Desde o Ribeiro

 
 Esta páxina contén os textos de diversos traballos publicados polo autor. No seu blog JEANFRUJO atoparás outros artigos e ensaios, e a posibilidade de publicar as túas propias opinións.
 

A Aldea Ideal

A Aldea Ideal*

Frutos Fernández González

 

 

“...Y piensa en el pueblo de su lugar,

que es el pueblo de todos los lugares

y de todas las naciones de la Historia...”

 

Miguel de Unamuno

 

 

Prometéralle ó noso director, Avelino Muleiro, que logo do meu traballo “Reflexións sobre a Castela Ourensá”, o seguinte para esta revista versaría sobre a freguesía rural galega en xeral, e sobre a orixe das da nosa contorna en particular. Sería un xeito de completar unha pequena análise da evolución histórica das institucións da administración local propias, que tan importantes resultan para o coñecemento do pasado coma para a comprensión do presente. Non esquecín a promesa, pero certos acontecementos, dos que logo darei conta, leváronme a pensar que talvez resultase de interese un traballo intermedio, un traballo que centrase a súa atención nun tema vello, pero non por iso de menor importancia: a dialéctica entre o local e o universal.

           

Todos os que me coñecen e comparten comigo inquietudes intelectuais saben da grande importancia que dou a un pequeno fragmento do Sempre en Galiza de Castelao, aquel onde di: “Eu creo, e repito con Heine, que dende a máis pequena fiestra pode contemplarse a inmensidade do ceo, como dende a máis pequena terra se pode comprender a grandeza do mundo”; ó que adoito engadir: “e tamén as súas miserias”, que nunca foron poucas. É por iso que ás relacións entre o local e o universal hai tempo que non me pasan inadvertidas, ó mellor por moverme eu entre a afección á investigación histórica local e a profesión de ensinante de ciencias. A primeira, a investigación histórica local, concrétase no pequeno detalle, a miúdo inadvertido nos planos longos da investigación histórica tradicional, máis interesada nos grandes grupos; a segunda, a ciencia, adquire, pola contra, a súa expresión máis completa nas leis de carácter universal.

 

Dicía, non obstante, que foron certos acontecementos os que me empuxaron a escribir sobre este tema das relacións entre o local e o universal. O primeiro, de carácter tráxico, ten que ver cunha perda, imprevista e irreparable. Entre as moitas e boas lembranzas que me trae o nome de Jesús R. Carracedo, o meu querido amigo, profesor que foi de literatura no instituto Alfredo Brañas de Carballo, unha das que máis se repiten é a daquela teima súa de levar tódolos anos ó lago de Sanabria, a San Martín de Castañeda, ós alumnos do antigo COU. Pensaba el que a viaxe resultaba imprescindible para entender a forza da paisaxe e das raíces no San Manuel Bueno, Mártir de Unamuno. Lembro como a primeira vez que me propuxo a realización de tal viaxe -daquela tiña eu algunha responsabilidade administrativa no devandito centro-, diante das estreitezas do orzamento, comenteille que era unha sorte que non impartise literatura universal e a viaxe proposta fose, por exemplo, a Aracataca, O Macondo de García Márquez. A resposta inmediata de Jesús foi unha daquelas gargalladas súas, limpas, potentes e como a borbotóns que máis tarde me resultarían tan familiares.
 

 

Jesús R. Carracedo

 

Talvez esa gargallada marcou o inicio da nosa profunda amizade; ó fin e ó cabo hai poucas sinais mellores para recoñecer ó amigo verdadeiro que as risas cómplices e compartidas. Levoume a lembranza do amigo Carracedo á enésima lectura da, sempre emocionante, novela de Unamuno, lectura que se mesturou no meu maxín coas ideas preparatorias do mentado traballo sobre a freguesía rural. Neses mesmos días chegoume a noticia da celebración dun congreso arredor da obra doutro autor querido. Levaba un título ben significativo: "Cruzando Fronteras: Miguel Delibes, entre lo local y lo universal", e conmemoraba o sesenta aniversario da publicación de La sombra del ciprés es alargada, a primeira novela do escritor vallisoletano. O vídeo do discurso de benvida ós congresistas, que naceu da imposibilidade do autor para asistir en persoa ó acto, posibilitou, pola contra, que eu vise e escoitase con atención as palabras do mestre. Tamén valeu para reafirmar a crenza de que as cousas, polo menos ás veces, ademais de natureza teñen destino. Neste caso pareceume que o meu era escribir este traballiño.
 

 

A paixón pola terra e o localismo

 

Prodúcese con frecuencia a confusión entre local e localismo, e non obstante conviría aclarar desde un principio que o achegamento ó local, ben sexa desde o punto de vista literario ben desde o científico, non ten por que conducir directamente ó localismo, aínda que sexa o punto de chegada máis frecuente de tales excursións. Ese “forte apego a determinado lugar e á súa defensa sistemática” –con razón ou sen ela-, que chamamos localismo, é coñecido de vello, aínda que a palabra como tal é un cultismo de uso relativamente recente. Documéntase no portugués por primeira vez no ano 1872 e no español uns anos máis tarde. Non deixa de ter a súa importancia que en España fose precisamente Unamuno un dos primeiros, senón o primeiro, que a utilizou; concretamente no ensaio En Torno al Casticismo. A súa incorporación ó léxico debeu ser paralela á do seu antónimo, o universalismo, que comeza a aparecer na escrita pola mesma época.

Aceptaba con reparos o padre Feijó certo apego á terra nativa: “No condeno aquel afecto al suelo natalicio, que sea sin perjuicio de tercero…”. Aínda así parecíalle algo pueril a pintura que facía Homero do heroe Ulises anhelando divisar o fume sobre os montes da súa Patria Itháca, e avisaba dos perigos deses fumes: “.no hay mucho inconveniente en mirar con ternura el humo de la Patria, como el humo de la Patria no ciegue al que le mira. Mírese el humo de la propia tierra; mas (¡ay Dios!) no se prefiera ese humo a la luz, y resplandor de las entrañas.”. Máis adiante, concretaba o eminente sabio: “Esto es lo que se ve suceder cada día. El que por estar colocado en puesto eminente tiene varias provisiones a su arbitrio, apenas halla sujetos que le cuadren para los empleos, sino los de su País. En vano se le representa, que éstos son ineptos, o que hay otros más aptos. El humo de su País es aromático para su gusto, y abandonará por él las luces más brillantes de otras tierras. ¡Oh cuánto ciega este humo los ojos!... Es verdad, que algunos pecan en esta materia muy con los ojos abiertos. Hablo de aquellos, que con el fin de formarse partido donde estribe su autoridad, sin atender al mérito, levantan en el mayor número que pueden, sujetos de su País... ¿Será posible que este texto fose escrito hai máis dun cuarto de milenio? Proben a cambiar nel a palabra País por partido e aínda lles parecerá máis incrible que non sexa contemporáneo.

E xa postos, vexamos o que opinaba o eminente bieito do chamado amor á Patria, que tan de moda volve estar nos patios políticos: “...Busco en los hombres aquel amor de la Patria que hallo tan celebrado en los libros: quiero decir, aquel amor justo, debido, noble, virtuoso, y no le encuentro. En unos no veo algún afecto a la Patria; en otros sólo veo un afecto delincuente, que con voz vulgarizada se llama pasión nacional… se juzga ser amor de la Patria lo que sólo es amor de la propia conveniencia. No hay hombre que no deje con gusto su tierra, si en otra se le representa mejor fortuna…. Tampouco neste caso se salva Homero da reprimenda, por certo unha das máis atrevidas que debeu saír nunca desde dentro dos piadosos muros dun convento: “…me parece fuera de toda verosimilitud que Ulises prefiriese los desapacibles riscos de su Patria Ithaca a la inmortalidad llena de placeres, que le ofrecía la Ninfa Calypso, debajo de la condición de vivir con ella en la Isla Ogygia…”

            Coincido no principal coas opinións do P. Feijó; tamén comparto o seu escepticismo: “En vano he representado estas consideraciones en varias conversaciones privadas. Creo, que también en vano las saco ahora al público. Mas si no aprovecharen para enmienda del abuso, sirvan siquiera para desahogo de mi dolor. Serven as súas palabras, iso si, para demostrar que, contra do que afirma a sabedoría popular, hai males que máis de cen anos duran, aínda que acerta en que non hai corpo que os aguante. Sería eu máis comprensivo, non obstante, no que respecta ó afecto ó pobo -máis que ó chan- nativo, sobre todo nunha sociedade rural, como o era ata hai pouco, en gran medida, a galega. Ese apego ó pobo ou á parroquia das nosas orixes, ó solar da nosa infancia, non era –aínda non é para a maioría dos que superamos os cincuenta anos- máis que a prolongación do afecto natural, biolóxico e primario á familia e ó clan onde nos socializamos de nenos. Un clan que, non se esqueza, foi estritamente familiar na súa orixe para moitos dos nosos pequenos lugares e talvez para unha boa parte das nosas parroquias. Unha socialización que debeu manter boa parte das súas constantes na Galicia do último milenio, e que transcendía a casa familiar para ter continuación na dos veciños, na igrexa, na escola, etc. Non entenden moitos galegos das novas xeracións, sobre todo aqueles que xa foron socializados na familia nuclear, ese apego noso, excesivo segundo eles, ás raíces. Non debe estrañarnos, eles xa non viviron ese tipo de socialización.

 Existen outros apegos, á comarca, ó país... á patria, dos que xa se ven falando desde o mundo clásico. A pesar da súa importancia, sénteos cada quen ó seu xeito e non teñen o carácter primario e instintivo do que nos unía ó clan local; correspóndelles polo tanto, e en grande medida, ás institucións superiores saber gañar ese cariño dos seus   naturais. Non me pararei eu a detallar a receita, que ten como principais ingredientes moito de xustiza social e outro tanto de liberdade individual, pero si a apuntar que a negación polo poder dos apegos de nivel inferior non axuda a medrar os de nivel superior.  O tempo dirá cales serán os apegos que comezarán a aniñar no corazón dos galegos deste novo milenio; os nosos, os que nos identificaban coa freguesía rural das nosas orixes, serán en breve un elemento máis da historia. Xustamente, nese matiz de perda, e non no localismo, fundaméntase o interese dalgúns dos que, coma min, se achegan á historia das freguesías rurais en Galicia. Trátase sobre todo de facer balance do perdido e de deixar constancia da propia versión dos feitos que, moito me temo, en pouco ha de coincidir coa oficial que prevalecerá no futuro. Talvez formamos parte daquela confraría unamuniana dos solitarios de lugar que, dunha vez por todas, nos decidimos a tomar as plumas: “Si el solitario de lugar escribiese en vez de soñar... este visionario vidente podría escribir la historia universal de su lugar, de Villavieja de la Ribera o de Aldealuenga del Encinar. Porque él siente en universal lo local.”

Da mosca do vinagre á aldea ideal

Todos os que recibiron algunha formación científica saben da importancia dos modelos sinxelos no avance deste tipo de coñecementos. A complexidade que presenta o mundo real non resulta axeitada, na maioría dos casos, para proceder ó seu estudo dun xeito directo. Pero, na física fundamental nin sequera foi suficiente seleccionar os sistemas reais máis sinxelos, tales como os que utilizaban Galileo ou Pascal, para comezar a construír o coñecemento. Co obxecto de poder aplicarlle ó mundo físico a linguaxe matemática, foi preciso definir sistemas máis alá do real, sistemas ideais na súa sinxeleza: simples abstraccións. Por poñer un exemplo, o estudo da mecánica -parte fundamental da física clásica- apóiase sobre  a definición de punto material, un concepto ideal de partícula que ten masa, pero que carece de dimensións. Paradoxicamente, foi desde ese modelo, soamente imaxinable na súa sinxeleza, como se comezou a entender a arquitectura do Universo, soamente imaxinable na súa complexidade.  E, que dicir da química, que non  atopou o camiño definitivo para o seu despegue ata os albores do século XIX? Fíxoo da man de Lavoisier, considerado con xustiza o pai da Química[1], quen estableceu no seu Traité élémentaire de Chimie, publicado en 1789, o concepto definitivo de elemento químico: a substancia que non pode descompoñerse noutras máis sinxelas. En suma, no que nos interesa, a química avanzou cando Lavoisier descubriu que a materia tal como se nos presenta na natureza non permite descubrir as leis que rexen as súas transformacións; hai que buscar antes as súas partes fundamentais: os elementos químicos, os ladrillos[2] que forman o edificio da materia que nós observamos. Logo, profundando máis, apareceron os átomos e a teoría atómica da materia. Da súa importancia para o coñecemento dános idea o que escribiu Feynman, un dos maiores sabios do século XX: “Se por un cataclismo resultasen destruídos todos os coñecementos científicos e só unha frase puidese pasar ás xeracións futuras, esta podería ser: as cousas están feitas de átomos, pequenas partículas que se atopan en perpetuo movemento, que se atraen entre si cando se atopan a pequena distancia, pero que se repelen se se intenta introducir unha  dentro doutra.. Nesta frase atópase unha gran cantidade de información sobre o mundo”. Agora coñecemos ata a composición das estrelas[3], pero houbo que comezar por descubrir na materia as súas partes máis sinxelas. En fin, a ninguén se lle escapa a importancia que tivo a teoría celular, que naceu a mediados do século XIX, na configuración científica da bioloxía actual. Andamos agora a estudar o xenoma, o conxunto de material xenético que conteñen as células dun organismo. Pero, os primeiros e principais adiantos producíronse estudando non o xenoma dos elefantes, nin sequera o dos homes, senón o da mosca do vinagre, a drosophila melanogaster. En 1995 completouse o seu xenoma, o primeiro dun animal[4]. Segundo Roger Hoskins, un dos directores do proxecto: "A bioquímica fundamental das moscas do vinagre e a dos seres humanos é notablemente similar". De novo o pequeno e o grande: as nosas claves máis fundamentais en algo tan pouco atractivo coma unha mosca do vinagre, as nosas esencias nun simple piollo.

            Que dúbida cabe de que todos estes feitos tiñan que ter repercusión nas denominadas ciencias sociais. A maioría das micro –microhistoria, microsocioloxía, microetnoloxía, ...- reflicten a importancia que tivo nos campos correspondentes o inicio de investigacións centradas nos pequenos grupos, nos sistemas sinxelos. Reflicten, en certa medida, o camiño previamente andado pola ciencia. No que respecta á historia o tema é un pouco diferente xa que o interese polo local ven de vello e resulta moi anterior ó que agora entendemos por microhistoria[5]. É vella a controversia sobre o valor da historiografía local, un valor que acostuma ser minimizado desde os círculos da historiografía oficial, aínda que, cando aparece unha institución patrocinadora, algúns membros deses mesmos círculos son capaces de escribir ata dez pesados tomos sobre a historia da pedra dun muíño. A controversia paréceme totalmente estéril, pero non quero deixar de facer un par de apuntes.

O primeiro que me gustaría dicir é que calquera unidade social,  teña o tamaño que teña, desde un imperio ata un simple individuo, ten a súa historia e calquera pode querer coñecela; indubidablemente calquera ten dereito a estudala. Outra cousa será o resultado, que pode ser bo, malo ou regular, segundo a apreciación particular de cada quen, que nisto tampouco ten por que existir unanimidade. Eu estou entre aqueles que pensan que resultaría case imposible atopar un estudo histórico, sobre un tema do noso interese, que non presentase algo aproveitable, por moi deficiente que resulte a valoración global do mesmo. Asómbrame, iso si, a utilización do cualificativo de parroquial, en sentido despectivo, á hora de desautorizar algúns estudos históricos de carácter local en Galicia. Ningunha institución administrativa na historia de Galicia se pode comparar na súa importancia coa parroquia. Escribía Castelao: “A parroquia é, sen disputa, a máis antiga entidade local de España... E dende logo, cando non se conta coa parroquia no se conta con Galiza”. Tempo haberá no traballo prometido de profundar neste tema, por agora basta con dicir que esa realidade histórica innegable fai da parroquia un dos sistemas máis axeitados, se non o que máis, para a análise dunha boa parte da nosa historia. É ese o sentido que está detrás da Aldea ideal do título deste traballo[6].

O segundo apunte que quero facer ten que ver coa suposta falta de obxectividade dos estudos históricos locais, deformados segundo os seus críticos polo apego esaxerado dos seus autores ó obxecto de estudo. Non se pode negar este defecto en moitos casos, pero aínda así resulta moito menos perigosa esta desviación, pola súa frecuente evidencia, que a deformación que é común atopar na historia oficial dos diversos países e nacións, case sempre máis sutil e intencionada. Non é a primeira vez que recomendo a lectura do ensaio “Reflexiones sobre la historia do P. Feijó. Aquel onde despois de recoñecer a dificultade de escribir sobre a historia -¡oh Santo Dios! sólo las plumas del Fénix pueden servir, para ser Historiador de pluma ...-, avisa dos perigos da empresa -la verdad navega en el mar de la Historia siempre entre dos escollos, la ignorancia y la pasión- e advirte: “No sólo un enemigo milita contra la verdad en los Escritores Nacionales. Quiero decir, que no sólo el amor, mas también el temor los hace apartar del camino derecho. Cuando no los ciega la pasión propia, tropiezan en la ajena. ¿Que precaucións non haberá que tomar agora, cando unha boa parte dos traballos e publicacións relativas á historia, sexa esta local ou non, están financiadas, directa ou indirectamente, polos diversos poderes? Non quero parafrasear a Clemenceau, pero a investigación histórica, como se sabe desde hai tempo, non pode ser patrimonio exclusivo dos círculos oficiais. Non viría mal lembrar o que escribía Américo Castro ó respecto: “Los adscritos a las rutinas tradicionales y profesionales patrocinadas por las academias, las universidades y análogas instituciones, se retraen defensivamente para no lesionar mal creados intereses. Quienes gozan de mayor libertad de movimientos van paulatinamente reconociendo la invalidez de la historiografía consagrada.

Deixemos entón que cada quen, con total liberdade, poña na súa cámara o obxectivo máis axeitado para a paisaxe histórica que quere fotografar. Valoremos despois a fotografía e non o campo que abarca. E con respecto á paixón, a acción humana, como se encargaba de lembrarnos Avelino Muleiro[7], resulta sempre da mestura de paixón e deliberación, sen saber a priori cal destas dúas forzas haberá de primar nunha situación dada. O que si sabemos é que unha tempera á outra, e que tan perigoso resulta mergullarse nas abrasadoras augas da paixón coma nos xélidos mares da razón pura.

  

E da aldea ideal á aldea universal

            Comezaba facendo referencia a aquel pequeno fragmento do Sempre en Galiza onde Castelao repetía con Heine, “desde a máis pequena fiestra pode contemplarse a inmensidade do ceo...” Volvo sobre ela, porque se nalgún campo se ten utilizado a pequena terra,  o solar nativo, a aldea, como sistema ideal para a observación de valores universais, este non ten sido outro que o da literatura. Parece ser que lle preguntaron un día a Tolstoi cales eran as claves para ser un bo escritor; el respondeu: “Describe ben a túa aldea e serás universal.” Resulta doado ver o paralelismo que hai entre este breve dictame de Tolstoi e a reflexión de Heine, tamén a gran verdade que encerran ambos... Máis difícil é darse conta da dificultade da tarefa proposta.

            Buscamos a mesma idea, do pequeno e do grande, do local e do universal, e atopámola en bo número de autores: “O neno é pequeno, e contén ó home; o cerebro é estreito, e alberga o pensamento; o ollo non é máis que un punto, e abarca leguas…”, escribía Alejandro Dumas (fillo) na Dama das Camelias. O mesmo Kierkegaard afirmaba que a universalidade só se pode lograr explorando dentro dun mesmo. Leonardo Sciascia incluso vai máis aló cando pon en boca dun protagonista de Todo Modo : “Giulio Cesare Vanini, que foi queimado por herexe, recoñecía a grandeza de Deus na contemplación dun terrón; outros, contemplando o firmamento. Eu recoñézoa na contemplación da imbecilidade...”. No fragmento de Sciascia -que de ser o arranque dunha novela creo que tería conseguido que Giulio Cesare Vanini fose tan coñecido coma Gregorio Samsa ou o Coronel Aureliano Buendía-  sospéitase a Heine e Elliot[8] e na súa redondez e perfección percíbese claramente o verdadeiro xenio do escritor. Tampouco falta nos nosos autores a proxección ó universal partindo do local. Desde Cervantes a Delibes, pasando por Unamuno, Juan Ramón Jimenez, Lorca...  e entre eles, por suposto, os grandes galegos: Rosalía, Curros, Castelao, Cunqueiro... Méndez Ferrín, Manolo Rivas. Cada un deles, á súa maneira, fixeron e fan boa aquela afirmación na que coincidían Ortega e Einstein de que a verdade, universal aínda que relativa, sempre se pronuncia dende un punto concreto do espazo. Lembro agora o espléndido discurso que pronunciou Manolo Rivas no Pazo de Moldes, na entrega dos premios Losada Diéguez deste ano, e como exemplificou esta mesma idea suxerindo, mentres sostiña na man unha evocadora esfera de vidro que representaba o Mundo, que as xeometrías deses espazos quedaban dalgún xeito alterados polas verdades que desde alí foran enunciadas nalgún momento. Sobrepasaría con moito as miñas capacidades, e seguramente a  paciencia do lector, realizar unha análise exhaustiva da presenza da dialéctica do local-universal, polo demais evidente, en todos os autores que citei. Conformaríame con facer unha breve reflexión final arredor das obras de Unamuno e Delibes que lembraba ó principio.

Yo nací en Ávila, la vieja ciudad de las murallas, y creo que el silencio y el recogimiento casi místico de esta ciudad se me metieron en el alma nada más nacer,  así comeza La sombra del ciprés es alargada, a novela de Delibes que vén de cumprir sesenta anos. Ahora que el obispo de la diócesis de Renada, a la que pertenece esta mi querida aldea de Valverde de Lucerna, anda, a lo que se dice, promoviendo el proceso para la beatificación de nuestro Don Manuel ...[9], é o fermoso arranque do San Manuel Bueno, Mártir de Unamuno. Nas dúas primeiras liñas xa queda establecida de forma clara e rotunda a importancia que terán as orixes na vida dos protagonistas das dúas novelas. Non rematan aquí as similitudes entre as dúas obras, a pesar de que o universal  -o home como vítima das circunstancias na novela de Delibes; a fe como gran problema existencial na de Unamuno- sexa diferente, pero eu quixera fixarme nunha en concreto: o recuncho nativo resulta punto común de partida e chegada dos protagonistas nos dous relatos. De novo o principio-fin: “A meta está na orixe”, escribiu o poeta Karl Kraus. É o mesmo lazo das cosmogonías célticas do que falaba Felipe Senén na entrevista que lle faciamos no último número de Ágora; un lazo que tan ben coñecemos os galegos, acostumados a pasar media vida afastándonos do punto de partida, e outra media tratando de regresar a el.
 

Lago de Sanabria

Ía o meu amigo Carracedo tódolos anos cos seus alumnos de COU a San Martín de Castañeda, o Valverde de Lucerna de Unamuno, colgado entre a montaña e o lago. Fora tamén a Avila buscando os Catro Postes e a imaxe idílica da cidade nevada baixo a lúa chea. As paisaxes de Castela traíanlle lembranzas agradables de etapas pasadas da súa vida. Agora, xa había tempo que acudira á insistente chamada do seu círculo, cósmico e bergantiñá, con centro na freguesía de San Salvador de Sofán. E é que, en verdade, a sombra do ciprés é alongada.

O Carballiño, Día de Santos do 2007
 
*Traballo publicado na revista Ágora do Orcellón, nº 15, 2008, pp. 13-18.


[1]Tamén foi un dos pais do Sistema Métrico Decimal, un dos maiores logros da Revolución Francesa. Morreu guillotinado no ano 1794 en París,  na actual Praza da Concordia,  por decisión dun tribunal da mesma Revolución á que tantos servizos prestara. ¡Leccións da historia!

[2] Un persoaxe de Brecht aparecía cun ladrillo para amosarlle a todos como era a súa casa.

[3]Como curiosidade, o elemento Helio, descuberto en 1868, debe o seu nome ó do Sol en grego:   Helios. A súa onomástica débese a que este elemento foi descuberto no astro rei a través do espectro da súa luz. Na Terra foi confirmada a súa existencia no ano 1895, ¡case trinta anos despois!

[4] Antes, en 1995, completárase o xenoma completo dunha bacteria, a  Haemophilus Influenzae.

[5] Rama da Historia que se desenvolve a finais do século XX, sobre todo en Italia da man de Carlo Ginzburg, e que centra a súa atención na pequena escala social, en detalles que pasarían inadvertidos na historiografía clásica e que, non obstante, resultan de gran interese para a comprensión histórico-social de cada momento. Ten bastante parecido co concepto unamuniano da “intrahistoria”.

[6] Non foi o de “A Parroquia Ideal”  porque con ese título publicouse un artigo en A Nosa Terra o día 1 de febreiro de 1930. Escribía un tal Froitoso Touza Sergude,... cousas do destino... ¿Quen era ese tal Froitoso? Nin máis nin menos que D. Ramón Otero Pedrayo, que utilizaba ese pseudónimo.

 

[7] No fermoso prólogo que escribiu para o meu libro “Nomes do Ribeiro”.

[8] “Amosareiche o medo nunha presa de po”, é o verso de  Elliot  que utiliza Sciascia de xeito literal noutra obra:  “O Caso Majorana”.

[9] Non creo que o apelido da narradora do San Manuel, Angela Carballino, sexa froito do azar. Os nomes dos protagonistas son moi importantes na obra de Unamuno e adoitan posuír un alto contido simbólico ou metafórico. Albisco neste caso de Angela Carballino algunha relación de Unamuno con O Carballiño. Sospeito que a clave para descubrila está na amizade que tiña con Dª Emilia Pardo Bazán, pero non sempre as sospeitas se confirman.