Pentecoste
Bitácora
-
RECIBIDE O ESPÍRITO
Aos poucos, imos aprendendo a vivir sen interioridade. Xa non necesitamos estar en contacto co mellor que hai dentro de nós. Chéganos con vivir entretidos. Contentámonos con funcionar sen alma e alimentarnos só de pan. Non queremos expornos a buscar a verdade. Ven Espírito Santo e libéranos do baleiro interior. Xa sabemos vivir sen raíces e sen metas. Abóndanos con deixarnos programar desde fóra. Movémonos e axitámonos sen cesar, pero non sabemos o que queremos nin cara a onde imos. Estamos cada vez mellor informados, pero sentímonos máis perdidos do que nunca. Ven Espírito Santo e libéranos da desorientación. Escasamente nos interesan xa as grandes cuestións da existencia. Non nos preocupa ficar sen luz para enfrontármonos á vida. Fixémonos máis escépticos e tamén máis fráxiles e inseguros. Queremos ser intelixentes e lúcidos. Por que non atopamos acougo e paz? Por que nos visita tanto a tristeza? Ven Espírito Santo e libéranos da escuridade interior. Queremos vivir máis, vivir mellor, vivir máis tempo, pero ... vivir que? Queremos sentirnos ben, sentirnos mellor, pero ... sentir que? Buscamos gozar intensamente da vida, sacarlle o máximo zume, pero non nos contentamos só con pasalo ben. Facemos o que nos apetece. Xa case non fican prohibicións nin terreos vedados. Por que queremos algo diferente? Ven Espírito Santo e ensínanos a vivir. Queremos ser libres e independentes, e atopámonos cada vez máis sos. Necesitamos vivir e encerrámonos no noso pequeno mundo, ás veces tan aburrido. Necesitamos sentirnos queridos e non sabemos crear contactos vivos e amigábeis. Ao sexo chamámoslle "amor" e ao pracer "felicidade", pero ... quen saciará a nosa sede? Ven Espírito Santo e ensínanos a amar. Na nosa vida xa non hai sitio para Deus. A súa presenza ficou reprimida ou atrofiada dentro de nós. Cheos de ruídos por dentro, xa non podemos escoitar a súa voz. Envorcados en mil desexos e sensacións, non acertamos a percibir a súa proximidade. Sabemos falar con todos menos con el. Aprendemos a vivir de costas ao Misterio. Ven Espírito Santo e ensínanos a crer. Crentes e non crentes, pouco crentes e malos crentes, así peregrinamos todos moitas veces pola vida. Na festa cristiá do Espírito Santo Xesús dinos a todos o que un día dixo aos seus discípulos exhalando sobre deles o seu alento: "Recibide o Espírito Santo". Ese Espírito que sostén as nosas pobres vidas e alenta a nosa débil fe pode penetrar en nós por camiños que só el coñece.
José Antonio Pagola.- Traduciu: Xaquín Campo Freire 27 de maio de 2012 Pentecostés (B) Xoán, 20, 19-23 |
Publicado a 20/05/2012 12:06 por Santiago Glez Avión
|
ĉ ď Santiago Glez Avión, 15/04/2012 13:38
ĉ ď Santiago Glez Avión, 15/04/2012 13:38
ĉ ď Santiago Glez Avión, 30/04/2012 08:32
ĉ ď Santiago Glez Avión, 07/05/2012 09:21
ĉ ď Santiago Glez Avión, 20/05/2012 12:12
ĉ ď Santiago Glez Avión, 15/05/2012 08:02
ĉ ď Santiago Glez Avión, 15/04/2012 13:37
|