DA DESAMORTIZACIÓN Á REFUNDACIÓN BENEDICTINA DO MOSTEIRO DE SAN CLODIO
Frutos Fernández González
(Publicado na revista Argentarium, ANEXO 4, 2006, 229-240)
Introducción
Esta pequena comunicación ten como obxectivo aclaralo que aconteceu cos edificios e fincas anexas do Mosteiro de San Clodio do Ribeiro[1] entre a exclaustración dos monxes cistercienses, no outono de 1835, e a toma de posesión do mosteiro por unha nova comunidade benedictina, procedente de Samos, no ano 1891. O traballo forma parte dunha investigación máis ampla, ata o de agora inédita, sobre a historia da parroquia de San Clodio do Ribeiro.
I. A DESAMORTIZACIÓN DOS EDIFICIOS MONACAIS E DAS FINCAS ANEXAS DO MOSTEIRO DE SAN CLODIO DO RIBEIRO (1820-1881).
Como fillo da fermosa parroquia de San Clodio e home interesado na súa historia, tratei de atopar, desde hai bastantes anos, unha resposta a esta sinxela pregunta: ¿Cómo un mosteiro pertencente ó cister acabou acollendo a unha comunidade benedictina? A solución debía de estar relacionada coa desamortización e as súas consecuencias para o Mosteiro de San Clodio. Aínda que abondan as referencias para este período da historia -empezando pola monumental historia do P. Samuel Eiján[2], que dedica unha boa parte da obra á historia da súa parroquia nativa de San Clodio, e rematando no interesante traballo sobre a desamortización nos cenobios cistercienses do Ribeiro de L. Domínguez[3]-, e todas elas foron de grande axuda, ningunha aclaraba totalmente o que sucedera co mosteiro de San Clodio neses máis de sesenta anos. Deste xeito, comezou a investigación que agora vos presento.
Cando recorrín ás fontes, paralelamente ó descubrimento das vicisitudes polas que pasou o Mosteiro de San Clodio, fun dándome conta da complexidade dese longo proceso que coñecemos co nome de desamortización e que se estende ó longo de máis dun século. Tamén me decatei de que os achegamentos excesivamente globais á desamortización -algunhas veces exclusivamente contables- corren o risco de pasar por alto detalles que emerxen nas investigacións de carácter máis local, e poden resultar indispensables para unha correcta interpretación historiográfica da mesma, lonxe das vellas paixóns decimonónicas.
A propiedade libre, plena e individual característica do estado liberal que se trataba de instaurar en España desde principios do século XIX resultaba incompatible coa vinculación e a amortización á que estaban suxeitas boa parte das nosas terras e predios. Esto impedía a liberalización do mercado de multitude de bens: propiedades do clero, terras pertencentes ós concellos e o común dos veciños, bens pertencentes a morgados, etc. A desamortización -que, en resumo, consiste nunha apropiación por parte do Estado das terras, edificios, e outros bens pertencentes ás institucións ou entidades que os tiñan amortizados, para posteriormente introducilos no mercado libre a través de poxas públicas- xunto coa desvinculación, resultaban imprescindibles para a consolidación do estado liberal e o paso da sociedade estamental, característica do antigo réxime, á nova sociedade de clases, característica do estado liberal.
O trienio liberal (1820-1823)
Cando se fala da desamortización, adoita pensarse, sobre todo en Galicia, nas disposicións do Goberno de Mendizábal. O certo é que a primeira lexislación desamortizadora moderna se remonta ó ano 1766, en pleno reinado de Carlos III (1759-1788). Ese ano cristaliza, por primeira vez, nunha norma legal a forte corrente ilustrada a favor da liberalización das propiedades amortizadas. Trátase dunha Real Provisión do Goberno do Conde de Aranda que ordena, en Estremadura, a división e arrendamento entre os veciños máis necesitados das terras propias dos pobos e os baldíos dos concellos. Esta provisión esténdese en 1767 á Mancha e Andalucía e en 1768 a todo o reino. Eses repartos remataron en propiedade plena dos arrendatarios a partir da Lei do 6-V-1855. Viría logo, no ano 1769, a desamortización das temporalidades dos xesuítas, tras da súa expulsión en 1767, e máis tarde a desamortización de Godoy (1798-1808), baixo o reinado de Carlos IV, que ordenaba vende-los bens raíces da beneficencia, irmandades, obras pías e padroados de legos[4].
No que respecta ós bens dos mosteiros, a primeira lexislación desamortizadora que afecta ós cenobios galegos[5] data da época do trienio liberal (1820-1823). Por orde de 23 de setembro de 1820, suprimíanse os mosteiros de Ordes Monacais, conventos de Ordes Militares, Ordes Hospitalarias e outras institucións eclesiásticas. Os seus bens eran considerados “nacionais” e quedaban suxeitos á inmediata desamortización.
O proceso comezou coa realización dos inventarios de tódolos bens desamortizables. Estes inventarios[6] numerados confeccionáronse en San Clodio entre os anos 1820, 1821 e 1822. Encargouse da súa redacción o enviado da Comisión de Intervención, D. Rafael Ulloa, en presencia do ex abade do Mosteiro, Fr. Agustín Oviedo, e de D. Malaquías Trigo, Alcalde Constitucional do Distrito de San Clodio. Son documentos de grande interese que dan unha descrición detallada do estado do mosteiro e das súas propiedades.
Non temos ningunha referencia sobre a desamortización de bens inmobles do Mosteiro de San Clodio durante esta etapa. Unha información que aparece no inventario nº 5 do ano 1836[7], en plena desamortización de Mendizábal, no senso de que a botica do mosteiro era propiedade do frade exclaustrado de San Clodio D. Miguel Montero, por compra realizada na anterior época constitucional, non debe inducir a erro: D. Miguel mercara exclusivamente os efectos da botica en poxa pública no ano 1823 pola suma de 3300 reas[8], pero non os locais. Esto demostra, á súa vez, que si se produciu a desamortización e venda dalgúns bens mobles.
Co remate do trienio liberal, e o consecuente regreso do rei Fernando VII, paralizouse o proceso desamortizador. O primeiro Decreto Real, de outubro de 1823, declarou nulos e carentes de valor tódolos actos do goberno previo. O decreto obrigaba ademais á devolución dos bens desamortizados. No Libro de Fábrica do mosteiro de San Clodio, que se conserva no Arquivo Histórico Nacional[9], atopamos un dato curioso, nas contas do exercicio 1823-24, relacionado coa citada disposición legal : “El reloj de la torre lo trageron de Leiro quienes lo compraron al Crédito Público y estaba descompuesto y costo repararlo 250 reales.”.
Os frades retornan ós conventos nese mesmo ano de 1823 e restablécense as antigas xurisdiccións, entre elas a de San Clodio.
A desamortización de MENDIZÁBAL (1835-1854)
Trala morte de Fernando VII, no ano 1833, e debido á minoría de idade da raíña Isabel II, reinou en calidade de Rexente a súa nai María Cristina de Borbón. O desprazamento dos sucesivos gobernos desta época cara a posturas máis progresistas xunto coa entrada da burguesía nos mesmos posibilitou a recuperación dos proxectos desamortizadores do trienio liberal. En setembro de 1835, Juan Álvarez de Mendizábal forma goberno, e mediante un decreto, que leva data do 10 de outubro dese mesmo ano, restablece a lei de 1-X-1820 que suprimía os mosteiros. Pouco máis tarde, entre febreiro e marzo de 1836, publicáronse os tres decretos que configuraron o que se coñece coma Lei da Desamortización de Mendizábal. Por ela, declarábanse extinguidos os mosteiros, colexios, congregacións e demais estamentos do clero; os seus bens pasaban a pertencer ó Estado e ordenábase a súa venda inmediata. Á marxe das razóns ideolóxicas, Mendizábal trataba, fundamentalmente, de resolver o problema da elevada débeda pública do Estado. Este problema, xunto ós elevados gastos que se producían pola inesperada prolongación da guerra cos carlistas, ameazaba con quebra-la facenda pública.
O grande peso dos bens de orixe eclesiástica en Galicia fai que sexa esta etapa do proceso a máis estudada. Os traballos de Villares[10] e Vallejo[11] son referencia obrigada para todos aqueles que nos achegamos ó estudio da desamortización de Mendizábal en Galicia. Para o caso máis concreto do Ribeiro, resulta imprescindible a lectura dos traballos de Domínguez[12].
Coñecemos con exactitude a data da exclaustración do Mosteiro de San Clodio: foi o 4 de novembro de 1835[13]. Ese día remataban seis séculos de señorío do cister en San Clodio e na súa xurisdicción[14]. A partir dese momento comezou a nova elaboración de inventarios. Á fronte da súa redacción estaban: D. Benito Villarino, Comisionado de Amortización que logo sería alcalde do Carballiño, e D. Miguel Borrajo, que sería o derradeiro alcalde local de San Clodio. Realizábanse en presencia do ex abade Frei Felipe Fernández Cienfuegos[15]. Nos inventarios faise relación dos bens raíces, rendas e censos do mosteiro de San Clodio e dos seus priorados. A elaboración destes inventarios e os tramites posteriores, precisos para a organización das poxas públicas, atrasou o inicio das vendas, que se concentrarían, sobre todo, no período que vai de 1839 a 1844. Estudiaremos aquí exclusivamente o que corresponde ós bens raíces dentro da parroquia de San Clodio, que incluían as fincas anexas ó mosteiro, e o que aconteceu cos propios edificios monacais.
Bens raíces
Dentro da parroquia de San Clodio estes bens incluían, segundo o inventario de 1839[16]:
Dentro deste inventario dos bens raíces da Casa Matriz incluíanse tamén: A chamada Casa Vestiaria de Gomaríz, outra casa sita no lugar do Rigueiro en Esposende, a chamada da Granja de Cuñas con dúas viñas, unha casa chamada da Reguenga en Cima de Vila de Osmo e outra en Redondela de Esposende.
Estes bens raíces, antes da súa venda, estiveron arrendados. A Casa da Audiencia da Xurisdicción de San Clodio, que estaba situada na Praza de San Clodio, seguiu facendo durante uns meses as funcións de cárcere e salón de sesións do Concello. A renda era de 100 reas pero o 31 de Maio de 1836, quince días despois da constitución do novo Concello de Leiro, xa se da conta do cese da mesma[19]: “..el Ayto se ha mudado al pueblo de Leiro en donde se tomo carcel en arriendo...quedando sin arrendatario la carcel de S. Clodio”. A Horta do Mosteiro e o Piñeiral estiveron arrendados estes primeiros anos a Frei Bruno Sopeña, frade exclaustrado de San Clodio[20]. Tamén aparece como alugada a Frei Miguel Montero a peza da botica, que incluía despacho, residencia do boticario, laboratorio, habitación para o mancebo e almacén, ademais dunha horta de tres copelos[21] unida al local de la botica donde solía haber algunas hierbas medicinales[22].
No ano 1839 realizouse a primeira venda dun ben raíz do mosteiro en San Clodio. Tratábase do Piñeiral dos frades, que foi adxudicado ó fidalgo de S. Clodio D. Ramón Mosquera[23] en 4946 reas; a Casa da Audiencia foi rematada en 1842 a Manuel Fraiz, veciño de San Clodio en 5045 reas[24]. A Horta do Mosteiro mercouna en decembro do ano 1849 D. Francisco Mª Cortázar y Ferrer[25], veciño de Madrid, por 60.000 reas. Desde 1840 a 1846, a Horta estivera arrendada a D. Camilo Mojón, frade exclaustrado de San Clodio[26]. D. Camilo, natural de Ourense, era fillo do mosteiro de San Clodio, onde tivera o oficio de organista, e distinguiuse pola súa defensa das ideas liberais. Foi nomeado Comisionado de Ciencias y Artes del Suprimido Mº de S. Clodio pero en 1843 xa figura como cura castrense, vicario do Dpto. de Marina de Cádiz[27]. Máis tarde sería cóengo en Ourense e Menorca e distinguido como “Caballero Comendador de las Reales Órdenes de Carlos III e Isabel la Católica[28]
Fot. 1. Fotografía realizada polo P. Eiján –arredor do 1910- da Praza de San Clodio e cerca da finca da Portería co seu torreón á fronte. Esta foi unha das fincas que mercou D. Ramón Mosquera en 1839.
O traslado de D. Camilo a Cádiz propiciou que en febreiro de 1842 se fixese entrega da Biblioteca e pinturas do Mosteiro a José Ramos[29], mestre da recén estreada escola pública de primeiras letras de San Clodio, situada nas dependencias da antiga botica do mosteiro. Estes locais da botica foron definitivamente concedidos para as escolas en data 18 de febreiro de 1843, anque xa se resolvera a cesión o 12 de Abril de 1840, daquela para que se instalasen alí as pezas de primeiras letras, cárcere e salón de sesións do Concello de Leiro[30]. Ignoraban seguramente os administradores provinciais dos bens desamortizados que un dos obxectivos fundamentais dos rexedores do Concello de Leiro[31] era o de trasladar a Leiro toda a administración do novo concello, en detrimento de San Clodio, capital da antiga xurisdicción. Así, o Concello prefiriu pagar o aluguer dunha casa en Leiro á cesión gratuíta de parte dos edificios monacais, en San Clodio. En 1841, o pleno municipal solicitou a cesión da casa do Priorado da Groba –entre Leiro e Lebosende- para casa consistorial. Diante da negativa do Goberno a tal cesión, non lle quedou máis remedio ó concello que afrouxa-lo peto e soltar 15.940 reas pola compra da casa do citado Priorado[32]. Esto sucedeu en outubro do ano 1845; desde ese momento e ata ben entrado o século XX o antigo Priorado da Groba acolleu a Casa Consistorial e o Cárcere do Concello de Leiro.
Aínda que non aparece na relación de 1839, a finca da Portería -“Casa de un alto dedicada a Palomar con una huerta y parral y viña contigua que todo se halla cercado sobre si, sita en la Plaza de San Clodio, conocida por el nombre de Portería o Carreira del Convento, su extensión ocho áreas aproximadamente y linda Sur camino al convento, Oeste dicha Plaza, Este terreno baldio y Norte camino a la iglesia”[33] - tamén saíu á poxa pública nesta época. Foi adxudicada en 10.160 reas[34] a D. Ramón Mosquera. Sostemos esto a pesar da declaración que fixo en 1887 Dª Julia Madalena[35], viúva de D. Francisco de la Fuente, que sostiña que este último mercara en 1850 á facenda nacional a finca. Para entender este asunto debemos saber que a filla de D. Ramón Mosquera, Dª Francisca, casara en segundas nupcias con D. Francisco de la Fuente, comisario de interior e seguridade de Ourense, e logo éste, viúvo de Dª Francisca, debeu casar con Dª Julia Madalena. En documento que se conserva en Samos, infórmase de que a finca da Carreira estaba inscrita no rexistro da propiedade a favor de Dª Francisca Mosquera como herdeira dos seus finados pais D. Ramón Mosquera e Dª Gabriela Pardo. É posible que tras da morte de D. Ramón, que finou no ano 1849, o seu xenro, D. Francisco, aínda pagase algúns prazos á facenda pero todo parece indicar que quen fixo a primeira compra foi D. Ramón Mosquera.
Fóra da parroquia de San Clodio, a título informativo, por esta mesma época, cabe destacar a compra do Priorado de Bieite por D Manuel Feijoo y Río[36], casado cunha fidalga de Bieite. D. Manuel Feijoo substituíra en decembro de 1835 a D. Benito Villarino no posto de responsable comisionado para a formación dos inventarios do mosteiro de San Clodio. Sería máis tarde D. Manuel Feijoo Gobernador da Provincia e principal impulsor da creación do Instituto Provincial de 2ª Ensinanza e da Biblioteca Provincial e Museo de Pinturas de Ourense. D. Benigno Borrajo, fidalgo de Barzamedelle e alcalde de Leiro en 1837, que tamén foi Delegado para a Administración dos Bens do Mosteiro, mercou a Granja de Otero do Mosteiro de Melón, e tamén participou na compra do mosteiro de San Francisco de Ribadavia. A granxa do priorado da Groba, cunha viña de 32 cavaduras, foi mercada por D. José Mª Fernández de Leiro en 1841 por 87.000 reas. Estas compras respaldan a tese daqueles que viron nos próximos ó novo poder liberal o grupo de maiores beneficiados do proceso desamortizador[37].
Edificios do Mosteiro
Con respecto ós edificios do Mosteiro, desde un primeiro momento quedou fora da desamortización a igrexa polo seu carácter parroquial, previo á desamortización[38], e a fronte do Mosteiro á dereita da portada principal que quedou ó servicio da parroquia como casa rectoral. No resto da fronte do Mosteiro, a esquerda da porta da entrada -a antiga botica-, estaban instaladas as escolas de San Clodio. As restantes dependencias do claustro novo foron concedidas o 12 de agosto de 1838 para que alí se celebrasen as reunións da Milicia Nacional organizada polo Concello de Leiro[39].
O claustro vello non chegou a saír a poxa nesta etapa. Despois de diversas vicisitudes, incluída a concesión dos seus materiais para construír o Concello de Leiro[40], concesión que non foi aceptada, chegou ó remate deste período nun estado de grave deterioro. Posteriormente un incendio deixouno totalmente arruinado. Por sorte as paredes mantivéronse en pe.
No resto dos edificios, que se prolongan á fronte do Mosteiro na Carreira -o denominado edificio da Paneira e o edificio de bodegas e lagares- estaban situadas as cortes, forno, cillerería, bodegas e lagares. Estes edificios parece que seguiron baixo a administración da facenda nacional cos mesmos usos que tiveran no propio mosteiro. Non esquezamos que mentres non se produciu a venda, ou redención, das rendas estas quedaron nacionalizadas e o seu cobro realizouse, normalmente, por arrendamento. Por exemplo, en 1838 foi D. Manuel Fernández de Barzamedelle quen arrendou as da casa matriz do mosteiro de San Clodio; pagou 15000 reas por cento noventa e dous moios de viño de rendas[41].
Fot. 2. Estado actual do edificio da Paneira. Foi desamortizado segundo a Lei de Madoz.
A desamortización de Madoz (1855-1924)
En 1855, en pleno bienio progresista, éntrase nunha nova etapa desamortizadora coa promulgación da lei Madoz. A lei leva a data do 1 de Maio dese mesmo ano, e debe o seu nome ó seu principal impulsor, o Ministro de Facenda, Pascual Madoz. En esencia declaraba en venda tódolos predios rústicos, urbanos, censos e foros do clero, ordes militares, confrarías, obras pías, santuarios, bens propios e comúns dos pobos e en xeral calquera ben pertencente a “mans mortas”. A lei tamén establecía que quedarían exceptuados de venda certos bens, entre eles: casas rectorais dos párrocos coas súas hortas, escolas e tamén montes e terreos comunais, previa declaración do seu uso comunal. A desamortización de Madoz tería as súas etapas máis activas nos anos 1855/56, 1859/67, e 1880/90.
No conxunto de España a desamortización de Madoz tivo máis importancia que a de Mendizábal tanto en riqueza desamortizada, coma en número de beneficiados[42], gracias sobre todo á importancia relativa dos bens de propios. En Galicia[43], dada a escaseza destes bens e o feito de que unha boa parte quedaron exceptuados da venda por tratarse de montes comunais de aproveitamento colectivo, a desamortización de Madoz tivo menos importancia relativa que a de Mendizábal, xa que seguiron pesando máis os bens procedentes do clero que, na maioría dos casos, se venderan na etapa anterior.
A desamortización de Madoz presentaba diferencias substanciais coa de Mendizábal e algunhas delas parécenos preciso lembralas. Unha era a idea da compensación: as institucións nacionalizadas recibirían o equivalente do producto íntegro da venda dos seus bens agás as corporacións municipais, que soamente recibirían o 80%, mentres o Estado dedicaría o 20% restante a cubri-lo déficit orzamentario. Outra diferencia importante afectou ós bens de natureza eclesiástica. Aínda que entre 1855 e 1856 estes bens se desamortizaron de acordo cos principios xerais da Lei, desde o outono de 1856 produciuse un parón nas vendas ata que se alcanzou un convenio coa igrexa. Esto sucedeu no ano 1859. O goberno español comprometíase en base ó citado convenio a non facer ningunha venda nin conmutación de bens eclesiásticos de forma unilateral. Tamén se recoñecía á Igrexa a capacidade para adquirir, reter e usufructuar bens. A Lei de 7 de Abril de 1861 establecía que os bens eclesiásticos, adquiridos antes de abril de 1860, que non estivesen exceptuados, continuarían vendéndose de acordo coa lei de Madoz. O Estado entregaría á igrexa inscricións intransferibles de débeda pública polo valor dos bens vendidos.
Os edificios do Mosteiro de San Clodio, coa excepción da Casa Rectoral e das Escolas que estaban exceptuadas pola propia lei, pertencían ó escaso grupo de bens procedentes do Clero que non foran desamortizados antes de 1856. Tras da promulgación da Lei de 1861, volveron saír a poxa pública. En sintonía coa lei de Madoz, que dispuña que as fincas se dividisen o máis posible para a súa venda, os predios do Mosteiro de San Clodio repartíronse en 16 solares que saíron a poxa de forma independente[44]:
· Os solares nº1 e nº2 conformaban a chamada casa dos Lagares. · Os solares nº3 e nº4 eran as bodegas do branco e do tinto, a parte da casa entre os Lagares e o edificio da Paneira. · Os solares nº5 e nº6, dividían o edificio da Paneira en dúas partes. O solar nº6, que linda coa casa rectoral polo Leste, contaba na primeira planta co forno e no baixo coas cortes dos cabalos e tiña que dar servidume de entrada para a horta e o solar nº5, que se estende desde este ata o edificio das bodegas. · O solar nº7 era a parte do primeiro claustro onde está emprazado o refectorio, co seu alto e soto, entre a casa rectoral e a cociña. · O solar nº8 era a parte da cociña co seu alto de dúas celas e soto. · O solar nº9 era o cuarto entre os dous claustros lindando polo sur coa cociña e polo norte co paso entre os dous claustros. · Os solares 10 e 11 era a parte esquerda do claustro novo coa parte correspondente do patio. O nº 10 era a parte leste e o 11 a parte oeste. · O solar 12 era a parte sur do claustro vello. · O solar 13 era a parte leste do claustro vello. · O solar 14 era a esquina nordeste do claustro vello coa fonte de afora. · O solar 15 era a parte norte do claustro vello. · O solar 16 era a torre, secadero de pieles, coñecida como o peliqueiro.
Fig. 1. Planta do Mosteiro cos solares numerados en que foi dividido para a súa desamortización. R: Casa Rectoral. E: Escola pública de San Clodio.
As primeiras adxudicacións producíronse no ano 1867. Constantino Salgado Araújo comprou o solar nº 6 de 156m2 na Paneira, desde a parede da casa rectoral ata a entrada común para este solar, horta e paneira[45]. Joaquín Muíños[46] mercou a finca nº 7, que incluía toda a parte dereita do claustro novo, onde estaba situado o refectorio, con sotos e parte alta, de 296m2 de planta; o prezo da operación foron 800 escudos (8000 reas)[47]. Nunha denuncia sobre o aproveitamento dalgún destes solares do ano 1875, Juan Ramos López, zapateiro e curmán do mestre D. José Ramos, declara que adquirira o solar nº 5 da Paneira en 1868[48]. Probablemente Juan Ramos comprara a paneira por mandato do mestre pois o certo é que en 1880 figuran como donos deste solar os seus herdeiros. O mesmo José Ramos foi quen mercou o solar nº 15[49].
Os doce solares restantes, ó non atoparse comprador volven saír á venda en 1880. Previamente redáctase outro inventario que é acompañado dun informe pericial do Perito Agrimensor do Concello de Leiro, D. Ramón Vázquez Fernández, con VºBº do Alcalde D. Urbano Meín[50].
Os solares 1, 2, 3 e 4, onde estaban os lagares e bodegas do convento, son definitivamente adxudicados a Agustín de Novoa que os mercou para o seu sogro, o xastre Miguel Ramos[51], irmau de D. José Ramos. Este edificio segue a pertencer na actualidade a herdeiros de Miguel Ramos. O solar número 8 foi rematado por Joaquín Vilariño[52] de Berán por un total de 6440 reas. O solar 9 foi adquirido por Manuel Benito Hermida[53] de Osebe. O solar nº 11, unha parte do claustro novo de 176 m2, foi adquirido por D. José González Loureiro[54], que actuaba por mandato de Fr. Vicente Noceda, frade exclaustrado e veciño da Ponte. D. Frutos Cerecedo, un rico comerciante da Ponte, rematou o solar nº12[55]. Por último, o solar 14 foi adxudicado en 110 pesetas a D. Huberto Fernández Hermida, secretario do xulgado de Leiro[56]. Todos estes solares foron rematados entre 1880 e 1881.
Parece que para os lotes 13 e 16 non se presentou ningunha oferta. Con respecto ó solar nº 10, a pesar de que nalgún documento se supón mercado por Fr. Vicente Noceda, un escrito do presbítero D. Manuel Noya[57] do ano 1887 solicitando á facenda nacional que non se saque á poxa por constituír paso obrigado para outros solares imposibilita a suposta compra por haber finado Fr. Vicente uns anos antes.
II. A REFUNDACIÓN BENEDICTINA DO MOSTEIRO DE SAN CLODIO (1882-1891).
Tiveron que pasar máis de corenta anos, desde a exclaustración de 1835, para que as condicións políticas en España permitisen a restauración das diferentes ordes relixiosas. Aínda que moitos dos monxes exclaustrados nunca perderan a esperanza de volver á vida en comunidade, corenta anos foi un prazo de espera excesivo: a maioría finaron antes de que a súa esperanza se puidese facer realidade e os poucos que chegaron a década dos oitenta do século XIX xa o fixeron moi entrados en anos. Ningún dos antigos mosteiros do cister en Galicia sería novamente ocupado polos monxes bernardos no século XIX.
Máis sorte tiveron os benedictinos galegos. O R. P. Gaspar Villarroel, profeso de Celanova, que tiña nese momento a dignidade de arcediago de Valladolid, cando viu que as condicións eran de novo favorables, entrou en contacto cun grupo de exclaustrados da Orde e decidiron reunirse no Mosteiro de Samos, previa autorización do Goberno e do Nuncio da súa Santidade. O propio P. Villarroel foi nomeado superior, e logo primeiro abade, da restaurada comunidade benedictina de Samos, formada por un total de dez monxes[58]. O Mosteiro de Samos foi, coa salvedade especial de Monserrat[59], o primeiro mosteiro benedictino español refundado tras da desamortización.
Fr. Veremundo Dieguez Arias, refundador do Mosteiro de San Clodio.
A mesma idea de fundar unha nova comunidade benedictina ocorréuselle a un monxe moito máis próximo a nós: O P. Veremundo Dieguez Arias, exclaustrado do mosteiro de San Juan de Corias en Oviedo, pero natural de Moldes, que puxo os seus ollos para a empresa no Mosteiro de San Clodio. Frei Veremundo, que a penas aparece nomeado nas poucas referencias que hai sobre a nova chegada dos benedictinos, foi o verdadeiro impulsor da nova comunidade que se instalaría en San Clodio.
Frei Veremundo Dieguez Arias pertencía a unha ilustre e aristócrata familia de Moldes: Un tío segundo seu, o benedictino Frei Veremundo Arias Teixeiro –natural de Cabanelas-, de quen herdou o nome, fora bispo de Pamplona e arcebispo de Valencia; un tío, Manuel Arias Teixeiro, fora bispo de Santander e outro, José Arias Teixeiro, tivera o cargo de ministro universal do pretendente ó trono, D. Carlos. Nesa mesma familia nacería en 1884, poucos anos antes do pasamento do noso Frei Veremundo, Antón Losada Dieguez, o eminente galeguista de Moldes, que era sobriño segundo do frade que tentaba establecer unha comunidade benedictina no mosteiro de San Clodio.
A partir de 1882, Frei Veremundo comeza a compra dos edificios do mosteiro. Ese ano merca a parte do refectorio, solar número sete, a Joaquín Muíños quen adquirira esta parte do predio á Facenda Nacional no ano 1867. A operación tivo un custo para D. Veremundo de 2750 pesetas[60]. Ese mesmo ano, Frei Veremundo mercaría outros solares do mosteiro: A parte da cociña, solar número oito, a Joaquín Vilariño de Berán, o cuarto do edificio entre os dous claustros, solar número nove, a Manuel Benito Hermida de Osebe e a parte sur do claustro vello, solar doce, a D. Frutos Cerecedo da Ponte[61]. Todos eles, como estudiamos previamente, mercaran estas partes do convento á Facenda Nacional no ano 1880.
Dos solares mercados por D. Veremundo soamente a parte do refectorio, no claustro novo, estaba en regular estado; os restantes edificios estaban totalmente arruinados coa excepción dos muros. Precisábase para instalar a comunidade, a maioría frades de moita idade, unha rápida restauración. Con ese obxectivo fixo a súa entrada en San Clodio Frei Veremundo o día 25 de novembro de 1885[62]. Chegou acompañado de catro curas novos: D. Manuel Noya, de Xavestre na provincia da Coruña; D. José Romero, de Santa Olalla de Bóveda; D. Ricardo Heredía, de San Martiño de Oleiros e D. Juan Coto, de Arcos da Condesa. Serían estes curas, baixo a tutela de Frei Veremundo, os que establecerían a primeira pasantía de latín no mosteiro de San Clodio e os que iniciarían, pouco máis tarde, coa axuda dos veciños, a recuperación do edificio, particularmente das dependencias do claustro vello do que soamente se mantiñan en pé as paredes despois do incendio que sufrira algúns anos antes.
Pero os obxectivos de Frei Veremundo non remataban nunha simple pasantía; tratábase de establecer un colexio de primeira e segunda ensinanza e unha comunidade benedictina máis ampla. Con ese obxectivo proseguiu na compra das casas do convento que iniciara en 1882. Este ano de 1885 merca a esquina nordeste do claustro vello, solar catorce, ó secretario do Xulgado de Leiro, D. Huberto Fernández Hermida en 150 pesetas[63]. Ó ano seguinte Dª Camila García Lorenzo, herdeira de Fr. Vicente Noceda, da Ponte San Clodio, fai doazón a D. Manuel Noya e a D. José Romero da parte do claustro novo que linda coa igrexa, solar once[64]. Ese mesmo ano, os herdeiros de José Ramos fan doazón verbal ós mesmos curas da parte norte do claustro vello, solar quince[65].
O certo é que unha vez conseguida a propiedade dos edificios do mosteiro, Frei Veremundo Dieguez Arias, doa a propiedade do mosteiro á Comunidade de San Clodio, mediante escritura pública diante do notario de Leiro Ricardo Duran y Moure outorgada o día 26 de xuño de 1886: “(...) Que es dueño en propiedad y pleno dominio de todo el Monasterio de San Clodio del Ribero de Avia, a excepción de la parte correspondiente al Cura Párroco y a la casa de la escuela(..)”. Tamén declara que as propiedades do mosteiro adquiriunas “(...)con el fin de establecer en él una Comunidad Benedictina que se dedicase además a la primera y segunda enseñanza á favor de la cual cede para siempre dicho Monasterio.(...)”.[66]. En xullo de 1886 fai unha rectificación da citada escritura de cesión no sentido de que en caso de non constituírse a comunidade benedictina prevista, ou da súa disolución, os herdeiros serían os mesmos monxes do mosteiro en vez dos seus herdeiros[67]
No citado documento de cesión do edificio do mosteiro de San Clodio, que asina como testemuña o daquela mozo Eladio Rodríguez[68], aparecen citados tódolos membros da comunidade que se establecería en San Clodio: Fr. Melchor Fernández, veciño de Creciente; Fr. Vicente Lorenzo Puga, Sochantre de Orense; Fr. Rosendo González; Fr. Rosendo Nieves, de Poulo; Fr. Fulgencio Araújo, párroco de Santa Uxía de Lobás, Fr. Rosendo Valdés, cura de Vilamea; Fr. Angel Macías, residente no convento de Lerez; Fr. Plácido Menendez, do convento de Samos; D. Tomas Otero y Villar, veciño de Vilatuxe e Fr. Veremundo Valdés, veciño de Refoxos. A estes dez benedictinos, que tiñan seis meses para incorporarse á Comunidade, había que sumar os catro curas que xa estaban en San Clodio. Ós últimos poñíaselle como condición facer a profesión solemne da Orde Benedictina. En total, unha comunidade de quince frades contando a Frei Veremundo Dieguez.
Paralelamente, Frei Veremundo solicitou do Ministro de Gracia e Xustiza a autorización para a instalación dunha Comunidade Benedictina no Mosteiro de San Clodio que tería como dedicación principal ó ensino. A Raíña Rexente Dª María Cristina accedeu á petición por Real Orde de 8 de Maio de 1886[69].
Algúns problemas deberon xurdir por esta época, ademais do da avanzada idade de Fr. Veremundo, pois a partir de agosto de 1886 soamente quedaron en San Clodio D. Manuel Noya e D. José Romero, profesores da Pasantía de Latín. Fr. Veremundo non consigue que os frades acudan ó Mosteiro, aínda destartalado, e, curiosamente, no testamento que outorga en Santiago en setembro de 1887[70] entre os seus herdeiros fiduciarios -case tódolos frades que ían formala comunidade de San Clodio máis o presbítero de Lebosende D. Miguel González- non figura ningún dos dous curas de San Clodio.
Aparece Samos
O abandono de Fr. Veremundo imposibilitou o plan inicial de establecer unha comunidade independente en San Clodio. Optou D. Manuel Noya por pedir axuda ós monxes de Samos para o establecemento da Comunidade de San Clodio. Por fin, o 3 de setembro de 1891, o Abade de Samos, Rmo. P. Gaspar Villarroel, tomou posesión oficial do Mosteiro de San Clodio[71]. Deixou como superior ó P. Angel Macías acompañado por seis frades máis: Fr. Francisco Romano, Fr. Benito Otero, Fr. Ignacio Vázquez, Fr. Juan Antonio Dieguez e Fr. Pedro Cortado. D. Manuel Noya, o único representante que quedaba dos primeiros que acudiron a San Clodio, fixo, como era o seu desexo, a profesión da Orde en 1894 e finou en San Clodio no ano 1896.
O novo mosteiro entrou dentro da Congregación Benedictina Casinense no ano 1893. No Capítulo Xeral da Congregación de 1902, quedou San Clodio como priorado independente, teoricamente con plena autonomía e independencia do Mosteiro de Samos. O primeiro prior desta época foi o P. Roberto Bas á fronte dunha comunidade que se ocupaba da parroquia[72] e do colexio de latinidade[73].
Fot. 3. Monxes da Comunidade Benedictina de San Clodio con algúns nenos novicios arredor de 1915 .
As fincas do Mosteiro
A situación da comunidade presidida por Fr. Angel Macías, en 1891, era moi precaria. Ademais de dispoñer soamente dunha parte dos edificios monacais, a maioría en ruínas, a gran horta do mosteiro seguía sendo propiedade dos herdeiros de José Ramos.
Pertencían ó mosteiro dúas fincas anexas: A chamada viña dos frades, á fronte do mosteiro, e as viñas ó norte da igrexa, hoxe atravesadas pola estrada que sube a Cabo e Rioboo. A viña dos frades, que estaba cercada e remataba no torreón da portería, fora vendida a D. Manuel Noya por Dª Julia Madalena, viúva de D. Francisco de la Fuente, por escritura privada que foi elevada a pública o 5 de xaneiro de 1886. As viñas ó norte da igrexa, denominadas viñas do Cano, tamén foran adquiridas por D. Manuel Noya, como herdeiro de Fr. Melchor Fernández, mediante permuta con Dª Juana Cloro de varias fincas en Creciente. A permuta foi elevada a escritura pública diante do notario J. Fernández Ferreiro o 19 de decembro do ano 1895[74].
Habería que esperar ó ano 1902 para que a Horta do Mosteiro pasase ser propiedade da Comunidade. Foi baixo o mandado do primeiro prior Fr. Roberto Bas. A venda realizárona Dª Dolores Ramos Lorenzo e D. Adolfo Ramos Pérez, como herdeiros de José Ramos, mediante escritura pública, outorgada o 20 de decembro do 1902, diante do notario de Leiro D. Román Yañez Oliveira. Hai que destacar que o importe da compra da finca, dez mil pesetas de entonces[75], pagouno en concepto de limosna a aristócrata de Leiro Dª Mª Luisa Trillo-Figueroa Hermida, gran benfeitora da Comunidade benedictina de San Clodio á que máis tarde doaría a propia Casa Grande de Leiro, o Pazo central da familia Hermida, hoxe casa cuartel da Garda Civil.
[1] Resulta curioso que algunhas publicacións recentes se refiran ó Mosteiro de San Clodio como Mosteiro de San Clodio de Leiro. Tal denominación, que nunca tivo, carece de toda lóxica histórica ó ser Leiro ata o ano 1836, cando pasa a dar nome ó Concello recén creado, un lugar da veciña parroquia de San Miguel de Lebosende. Ó longo da súa dilatada historia o mosteiro recibiu diversos nomes: San Clodio, San Clodio do Ribeiro, San Clodio do Ribeiro de Avia, San Martiño de San Clodio e Santa María de San Clodio, pero nunca San Clodio de Leiro.
[2] EIJÁN, S. (1920). Historia de Ribadavia y sus alrededores, Madrid, 1920.
[3] DOMÍNGUEZ CASTRO, L. (1992). “Os cenobios cistercienses do Ribeiro na desamortización de MENDIZÁBAL: Análise dos seus bens e dos seus compradores”, en Actas do Congreso Internacional sobre San Bernardo e o Cister en Galicia e Portugal, t. I. Ourense, pp. 463-474. [4] Unha concisa e completa análise da Desamortización en España e da lexislación correspondente en: La desamortización en España: un balance (1766-1924). Germán Rueda Hernanz. Cuadernos de Historia, 38. Madrid 1997.
[5] O R. D. de José I de 18-VIII-1809, en plena Guerra da Independencia, que suprimía as ordes regulares, monacais, mendicantes e clericais non tivo efectos en Galicia, libre dos franceses desde finais de xuño do mesmo ano 1809.
[6] AHPO; Facenda. C10263
[7] AHPO; Facenda. C10263
[8] DURO PEÑA, E. (2001): Toma de hábitos en el monasterio de San Clodio (1744-1832). Miscelánea Samonense. Diputación de Lugo. 2001.
[9] AHN. Clero. L7821.
[10] VILLARES PAZ, R. (1994): Desamortización e réxime de propiedade, Ed. A Nosa Terra. Céntrase sobre todo na Provincia de Lugo.
[11] VALLEJO POUSADA, R. (1993): A desamortización de Mendizábal na Provincia de Pontevedra, 1836-1844, Deputación Provincial de Pontevedra.
[12] DOMÍNGUEZ CASTRO, L.(1992): Viños, viñas e xentes do Ribeiro. Ed. Xerais . pp. 62-80. Os cenobios cistercienses do Ribeiro na desamortización de Mendizábal: Tipoloxía dos bens e socioloxía dos compradores. Actas do Congreso Internacional sobre San Bernardo e o Cister en Galicia e Portugal, t. I. Ourense, pp. 463-474.
[13] AHPO. Protocolos. C2026, 1836, px. 7.
[14] A Xurisdicción de San Clodio incluía as parroquias de San Clodio, Lebosende e Vieite. Tamén pertencían á xurisdicción algúns veciños de Gomaríz e Cuñas. A mediados do século XVIII agrupaba a uns cincocentos veciños, máis de dous mil habitantes.
[15] AHPO. Facenda. C10263. Inventario nº 5 de 1836.
[16] AHPO. Facenda. C10263. Inventario de 1839.
[17] O moio é unha antiga unidade de volume, para medir o viño, que equivale, no Ribeiro de Avia, a oito olas de dezaseis litros e un cuartillo. Deste xeito un moio equivale a 132 litros.
[18] A cavadura é unha unidade de superficie que equivale a 436m2.
[19] AHPO. Facenda. C13375.
[20] AHPO. Facenda. C13375.
[21] Un copelo equivale a 20 m2 aproximadamente.
[22] AHPO. Facenda. C13375.
[23] D. Ramón Mosquera Cervela, fidalgo, fillo de D. Joseph Mosquera e Dª Eugenia Cervela señores do Pazo de Cima de Vila de Vieite. D. Ramón Mosquera xogaría un importantísimo papel no San Clodio da primeira metade do XIX, tanto pola súa participación na vida pública da parroquia como polo seu activo papel na Desamortización. Casou con Dª Gabriela Pardo, tía do Deputado D. Ramón Pardo Osorio asinante das leis desamortizadoras. Os Pardo de Esposende tiñan un importante foro en San Clodio, concedido en 1750 a D. Pedro Ignacio Riba de Neyra. D. Ramón, que tiña o padroado da Capela de San Pedro de Leiro, foi o maior comprador de rendas do Mosteiro de San Clodio – inverteu nelas máis de 75.000 reas- e edificou en 1814 unha das magníficas casas de soportais da Praza de San Clodio –a máis antiga- Unha pedra na parede Leste lembra este feito.
[24] AHPO. Facenda. L3088.
[25] AMS. Fondo San Clodio. Documentos soltos.
[26] AHPO. Protocolos. C1848. 1841.
[27] AHPO. Protocolos. C1849. 1843, px.40.
[28] DURO PEÑA (2001) op. cit.
[29] EIJÁN S. (1920) op. cit. px. 556.
[30] AHPO. Facenda. C13375 e EIJÁN S. (1920) op. cit. px. 569
[31] O primeiro Alcalde, D. Luís Antonio Hermida, pertencía á nobre familia da Casa Grande de Leiro, os Hermida-Cambronero, con gran influencia na Corte. Sospeitamos que este feito resultou fundamental á hora de elixir a Leiro como nome e capital do novo municipio en vez de San Clodio, capital da xurisdicción que conformou, fundamentalmente, o territorio do novo Concello.
[32] EIJÁN S. (1920), op. cit. pp. 569-70.
[33] A.M.S. Fondo San Clodio. Documentos soltos.
[34] OTERO PEDRAYO, R. (1955). Ensayo sobre la desamortización eclesiástica en tierras de Orense. C.E.G. X. 1955.
[35] AHPO. Facenda. C13375
[36] AHPO. Facenda. L3088.
[37] As grandes familias fidalgas de San Clodio – os Eiján de Cabo, os Ulloa dos Loureiros e os Labora de Meín – moi vinculadas ó realismo non participaron, supoñemos que por razóns ideolóxicas, na compra de bens do mosteiro e limitáronse a redimir a renda dos seus foros.
[38] A igrexa de San Clodio, a diferencia doutras igrexas monacais, xa era igrexa parroquial antes da Desamortización. Soamente no ano 1482, por Bula do Papa Sixto IV, conseguiu o Mosteiro o beneficio curado pleno sobre a mesma. Ata esa data os sacramentos do bautizo e do matrimonio tiñan que ser administrados por un presbítero secular. Sobre este particular e a historia medieval do Mosteiro de San Clodio débese consultar: El Monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media, Manuel Lúcas Álvarez e Pedro Lucas Domínguez. Seminario de Estudos Galegos, 1996. [39] EIJÁN, S.(1920): Op. cit. px. 556.
[40] EIJÁN, S. (9120): Op. cit. px. 560.
[41] AHPO. Protocolos. C2026, 1838.
[42] SIMÓN SEGURA, F. (1973): La desamortización española en en siglo XIX. Ed. Instituto de Estudios Fiscales. Madrid.
[43] ARTIAGA REGO, A.(1991): A desamortización na provincia de Pontevedra (1855-1900). Deputación provincial de Pontevedra. [44] AHPO. Facenda. C13086.
[45] AHPO. Protocolos. C3466, 1868. Nº8.
[46] Comerciante natural de Berán que casou en San Clodio. A súa casa era a outra casa asoportalada da Praza –a carón da de D. Ramón Mosquera-. Segue pertencendo á mesma familia e conserva as iniciais do seu patriarca na balconada.
[47] AHPO. Protocolos. C3466, 1868. Nº66.
[48] AHPO. Facenda. C13086.
[49] AMS. Fondo San Clodio. Escrituras.
[50] AHPO. Facenda. C13086.
[51] AHPO. Protocolos. C4384, 1886. Nº77.
[52] AMS. Fondo San Clodio. Escrituras.
[53] AMS. Fondo San Clodio. Escrituras.
[54] AHPO. Protocolos. C3202, 1881. Nº54.
[55] AMS. Fondo San Clodio. Escrituras.
[56] AHPO. Protocolos de D. Francisco Cuevas (Orense), 1881. Nº56.
[57] AHPO. Facenda. C13375.
[58] LÁZARO SECO, O. S. B. (1931): Los Benedictinos españoles en el siglo XX. Burgos.
[59] O Mosteiro de Monserrat recuperou o antigo título abacial en 1862. Sobre as súas condicións especiais consultar a obra citada de LÁZARO SECO (1931), pp. 25-27. [60] AHPO; Protocolos, C4377, 1882. Nº298.
[61] AMS. Fondo San Clodio. Escrituras.
[62] Eiján S. (1931): Cruz Ribereña, px 225. Santiago 1931.
[63] AHPO; Protocolos, C4383, 1885. Nº 338.
[64] AHPO; Protocolos, C4384, 1886. Nº 154.
[65] AMS. Fondo San Clodio.
[66] AHPO; Protocolos, C4384, 1886.Nº187.
[67] AHPO; Protocolos, C4384, 1886. Nº214.
[68] Eladio Rodríguez González, o poeta do Ribeiro, natural da Ponte San Clodio. Por estes anos exerceu de mestre, sen título, na escola pública situada no mosteiro.
[69] En vista de la instancia elevada a este Ministerio por Fr. Veremundo Díeguez Arias, Monge exclaustrado de la orden de San Benito con fecha 15 de Marzo último, pidiendo autorización para establecer unha Comunidad de Benedictinos en el antiguo Monasterio de San Clodio en el Ribero de Abia, en esa provincia y Diócesis, y teniendo en cuenta los favorables informes de V.I. así como del Gobernador Civil del que resulta; que el referido Monasterio es efectivamente de su mayor parte de la propiedad del Fr.Veremundo Dieguez excepto la casa rectoral que habita el párroco y la parte del edificio que ocupan las escuelas, las cuales tienen entrada independiente; teniendo además presente la conveniencia que ha de reportar á aquella Comarca las instalaciones de dichos Religiosos que han de dedicarse a la enseñanza, según indica también el Gobernador; S. M. La Reina (q.D.g.), Regente del Reino, se ha servido acceder a lo solicitado, siempre que la Comunidad observe las prácticas de su Orden y reglas de su Instituto y sin gravámenes de ningún género para el Tesoro.
De Real órden, cominicada por el expresado Señor Ministro lo traslado a Vd. Para su conocimiento y fines oportunos Madrid a 8 de Mayo de 1886 El Subsecretario
[70] A.H.S. Protocolos de D. Ildefonso Fernández Ulloa. 1887. Nº436. [71] Eiján S.; Cruz Ribereña, px 226. Santiago 1931. [72] No ano 1902 o diocesano deixou a parroquia de San Clodio en mans dos monxes benedictinos. Ata entón estivera atendida por un presbítero secular, D. Antonio González, que ocupaba a Casa Rectoral na fronte do mosteiro. [73] Os estudios de latinidade tiveron carácter oficial desde o curso 1896-97. [74] A.M.S. Fondo San Clodio. Escrituras.
[75] Curiosamente o prezo de venda resulta menor que o prezo en que fora desamortizada. Non obstante, os 60000 reas en que se adxudicara a horta en 1839 pudéronse pagar en títulos de débeda pública -era o normal-, bastante depreciados. A pesar de todo a comparación dos prezos de adxudicación e dos precios de venda, sobre todo na época de Madoz, desminte en certa medida a aquelas referencias que falan de prezos de adxudicación moi por debaixo do valor real. |

