Desde o Ribeiro

 
 Esta páxina contén os textos de diversos traballos publicados polo autor. No seu blog JEANFRUJO atoparás outros artigos e ensaios, e a posibilidade de publicar as túas propias opinións.
 

Santa Cruz

A FESTA DA SANTA CRUZ
Historia e tradición
 

 
Frutos Fernández González
 
(Traballo publicado no programa de Festas da Santa Cruz do ano 2006)
 

 

A tradición é  a alma eterna de Galicia

Castelao

 

            Acercarse á historia das festas dunha parroquia rural galega é acercarse a unha das súas institucións fundamentais. Así o demostra o feito de que sexa unha das poucas manifestacións culturais súas que segue resistindo os embates do tempo. Ata fai pouco a tradición transmitíanos, entre outros importantes valores, o respecto polas nosas festas parroquiais. Pero agora, ausentes a maioría das xentes que enchían de vida estes pobos, tal vez sexa preciso botar man da historia. Esta demóstranos ata qué punto a máis humilde festa parroquial galega esconde un valor patrimonial, cultural e histórico máis grande cá maioría deses grandes eventos festivos, de devoción case sempre culinaria, tan de moda nestes tempos.

            A historia das festas e mercados da freguesía de San Clodio do Ribeiro pode axudarnos a comprender moitas cousas; entre outras, a importancia que tivo no pasado a nosa parroquia como capital dunha das  xurisdiccións máis importantes destas terras.

As festas do Corpus de San Clodio, hoxe esquecidas, eran as festas cívico- relixiosas máis importantes da xurisdicción, e competían en esplendor coas de Ribadavia nos séculos XVII e XVIII. Nelas eran habituais, por exemplo, as corridas de touros na Praza de San Clodio, evento que soamente se podía presenciar nas vilas importantes e nas cidades. As festas de San Bartolomé, San Sebastián e San Benito eran festas máis modestas, de carácter máis local. De tódolos xeitos as festas máis importantes en canto a asistencia de xente, polo seu carácter mixto de festa e mercado, eran as da Nosa Señora, a patroa da parroquia desde o século XVI. Arredor desta devoción recolle o Tombo do Mosteiro do ano 1607 a celebración de ata seis festividades: “.... fue tanta la debocion de la tierra y tan grande el concurso de gente particularmente los días de sus festibidades que a sido suficiente para que se agan seis ferias cada un año muy populosas que son en su Santisima Natividad  y el día de la Expectacion y Purificación y  Anunciación y Bisitacion y de su gloriosa Asuncion..” . Aínda teríamos que sumar a feira de San Marcos na Ponte, o día 25 de Abril, onde se celebraba un dos mercados anuais máis importantes do Ribeiro.

            As festas da Santa Cruz, as nosas festas grandes, foron evolucionando, como moitas outras, desde unha orixe estrictamente relixiosa, paralela ó nacemento da confraría da Divina Reliquia, cara unha celebración que mesturaba a devoción relixiosa coas actividades festivas. Xa preconizara San Gregorio Magno, doutor da igrexa, a conveniencia de mesturar os actos relixiosos coas celebracións festivas, e o propio P. Feijóo, a pesar de que censuraba os excesos nas romarías, recoñecía que: No está la alegría mal avenida con la virtud.
 

A Divina Reliquia da Santa Cruz de San Clodio

 

            A devoción da Divina Reliquia pérdese na noite dos tempos e o Tombo Vello  do Mosteiro, do século XVI, fala da existencia, desde tiempo inmemorial, do Lignum Crucis en San Clodio. A confraría da Santa Cruz constituíuse na época do abade Frei Basilio Corriero, cara ó ano 1611, e o 22 de Marzo de 1613 o Papa Paulo V concedeulle unha bula con numerosas gracias e indulxencias. Foi reconstituída no ano 1846, cando era párroco Frei Norberto Martínez, baixo o nome de Reliquia de la Santa Cruz, anque sempre foi coñecida como Hermandad de la Divina Reliquia. A Irmandade agrupou á práctica totalidade dos veciños de San Clodio durante séculos, e a moitos das parroquias veciñas. O primeiro procurador da confraría reconstituída foi D. Ramón Mosquera, un fidalgo orixinario de Bieite que deixou como obra principal en San Clodio a casa vella dos soportais; logo virían Matías González, José Ramos,  Joaquín Rivera, Emilio Pajarín, Prudencio Gómez e moitos outros.

            A participación das confrarías na celebración das festas queda suficientemente demostrada no Catastro de Ensenada, cando informa, no ano 1753, con respecto ás festas de San Clodio: “..Corpus, Santa Reliquia y San Bartolomé, que se celebran anualmente por los cofrades y hermanos voluntarios y cada uno según su posible y caudal contribuye, en la especie de vino con que ajustara para cada fiesta ocho moyos, y su importe se gasta y combierte en ellas y no en otra cosa..”

Polos libros da confraría podemos coñecer cómo eran a estructura  e os presupostos das festas da Santa Cruz en pleno século XIX. Sirva de  exemplo o ano 1876: O gasto máis importante foi en foguetes,  nada menos que 240 reas; seguíalle a música con 100 reas. O sermón do día non saía barato, o predicador levaba 80 reas e era o terceiro capítulo en importancia do presuposto. A gaita e clarinete importaban 38 reas, mentres os curas oficiantes cobraban 42. Logo de moitos apartados, entre os que nunca faltaba unha partida de mollos de paja para o folión da noite do día dous, os que menos cobraban eran, como cabía esperar, os monaguillos: 1 real. En total, 604 reas de presuposto. Ata o ano 1866 o apartado de música reducíase a gaiteiro e frauta, que cobraban 22 reas; a mesma cantidade tódolos anos. A partir dese ano pasaron a gastarse 100 reas en música e 38 en gaiteiro. En 1887 acordouse subir el presupuesto hasta 75 pesetas para música para mayor esplendor de la fiesta. Deste xeito a música pasou a importar 300 reas, a gaita e clarinete 60 e os fogos seguían cos seus 240 reas. Este dispendio soamente durou dous anos. As contas da confraría debéronse resentir e,  en 1889, acordouse que, para os vindeiros anos, fosen os propios veciños quen contratasen a música á súa maneira, quedando a confraría á marxe. Dese ano partiu a tradición da organización da festa que chegou ata nós.
 

A Praza de San Clodio unha mañá do día da Santa Cruz, probablemente de 1933 (Fot. de Vida Gallega)

 

            Era neses anos procurador da Irmandade un persoeiro lexendario de San Clodio. A él, quérolle dedicar as últimas verbas destas breves anotacións. Chamábase Joaquín Rivera; era un sinxelo xastre de oficio que, cando o traballo o permitía, tamén buscaba a inspiración das musas. Legounos un tesouro moi particular: unha serie  de actas da confraría en verso. A modo de exemplo, cando deixou o cargo despedíase deste xeito:

 

Esta cuenta que antecede

Última es de Rivera,

Y como suya encierra

Exactitud, y procede

Que la Junta le conceda

Justísima aprobación,

Haciendole distinción

A sus servicios prestados

En ocho años contados

Que sirvió a la asociación

 

 

            Sirvan eses versos para lembrar e honrar a memoria do bo Joaquín e a de todos os que, coma él, puxeron o mellor de sí no servicio ó seu pobo, denantes de presentar as súas contas definitivas: ¡Que Deus os teña na Gloria!

 

 

Frutos Fernández González, Abril 2006