facernos unha idea, tomando como referencia os xornais da época, os 25000 reás terían, na actualidade unha equivalencia próxima ó medio millón de euros. [22] D. Luís González de Prado y Zuñiga, cura párroco, Ldo. D. Carlos de Santos y Parga, Ldo. D. Huberto Hermida e D. Juan Antonio da Pousa. [23].. la fabrica del nuevo puente y paga de su coste a los otorgantes y a otros muchos veznos de la citada fra no le tiene conveniencia ni les sirve de util alguno ni al dho rivero, antes si la tiene mucha cuenta y conveniencia la redificacion i permanencia del Puente San Clodio.. A.R.G. Leg. 16152; f. 7v [24] Soamente a cofradía de San Pedro recadaba anualmente uns corenta moios de viño. A.H.D.O.
[25] A.R.G. Leg 16152; f. 174. [26] A.R.G. Leg. 16152; f. 176v. [27] A.R.G. Leg. 16152; f. 187r, 187v [28] A.R.G. Leg. 16152; f. 195r, 195v. [29] A.R.G: Leg. 16152; f. 195r. [30] A.H.P.O. C1897. Protocolos de Mauro Benito González. 1745. [31] A.H.P.O. Protocolos de Salvador González de Noceda. 1753; f.44. [32] A.H.P.O. Protocolos de Mauro Benito González. 1754. C1898. [33] A.H.P.O. Protocolos de Salvador González de Noceda. 1756; f. 39. [34] A.H.P.O. Protocolos de Salvador González de Noceda. 1756; ff. 41 e 42. [35] EIJÁN S. “Historia de Ribadavia y sus alrededores”. Madrid, 1920; px. 154. [36] A.H.P.O. Protocolos de Benito de San Martín y García. 1782; f.2. [37] COUSELO BOUZAS J. “Galicia Artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX”. Santiago de Compostela, 1933. [38] BARRIOCANAL LÓPEZ Y. “Pazos de Arenteiro”. Vigo. 1988. px. 8. [39] FERREIRA PRIEGUE E. “Los caminos mediavales de Galicia”. Bol. Aur. Anexo 9. 1988. Px. 152 [40] A.H.P.O. Apeo do Mosteiro de San Clodio en Gomariz, Banga e Varón. 1663; f.5v: “..enfonda en el río de Avia y camino que va de la Esperela para Cabanelas..”. [41] Os franceses coñecían ben o camiño a Cabanelas pola banda esquerda do Avia: En San Clodio, como veremos, había unha partida de franceses no Mosteiro e en Gomariz e no Varón houbo enfrontamentos ós días previos á batalla de Pazos. [42] PARDO DE ANDRADE M. “Semanario político, histórico y literario de la Coruña”. Tomo I. Px. 468. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 1996. [43] A.H.D.O. Libros de defuncións das parroquias de San Salvador de Pazos, San Martín de Cameixa, San Mamede de Moldes, Santa María de Xuvencos, San Pedro de Xurenzás, San Martiño de Sagra, San Fins do Varón, Santa Mariña de Gomariz e San Miguel de Lebosende [44] A.H.P.O. Protocolos, C/1848; f. 9. 28-1-1838 [45] MADOZ P. “Diccionario Geográfico Estadístico histórico de España”. Madrid 1845. |