REFLEXIÓNS SOBRE A HISTORIA DA CASTELA OURENSÁ Frutos Fernández González
(Traballo publicado na revista Ágora do Orcellón, 13, 2006, pp. 15-32)
INTRODUCCIÓN:
Comezarei confesando que a idea de realizar este traballo non foi miña. Foi o noso presidente, e querido amigo, D. Avelino Muleiro, quen, a raíz dun comentario meu sobre a antiga Terra de Castela, me propuxo abordar este tema. Confeso tamén que, cando aceptei, non era consciente da complexidade do compromiso que adquiría. Pero hei de dicir que, lonxe de estar arrepentido de aceptar a invitación, estou razoablemente satisfeito. Non se me entenda mal, a miña satisfacción non emana dunha suposta compracencia polo traballo que presento. A valoración do mesmo correspóndelle exclusivamente a cada un dos que se acheguen a estas humildes anotacións sobre a historia do antigo territorio de Castela. A miña satisfacción reside, en primeiro lugar, no moito que aprendín – e digo moito nun sentido relativo, pois era moi grande a miña ignorancia- sobre a división territorial e a administración medieval deste país, foco principal, dende hai tempo, das miñas investigacións, que, ata o de agora, se centraran máis na época moderna. A segunda fonte de satisfacción reside no obxecto de estudio, xa que aborda, como se irá vendo, cuestións moi relacionadas cun dos temas que máis me ocupa e preocupa: A verdade histórica. É moi difícil alcanzar a verdade, en calquera campo do coñecemento; a maioría das veces temos que contentarnos con ir despexando os camiños cara a ela, pero unha das funcións fundamentais da investigación e ir depurando os erros e, sobre todo, eliminando as falsidades, sempre nocivas, aínda que veñan disimuladas baixo a forma de fábulas enxeñosas.
Dito esto creo que o traballo que se me pide debería de tratar de dar, ou alomenos enfocar, a resposta dunha serie de preguntas: ¿Existiu un antigo territorio chamado Castela no que agora denominamos comarcas do Ribeiro e O Carballiño? ¿Por que recibían ese nome estas terras? ¿Cal era a delimitación xeográfica aproximada de tal territorio de Castela? ¿Que institucións, civís ou relixiosas, levaron ese nome? ¿Por que desapareceu da memoria histórica? ¿Que divisións administrativas foron substituíndo, nos diferentes ámbitos, ás do antigo territorio de Castela?
Moitos e importantes estudiosos e historiadores téñense ocupado deste tema antes ca min: O P. Sarmiento, o P. Eiján, Rubén García, Olga Gallego, Jaime Ferreiro Alemparte, Elixio Villaverde, Juan I. García, por citar soamente algúns. Os seus traballos forman a base do meu e todos teñen o meu respecto e agradecemento. Pero, na busca do avance no coñecemento o investigador ha moverse sempre nun difícil equilibrio, conxugando o respecto polo mestre ou colega coa convicción de que ninguén resulta infalible e de que tódolos conceptos poden ser revisados, independentemente de quen os enuncie. Como lle lía fai pouco a un nobel de física: “É necesario ensinar a saber aceptar ou rechaza-lo pasado tal como no lo ensinan...os resultados positivos veñen de poñer en dúbida que tódalas leccións sexan verdadeiras.”[1]
Castela: Primeiras referencias e orixe do seu nome.
A primeira noticia sobre a Castela Galega, como sobre moitas outras cousas, debémoslla ao P. Sarmiento. Foi el quen, nun dos seus pliegos, abordou o tema por primeira vez, nun traballo xa lexendario: “Castellanos de Orense”[2]. Remóntase segundo Sarmiento a antigüidade deste territorio, nada menos que ós tempos do reinado de Wamba (672-680) : “..entre los países que se señalan a Oviedo en tiempo de Wamba se ponen los que pertenecen a Orense v.g. Castellam, Cunsancam, Barbantes Avión, etc...”. Utilizou o P. Sarmiento, como material para o seu traballo, tanto a Crónica General de Alfonso X o Sabio, como o Cronicón de Sampiro, pero creo que tamén algún dos Cartularios da Catedral de Oviedo. Reproduzo aquí os parágrafos correspondentes da Estoria de Espanna do rei Sabio referentes a este tema: “..Despues desto; regno theodemiro.... fizo fazer concilio en gallizia en la cibdad de lugo... para confirmar ell escripto del departimiento de los Arçobispos. & de los Obispados que el Rey querie fazer... E este departimiento otorgo despues el Rey Bamba..... De si toda limia con las eglesias de petrayo que son fechas & con las que se faran ....& las eglesias de barrosa. E son estas. Castiella. Cusanca. Barbantes. Amon. Asona. Camba. Auiancos. Esto todo deue seer de la eglesia de lugo….”. Comprobamos entón que o reparto referíase á Igrexa de Lugo e non á de Oviedo. Ademais, indicaríanos tal lectura que as terras, se acaso as mesmas igrexas, de Castella, Cusanca, Barbantes, Avion …. xa existían no reinado da Gallaecia Sueva de Teodomiro (560-570). ¿De onde partía a confusión coa igrexa de Oviedo? Probablemente da lectura do Cronicón de Sampiro, que cando se refire a estas terras e igrexas faino a través dun documento onde a descrición é semellante -“… cum Ecclesiis de Barrosa Castellani, & possessiones Sancti Salvatoris de Ilbasmosas, Cusancam, Barbantes, Avia, & Avion, Asma, Caniba Aviancos,…” –, pero que xa non corresponde ó reparto de Wamba, senón ós dominios da igrexa metropolitana de Oviedo, en pleno século X,: “Ovetensi Ecclesiae… Actum Concilium XVIII. Kalendas Julij Era DCCCCXLV”, despois, por tanto, da doazón destas posesións á Catedral de Oviedo, realizada en tempos do seu fundador Afonso II (791-842). Que Sarmiento utilizase no seu traballo as formas Castellam, Cusancam, Barbantes e Avion, que soamente aparecen nos diplomas recollidos nos cartularios da Catedral[3], parece unha sinal clara de que o eminente polígrafo tivo acceso ós mesmos.
Estas disquisicións históricas sobre a antigüidade da Castela ourensá non van encamiñadas, como se podería pensar, a reforzar a opinión do P. Sarmiento sobre a maior antigüidade da Castela galega con respecto á primitiva Castilla burgalesa, documentada esta última desde o ano 800 e xerme do posterior e todopoderoso reino de Castilla. A antigüidade é orixe da denominación resulta interesante noutro aspecto.
Parece suficientemente claro que o nome de Castela deriva do latín Castella, a forma plural do neutro Castellum, diminutivo de Castrum. Así o apunta o P. Sarmiento, coa precisión engadida de que os godos acostumaban usar o plural dos neutros por singular, pero aínda así decantábase por supoñer que, neste caso, Castella referíase a moitos castelos, e que foran estes os que deran o nome ao territorio. Sen embargo o P. Sarmiento, seguro coñecedor dos castelos medievais desta terra, non identifica ningún, nin en particular nin en conxunto, coa orixe do topónimo. Semellante cautela amosa o P. Eiján cando escribe[4]: “No conocemos, es cierto, a punto fijo, el número y calidad de las fortalezas existentes por aquella época –refírese a un documento do ano 922 onde aparece o territorio de Castela- en nuestro territorio: pero, a juzgar por tiempos posteriores, bien puede presumirse que sería no escaso su número e importancia, cuando a ellas debe precisamente el nombre ya dicho de territorio de Castela..”. Foi Vicente Risco, que eu saiba, quen identificou por primeira vez algunhas fortalezas medievais deste territorio coa orixe do topónimo[5]: “..se llamaba a aquel territorio de Castela…se cree debió como Castilla, a las muchas fortalezas que en él se levantaban, como.. la de San Clodio, … el de Sande, .. el de Novoa … el de Ribadavia .. los de San Ginés, en Francelos, y la Mota en Franqueirán; los de Castrelo y Veiga, el de Pena Corneira, etc.”. ¿Cal é o problema? Simplemente, que, existindo xa o territorio de Castela en pleno século VI ou VII, non podería referirse o nome do territorio a eses castelos, todos bastante posteriores ¿A que castelos se refería entón o nome de Castela?
Creo que a resposta pode virnos do campo da epigrafía. Concretamente da nova interpretación que se da, desde hai algúns anos, ó signo “)”, C invertido, que acostuma aparecer nas inscricións epigráficas da Galicia Castrexa. Foi M. L. Albertos[6] quen se decatou, xa hai algúns anos, de que o C invertido significaba Castro ou Castellum e non Centuria como se viña admitindo ata entón. O profesor G. Pereira[7] profundou nesta cuestión e chegou a importantes conclusións. Segundo el, os Castella permiten diferenciar os Conventus de Lucus e Bracara dos conventos veciños e facilitan, en certa medida, falar dunha Hispania Celtica con características homoxéneas, afirmacións estas que se teñen matizado ultimamente. No que a nós nos interesa, un castellum era unha comunidade que tiña un territorio propio dentro dunha civitas. Segundo o mesmo autor cada civitates ou populus estaría formada por unha serie de asentamentos autónomos: os castella. Para J. M. Blazquez[8] a característica principal do castellum era a de estar fortificado, e chega a afirmar que ás comunidades da Gallaecia habería que chamarlles Castella. Sen embargo García Quintela, nun excelente traballo[9], afirma que o signo ) dificilmente pode referirse á entidade arqueolóxica castro e máis ben parece estar relacionada cun conxunto deles agrupados nun Castellum. Non cree García Quintela na obrigatoriedade da presencia dun sistema defensivo fortificado asociado ós Castella; lembra que o famoso historiador romano Tito Livio utilizaba o término vicus para designar ás aldeas da chaira, mentres reservaba o de castellum para referirse ás aldeas en altura. Esta mesma diferenciación descubrina, curiosamente, nun documento de Celanova do ano 982, onde, referíndose á repoboación por Odoario, digno bellatori, de Chaves a finais do século IX, leemos: “.. qui uenit in ciuitate Flauias secus fluuium Tamice. uicos et castella erexit. et ciuitates muniuit et uillas populauit. atque eas certis..”. Testemuña de que nesa época aínda se levantaban vicos et castella, pero as fortificacións –muniuit- correspondíanlle soamente ás civitates.
¿Que dicir de todo esto? Pois a verdade, e con todas as cautelas, creo que puideron ser estes Castela, célula básica de agrupamento dalgunhas antigas comunidades de Gallaecia que se estenderon ata a Idade Media, e non os castelos, os que deron nome a este territorio ¿Por que razón a este territorio e non a outros? Seguramente pola abundancia. Tanto o número de castros como, posteriormente, o de freguesías que conforman este territorio indican unha grande ocupación do mesmo desde épocas moi temperáns, un elemento diferencial e característico destas terras durante boa parte da súa historia.
OS DIFERENTES ÁMBITOS NA IDENTIFICACIÓN DO TERRITORIO
No conxunto de traballos que se teñen referido ao territorio de Castela boto en falta, en xeral, unha consideración máis profunda de dous aspectos que poden resultar, ao meu parecer, fundamentais.
O primeiro está relacionado cunha falta de diferenciación clara dos distintos ámbitos nos que figura a denominación de Castela dentro dos documentos. Tal carencia, e a suposición implícita, a maioría das veces, de que os documentos reflicten en tódolos casos unha realidade administrativa, coido que conduce en moitos casos a conclusións como mínimo dubidosas. Para explicarme botarei man dun exemplo moi fácil de entender: o caso do Ribeiro. Se calquera investigador estudiase este territorio nun futuro en base a documentos da nosa época o primeiro que tería que facer sería diferenciar os distintos ámbitos en que se utilizaba tal denominación. Unha cousa sería o concepto xeográfico e outro o administrativo, ou administrativos, pois estes poden ser múltiples. A freguesía de Pazos de Arenteiro, por exemplo, ninguén dubida que pertence ao Ribeiro nun ámbito xeográfico; sen embargo está fora da comarca do Ribeiro no administrativo. Pola contra, Avión, que figura na actualidade dentro da comarca do Ribeiro a nivel administrativo, nunca foi considerada parte do Ribeiro como entidade xeográfica. É máis, durante moitos anos mantivéronse os nomes de Ribeiro ou de Ribeiro de Avia sen que existise ningún ente administrativo con esa denominación. Pois ben, no estudio da terra de Castela debemos facer un esforzo semellante para coñecer o ámbito no que se usa o nome de Castela, en cada caso.
O segundo aspecto que considero pouco tratado está relacionado coa variable temporal. Centrados a maioría dos traballos en clarexar a dimensión espacial ou xeográfica da terra de Castela pasan case sempre por alto a dimensión temporal, non no senso de non contemplar datas, senón no senso de non ter en conta as diversas realidades sociopolíticas que levan consigo os diferentes tempos. A existencia da terra de Castela como realidade xeográfica ou administrativa ocupa máis de cincocentos anos da nosa historia, máis de cincocentos anos onde as paisaxes políticas e administrativas circundantes foron múltiples e diversas, un tempo suficiente para que ata as mesmas palabras cambien de significado. Por dous teríamos que multiplicar a cifra anterior se quixéramos falar do intervalo de tempo en que Castela significou algo dentro da administración relixiosa. Polo tanto ha de se-lo tempo outra variedade fundamental no noso estudio.
O TERRITORIO DE CASTELA
Ó achegármonos coas precaucións citadas ós primeiros documentos referentes a Castela, decatámonos de que sempre se trata de referencias relacionadas co ámbito eclesiástico: Fálase das igrexas de Castela, e non do territorio de Castela. Repartos ou doazóns que afectan a igrexas e, ás veces, a posesións illadas destas, pero non a territorios como ás veces se deduce, desde o meu punto de vista de forma errónea. Non debe sorprender este achado; era precisamente a igrexa a única institución que, nesa época –séculos VI-IX-, tiña a estructura precisa para organizar a súa actividade dentro do total do territorio. Pola contra a sociedade civil aínda estaba nunha etapa que poderíamos denominar prefeudal, e nela continuaría ata ben entrado o século X.
Agora ben, as igrexas estaban dentro duns territorios e os seus nomes fan referencia a estes. Non cabe dúbida entón de que a Castela desas primeiras referencias eclesiásticas era soamente unha pequena parte do posterior territorio de Castela. Soamente así se explica que ao seu carón aparezan as igrexas de Barbantes, Avia ou Avión, situadas en terras que ocuparían boa parte do devandito territorio. Por exclusión, poderíase ata deducir que, nun principio, a denominación de Castela correspondía exclusivamente ás terras máis ao norte do futuro territorio de Castela, o que poderíamos chamar as terras altas, feito que nos lembra a diferenciación que facía Tito Livio. Tampouco parecería fora de lugar supoñer que foi unha extensión do nome da primitiva división relixiosa o xerme da denominación civil. Sen embargo certos datos indican xusto na dirección contraria, é dicir, no senso de que foron as divisións relixiosas as que adoptaron as denominacións das divisións civís, ou xeográficas, previas. Entre estes datos considero de gran importancia o da noticia que da o gran cronista musulmán Ibn Hayyan sobre unha campaña do exército islámico, do ano 826, contra “Galicia, en que el ejército islámico llegó al valle del Miño y luego a Castilla”, segundo a citaba Rubén García[10]. Tamén resulta significativo que as dignidades da Catedral de Ourense, entre elas o arcediago de Castela, non naceran ata o século XII, un dos principais argumentos que utilizaba Duro Peña[11] para concluír que foi a igrexa quen adoptou, neste caso, os nomes das divisións civís previas. Pero, fose dun xeito ou doutro, o que non se pode negar é que o nome de Castela presenta claras singularidades, por non dicir disonancias, dentro dun entorno onde os territorios levaban nomes referentes á xeografía, sobre todo hidrónimos: Búbal, Limia, Avión, Avia, Dozón.. Esto parece reforzar a hipótese de que o nome de Castela, que rematou por aplicarse a un territorio relativamente extenso, puido nacer nunha circunscrición máis reducida que, por algunha causa descoñecida, gañaría relevancia, civil ou relixiosa, no século IX.
O ámbito xeográfico:
Para identificar o territorio de Castela no seu ámbito xeográfico buscaremos, primeiro, aquelas referencias documentais máis temperás; aquelas onde parece utilizarse o termino Castela cun fin meramente informativo, de situación, ou polo menos onde non parece ter importancia o elemento administrativo. Logo trataremos de atopar unha realidade xeográfica común para o conxunto.
O primeiro documento, que eu coñeza, de outorgante particular que fai referencia a Castela é unha doazón do rico home Sisnando á súa muller, no ano 887. Entre os bens doados están trinta vilas e unha terceira parte delas, aproximadamente, situadas en Castela[12]: “in Dei nomine. ego Sisnandus tibi dulcissime sponse mee…villas. XXX. iste sunt … in Castella, villa Transarici, ad Ecclesiola, Pinzana, Dornellas, Cusanca, Berducedo, Bitolarios, Sandurci, ad Gallegos, ad Castanaria, Pescoso. in Deza.. ”. Trátase dun documento fundamental para o fin que perseguimos porque a identificación de tales vilas, e a situación dalgunhas delas, como veremos, nos mesmos lindes do territorio de Castela, pódenos dar unha primeira idea da súa realidade xeográfica.
As vilas Transarici, Ecclesiola, Cusanca, Sandurci e Dornellas poden identificarse con moita probabilidade de acerto, por ser topónimos pouco frecuentes, cos actuais lugares, nalgúns casos freguesías, de Trasariz (Santiago de Trasariz, Cenlle), Grixoa (Sª María de Grixoa, San Amaro), Cusanca (S. Cosmede de Cusanca, O Irixo), Sandulces (S. Fiz de Navío, San Amaro) e Dornela (Sª Ouxea de Lobás, O Carballiño). Con respecto a Gallegos debe tratarse da vila que co mesmo nome aparece como linde da Villa Emeteris (actual freguesía de San Clodio) no documento fundacional do mosteiro de San Clodio[13]. Na actualidade consérvase ese Gallegos como micro topónimo e designa os términos que ocupou a antiga vila. Con bastante verosimilitude podemos tamén identificar a vila Pinzana co lugar da Quinza (S. Paio de Ventosela, Ribadavia) xa que Pinzana e Quinzana, antecedente do topónimo Quinza, teñen o mesmo significado numeral, un con raíz penta, e outro con raíz quinta. Con respecto a Bitularios creo que pode tratarse do Bidueiros da freguesía de Santa María de Bidueiros, o único Bidueiros que atopamos dentro da toponimia maior destas terras. Representa o caso de Bidueiros un exemplo da diferenciación que facíamos entre os ámbitos xeográfico e administrativo pois aínda que esta freguesía está enmarcada dentro do actual concello de Dozón (Pontevedra), verte a maior parte das súas augas cara ó Arenteiro, e non ao Deza. A vila Berducedo podería corresponderse coa freguesía de San Martiño de Verducido (Pontevedra), en pleno Suído. Representa outro caso limítrofe e interesante. Se consultamos os mapas actuais a freguesía de Verducido aparece bastante lonxe das cumes do Suído, e interpóñense, antes das freguesías da parte de Ourense, as parroquias de San Bartolomeu da Xesta e de San Xosé de Laxe; sen embargo ata o ano 1759 estas dúas últimas eran simples anexos de Verducido, parroquia que chegaba ata as mesmas cumes do Suído. Algo semellante ocorreu do lado de Avión onde a freguesía de Santa María de Nieva ocupa, nos territorios limítrofes con Pontevedra, terras que antes pertenceron á freguesía de San Xusto de Avión. Non podemos precisar con seguridade a situación da vila Castanaria mencionada no documento. Na toponimia maior destas terras atopamos dous lugares co nome de Castiñeira, derivado toponímico de antigas vilas Castanaria: Un en Punxín e outro na freguesía de Reádigos, no Irixo, tal vez sexa algún destes, pero sen desbotar a posibilidade doutras antigas vilas hoxe desaparecidas, pois Castiñeira abonda como micro topónimo. Con respecto á vila de Pescoso, no caso de corresponderse co lugar e freguesía de Pescoso (Rodeiro, Pontevedra), parece un claro erro a súa clasificación dentro das vilas de Castela. Teño que dicir sen embargo que a explicación pode estar nunha das transcricións do documento[14], onde lemos ..Pescoso in Deza...., sen o punto intermedio, que parece a interpretación correcta xa que o lugar se atopa en plena territorio do Deza, ao norte incluso de Rodeiro.
Nos séculos X e XI son numerosas as referencias ao territorio de Castela. O primeiro documento onde lemos territorio Castelle é do ano 922. Trátase dunha permuta de varias propiedades entre o rei Ordoño II e a igrexa de Santiago[15]; ten grande interese para nós o seguinte parágrafo: “..territorio Castelle in ripa Minei, que est inter Laiar et Castrello quas obtinuit Martinus de nostro dato, tam de illa parte Mineo quam de ista, per omnes suos terminos anticos et cum edificiis et uineis, salto, uel omni prestatione sua, et uocitant ipsam uillam Arcabriam et Parata…”, referencia que nos parece indicar que a denominación de territorio de Castela se estendía polas dúas ribeiras do Miño entre Laias e Castrelo; de feito a antiga vila de Arcabria atopábase dentro da actual freguesía de San Xoán de Sadurnín, na marxe dereita do río, e Parata debía corresponderse coa actual Parada, lugar da freguesía de Santo Estevo de Castrelo, na marxe esquerda do río. Nos restantes documentos[16] destes séculos identificamos as seguintes vilas dentro do territorio de Castela: Freixendo (antiga vila da freguesía Santa Baia de Longos), Córcores (Sª Mariña de Córcores, Avión), Villa Emeteris e Galegos (Sª Maria de San Clodio, Leiro), Xuvencos (Sª María de Xuvencos, Boborás), basílica de San Salvador (S. Salvador da Arnoia, Arnoia), Vilariño (S. Miguel de Carballeda, Carballeda de Avia), Corneda (Santiago de Corneda, Irixo), Gomariz (Sª Mariña de Gomariz, Leiro), Bieite (Sº Adrao de Bieite, Leiro), Mesego (Sª María de Mesego, O Carballiño), Brués (S. Fiz de Brués, Boborás), Loureiro (Sª Mariña de Loureiro, O Irixo), Cusanca (S. Cosmede de Cusanca, O Irixo), Grixoa (Sª Maria de Grixoa, San Amaro), Gontán e Souto (Sª María de Salamonde, San Amaro). Interésame, por último, citar un documento do ano 985 que non se refire ao territorio de Castela senón a un dos territorios limítrofes, o de Búbal. Trátase dunha concesión dos reis Vermudo II e Velasquita ao mosteiro de Celanova. Lemos neste documento: “..in ripa Minei, duas deganeas in Buvalo, Ablocinos et Barra, quomodo concludet de rivulo Barvantes et vertitur in flumine Mineo...”[17]. O interese do documento reside en que confirma o límite oeste do territorio Búbal no río Barbantiño.
Creo que con estas referencias podemos definir con bastante claridade os límites do territorio de Castela, considerado este como entidade exclusivamente xeográfica: Limitaba ao norte cos territorios do Asma e do Deza, marcando o linde os montes da Pena de Francia que, desde a Martiñá ó Testeiro, separan a vertente das augas. O linde natural polo sur estaba no río Miño, aínda que as terras da súa ribeira esquerda desde Castrelo á Arnoia tamén se consideraron, ás veces, e como queda visto, pertencentes a este territorio; en todo caso non convén esquecer que as divisións xeográficas nunca teñen a definición nítida das divisións administrativas. Ao leste, estaba o territorio de Búbal, separaba ambas terras o río Barbantiño. Ao oeste, o territorio de Montes, servían de linde os montes do Suído e o Faro de Avión.
Tal vez conveña dicir, para rematar este apartado, que tódalas referencias posteriores[18] do territorio de Castela e máis tarde da Terra de Castela se sitúan dentro destes límites. Polo tanto, o nome de Castela correspóndese cunha realidade xeográfica ben definida, alomenos nos séculos IX, X e XI, realidade que se iría recortando, administrativamente, nos séculos posteriores.
O ámbito administrativo: ¿Condado de Castela ou Conde de Castela?
Sería pretensioso pola miña parte tratar de abordar o tema da administración do territorio de Castela dunha forma completa. Resulta evidente que deberán ser outros con máis formación no campo da historia medieval galega os que se terán que encargar de tan difícil tarefa. Eu, pola miña parte, soamente pretendo analizar as escasas referencias que atopei relacionadas coa administración deste territorio e dar a miña humilde opinión sobre algún tema controvertido, por exemplo sobre a cuestión de se existiu ou non un condado da Castela ourensá.
Foi, outra vez, o P. Sarmiento quen, no traballo xa citado, deu a primeira noticia: “No sólo la Castilla de Orense es más antigua y de más extensión, sino que también ha tenido el título de condado. Entre los condes gallegos que asistieron a la consagración de la iglesia de Santiago, en tiempo de Don Alonso el Magno, ha sido Oduario, conde de Castilla..”. A referencia proviña da Acta de Consagración da Catedral de Santiago, un documento que se conserva na Catedral de Oviedo e que xa fora recollido por varios autores. O problema apareceu cando D. Claudio Sánchez Albornoz[19] comparou a devandita acta co diploma outorgado por Afonso III o mesmo día da consagración, o seis de maio do ano 899[20]. Da comparación resultou que nas correspondentes listas de asistentes soamente se repiten tres nomes, e un dos que non se repite é o do Conde Odoario de Castela. Sánchez Albornoz demostrou, sen ningún xénero de dúbidas, que a copia de Oviedo é un documento falso e que foi interpolado na crónica de Sampiro. Baseándose na descuberta de Sánchez Albornoz o investigador, e amigo, Juan I. García afirma: “...a versión da Catedral de Oviedo é unha falsificación e polo tanto a afirmación de que Oduario era conde da Terra de Castela non tería fundamento.”. Non podo estar máis que en total desacordo con esta afirmación do meu respectado amigo. O propio Sánchez Albornoz, despois de sorprenderse de que tódolos nomes que aparecen na lista do documento falso son de persoeiros históricos reais, afirma no seu traballo: “No podemos en efecto dudar de que existieron condados de Leon, Astorga y el Bierzo, Lugo, Deza, Castella, Viseo...están documentados los de Castella y Deza en 887...”. Pódese estar ou non de acordo con esta última afirmación de Sánchez Albornoz, pero esto foi o que escribiu. Tamén está perfectamente documentada a existencia de Odoario como repoboador de Chaves e da Limia Baixa nos tempos de Afonso III(866-910). Segundo algúns xenealoxistas Odoario sería un dos irmáns do propio rei Afonso III. Neste reinado prodúcese unha gran reordenación do reino, restáuranse episcopados –entre eles o de Ourense- e mosteiros, e delégase a autoridade rexia sobre extensas comarcas a favor dos grandes centros eclesiásticos; a xustiza, o cobro de impostos e a defensa quedan en mans de condes con autoridade sobre divisións territoriais tradicionais galegas. Non debe resultar estraño, polo tanto, que Odoario, o repoboador da Limia, territorio limítrofe con Castela, ostentase o título de Conde deste territorio. O feito de que teñamos unha soa referencia non é raro, trátase dunha época onde tiña máis realidade o conde que o condado, de feito poucas veces aparece rexistrado nome algún de territorio ao lado do título de comes. Hai que lembrar que o significado etimolóxico de conde (do latín comes) é o de acompañante, e foi inicialmente un título que concedían os soberanos a certos colaboradores, logo sería utilizado para designar aos gobernadores de certos territorios – mandationes, commisa ou territoria- e por último produciríase a unión entre o título e o territorio –o condado-, pero esto último soamente empeza a ser habitual na baixa Idade Media. Así, non debe sorprendernos atopar a Fernandus comes Galletia o mesmo ano (1135) no que atopamos un comes de Sarria, e un comes de Limia, sen que eso signifique que os territorios de Sarria ou a Limia estivesen fora de Galicia nesa época. A conclusións erróneas deste tipo chégase facilmente se pensamos que as acepcións das palabras foron sempre as mesmas. Tal vez sería máis axeitado dicir que Odoario foi conde de Castela, entendendo que Odoario desempeñou algunha función encomendada polo rei neste territorio, ca afirmar que existiu o condado de Castela, unha definición –a de condado- que non se axeita a esta realidade.
Foi xustamente a partir de finais do século XI cando comezou a ser normal a aparición do nome do conde e do territorio xuntos, pero, tal como acabamos de ver, non co significado de titulares dun condado en sentido estricto. Son abundantes as citas de condes de Limia, Monterroso, Sarria, Caldelas.... pero ¿e Castela? A única cita previa ó reinado de Afonso VII que atopamos é a dun Comes Rodericus in Castella que figura nunha concesión da raíña Dª Urraca[21] ó mosteiro de Oseira no ano 1112. Sen embargo podería tratarse dun conde de Castilla, a pesar de que xa era reino desde o ano 1035. O conde que se cita, Rodericus in Castella, anque teño as miñas dúbidas, tal vez fose o Conde Rodrigo González de Lara, membro da familia máis influínte da Castilla medieval e con estreitas relacións coa raíña Urraca.
Sen embargo as seguintes referencias demostrarán, con poucas posibilidades de dúbida, que existiu un conde Rodericus de Castela verdadeiro, algúns anos máis tarde. A pista para atopalo xurdiu da lectura dun parágrafo do testamento do abade Pelaxio do mosteiro de San Clodio, in territorio Castellae, do ano 1158[22]: “..regnante rex Fernandus filii Adefonsi imperatoris; qui villicatum terrae tenebat comes Rodericus Bellosus...”. Este Rodericus, que gobernaba a terra, non era outro que o comes Rodericus Pedrez Velosus que xa aparecía, no ano 1137, entre os asinantes da doazón rexia dos terreos onde se construiría o mosteiro de Oseira[23] e, dous anos máis tarde na doazón ó mesmo mosteiro da herdade de Arcas[24]. O comes Rodericus, citado polo P. Oro entre os nobres galegos de certa prestancia[25], adoita aparecer como conde da Limia, pero unha referencia documental do ano 1155, de novo da Colección Diplomática de Oseira, aclara definitivamente, que tamén exercía como conde de Castela, Búbal e Monterroso [26]: “..ipso comite Rodorico in Monte Roso, in Limia, in Buval et Castela..”. O documento refírese a dunha doazón de diversas herdades do conde. Entre estas, estaban unhas en Partovia, que deben de ser as mesmas que disputara co abade Pelaxio de San Clodio, segundo constan no testamento deste último. Este dato parece deixar poucas dúbidas sobre a personalidade do conde. Considero, polo tanto, totalmente aclarada a cuestión do conde e o condado de Castela: Castela tivo conde igual ca outros territorios de Galicia; se eso leva a algúns autores a dicir que eses territorios foron algunha vez condados, Castela tamén o foi. Sen embargo a propia multiplicidade de territorios dependentes dun só conde, que observamos neste documento, apoia claramente a nosa hipótese de que a asociación conde-condado é máis tardía[27].
TERRITORIO VERSUS TERRA: OS TENENTES
Desde finais do século XI comeza a observase no territorio outro feito de grande importancia histórica: A introducción progresiva dos principios feudais na forma de goberno dos distritos, será un proceso lento que durará máis dun século. Pero os distritos xa non serán, en xeral, os antigos territorios senón espacios onde o señor feudal tiña, xeralmente, algún tipo de dominio. Na linguaxe diplomática esto levou á progresiva desaparición dos territorios e a consecuente aparición das Terras; neste senso resulta significativo que xa non atopemos ningún documento que se refira ao territorio de Castela despois do ano 1195, tampouco ningún que fale da terra de Castela antes de 1120. A razón deses cambios está relacionada co feito de que, desde esas mesmas datas, os reis comezasen a poñer o goberno destes distritos en man de magnates e cabaleiros vasallos do monarca, ós que cedían o goberno en beneficio de prestimonio, ou sexa, como dereito de desfrute ou tenencia. Así foi como apareceron os tenentes, que nas fortalezas acostumaban chamarse alcaides[28]. En Galicia en xeral, e nesta terra en particular, tiñan tamén grande importancia os distritos baixo dominio eclesiástico, sobre todo dos mosteiros, que foron configurando espacios que gozaban de inmunidade con respecto ao señor feudal civil e por iso atopamos, ás veces, a bispos ou abades adornados co título tenentes nos seus dominios.
Comezamos a atopar tenentes no entorno do territorio de Castela a partir de finais do século XI: un tenente de Lemos e Sarria no ano 1093, de Limia no 1108, de Caldelas no 1134, de Búbal no 1148. Para as nosas terras temos que esperar algo máis. As primeiras referencias remóntanse ao ano 1170; ese ano figura como tenente do Burgo de Ribadavia, territorio Novula[29], Xoán Arias, o mesmo que figura como tenente do Castelo de Orcellón en 1176 e como dominus de Castela en 1174. Falando en sentido estrico, para atopar un tenente de Castela temos que esperar ata o ano 1200, cando se rexistra con este título a Osorius Iohannis Arias[30], probable descendente do primeiro Xoán Arias. Con respecto a S. Xoán de Pena Corneira, que xa figura como terra nun documento do ano 1151, rexistramos un tenente no ano 1189, na persoa de Gonzalvo Iohannis[31].
A FRAGMENTACIÓN DO TERRITORIO DE CASTELA: AS TERRAS
A ausencia, ata o de agora, de referencias sobre condes de Castela e a posterior fragmentación do territorio tense interpretado algunha vez como sinal da pouca importancia de Castela. Sen embargo, baixo a miña opinión, a segunda circunstancia, unha vez demostrada a falsidade da primeira, débese xustamente a todo o contrario: cando se establecen de forma clara os principios feudais e aparecen as Terras como realidade administrativa feudal, coetánea á introducción dos tenentes, o dominio do territorio de Castela, debido, seguramente, ó grande valor productivo das súas terras, xa estaba demasiado fragmentado como para que puidese ser gobernado baixo un único título. Esta circunstancia estaría tamén na base do futuro minifundismo xurisdiccional da época moderna e, en certa medida, desembocaría no minifundio administrativo local contemporáneo que caracteriza a estas terras[32]. Ao fin e ao cabo as tenencias das terras e os espacios de inmunidade eclesiástica están na base da maior parte das xurisdiccións da época moderna, que se configurarán de forma definitiva a partir do século XVI.
Ademais do que queda dito, habería que apuntar outras tres circunstancias históricas que incidiron na mesma dirección da fragmentación da antiga Castela: O conflicto sucesorio desatado ao fin do reinado de Afonso VI (1072-1109), a configuración das dignidades da Catedral de Ourense e o establecemento dos límites entre as dioceses de Ourense e Tui. Con respecto á primeira circunstancia, as famosas revoltas sucesorias, onde tivo papel tan destacado o arcebispo Xelmirez, deixaron en mal lugar aos donos dos principais castelos destas terras, Airas Pérez de Pena Corneira e Xoán Díaz de Orcellón. Os dous nobres citados estaban entre os máximos dirixentes do partido perdedor. Sen pretender entrar en detalles, dicir que, a pesar de comezar sendo socios, a sorte de ámbolos dous destacados persoeiros despois do conflicto foi moi diferente: Airas Pérez seguiu nunha posición rebelde e encabezou disturbios tanto contra Dª Urraca (1109-1126) coma contra Afonso VII (1126-1157) e, anque mantivo o castelo[33], nunca gozou dos favores do rei; mentres, a Xoán Díaz atopámolo recibindo a doazón da terra de Cusanca no ano 1126, de mans do propio Afonso VII en recompensa polos seus servicios. Esta circunstancia creo que marca o inicio do diferente camiño histórico que seguiría a fortaleza e Terra de Orcellón con respecto ás outras fortalezas, e ás propias terras, de Castela. O conflicto armado entre os Sarmiento e os Sotomaior, de mediados do século XV, por esta e outras posesións, e o seu desenlace, moi prexudicial para os Sarmiento, rematou por facer definitiva a separación, e está na base do posterior señorío do Conde de Monterrei na xurisdicción de Orcellón. Volvendo ó conflicto sucesorio de Afonso VI, outra das consecuencias do triunfo definitivo de Afonso VII foi o aumento dos dominios da igrexa, gran aliada das súas pretensións. No noso territorio eso significou, sobre todo, o aumento do dominio dos mosteiros, dominios onde ían aparecendo novos espacios inmunes xurisdiccionalmente, o que acabou sendo outro factor que empuxou cara á atomización administrativa futura.
Con respecto á segunda circunstancia, ben estudiada por Duro Peña, a creación das doce dignidades da igrexa de Ourense, na primeira metade do século XII, fíxose por orde antigüidade, orde que marcou a súa precedencia: Deán, Chantre, Arcediago de Castela, Arcediago de Limia, Arcediago de Varoncelle, Arcediago de Búbal, Mestrescola, Tesoureiro, Arcediago de Celanova, Abade da Trindade, Arcediago de Ourense e Vicariato. Hai que dicir que á dignidade da Mestrescolía estaban asignadas as igrexas de Orcellón e Caldelas, e era equivalente a un arcediagado máis. Non coñecemos o nome do primeiro arcediago de Castela nin do primeiro mestrescola de Orcellón, pero sabemos que Don Munio era arcediago de Varoncelle antes de 1151. Dada a orde de antigüidade das dignidades, nese ano tiña que existir obrigatoriamente o arcediagado de Castela e con moita probabilidade as outras dignidades, entre elas a mestrescolía de Orcellón. De novo non podemos ter seguridade absoluta de se foi a división civil a que empuxou á relixiosa ou ao revés, pero o que quedou claro foi que ámbalas dúas empuxaron no mesmo sentido. A terceira circunstancia importante para a fragmentación foi o establecemento da liña divisoria entre as dioceses de Ourense e Tui no río Avia. Nunha disposición do rei Afonso VII do ano 1150, determínase que o bispo de Oviedo ceda ao de Ourense a administración relixiosa de diversos territorios, entre eles Castela, cum illis ecclesiis de Urzilum, et cum sancto Iohanne de Penna Cornaria. cum ecclesiis de Auia et de Auion. et cum ecclesiis de Nouula[34]. Pero na división da igrexa de Tui, establecida tamén por privilexio real[35] no ano 1156, xa figuran as igrexas da Terra de Novoa & Avion dentro desta diocese. Aínda habería algún cambio máis nas divisións relixiosas[36], pero para os nosos obxectivos resulta suficiente constatar cómo esta parte do antigo territorio de Castela estaba en disputa, tamén a nivel eclesiástico, na época da fragmentación do territorio.
¿Que podemos concluír? Fundamentalmente, que na segunda metade do século XII o antigo territorio de Castela xa estaba dividido, para a súa administración civil, en catro Terras: Castela, Orcellón, San Xoán de Pena Corneira e Nóvoa. As dúas últimas dentro da diocese de Tui. Todas elas estaban baixo a influencia directa dun castelo co mesmo nome, excepto Castela[37]. Un caso especial a considerar sería o da Terra de Cusanca, que aínda que figura con ese nome en algún documento, a súa doazón temperá á Orde do Santo Sepulcro[38] inclíname a considerala dentro dos espacios de inmunidade eclesiástica, ao non coñecer ningún caso de tenente gobernando ese territorio por mandato rexio, un caso semellante ao que ocorría dentro dos coutos do mosteiro de Oseira ou de San Clodio, por poñer dous exemplos, inmunidades sempre protexidas polos sucesivos monarcas.
O TERRITORIO DE CASTELA NO ÁMBITO ECLESIÁSTICO
Xa estudiamos cómo as primeiras referencias sobre o territorio de Castela aluden sempre ao ámbito relixioso, ás divisións eclesiásticas. Denotan tamén a dependencia sucesiva do territorio das igrexas de Lugo e posteriormente de Oviedo, e, alomenos a vila de Ribadavia, dependente da igrexa metropolitana de Braga a finais do século XI[39]. Pero, para seguir co noso relato, vamos centrarnos aquí soamente no que ocorreu a partir do século XII, interesados en comprender cómo sucedeu a fragmentación do antigo territorio de Castela. Como é ben coñecido a sede ourensá pasou por difíciles vicisitudes antes dese século, chegando incluso a estar abandonada debido ás incursións árabes e normandas. Precisou por elo dúas restauracións, unha en tempos de Afonso III o Magno e outra a finais do século XI, durante o reinado de Sancho II. Sería despois desta restauración, que comezou co bispo Edredonio, cando se acometería a nova organización territorial da diocese.
Esa organización fíxose, como explicamos, constituíndo as doce dignidades da Catedral de Ourense, entre elas o arcediago de Castela e a Mestrescolía de Orcellón. De grande importancia para o noso estudio é o feito de que a división territorial resultase invariable ata o Concordato de 1851. En consecuencia, coñecer con precisión esta división pode axudarnos bastante na definición da extensión das Terras resultantes da fragmentación, en primeira instancia, do antigo territorio de Castela.
O memorial elaborado polo bispo de Ourense no ano 1587, que aparece incluído no Censo de Tomás González[40], informa con detalle das igrexas de cada dignidade e incluso dos veciños: Di no encabezamento: “..Arcedianazgo de Castela dos mil quinientos y noventa vecinos y sesenta y nueve iglesias...Maestrescuela de Orcellon mil y doscientos y cincuenta y cinco vecinos y treinta y tres iglesias...”. Máis adiante detalla as igrexas de cada unha. Son as que aparecen na Táboa. Xunto a elas incluín as freguesías da marxe esquerda do Miño, pertencentes ao Vicariato, sobre as que tiñamos algunha dúbida sobre a súa situación dentro ou fora do territorio de Castela. Tamén incluín as igrexas do arciprestado de Ribadavia, que pertencían á diocese de Tui, unha vez estabilizada a división eclesiástica, á que facíamos referencia, coa recuperación das igrexas de Avión para a diocese de Ourense.
A relación resulta totalmente clarificadora, pois, como observamos, se consideramos en conxunto o territorio que abarcan tódalas freguesías que aparecen na relación do século XVI, está incluído o total do antigo territorio de Castela, segundo os límites que apuntamos ao definir xeograficamente o mesmo[41].
Unha aproximación Á delimitación xeográfica das Terras de Castela, Orcellón, S. Xoán e Nóvoa.
A nova división administrativa que atopamos a principios do século XIII supón, na realidade, que a Terra de Castela representa soamente un tercio, aproximadamente, do antigo territorio de Castela. Efectivamente, a Terra de Orcellón ocupaba tódolos territorios que ían desde a marxe dereita do río Arenteiro ata os lindes antigos do territorio de Castela, ao norte e oeste. O Avia e o Cardelle marcaban o linde sur da Terra de Orcellón coas Terras de S. Xoán e Castela. Fora dese marco xeral, co Arenteiro entre medias, tamén pertenceu, nun primeiro momento, á Terra de Orcellón o pequeno triángulo de terra, entre os ríos Barón e Arenteiro, desde a freguesía de Mesego ata a desembocadura de ámbolos dous ríos no Avia; así o indican diversos documentos e parece confirmalo a división relixiosa que recolle a táboa que, insisto, procede da mesma época[42].
As Terras de S. Xoán e Nóvoa, que pronto formarían unha soa, ocupaban toda a marxe dereita do Avia, coa excepción, probable, de S. Miguel de Lebosende. O burgo de Ribadavia, do que se comeza a ter noticia no século XII, logra o seu fuero de vila de reguenga no ano 1164, e, a pesar de ter xurisdicción e tenente propio, estaba situada dentro da Terra de Nóvoa, como quedou visto. Quedaba pois reducida a Terra de Castela ó territorio que delimitaba o río Barbantiño, polo leste, e os ríos Arenteiro, coa excepción apuntada, e Avia, polo oeste. No norte seguía o linde nos montes que a separaban das terras do Asma e do Deza; no sur o linde invariable era o río Miño.
O NOME DE ORCELLÓN, POSIBLE ORIXE:
A Terra de Orcellón, que nace como tal dentro do antigo territorio de Castela entre finais do século XI e principios do século XII, configúrase arredor do antigo castelo de Orcellón[43], documentado desde o século XI. Será Orcellón a parte do antigo territorio de Castela con máis continuidade no tempo xa que a posterior xurisdicción de Orcellón manterá, ata á súa desaparición, en 1836, a maior parte do territorio da antiga Terra[44]. Tense escrito de abondo, e ben[45], sobre a súa historia e delimitación xeográfica, pero tal vez un dos temas que máis ten intrigado aos investigadores, e sobre o que non hai resposta clara[46], é aquel que respecta á orixe do seu nome: Orcellón. Sobre esto quero escribir algunhas liñas.
A primeira idea que tiven sobre outra posible forma de abordar o significado do nome Orcellón partiu, curiosamente, da terminación, e non da raíz, do topónimo. Nas nosas terras esa terminación en -on é característica de hidrónimos, e dicir, de nomes de ríos. Para ser máis preciso tería que dicir nomes de ríos no seu curso alto; e tamén vilas ou terras ao seu carón. Temos os casos de Avia-Avión, río e territorio; Barón, río e vila(s), e Deza-Dezón ou Dozón, tamén río, vila e territorio. Os casos de Barón e Dozón incluso presentan o interese adicional de estar documentadas as formas Baraone e Dezaone equivalentes á forma, tamén documentada, Orzelione. Con esa idea na cabeza achegueime a un dos libros máis interesantes sobre toponimia que se pode atopar nas librerías. Trátase dos “Estudios de hidronimia Paleoeuropea” de D. Edelmiro Bascuas, un gran libro dun gran sabio galego quen, se ninguén se ofendese, diría que se atopa entre os grandes especialistas da onomástica a nivel internacional. Pois ben, entre as páxinas 109 e 110 deste libro; dentro do tema Or-tia, Ur-tia, onde se sinala como exemplo o río Orza afluente do Deza, que está testemuñado como fluvium Orza no ano 872, e se apunta, e explica, como o famoso Orzán coruñés tamén ten a mesma raíz; nesas páxinas, repito, creo que está o principio da resposta á pregunta que tanto nos ten intrigado a moitos. O significado de Orza é segundo D. Edelmiro o de corrente impetuosa. Con respecto a Orcellón apunta que non resulta difícil a relación con Orza, foneticamente idéntica á de cova-covillón, por exemplo. Creo entón que temos unha grande probabilidade de que Orcellón sexa un hidrónimo, referente a un antigo lugar con ese nome, e a carón dun antigo río Orza ou Orcellón.
Evidentemente, o problema que se presenta agora é o de saber onde se atopaba o río Orza ou Orcellón. A documentación sobre o castro e castelo de Orcellón sempre parece referirse a lugares entre os ríos Viñao e Pedriña ou nas súas proximidades, polo tanto, podería ser algún destes dous ríos. Un documento de Carboeiro do ano 956, pode darnos algunha pista. Leemos: “in villa quos uocitant Iouencos, territorio Castelle inter ribulo Luania et Oveniano..”[47]. Desbotado o río Luania, hidrónimo que aparece noutros ríos como o Lonia ou Loña, o caso do Oveniano antecedente do nome do río Viñao, resulta interesante. Parece claro que a actual denominación está relacionada cun antigo posesor, Oviniano, que deu nome a algún antigo lugar ao carón do río. A perda de hidrónimos, en pequenos ríos, substituídos polo nome de vilas ao seu carón e moi común. Temos, por poñer algún exemplo, o caso do río Barón que no Carballiño recibe o nome de Carrás, denominación do término que atravesa na propia vila, ou o do pequeno río que atravesa Bieite, documentado como Barbaña, que recibe na actualidade o nome de Caldelas polo nome do lugar que pasa antes de chegar a Bieite. O mesmo Pedriña, probable antigo Luania, cambiaría o nome polo do lugar de Pedriña que atravesa en Corneda ¿É O Viñao o nome que substituíu o antigo Orza ou Orcellón orixinais? Non o podo asegurar pero creo que é posible. Sobre a situación do antigo solar de Orcellón, serán outros os que teñan que investigar, pero o meu consello, desde logo, é que busquen nas ribeiras do Viñao.
Dito esto, non desbotaría outra posible orixe, fitotoponímica[48] neste caso. Pero non derivada de hordeum –cebada-, a hipótese máis probable para Gerardo Sacau, que conduce en galego a formas orxal, orxeira... Eu penso máis ben en uz, ou urce, en galego, en portugués urze, do latín ulice. Temos o abundancial urzal en galego e incluso un lugar Urcela en Ponteareas, derivado do diminutivo ulicella. Ámbalas dúas formas darían facilmente un Urzelon, tal como o que atopamos na documentación.
A TERRA DE CASTELA, NOVAS FRAGMENTACIÓNS E DESAPARICIÓN:
O mapa da Terra de Castela, establecido no século XII, alteraríase no primeiro cuarto do século seguinte coa aparición da Terra de Bolo de Senda. Esta terra ocuparía todo o territorio do norte da antiga Terra de Castela. O linde entre as dúas Terras, sen poder precisalo claramente, podería estar cerca dunha liña imaxinaria que trazada desde o Arenteiro, ó sur da freguesía de S. Xoán de Arcos, fose ata o Barbantiño, pasando polo sur da freguesía de S. Pedro de Garabás. Non resulta clara a razón pola que apareceu esta Terra, que tería entre os seus primeiros tenentes a membros da familia Nóvoa, ós mesmos que ostentaban o cargo, nesa época, nas de Castela e S. Xoán e Nóvoa. Tal vez era preciso organizar mellor a administración das terras cun centro cerca dun linde conflictivo, e estratéxico, tal como era este, coas terras de Búbal e arredor do importante camiño medieval de Ourense a Santiago. O nome da Terra: Bolo de Senda, indica que ese centro debía estar no actual lugar do Bolo (S. Pedro de Garabás) ou nas súas inmediacións. O complemento de Senda, por certo, pode que non teña nada que ver con sendeiros nin camiños, senón co nome dunha antiga posesora Senda, nome feminino documentado na Galicia medieval.
Unha nova fragmentación, que podemos situar ó fin do primeiro cuarto do século XIV, suporá a desaparición de feito da Terra de Castela. As terras do val do Avia, fundamentalmente as da marxe esquerda máis Lebosende, Bieite e Beade, pasan a denominarse Terra do Ribeiro de Avia mentres o resto da Terra de Castela, a maior parte sobre as planicies –chaos- dos actuais concellos de Cenlle, San Amaro e Maside, pasan a formar a Terra dos Chaos de Castela.
Un feito fundamental para a nosa historia sucederá uns anos despois, en 1375, cando Enrique II de Trastámara outorga a vila de Ribadavia en señorío a Pedro Ruíz de Sarmiento, adiantado maior de Galicia. En 1478 os reis Católicos concederían o título de Conde de Ribadavia a un descendente: D. Bernardino Pérez Sarmiento. No intermedio os Sarmiento foron ampliando os seus dominios e fixéronse co señorío das Terras de Bolo de Senda, Castro Cavadoso, Chao de Castela, e a maioría da antiga Terra de Nóvoa e Avión, por citar soamente as que estaban dentro do antigo territorio de Castela. Para o nome de Castela esto sería equivalente a unha partida de defunción. Na documentación do mosteiro de San Clodio, que tiña abondosas propiedades nos Chaos de Castela, atopamos a última referencia desta Terra no ano 1436. De aquí en diante as referencias documentais ós territorios dependentes dos Sarmiento aparecen baixo formas xenéricas tales como: “notario publico per nono sennor o endeantado Diego Sarmiento en todas suas terras et vila et lugares..”, que evitaban o nome das antigas terras. Salvaríanse Orcellón e o Ribeiro de Avia, na miña opinión, por dúas razóns distintas: Orcellón por estar fora do señorío dos Sarmiento e o Ribeiro de Avia, por ter boa parte das súas terras baixo a xurisdicción do mosteiro de San Clodio do Ribeiro de Avia, que mantivo sempre o nome completo nos documentos e valeu de salvagarda para a continuidade toponímica da Terra, sobre todo ao pasar a denominarse a súa xurisdicción, a partir do século XVI, xurisdicción de San Clodio do Ribeiro de Avia. Son numerosos os documentos que testemuñan este feito, vaia un de 1489 como exemplo: “En no moesteyro de San Croyo do Ribeyro da Abia....eu Fernan Rodriges notario publico en terra e conçello d´Orzellon et de Deçon por el Rey e Reyna nosos sennores e notario publico por lo sennor conde de Ribadavia e endiantado, meu sennor, en todas suas terras e senorios, e notario por lo muy reberendo padre e sennor don frey Rodrigo de San Gees, obispo de Labdiçia e abade do moesteyro de San Croyo...”[49].
Conclusión: Capitalidade das antigas terras e verdade histórica
Os lectores atentos tal vez se deron conta de que o título de este humilde traballo é unha chiscada de ollo, respectuosa por suposto, a dous ensaios exemplares: “Reflexiones sobre la historia” do P. Feijóo e “Castellanos de Orense” do P. Sarmiento. O segundo marcou o punto de partida deste discurso. O primeiro está sempre presente como guía en tódolos meus traballos.
Nas súas reflexións, o P. Feijó, despois de advertir das grandes dificultades que se presentan a todo aquel que pretenda escribir sobre a historia, remarca: “La mayor arduídad está en acertar con lo que más importa; esto es, con la verdad..”, para engadir máis adiante que “la verdad navega en el mar de la historia entre dos escollos, la ignorancia y la pasión”. Pois ben, na busca das raíces históricas dos territorios sexan estes pequenos pobos, grandes cidades ou mesmo nacións, sucede algo semellante ao que acontece cunha grande parte dos estudios xenealóxicos: o obxectivo case sempre consiste en atopar un pasado glorioso sobre o que asentar a realidade presente. Conta o P. Feijó, noutro famoso ensaio, cómo Peñafiel de Contreras, autor granadino do século XVII, confeccionou a árbore xenealóxica de Filipe III, quen resultou ser descendente directo de Adán ¡despois de cento dezaoito sucesións! O duque de Lerma, valido á sazón, non quixo ser menos: resultou ser da mesma descendencia, anque neste caso despois de cento vinteúnha sucesións. Eran parentes, anque certamente afastados pois separáranse as dúas ramas da árbore nada menos que en Tros, rei de Troia e bisavó de Príamo e Eneas. É verdade que a maioría das nosas familias fidalgas galegas, certamente máis modestas, contentáronse con ser descendentes directas dos reis godos. Algo semellante pasa coa historia dos pobos e dos países. Con respecto ás vilas galegas, a maioría en estado embrionario ata o mesmo século XIX, son moi dadas a asignarse capitalidades de antigos territorios medievais, case sempre falsas. O efecto nocivo: transmitir a imaxe dunha Galicia medieval cun peso específico das vilas que non se corresponde coa realidade histórica.
No que nos ocupa gustaríame analizar a verdade histórica que pode haber tras de denominacións tan habituais como: Ribadavia capital do Ribeiro, Ribadavia centro da antiga Terra de Castela ou Carballiño capital do Orcellón. Non se me entenda mal, non poño eu en dúbida o dereito dos pobos para renovar ou adaptar os seus antigos topónimos. Ás veces incluso se entende; é o caso daqueles veciños da antiga freguesía de Sª Maria de Malos, nas terras de Melide, que no século XVI decidiron pasar a chamarse de Sª María dos Anxos. Non, o que trato aquí é de ver se esas denominacións están asentadas sobre realidades históricas, tal como se adoita crer, ou son meras fábulas. Porque, a ninguén se lle ocorre escribir algo como: España, un territorio que tiña o seu centro, ou capital, en Madrid, se está referíndose á España medieval. Moito menos presentar á mesma cidade como Capital do reino de Galicia, escribindo no presente, polo mero feito de que Galicia pertenza a España ¿Son os nosos casos diferentes? Non estaría de máis lembrar antes de comezar cos argumentos, que a palabra capital ten a súa orixe etimolóxica na voz latina caput: a cabeza, a parte máis importante. Pregunto: ¿xogaron ese papel as devanditas vilas na nosa historia?
Por respectar a orde cronolóxica, comezarei polo caso de Ribadavia presentada como centro ou capital da antiga Terra de Castela. Como acabamos de ver, os primeiros documentos onde se fala do Burgo de Ribadavia son do século XII e sitúan o burgo na Terra de Nóvoa, circunscrición administrativa diferente da Terra de Castela, sen que a penas se teña noticia do Burgo nos tempos do antigo territorio de Castela. Parece inútil dar máis datos, dificilmente se pode defender un papel capital de Ribadavia na historia do territorio de Castela nin tampouco no da Terra de Castela, no primeiro caso porque a penas temos noticia da súa existencia e no segundo porque a vila atopábase, sinxelamente, fora desa demarcación. Con respecto a O Carballiño como capital do Orcellón, a denominación aínda resulta máis chocante pois a freguesía onde se asentaría o núcleo da vila, S. Cibrao de Señorín, sempre aparece na Idade Media dentro da Terra de Castela e, logo, na Idade Moderna, sempre fora da xurisdicción de Orcellón. Algo máis de lóxica pode ter a denominación de Ribadavia como capital do Ribeiro de Avia, papel que exerceu indubidablemente, e ás veces de forma moi brillante, na época contemporánea; sen embargo non resulta acertada historicamente se nos referimos á idade media. Xa aludimos ó nacemento da Terra do Ribeiro de Avia na primeira metade do século XIV e como agrupaba, fundamentalmente, terras da marxe esquerda do Avia; logo os Sarmiento, desde o solar de Ribadavia, xogaron un importante papel nestas terras pero sen adoitar nunca como propio o nome da antiga Terra, promocionando máis ben o da vila, como quedaría de manifesto no nome dos afamados viños do Ribeiro, que, nesa época eran máis citados como viños de Ribadavia. A diferenciación Ribadavia- Ribeiro de Avia queda moi clara nalgúns documentos, e non me resisto a poñer un exemplo. Concretamente o testamento dun tal Juan Gómez[50], veciño de Ribadavia, outorgado no ano 1361. Nel defínese a natureza e veciñanza da villa de Ribadauia do testador e outros familiares, pero cando se refire a un debedor de nome Gonçalvino dise que é natural do Ribeiro da Auea, información que non tería valor de considerarse a vila de Ribadavia parte de esa Terra. Foi, como dixen, o Mosteiro de San Clodio do Ribeiro de Avia, e a súa xurisdicción, medieval e moderna, quen máis contribuíu, segundo a miña opinión, á permanencia da antiga denominación. Haberá quen, coñecendo a miña condición de natural de San Clodio, dirá que acabo de chocar contra un dos escollos –non faltará quen diga que contra os dous- que apuntaba o P. Feijó, sen embargo esto é o que entendo á vista dos documentos. Se alguén demostra o contrario gustosamente o aceptarei, porque o cariño ó chan nativo, igual que o da familia ou o do propio país, alomenos no meu caso, non depende da maior ou menor gloria do seu pasado, ou presente.
Quedan aquí expostas as miñas opinións, sobre o tema de Castela e algunhas outras cuestións, baixo o meu punto de vista, moi relacionadas. Foron bastantes cousas, tal vez demasiadas, e algunhas moi complexas. Algunhas das hipóteses e conclusións resultarán, inevitablemente, erróneas, e outras matizaranse. Se este traballo significase para alguén un paso á fronte, na comprensión da historia desta terra, xa me daría por satisfeito. E, cando outros revisen o que aquí queda escrito poden ter a seguridade de que eu serei dos primeiros en alegrarme, porque seguiremos no camiño de atopar o que máis importa na historia: ¡A verdade!
O Carballiño, xaneiro do 2007
Bibliografía:
1. FEYNMAN, R. (2004). “El placer de descubrir”. Ed. Crítica. Barcelona, 2004. 2. RODRÍGUEZ DÍAZ, E.(1995) “El libro de la Regla Colorada de la Catedral de Oviedo”. Oviedo. 3. EIJÁN LORENZO, S. (1920) “Historia de Ribadavia y sus alrededores”. Madrid. 4. RISCO , V. (1928) “Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Orense”. Barcelona. 5. ALBERTOS FIRMAT, M.L. (1977) “"Perduraciones indígenas en la Galicia romana: los castros, las divinidades y las organizaciones gentilicias en la epigrafía" en Actas del Bimilenario de Lugo. Lugo. 6. Pereira Menaut, G. (1982). "Los castella y las comunidades de Gallaecia" en Zephyrus 34-5, p. 249-67. 7. BLÁZQUEZ, J.M. (1989). “Nuevos estudios sobre la romanización”. Madrid. 8. GARCÍA QUINTELA, M.V. (2002) “LA ORGANIZACIÓN SOCIO-POLÍTICA DE LOS POPULI DEL NOROESTE DE LA PENÍNSULA IBÉRICA. Un estudio de antropología política histórica comparada”. Universidade de Santiago de Compostela. 9. GARCÍA ÁLVAREZ, M. R.(1967). “Castilla e Castela, Ordejón, Orcellón e o trovador Lopo Lias” en Grial, Nº 15, 1967. 10. DURO PEÑA, E. (1964). “Las antiguas dignidades de la catedral de Orense” en Anuario de Estudios Medievales, I, pp. 289-332. Barcelona. 11. LÓPEZ FERREIRO, A. (1909). “Historia de la Santa Iglesia de Compostela”. Santiago. 12. LUCAS ÁLVAREZ M. e LUCAS DOMÍNGUEZ P. (1996). “El Monasterio de San Clodio do Ribeiro en la Edad Media: Estudio y documentos”. Ed. Do Castro, 1996. 13. LUCAS ALVAREZ, M. (1997). “La documentación del Tumbo A de la Catedral de Santiago de Compostela. Estudio y edición” . Centro de Estudios e Investigación San Isidoro, León. 14. GARCÍA GARCÍA , J. I. (2006). “As antigas xurisdiccións medievais da comarca do Carballiño” en Actas do III e IV Congreso do Home e do Medio. Argentarium, pp. 241-255. O Carballiño. 15. SAÉZ E. e SAÉZ C. (2000). “Colección Diplomática del Monasterio de Celanova (842-1230)”. Vol. 2. Universidad de Alcalá. 16. SÁNCHEZ ALBORNOZ, C. (1998). “Estudios sobre Galicia en la temprana Edad Media”. A Coruña. 17. ROMANÍ MARTÍNEZ, M. (1989). “Colección Diplomática do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira”. Tórculo Ed., Santiago. 18. GONZÁLEZ, T. (1829). “Censo de Población de las Provincias y Partidos de la Corona de Castilla en el Siglo XVI”. Imprenta Real. Madrid. 19. VILLAVERDE GARCÍA, E., coordinador (1985). “A Terra de Orcellón e o Irixo”. Caja Rural Provincial de Ourense. 20. LUCAS ÁLVAREZ, M. (1957-58) “La colección diplomática del monasterio de San Lorenzo de Carboeiro”. 3 Vol. Compostellanum. 21. ENRÍQUEZ PARADELA, Mª C. (1987). “El Monasterio y Convento de Santo Domingo de Ribadavia. Colección Diplomática”. Anexo 8 do Boletín Avriense. Ourense. 22. GALLEGO DOMÍNGUEZ, O. (1988). “La organización Administrativa territorial de la antigua provincia de Ourense a mediados del siglo XVIII”. Anexo 10 do Boletín Avriense. Ourense. 23. VALDEAVELLANO, L.G. (1968). “Historia de las instituciones españolas. De los orígenes al final de la Edad Media”. Ed. Revista de Occidente. Madrid. 24. CASTRO, M e MARTÍNEZ SUEIRO, M. (1914, 1923). “Documentos del archivo de la Catedral de Orense” en Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense. Tomos V, VI, VII. 25. FLOREZ, H. (1799). “España Sagrada. Tomo XXII”. Madrid. 26. FERREIRO ALEMPARTE, J. (1999). “Temple, Santo Sepulcro y Cister en su fase inicial gallega” en Actas do II Congreso Internacional sobre el Cister en Galicia y Portugal. Zamora. 27. GARCÍA GARCÍA, J.I. (1998). “O Castelo de Castro Cabadoso” en Argentarium, Anexo I, “Actas do I Congreso do Home e do Medio”. Pp. 65-76. O Carballiño. 28. GARCÍA ORO, J. (1977). “Galicia en la Baja Edad Media. Iglesia, señorío y nobleza”. Santiago de Compostela. 29. SACAU RODRÍGUEZ, G. (2004) “Na pescuda do significado do topónimo Orcellón” en Ágora do Orcellón, nº5. O Carballiño. 30. BARREIRO SOMOZA, X. (2004). “O Castelo de Orcellón no centro da críse social e política de Galicia nos comenzos do século XII” en Ágora do Orcellón, nº 6. O Carballiño. 31. BASCUAS LÓPEZ, E. (2002) “Estudios de hidronimia Paleoeuropea”. Anexo de Verba. Ed. Universidade de Santiago de Compostela. Santiago. 32. GONZÁLEZ PÉREZ, C. (1983). “O castelo e a xurisdicción de Roucos” en Boletín Avriense, XIII. 33. NAVAZA BLANCO, G. (2006). “Fitotoponimia Galega”. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña.
[1] FEYNMAN, R. (2004) [2] Publicado na revista Grial, nº 26, 1969. Pp. 415-420. [3] RODRÍGUEZ DÍAZ, E. (1995). Doc. 1. Pp. 296-298. Oviedo 1995. [4] EIJÁN S. (1920) P. 52. [5] RISCO V. (1928). P. 649. [6] Albertos Firmat, M.L. (1977). Pp. 17-27. [7] Pereira Menaut, G. (1982). Pp. 249-67. [8] BLÁZQUEZ J.M. Pp. 99-145. [9] GARCÍA QUINTELA, M.V. (2002). [10] GARCÍA ÁLVAREZ, M. R.(1967) . P. 6. [11] DURO PEÑA, E. (1964). Pp. 289-332. [12] LÓPEZ FERREIRO, A. (1909). Doc. 20. Pp. 36-37. [13] LUCAS ÁLVAREZ M. e LUCAS DOMÍNGUEZ P. (1996). Doc.1. Pp. 259-60 [14] Colección de Documentos Históricos. Anejos al Boletín de la Real Academia Gallega. Doc. 49. Pp. 155-156. [15] LUCAS ÁLVAREZ, M. (1997). Doc. 33. Pp. 118-120 [16] O traballo “As antigas xurisdiccións medievais da comarca do Carballiño” de J. I. García García (Actas do III e IV Congreso do Home e do Medio, pp. 241-255, contén unha completísima relación de referencias documentais sobre este tema. Sen embargo non coincidimos na interpretación dalgunhas delas. [17] SAÉZ E. e SAÉZ C. (2000) . Doc. 197. Pp. 209-210. [18] Remito de novo ó lector ó traballo de J. I. García García. [19] SÁNCHEZ ALBORNOZ, C. (1998). P. 532. [20] LÓPEZ FERREIRO, A. (1909). Doc. 25. Pp. 46-50. LUCAS ÁLVAREZ, M. (1997). Doc. 18. Pp. 87-91. [21] ROMANÍ MARTÍNEZ, M. (1989). Doc. 10. Pp. 10-11. [22] LUCAS ÁLVAREZ M. e col. (1996) . Doc. 5. Pp. 264-265. [23] ROMANÍ MARTINEZ, M. (1989) Doc. 15. Pp. 16-18. [24] ROMANÍ MARTINEZ, M. (1989). Doc. 16. Pp. 18-20. [25] GARCÍA ORO, J. (1977). P. 14. [26] ROMANI MARTINEZ, M. (1989). Doc. 31. Pp. 36-37. [27] Romaní Martinez, no índice de condes (p. 1312), cita a Xoán Arias como conde de Castela en 1178. Na realidade no documento non está adornado de tal título, e antes, en 1174 e 1176, atopámolo como dominus de Castela e tenente do Castelo de Orcellón, pero non como conde. [28] Sobre a cuestión dos comes, tenentes, merinos..., e, en xeral, a administración medieval, poden consultarse as obras de Valdeavellano e o P. Oro citadas na bibliografía. [29] ROMANÍ MARTÍNEZ, M. (1989). Doc. 49. Pp. 58-59. [30] LUCAS ÁLVAREZ M. e col. (1996). D oc. 12. P. 269. [31] LUCAS ÁLVAREZ, M. (1996). Doc. 9. Pp. 267-268. [32] Esto último requiriría algunha matización, no senso de analizar o papel que tivo neste proceso a institución angular da administración local galega ata o fin do antigo réxime: a freguesía rural galega. Pero refírome aquí ó nivel supraparroquial. [33] Curiosamente o castelo deixoullo como herdanza á Mitra Compostela. [35] FLOREZ, H. (1799). Doc. 13. Pp.273-79 [36] Sobre este tema consultar EIJÁN S. (1920), pp. 124-133. [37] Tal vez houbo ese castelo. Algo máis adiante aparecerá Roucos xogando ese papel. [38] FERREIRO ALEMPARTE, J. (1999). Vol. 1. Pp. 356-357. [39] EIJÁN, S. (1920). Px. 124. [40] GONZÁLEZ, T. (1829).
[41] Non aparece contemplada a freguesía de San Xes de Francelos, incluída na de Madanela de Ribadavia. Outras, coma S. Mamede de Librás (agora S. Mamede de Moldes) aparecen coa denominación que tiñan no século XVI. [42] Fora dese marco, con carácter de espacio separado do resto da Terra de Orcellón, parece que estiveron os coutos de Anllo, unha antiga propiedade Carboeiro que estivo dentro da órbita de Orcellón, probablemente, ata que se resolveron as diferencias entre os Sarmiento e os Sotomaior e Ulloa, a mediados do século XIV. A partir dese momento quedan baixo a influencia dos Sarmiento, que nomean ó xuíz destes coutos, e máis tarde pasarían a formar parte da xurisdicción de Roucos, señorío dos Condes de Ribadavia. [43] BARREIRO SOMOZA, X. (2004) [44] Estaban fora da xurisdicción de Orcellón soamente as terras da xurisdicción de Pazos de Arenteiro, unha parte de Castro Cabadoso, o Coto de Lobás e o coto de Corneda. Como comparación, o resto do territorio de Castela quedou dividido no antigo réxime en 20 distritos, entre cotos e xurisdiccións. [45] Neste senso teño que citar un libriño, humilde na forma, pero excelente nos contidos, que baixo o título “A Terra de Orcellón e o Irixo” contén, para o meu gusto, o mellor que se ten escrito sobre esta terra ata o momento. Contén, entre outros, un traballo do coordinador da obra, Elixio Villaverde García, que creo obrigado para todo aquel que queira saber algo do Orcellón. [46] SACAU RODRÍGUEZ, G. (2004) [47] LUCAS ÁLVAREZ, M. (1957-58). Doc. 11. Pp. 248-249 [48] NAVAZA BLANCO, G. (2006) [49] LUCAS ÁLVAREZ M. e LUCAS DOMÍNGUEZ P. (1996). Doc. 608. Px. 717. [50] ENRÍQUEZ PARADELA, Mª del Carmen. “El Monasterio y Convento de Santo Domingo de Ribadavia. Colección Diplomática”. Doc. 4. Pp. 66-69 |