Jeanfrujo
Frutos Fernández González
A verdadeira medida da vida é a lembranza. Walter Benjamin
Lembro perfectamente a primeira vez que vin a este Instituto. Era un cálido e luminoso día do mes de xuño do ano 1966: ¡xa choveu!. Foi o ano que gañou a liga o Aleti, o de Madrid, o meu equipo. Aquel de Madinabeitia na portería, con Rivilla, Griffa e Calleja, na defensa; Colo e Glaría na media; e, Ufarte, Luís, Mendoza, Adelardo e Collar, na dianteira. Tamén foi o ano do mundial de Inglaterra. Ese verán viría aquí a Ribadavia, ó Bar Alfonso, no coche dun tío meu do Brasil, a ver tódolos partidos televisados daquel magnífico mundial, o de Eusebio, a perla negra de Portugal. España fixera a súa preparación en Galicia da man do Dr. Balmanya, e na Coruña, o 23 de xuño dese mesmo ano, a véspera do san Xoán, vin eu por primeira e única vez en vivo ó equipo nacional. Foi unha data que non esquecerei mentres viva. Xogara España contra Uruguai e empatamos a un gol. O de España marcárao o malogrado Carlos Lapetra, estremo esquerdo daquel Zaragoza inesquecible dos cinco magníficos: Canario, Santos, Marcelino, Villa e Lapetra.
Pero, o primeiro día que eu vin a este Instituto non viña a xogar ningún partido de fútbol, viña para facer a proba de ingreso do antigo bacharelato, unha proba oral e pública realizada neste salón de actos. Unha proba que me capacitaría para que eu asistise diariamente a este centro durante cinco inesquecibles anos. Comigo viñan desde a escola de San Clodio, o Bardelás, O Tejerindo, O Zocas e o Miluco de Cabo. Don Lucio, o noso querido mestre, que coma todos os mestres das escolas do Ribeiro, viñera cos seus alumnos á proba, quedara moi contento de que os cinco superáramos o exame. Entre aqueles nenos que ateigaban este salón, perfectos descoñecidos para min nese momento, estaban moitos que habían de ser grandes amigos meus: O Meixengo da Arnoia, O Soutullo de Castrelo, O Cesarito de Quines, O Comunista de Xinzo, O Nicolás da Comadrona, O Chao de Osebe, O Coello de Carballeda, O Otero de Berán, O Larós de Leiro…. Multitude de nomes que podería seguir recitando e que ocupan algún dos arquivos máis indelebles da miña memoria, e iso a pesar de que a moitos dos que acabo de citar non os vexo desde hai moitos máis anos ca idade tendes vós. Logo iríanse incorporando os nomes dos profesores, algúns deles xa meros nomes na memoria: Don Gerardo de Educación Física e Formación do Espírito Nacional; Don Guillermo de Xeografía e Historia; A Orosa de Organografía; Don Manolo de Carpintería; Don José Benito de Lebosende, hoxe párroco do Carballiño, de Relixión; Don Julio de Agronomía; A Lula de Francés; O Cerilla de Electricidade; Don Pepito de Forxa; Don José María de Física e Química; Doña Conchita, a de Debuxo.. Don José o de correos e Don Secundino, de Matemáticas; O Burgos e doña Margarita, de Literatura…. Tamén os nomes da nova xeografía se foron incorporando á miña memoria: A Vichita, San Francisco, A Costa do Sarralleiro, A Cuenga, A Foz, A Barca, A Fonte da Plata, A Beronza... A Beronza era o lugar ideal para latar as clases nas soleadas tardes de primavera. Moitas veces íamos alí, simplemente para tombarnos na herba e observar a heroica loita das troitas no seu intento por subir a presa, na busca de augas máis puras e frías. Outras veces latábamos para ver os adestramentos do Ribadavia Atlético, no Xestal, e as tardes dos días de feira, para ir ó cine Río. Boa parte das nosas aventuras de despois do xantar desenvolvíanse arredor do regato Maquiás, ou río Beronza. Lembro especialmente o día que, nunha viaxe de descubrimento, seguindo o curso deste regato río arriba, atopamos un pequeno lugar abandonado. A aquel pobo, descoñecido para nós -hai pouco descubrín que tiña por nome verdadeiro o de Maquiás*-, bautizámolo. Puxémoslle un nome que certamente non resulta moi eufónico, ou o que é o mesmo moi musical, pero creo que foi a primeira relación seria que eu tiven coa toponimia. O nome que lle puxemos ó lugariño foi Jeanfrujo. A verdade, agora soa un pouco raro, pero detrás del tamén hai un significado. Hai algúns anos descubrín que ese nome que nós inventáramos era un acrónimo, do grego akros 'extremo' e ónoma 'nome', un nome formado por siglas, coma por exemplo Coren que, como sabedes, significa Cooperativas Orensanas, ou ANPIAN que era o nome da empresa de autocares que traía ós de Castrelo a Ribadavia, e que son as iniciais de Antonio Piña Antón, o fundador da empresa, e por iso o nome non leva –m- antes do –p-.
Escondía Jeanfrujo, o nome que nós lle puxemos ó pobo abandonado, as iniciais dos seus descubridores: Jesús Chao, Antonio Mateo, Frutos Fernández, aquí presente, e José Vázquez. Foi un topónimo malogrado Jeanfrujo, pero aí está na miña memoria, e supoño que tamén na dos meus compañeiros. Sei que se nalgunha ocasión un deles non me recoñecese e a miña vida dependese del, bastaríame a min pronunciar a palabra máxica, Jeanfrujo, para que inmediatamente o vello amigo se abrazase a min emocionado.
É o que teñen os nomes compartidos na infancia, na adolescencia ou na mocidade, acompañaranvos toda a vida, e cos anos veredes como agroman con nova forza. Será cando a idade, xa certa, vos traia a nostalxia do tempo perdido. Moitas Grazas.
*Díxomo o meu amigo José Luis Chao; el ía de pequeno a ese lugar. Como agasallo deume unha copia do debuxo que figura na cabeceira do texto. Está asinado por un tal J. Prada. O orixinal, xunto con outros debuxos da súa autoría, está no fondo Meruéndano do Museo Etnográfico de Ribadavia. Suponse que estes debuxos foron realizados entre finais do XIX e principios do XX. |
