Desde o Ribeiro

 
 Esta páxina contén os textos de diversos traballos publicados polo autor. No seu blog JEANFRUJO atoparás outros artigos e ensaios, e a posibilidade de publicar as túas propias opinións.
 

Nomes do Ribeiro

 

Nomes do Ribeiro en Google Books

No enlace poden verse moitos contidos do libro en aberto
 

Presentación do libro no Carballiño

Casa da Cultura, 28 de decembro do 2007

 

Discurso de Avelino Muleiro, director do Instituto de Estudios Carballiñeses

 

 

Boas noites.

 

            Ilustres autoridades, señoras e señores:

 

A palabra escrita é un invento nacido da necesidade que temos os seres humanos ante a incapacidade da memoria, que non é suficiente para abranguer a inmensidade de datos cos que tropezamos a cotío e ó longo da nosa vida. Temos moito que lle agradecer, pois, a aquela man humana que tallou na antiga Mesopotamia, no actual Iraq, a primeira palabra escrita hai cinco milenios iniciando así a historia como o discorrer rexistrado da humanidade. Se non existise a escritura non teriamos hoxe xustificación algunha para estar aquí porque nin Frutos investigaría nos arquivos nin os nomes do Ribeiro serían probablemente os que son, xa que a tradición oral é máis fráxil e máis sumisa ó dominio nocturno da mente. Por mor daquela man descoñecida, seguramente inocente da fama que lle esperaba, fomos convocados a este lugar un día especial dentro das festas do Nadal: o día dos Santos Inocentes. Celebremos, xa que logo, esta efeméride navideña cun acto que quede gravado na nosa mente como o día en que un libro e un autor pasen á historia desta comarca a conquistar a sona, desinteresada por parte do autor e inocente por parte do libro.

 

O libro que presentamos hoxe aquí no Carballiño forma parte dun proxecto máis amplo do Instituto de Estudios Carballiñeses. Con el empezamos unha nova xeira das xa moitas que leva a cabo este Instituto.

 

O que atopamos nas 351 páxinas deste libro é toponimia, rigorosamente asentada na historia oral, nos documentos achados nos arquivos, na bibliografía seleccionada escrupulosamente e, en definitiva, nunha investigación científica incuestionable. Pero debaixo dun estudo toponomástico coma este, hai unha ampla información histórica e cultural dos lugares investigados. A toponimia adoita estimular sentimentos de reintegración harmónica do home co mundo e activar a fantasía que, ó ben dicir de Goethe, é a facultade primordial do ser humano. Ós humanos déusenos un mundo; a nosa gloria non consiste en soportalo ou desprezalo, senón en enriquecelo construíndo outros universos, como fai Frutos neste libro. Dicía o machadiano Juan de Mairena que para dicir ben hai que pensar ben, e para pensar ben convén elixir temas moi esenciais, que logren por si mesmos captar a nosa atención, estimular os nosos  esforzos, conmovernos, apaixonarnos e  ata sorprendernos. Precisamente así procedeu o autor do libro que presentamos.   

                   

Frutos relata a orixe dos nomes como un cronista sobrio e obxectivo, sendo consciente de que pensar sobre as cousas que se esconden tras os nomes é algo pudendo. El indaga a historia de cada nome porque sabe que “quen coñece os nomes, coñece as cousas”, como di Platón no Cratilo. O autor dos Nomes do Ribeiro é capaz de achar detrás dos nomes ese aroma que crea o nimbo dunha significación ideal afastando o espanto da fugacidade das cousas e procurando inmortalizalas.

 

Nomes do Ribeiro mergúllanos nun mundo unitario e hermético, un mundo no que cada recuncho, cada río, cada aldea... emerxe como unha auténtica revelación e onde a penas a razón se atreve a atoutiñar. Ó mesmo tempo, arrebátanos a tempos indefinidos e imprecisos, nos que escoitamos o rechouchío de ecos durmidos e onde longas sombras ancestrais nos envolven misticamente. E todo iso realízao Frutos desentrañando os arcanos misterios das palabras. A palabra é o distintivo esencial das persoas; ela ábrenos ó coñecemento do mundo e posibilita a transmisión de coñecementos.

 

As persoas construímos a realidade a través da linguaxe. Esta permítenos coñecer o mundo e tecer coas súas palabras un gran libro cheo de significados no que compartimos ideas, vivencias, desexos e experiencias.

 

No libro bíblico do Xénese dise cómo Yahvé lle mandou a Adán poñerlles nome ás cousas. “Jehová Deus formou, pois, da terra toda besta do campo, e toda ave dos ceos, e tróuxoas a Adán para que vise como as tiña que chamar; e todo o que Adán chamou ós animais viventes, ese é o seu nome” (II, 19). “E puxo Adán nome a toda besta e ave dos ceos e a todo gando do campo…” (II, 20).

 

No Cratilo de Platón, Sócrates dille a Hermóxenes: “É preciso nomear as cousas de conformidade coa maneira e o medio que elas teñen naturalmente de nomear e ser nomeadas, e non como nos pete… Polo tanto, amigo meu, se se trata do nome naturalmente apropiado a cada obxecto, ¿non deberá o noso lexislador saber impoñelo ós sons e ás sílabas sen perder de vista o que é o nome en si, cando se trate de crear e de establecer todos os nomes, se é que quere ter autoridade nesta cuestión?”

 

Tamén Homero ten textos fermosísimos onde distingue os nomes dos obxectos dados polos homes e polos deuses. Os nomes que dan os deuses son máis exactos que os que dan os homes, porque os dados polos deuses son os nomes naturais.

 

Bertrand Russell afirma que a linguaxe, como outras cousas de misteriosa importancia --o alento, o sangue, o sexo e a luz--, foi considerada supersticiosamente desde o mesmo momento en que os homes foron capaces de enunciar os seus pensamentos. Os salvaxes teñen medo a descubrir o seu verdadeiro nome a un inimigo porque este, no caso de sabelo, utilizaría a través del a súa maxia na súa contra.

 

Wittgenstein lémbranos no seu Caderno azul que “unha palabra non ten un significado dado, por así dicir, por un poder independente de nós, de tal modo que puidese haber unha especie de investigación científica sobre o que a palabra realmente significa. Unha palabra ten o significado que alguén lle deu”.

 

Vicente Risco escribiu: "Galicia é un mundo ... Cada terra é como se fora un mundo enteiro ... Pode ser ela pequena en extensión. En fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e desde logo, moito meirande de como ti a ves... Se o teu pensar se detén nas codias das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; pequeno es ti que endexamais poderás concebir nada grande".

 

Frutos fai grande un pequeno recanto de Galicia e agasállanos neste libro descifrando as claves nas que poidan estar encriptadas as razóns de cada nome, sabedor de que os vellos costumes da viticultura e da agricultura se aferran ás nosas tradicións con todos os seus privilexios de autoridade. Deste xeito, procurando o acerto dos encaixes que foi tecendo entre abrentes e solpores do Ribeiro, converteuse en ladrón de recordos e saqueador da memoria de quen sabe desas cousas que el foi indagando e que agora nos lega.

 

Non teño a menor dúbida de que a partir de hoxe o libro Nomes do Ribeiro se vai converter nun libro de referencia non só para esta comarca do Ribeiro e do Carballiño, senón de toda Galicia. Este libro contén moitas horas de traballo e de reflexión e o seu éxito está garantido. O Instituto de Estudios Carballiñeses énchese de orgullo por contar entre os seus membros con persoas como Frutos Fernández e xa pode gabarse na súa curta, pero laboriosa historia, de publicar este libro como o primeiro dunha serie de futuros traballos.

 

 Parabéns ó noso autor e a partir de mañá a mercalo todos nas librerías. Este libro terá que ser unha referencia para estas terras.

 

Grazas.
 

Avelino Muleiro e Frutos Fernández

 
 
Discurso de Frutos Fernández González, autor de Nomes do Ribeiro
 
 
 

Estimados amigos todos:

 

                                   Hai un par de anos asistía a un congreso internacional sobre o Cister que se celebraba en Ourense. Presentaba unha comunicación sobre o abadoloxio do mosteiro de San Clodio. Á inauguración do congreso acudiu o xeral da orde cisterciense, o arxentino padre Bernardo Olivera,  quen, ante a insistencia dos organizadores, tivo que dedicar unhas palabras ós asistentes sen que o tivera previsto. Dixo algo que anotei: “Palabras improvisadas acostumbran resultar peligrosas. Una homilía preparada en tres minutos suele durar horas, mientras que aquella que llevó horas prepararla puede decirse en tres minutos.”. Dado que non teño eu a desculpa do padre Olivera, decidín dedicarlle unhas horas á preparación desta intervención e, ademais, para evitar as malas xogadas de inevitables emocións, tróuxena  escrita. Afirmaba Javier Marias, nun dos seus artigos, que o discurso debe ser lido, e que moitas veces o orador admirado non é máis ca un parlanchín que enlaza unha serie de chascarrillos interpretados con certa afectación e gracia. Non estou moi de acordo neste caso co distinguido e admirado escritor;  considero a oratoria arte nobre, e non me importaría a min ser un bo rétor,  que no significado etimolóxico é quen posúe o arte do bo dicir, e nada ten que ver co bo  rector, que é quen ben dirixe ou goberna. Pero, ata para cubrir as limitacións propias, pode servir a cita dun autor de renome. En todo caso adiántovos que non conseguín o obxectivo dos tres minutos do que falaba o padre Olivera.

 

Serafín González Díaz, "O tío Serafín"

 

            Comezarei agradecendo a vosa presencia neste acto, síntome moi honrado, de verdade. E, que dicir de Avelino Muleiro, director do Instituto de Estudios Carballiñeses e grande amigo? Sen el este libro seguramente non houbera saído á luz. Creo que é consciente de ata qué punto lle estou agradecido. O segundo que me gustaría facer sería tributar unhas palabras á persoa a quen lle dedico este libro: a Serafín González Díaz, “O tío Serafín”. O tío Serafín, que hai vinteún anos que nos deixou, dera unha soa conferencia en toda a súa vida e iso axudoulle a non esquecela.  Versara a conferencia do tío Serafín sobre os mestres da Galicia rural na República.  Pronunciara diante dun grupo de mestres de toda España, a finais do ano 1939, nun campo de concentración do sur de Francia. Segundo me contara, a súa intervención fora moi aplaudida. Por certo, o tío Serafín non era mestre, a pesar de que aquí fora perseguido coma se o fose. Non veñen ó caso as circunstancias que o levaron a dar esa conferencia, pero conto isto porque, a pesar de non ter título, o tío Serafín foi o meu grande mestre, ou, mellor dito, foi un dos dous meus grandes mestres; o outro foi don Lucio Vázquez, o mestre da escola de nenos de San Clodio, natural de San Fiz de Navío. Foi o tío Serafín quen moldeou os meus gustos intelectuais entre a adolescencia e a mocidade. Pertencía a aquela xeración de galegos das pequenas parroquias, labregos moitos deles, dos que dicía Otero Pedrayo en 1928 que ningún ignoraba quen era Curros... Claro que o tío Serafín non coñecía só a Curros. Con el descubrín alomenos os nomes de Ortega,  Sánchez Albornoz, Américo Castro, Aranguren, Julián Marias ... e, por suposto, de Castelao, Otero Pedrayo, ou Cuevillas... Copiei del un costume que conservo: comezar a lectura dos periódicos polos articulistas, isto é así ata tal punto que a maioría das veces é o único que leo do xornal. Así coñecín ó Cunqueiro do Faro de Vigo, ó García Sabell  e ó  Augusto Asia de La Voz de Galicia, ó Haro Tecglen, Miret Magdalena, Carandell, ou Vázquez Montalban do Triunfo, sen esquecer a un dos seus preferidos, Joaquín Ruíz Gimenez de Cuadernos para el Dialogo –levara moito desgusto co fracaso electoral da democracia cristiá no 77, un feito importantísimo que explica moitas claves do noso mapa político-.... Penso a miúdo o que desfrutaría hoxe o tío Serafín  con Manolo Rivas, Barreiro Rivas, Manuel Vicent ou Javier Marías.... Tamén lembro agora cómo non perdía ocasión, cando eu me desmandaba, para sacar un libriño que tiña onde aparecía unha lista das cen obras de imprescindible lectura para calquera persoa que quixera considerarse culta, facendo fincapé nas que aínda me quedaban por ler... Ben tiña gañada polo tanto esta dedicatoria o tío Serafín, unha dedicatoria que fago extensiva a todas aquelas xentes que vivían nas nosas pequenas parroquias, pero non eran aldeáns: tiñan ansia por saber e querían o mellor para os seus, para os seus pobos e  para o seu País. A cambio, non pedían nin esperaban nada. Eran parte fundamental daquela cultura nobre do noso pobo, cultura nobre da que nos fala Castelao e que cada vez parece máis remota. Aqueles dos que aínda se escoita o calado lamento nos estremecedores versos de Curros:

 

A nosa vos, na soledá perdida,

morrerá sen deixar xiquera ese eco

que a brisa malencónica do outono

deixa na copa azul dos ameneiros.

 

 

Vaiamos agora co libro propiamente dito, do que falarei pouco, ó fin e ó cabo o que os libros queren dicir está escrito. 

 

            Talvez debería comezar explicando por qué un libro sobre o Ribeiro se presenta no Carballiño, porta dos Ribeiros pero non Ribeiro en sentido estrito. A verdade é que o libro ía presentarse en San Clodio, o meu lugar de nacemento, Ribeiro centroso e terra neutral entre Ribadavia e O Carballiño. Non puido ser... Pero, o certo é que estou moi contento de que a presentación se faga no Carballiño. Non vai selo o primeiro encontro cultural entre o meu pobo de nacemento e o meu pobo de acollida. Contarei algo do primeiro deses encontros do que teño noticia: sucedeu hai moito tempo, no verán do ano 1886. Foi moi sonada a liorta que se armou entre o poeta de San Clodio, don Eladio Rodríguez,  e o de Carballiño, don Cesáreo López Pinal, daquela mozos novos os dous. A causa: un poema que publicou don Eladio no Tío Marcos da Portela e que aludía a asuntos de saias. Tivo que intervir o Tío Marcos –Lamas Carbajal- que remataba deste xeito coa disputa:

 

Haxa paz... e veña un neto

Apértense e reconcíliense,

Esquézanse, morra o conto,

En paz, e Laus tibi Cristi

Os negocios das mulleres

Polo caladiño síguense.

 

Firmouse a paz entre os dous vates e remataron sendo moi amigos.

 

            Dicía, entón, que estaba moi contento de presentar o meu libro no Carballiño, que, esquecidas as vellas disputas, xa era un milagre de progreso nos posteriores versos de don Eladio, unha realidade que simplemente reflicte aquilo que xa escribira o rei Sabio nas famosas Partidas: "Las tierras et los logares que usan los mercaderes a llevar sus mercancias son por ende más ricos, et más abondados, et mejor poblados, et por esta razón debe mucho placer a todos ellos". Non é casualidade que esas vilas se chamasen nun primeiro momento Vilas Francas, con franco como sinónimo de libre. Fago votos porque esa franqueza e esa liberalidade, que fai do Carballiño un imán para as xentes dos pobos circundantes, e constitúe talvez o seu maior activo, non só se manteña, senón que incluso estenda as súas influencias por toda a antiga Terra de Castela.

 

            Con respecto ós contidos do libro, comezarei afirmando, antes de que o fagan outros, que Nomes do Ribeiro é un libro menor, insignificante desde un punto de vista racional, un libro menor que fala de pequenas cousas. Agora ben, por algún motivo que descoñezo, as cousas insignificantes son moi importantes nas nosas vidas. Pero tamén é certo que a cultura ten un marco universal que nunca se debe esquecer, e está ben ler a Castelao, pero sempre que non se deixe de lado a Unamuno, Tolstoi ou Borges. En fin, que está ben falar do Pai Miño coma o gran río galego, pero sen esquecer que ó lado do Nilo ou do Amazonas non é máis ca un regatiño. Tampouco que ningún deles, Miño incluído, levantará en cada un de nós as emocións daquel regato pequeno no que xogamos de nenos. Este libro insignificante fala deses regatos pequenos.

 

            Tería que dicir agora que, en verdade, “os camiños do Señor son inescrutables”. Creo que se alguén me di hai algún tempo que eu escribiría un libro arredor da toponimia do Ribeiro, como mínimo inventaría unha escusa para que non me levase no seu coche. Non obstante aquí me tendes, e ¡tan ufano! -ó lado do culpable de todo-. Pero quero confesar algo que algún xa sospeitaría e outros compraceranse en descubrir dentro de pouco: eu non son escritor, escribín este libro pero non son escritor, ¡xa me gustaría!...Tamén pintei algunha habitación da miña casa e sería ridículo que presumise de pintor. Podo aceptar, iso si, que son investigador, pero escritor non... Porque aínda que pareza un paradoxo, son investigadores tódolos que investigan, coma min, pero non son escritores tódolos que escriben –especialmente os que o fan coma min-... Este libro, mellor ou peor, é un libro de investigación, un libro de investigación sobre a toponimia destas terras. Trata de dar resposta a unha serie de por qués que eu me formulei arredor dos nomes de lugar do Ribeiro. Nese senso é un libro que está dirixido primeiro e fundamentalmente a min. Agora ben, se encima resulta que ten interese para algunha que outra persoa ¡mellor que mellor!...  Digo todo isto porque os investigadores, cando atopamos, ou pensamos atopar, o que andábamos buscando, perdemos parte do interese no tema que estábamos estudando e pasamos a outro novo. Deso reséntese case sempre a presentación final dos traballos, e os meus non ían ser unha excepción: por iso pido desculpas. Esto non pasa, ou non debe pasar, por exemplo, na narrativa ou na poesía, onde a forma se non o é todo, case. Vamos, que a Teoría da Relatividade tería exactamente a mesma importancia, independentemente de que a formulación inicial do traballo de Einstein se houbera feito en papel de estraza e o texto tivera faltas de ortografía. En cambio, dúas simples comas fora de sitio poden estragar un poema.

 

O libro que hoxe presento, Nomes do Ribeiro, comezou coma un reto persoal con respecto á toponimia maior do Ribeiro, a dos núcleos habitados, e rematou sendo o que é: un estudo de nomes  do Ribeiro que inclúe a toponimia maior, pero tamén moita menor, e incluso toponimia de lugares desaparecidos. Despois do prólogo de Avelino Muleiro -o mellor do libro-, e dos agradecementos -case todos merecidos-, vén unha introducción que pode servir tamén de guía de lectura para os non iniciados na toponimia. Logo, por orde alfabética, o lector atopará 292 artigos onde se estudan, con diversa profundidade e extensión, arredor de 1200 topónimos. Deles, tomando como referencia o nomenclator de Galicia, uns 90 soamente aparecen como nomes de lugar nestas terras. Están neste grupo  a maioría dos de máis difícil interpretación. Nas obras de toponimia xeral, os autores poden fuxir dos topónimos de difícil interpretación, pero cando, coma neste caso, se acouta o terreo, esto resulta máis problemático. Non atopei explicación algunha na bibliografía de topónimos como Banga, Quines, Untes, Aguisar, Miomás, Bouteiro, Meréns, Novelle,  Nonás, Sona, As Fermosas..., e non me satisfacían as que tiñan outro bo número deles, como Fiscás, Amoeiro, Moldes, Cortegada, Partovia... Aquí pode haber algún acerto nas miñas interpretacións, pero o que é seguro é que tamén estarán aquí os erros máis graves. Lonxe de min a intención de poñer a última palabra nalgo, e moito menos na toponimia, terreo de fermosas paisaxes pero falso e perigoso coma poucos.

 

    Dado que a toponimia está considerada como unha rama da lingüística, preguntaranse algúns con qué armas se enfronta alguén que non é filólogo ás  investigacións neste campo. A resposta máis breve sería “coas que pode”. Evidentemente, dado que as miñas investigacións son, normalmente, históricas, foi nese aspecto no que máis fixei a miña atención, sobre todo na revisión das fontes documentais e na adecuación toponímica á realidade histórica ou xeográfica de cada caso. Estamos no tempo dos especialistas. Os especialistas, segundo unha definición de Jhon Gribbin, son homes que saben moito sobre pouco, e que corren un perigo evidente: saber todo sobre nada. Eu, coma el, considérome situado no lado dos que tentamos saber un pouco sobre moitas cousas, moitas cousas que tratamos de relacionar e rexistrar denantes de chegar ó noso inevitable destino, que non é outro que o de saber nada sobre todo.

 

Son os especialistas imprescindibles  en tódalas disciplinas do saber, sobre todo na ciencia e na tecnoloxía -pensemos no que sería unha medicina sen especialistas-, pero a presentación dos valores culturais dun pobo non se adapta ben á súa especialización; son os valores culturais o que denominariamos en termos científicos, sistemas multivariantes, onde a visión do especialista adoita ponderar en exceso a súa propia especialidade. Tivo que renunciar Otero Pedrayo, en certa medida, á especialización na xeografía e tal vez perdemos un xeógrafo máis eminente, pero gañamos un home capaz de abarcar coa súa mirada todo un país. Creo tamén que na investigación, coma na maioría das actividades humanas, vale tanto ou máis o querer que o poder. Non era o padre Eiján historiador e escribiu a súa Historia de Ribadavia, referencia imprescindible para calquera que queira achegarse á historia destas terras. Non era don Eladio filólogo e deixounos como herdanza o máis valioso tesouro da lexicografía galega: o seu grandioso dicionario. En suma: “Más templos han levantado príncipes legos que sumosacerdotes”, escribía o padre Feijó. Claro que tampouco se debe esquecer que o atrevemento, como antónimo da covardía, é unha virtude dos fortes; pero, a insensatez, como antónimo da prudencia, é característica nos imbéciles. A fuxir da insensatez, axudáronme as leccións e os sabios consellos de algúns amigos, compañeiros de instituto a maioría, pero tamén especialistas consagrados nesta disciplina coma Gonzalo Navaza ou don Edelmiro Bascuas. A todos eles manifesto aquí, e no libro, o meu agradecemento máis sincero. Pero, ¿quen non cometeu algunha insensatez, a pesar do consello dos amigos?...Algunha ha de haber no libro...

 

Completa Nomes do Ribeiro un índice toponímico que facilita a busca de topónimos por parte do lector. Sospeito que ha de ser esta obra obxecto de consultas esporádicas, e tamén de lecturas ocasionais. Talvez esta última sexa a forma máis apropiada de achegarse ó libro, que pretende máis a relación tranquila e afectuosa que un ten cos amigos de toda a vida cá  apaixonada que ofrece o amante accidental. Poñería como exemplo de amizades verdadeiras propias, o Onomástico Etimológico do padre Sarmiento e o Dicionario de don Eladio, e nese senso foron espellos onde me mirei. O glosario, que inclúe pequenas definicións daquelas palabras máis específicas desta disciplina, non ten máis obxecto que axudar ós non habituados cos temas da toponimia. Por último, aparecen recollidas en detalle as fontes documentais, bases de datos e bibliografía utilizada. Trátase dun libro, en suma, bastante artesanal, acorde co minguado presuposto, enténdase da impresión, porque eu non cobrei un céntimo, tal como pretendía. A maioría dos traballos que máis admiro sobre o noso País realizáronnos homes que, no mellor dos casos, non cobraron un céntimo.  Sería, pois, inxusto que eu por este libro, insignificante, cobrase algo. Ó fin e ó cabo, como reza un pé de foto do libro, os máis grandes tesouros viñéronnos dados.

 

Dedicarei as últimas reflexións ó tema do libro: a toponimia, o estudo dos nomes de lugar. A primeira é que os topónimos, coma se de seres vivos se tratase, nacen, desfrutan dunha vida máis ou menos longa, e por último morren, case sempre en estado de triste abandono. Ás veces, son os mesmos libros sacramentais dos humanos os que rexistran estes acontecementos. No ano 1884, nacía en San Clodio unha nena de nome Rosa e apelidos Cerviño Pardo. O lugar de nacemento era O Mesón, topónimo que aparecía por primeira vez nos libros sacramentais de San Clodio. O avó da nena, Ramón Pardo, era o mesoneiro e no apelido dese home está a razón de que nos mapas aínda se lea como nome deste lugar o de Mesón de Pardo. Na voz correspondente, poderedes comprobar a relación que existe entre este Ramón Pardo e tódolos Cerviño que, orixinarios de Augasantas, pasando por San Clodio, chegaron a O Carballiño. Non sempre é posible coñecer o nacemento dun topónimo co detalle do Mesón de Pardo, é resulta máis doado certificar o seu abandono do estado civil de topónimo maior, estado case sempre previo a súa morte definitiva. Este mesmo ano, por exemplo, sucedeu iso co lugar de Sona, na freguesía de Partovia. O derradeiro habitante, coñecido polo alcume de Herodes, cargado de anos e de ausencias, abandonou Sona no mes de marzo, camiño do asilo de anciáns do Carballiño. Non deron noticia disto os periódicos, pero ese día morría nada menos que un pobo do que tíñamos constancia desde o ano 1269, ano no que os documentos rexistraban  a un tal Xohan de Sona. 

 

A importancia da toponimia esténdese por moitos ámbitos e, contra do que se podería pensar, vai moito máis alá da pura erudición. Explicaba moi ben don Isidoro Millán, catedrático que foi de grego en Pontevedra e Santiago e gran sabio, o valor, pouco recoñecido, da fala e dos topónimos con respecto á historia e a cultura dun pobo. Dicía, máis ou menos: un pode ir a unha casa decorada totalmente ó gusto inglés ou chinés pero, en canto aparece o dono e fala, rapidamente descubriremos se é inglés, chinés ou galego de Muxía....Os restos arqueolóxicos materiais teñen moito valor, pero hai que ter coidado coas interpretacións. Algo parecido pasa coas fontes escritas, dáselle moita importancia, e téñena, por exemplo, ás inscricións latinas das estelas funerarias, pero, ¿que pasaría se alguén estudase os textos das lápidas funerarias dos cemiterios galegos actuais dentro  de varios miles de anos?, ¿debería concluír que a maioría da xente falaba castelán en Galicia? Non obstante, na fala van quedando todas as pegadas do pasado. A lingua, queridos amigos, é o arquivo onde sempre está aberta a posibilidade de atopar unha nova asociación non sospeitada, o lugar onde podemos ler o que nunca foi escrito. Neste senso, importancia primordial ten o topónimo, moitas veces a antiga voz do pobo fosilizada. Todo o mundo sabe que os topónimos tiveron no seu momento un significado transparente e xustamente aquí descansa o seu atractivo. Ese significado esconde moitos datos, non só sobre a fala dos antepasados, senón sobre o pasado mesmo. O encanto da toponimia, e da etimoloxía en xeral, quedou condensado de xeito insuperable nuns magníficos versos de  Karl Kraus, escritor austríaco a quen descubrín a través de Walter Benjamin, un autor alemán moi querido, quen, por certo, se quitou a vida en Portbou, unha vez que as autoridades do noso país lle negaron a entrada en España cando fuxía dos nazis. Sucedía isto no mes de setembro do ano 1940, a penas un ano despois de que centos de miles de españois cruzaran esa mesma fronteira no sentido contrario do que Benjamin, inutilmente, pretendía; entre eles o tío Serafín. Pois ben, os versos de Karl Kraus que aprendín con Benjamin din:

 

Canto máis de cerca se mira unha palabra

dende máis lonxe nos devolve a mirada

 

Nesa mirada devolta, ás veces desde as paisaxes máis remotas da nosa historia, quixen eu descubrir as mensaxes escondidas nos nomes de lugar que máis quero, a maioría deles incorporados á memoria nos anos da infancia, os anos que quedan impresos na biografía particular de cada un coas letras máis claras e coa tinta máis indeleble. Son os mesmos nomes que repite o P. Eiján unha e outra vez na súa obra e aqueles que, nun bo número, deixou don Eladio rexistrados no seu poema máis sobranceiro. Non é casualidade. Ós tres nos une a circunstancia fortuíta de ter descuberto a primeira luz da vida nese insignificante, pero fermoso, cachiño do mundo que se chama San Clodio. Nada menos que cincuenta e nove nomes de lugar figuran no poema Meu Ribeiro de don Eladio, seguramente un dos máis toponímicos da literatura universal. Aí están, nunha orde que non é aleatoria, os cincuenta e nove nomes: O Ribeiro, O Avia,  Lebosende. Banga, Lentille i-o Formigueiro, Esposende e Pazos Ermos; Ventosela, Regodeigón e Francelos; Roucos, Cenlle, San Fiz, Anllo e Figueiredo; Gomariz i-a Ponte e Barzamedelle e Leiro; Vieite e Beade i-as Areas i-o Coedo; Osmo e Quintá, e Verán e Beiro; Cabo, Riobó, i-a Barouta e Cacabelos; Vilaverde  i-a Fervenza i-o Ibedo... San Clodio, o Carballiño, un milagre de progreso, Oseira, Partovia i-o Torrón, O Varón, …Ribadavia; …os chaos de Amoeiro, os montes de Avión, os xigantes penedos de Corneira, O Coto de Novelle, … meu Campo de San Antonio, Os Loureiros, Os Fondales, Albarellos, San Benitiño de Cuñas, San Lourenzo, pontiña das Poldras, Beiras do Arenteiro, noitiñas do Salgueiral, Congostras de Cubilledo, muiños da Veiga Vella, remanso do Misieiro, Campo da Esprela onde tanto rebuldei cando era neno.

 

Un fragmento da contestación que daba o mesmo don Eladio ó discurso de ingreso na Real Academia Galega de D. Fernando Martínez Morás, La Toponimia de Galicia, pronunciado o día 30 de novembro de 1926, deixa ben claro, nun fermoso texto, o valor que daba á toponimia o ilustre poeta e lexicógrafo sanclodián:

 

La toponimia gallega. Como quien dice, el alma de las cosas; la luz que desvanece muchas sombras y aclara muchos misterios; la fuente donde manan abundosas, limpias, transparentes e inteligibles, las palabras que aparecen obscuras e inexpresivas; la base fundamental de gran número de vocablos exclusivos de Galicia; la razón de ser de millares de nombres que en nuestro país existen y cuya procedencia y significación verdadera se ignora…¿Comprendéis lo que esto representa y lo que esto vale?...

 

Tentei eu descubrilo, e asegúrovos que desfrutei moito no intento. Isto é xustamente o que desexo para todos os que  vos acheguedes ás humildes páxinas deste libriño, insignificante, que fala …dos regatos pequenos.

Moitas grazas

Fotos daquel día