Desde o Ribeiro

 
 Esta páxina contén os textos de diversos traballos publicados polo autor. No seu blog JEANFRUJO atoparás outros artigos e ensaios, e a posibilidade de publicar as túas propias opinións.
 

Barzamedelle

OS SANTOS DA CAPELA DE BARZAMEDELLE 
 
Frutos Fernández González
 
(Publicado na revista Fraicellus, nº 9, 2005)
 
 
            Os que aínda vivimos a cultura das lareiras na nosa infancia, nunca deixamos de lembrar con nostalxia aquelas frías noites de inverno nas que, a carón do lume, se xuntaban con agarimo as familias e os amigos máis achegados. Alí, naquelas reunións, os nenos, as máis das veces topeñando sobre o colo dos nosos país, escoitábamos as vellas historias dos pobos e das súas xentes, vellas e fermosas historias que nos transmitiron unha boa parte das claves da nosa cultura e das nosas tradicións. Esta práctica víñase repetindo, xeración tras xeración, desde a noite dos tempos, pero agora, irremediablemente, perdeuse.  Entre os centos de historias que escoitei, hai unha que lembro especialmente. É a das  imaxes –santos adoita chamarlle a xente- da hermida de Barzamedelle, ou Barciamedelle, que así se cita en documentos antigos, o pobo do meu finado pai.

 

  Poucas veces sabemos cal foi a causa de que unha determinada parroquia, igrexa ou capela teña unha determinada advocación do santoral. Moito menos porque acompañando ó santo patrón aparecen determinadas imaxes. Por que a parroquia de Gomaríz é de Santa Mariña ou en Cuñas hai devoción a San Bieito.....? Por que en San Xes de Francelos son San Antón, San Pedro, a Santa Madanela e San Xosé, as imaxes que están a carón do patrón? A historia dos santos da capela de Barzamedelle desvela a causa, sumamente curiosa, de que a patroa desta hermida, a Virxe do Carmen, apareza na compaña de San Xosé, Santa Daría, San Luis e o   Sagrado Corazón.

 

BARZAMEDELLE

 

Á saída de Leiro, en dirección a Ribadavia, despois de pasar por diante da vella, e tristemente abandonada Cooperativa de Leiro, parte pola dereita, xunto á casa de Arancei, a verea que nos leva ó lugar de Barzamedelle. Hoxe o pobo está practicamente abandonado -¡nin sequera hai unha triste placa na estrada que o identifica!- pero na antigüidade foi un lugar de certa importancia. As casas do pobo repartíanse entre as parroquias de San Miguel de Lebosende e Santo Adrao de Bieite marcando o linde regato que baixa de Agra. En Barzamedelle, coma noutras aldeas do Ribeiro, aínda podemos contemplar a espléndida fábrica de moitas  casas, algunhas delas arruinadas, que son boa mostra dos esplendores de épocas pasadas. Arredor do núcleo, nunha estampa típica da paisaxe do Ribeiro de antano, estaban as viñas que ascendían en magníficos sucalcos pola ladeira e producían, ata hai relativamente poucos anos,  grandes viños. Términos de toponimia tan fermosa como A Paraguda, Costas de Vella, Ollo do Boi, Agra... eran garantía de viños de excelente calidade. O antigo camiño real de Lebosende a Ribadavia, despois de atravesa-lo pobo, seguía pola dereita ó Ibedo e Bieite, e de fronte enlazaba coa outra banda do río pola afamada Ponte San Clodio.

 

            No século XIX a familia fidalga de Barzamedelle era a familia dos Borraxos, unha das máis influíntes do Ribeiro nesa época. No medio do pobo aínda se conserva a magnífica casa familiar, coñecida agora como por casa dos Fentos, o alcume dos seguintes propietarios. D. Benigno Borrajo, membro desa familia e un dos primeiros alcaldes de Leiro, foi quen mercou á Facenda Nacional, na Desamortización de Mendizabal, o mosteiro de San Francisco de Ribadavia e a Granja de Otero de Francelos, a mellor propiedade do antigo mosteiro de Melón. Na segunda década do século XX emerxería outra gran propietaria en Barciamedelle: Dª Daría Rodríguez Rodríguez. A casa da señora Daría, que así se lembra a xente dela, era a grande, de galería e xardín, hoxe en estado de abandono, que atopamos pouco despois de entrar no pobo desde Leiro. Segundo contaban os vellos do lugar a casa fora a primeira con calefacción de auga de toda a bisbarra. As propiedades da casa estendíanse por toda a ladeira da Paraguda arriba, en grandes socalcos esplendidamente murados. Un dato descoñecido para moitos e que estes socalcos foron os escollidos polo profesor Marcilla, a figura máis destacada da enoloxía española na primeira metade do século XX, para facer as probas de adaptación dos diferentes patróns americanos ás nosas castes nos anos trinta, poucos anos despois da invasión da filoxera.

 

 

A SEÑORA DARÍA, BENFEITORA DE BARZAMEDELLE.

 

            A señora Daría, segundo contan, casou cun rico propietario de nome D. Luis Vázquez. Por desgracia, a morte prematura de D. Luis vestiu de loito á señora Daría cando aínda era nova. Casou en segundas nupcias con D. José Álvarez Rodríguez, o fillo do rico tratante de gando Casiano Álvarez, orixinario da Cañiza e patriarca dunha poderosa familia, daquela con grandes propiedades en Xubín. Tampouco tivo sorte a señora Daría neste segundo matrimonio xa que volveu a enviuvar ós poucos anos.

 

            A señora Daría, muller de profunda fe cristián, cando se viu viúva e sen descendencia, dedicou todos os seus esforzos, e unha boa parte do seu patrimonio, ó cumprimento dunha vella aspiración dos veciños de Barzamedelle: a construcción dunha capela coa advocación da Virxe do Carmen, devoción que tiñan desde tempo inmemorial os veciños deste pobo, pero que ata ese momento soamente podían manifestar diante da imaxe que estaba na capela de San Pedro, en Leiro.

 

            A señora Daría, ademais de pagar a construcción da capela, fixo doazón do solar onde  se asenta, xusto á entrada do pobo nun pintoresco enclave con excelentes vistas ó nacente, cara ó Avia e San Clodio. A obra realizouna o patriarca dunha familia de canteiros de Leiro: os Gineses, alcume que reciben  polo nome do mestre que construíu a capela, o Sr. Ginés.

 

            A hermida é unha obra sinxela de cantería, de nave única e tellado a dúas augas, sen a penas decoración. Na fachada ábrese unha portada rematada en arco de medio punto. Sobre ela un pequeno óculo lobulado en cuadrifolio que da luz ó interior. Unha elegante espadana, onde figura a inscrición 1934, ano de remate da obra,  acolle a pequena campá da hermida. A pesar da súa austeridade decorativa o conxunto da capela e do seu entorno presenta un encanto singular, un encanto ó que contribúen, ademais das sobrias formas da capela, os magníficos castaños de indias do seu adro.
 

 

 

            Pero, para a historia que nos interesa contar,  o máis importante da capela do Carmen de Barzamedelle atópase no interior, trátase do seu retablo. A señora Daría, ademais de cumprir co anceio dos veciños de Barciamedelle de ter unha capela, quixo honrar a memoria dos dous maridos difuntos e  deixar constancia da súa obra. Esta é a razón de que no retablo, presidido pola virxe do Carmelo, figure no extremo da esquerda San Luis, rei de Francia, en lembranza do seu primeiro home, Luis. Á dereita da patrona están as imaxes de San Xosé e de Santa Daría, en lembranza do seu segundo esposo, José, e dela mesma, Daría. A imaxe do Sagrado Corazón de Xesús, devoción presente na maioría das igrexas, á dereita da Virxe do Carmen, simplemente trataría de conservar a simetría do retablo. As imaxes da Virxe do Carmen, o Sagrado Corazón e San Xosé, habituais nas nosas igrexas, aparecen no retablo de Barzamedelle coa súa iconografía tradicional. San Luís, que reinou en Francia como Luís IX entre 1226 e 1270, leva posta coroa real e ostenta cetro na man dereita, ámbolos dous signos  de realeza; na man esquerda sostén un coxín, o seu atributo máis característico. Santa Daría, mártir romana do século III que foi enterrada viva xunto ó seu esposo San Crisanto por negarse a adorar ídolos profanos, colle coa man dereita ó león que, segundo a tradición, a defendeu das infames tentativas dos seus inimigos e sostén na man dereita a palma que a identifica como mártir. Descoñezo ó mestre que realizou o retablo pero trátase en todo caso de tallas notables.
 

 

Os santos da capela de Barzamedelle

 

Santa Daría

A Virxe do Carmen

 

 

 

CONCLUSIÓN A MODO DE DESEXO

 

            Este ano, o día do Carmen, estaba a capela de Barzamedelle inundada pola luz e polo aroma puro das azuzenas...¡tamén polas ausencias!  Mirando para o retablo lembrei a historia da señora Daría, ...e recei por ela. Logo, pensei que, a falta de vellos que conten e de nenos que escoiten, nos nosos pobos e aldeas a nosa cultura e as nosas tradicións seguirán morrendo de xeito inexorable. Pedinlle á Virxe do Carmen que interceda para que no ano 2034, cando se cumpran cen anos da construcción da capela, aínda quede algún vello no lugar. Para que siga contando ós nenos as vellas historias de todas aquelas xentes que nun tempo encheron de vida este pobo de Barzamedelle, e entre elas a historia da señora Daría ¡Que así sexa!

 

O Carballiño, setembro do ano 2004