AREADOS
Na túa última carta disme que me escribes desde a barriga do tigre na selva
pola tarde.
CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN
(...) e nos vermellos leitos do crepúsculo xacen xacintos, broa, duros, doces camelios derrotados para sempre.
(...)
Atópome coa testa contra o muro.
X. L. MÉNDEZ FERRÍN
I
Quero que vos caian na cabeza un par de tigres. Que vos anden pola boca todo o día que vos resoen na cara que penetren nos vosos ollos e non saibades por que. Que vos cansen que vos abafen que vos farten que vos saian da memoria máis profunda quizais ás doce en punto cando ninguén o espera.
Quero que vos caian na cabeza un par de tigres
así de dolorosos. . NOTA DO AUTOR. DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS
DOS TIGRES
II
Ás veces colliamos os puñais máis grandes e xogabamos a destruírnos docemente.
Detrás os arrecifes.
Recordo o meu salón ateigado de area e un tigre azul enorme soterrado no centro.
Tamén recordo aquelas fotografías de viaxes e de tigres que ías aliñando por toda a casa coma unha procesión inútil...
o silencio
o silencio tamén era de color azul
e non levaba barcos.
Daquela pintabas uns tigres preciosos. Había tigres de sabor a nube, outros eran de chumbo e de cartón e a penas se movían; había tigres tan rápidos que ó minuto se esvaían nos dedos e eran imposibles de atrapar. Tigres de medo e de memoria, tigres cos ollos negros e sabor a café e a mil torturas...
tigres
centos de tigres no medio do salón
cos ollos tristes
a boca aberta
e o corazón pesado.
coma unha colección de mortes diferentes
os tigres.
eu recordo a miña cara espreitando un lugar de tigres no teu corpo
buscando na epiderme o buraco máis profundo
a dor máis grande
o lugar exacto por onde cae o sol
coma un neno gordo cheo de tics nerviosos
diminuto
Daquela, colleitaba area. Todos os días baixaba ó lugar dos cangrexos ( onde nace a area máis terrible ) e apañaba, alomenos, unha pouca. Ás veces levaba un paraugas para protexerme das gaivotas e os outros animais voadores, e espallaba anacos de carne e zume de marmelo;
as gaivotas son uns animais terribles; teñen patas de rabia e son coma cangrexos con fame.
así atravesados no medo.
Logo, voltaba á casa. Un tigre azul esperábame contigo, e ós poucos , iámolo soterrando de vagar, entre canción e canción, entre baile e baile; deitándolle a area nos ollos e nas patas, esperando a que medrasen mapoulas entre os dentes ou a que caese enfermo de tanta marea sen chuvia.
somos coma dous nenos tristes no medio das ortigas atrapando cascarrubias e saltóns detrás das persianas mentres todos dormen na ventá da casa
atrapando cascarrubias e saltóns cos ollos pechados
onde case que é imposible que se reflicta a lúa.
Recordo teu corpo asulagado no alcol
ollando tigres
cos artefactos do amor ciscados pola alfombra
espreitando a luz que chegaba dos faros
un barco unha cadea
e un falo aberto a calquera dor
alí detrás das persianas
no vacío
o vacío era un tigre
coma un tigre sen boca
Eu colleitaba area. Facía quilómetros nun día para apañar, sequera, unha pouca coma unha enfermidade inútil e terrible
un pairar aberto á desolación.
Ti, a penas xa comías. A casa era grande e durmiamos nun curruncho pequeno da mesma habitación; intentando tocarnos inocentemente...
como se nos faltase o aire e nos sobraran feridas.
recordo o meu salón ateigado de area. e centos de tremores no interior das mans.
tamén recordo unha cidade que nunca visitamos un buque de guerra e un cangrexo morto esculpido nas costas
detrás dos ollos
no anaco máis escuro
a memoria E así,todos os días coidamos dun tigre ó que lle arrincamos as ás para facer o amor debaixo del
durmimos baixo un tigre un tigre enorme e amámonos cos ollos de máis sangue a penas xa sabemos por onde castigarnos durmimos baixo un tigre alén da selva
con toda a enfermidade con toda a enfermidade.
AREADOS E sempre están as árbores Habitando cabezas.
Hans Van de Waansemburg
Cubríronse de buratos polos que fuxiron horas
MIRO VILLAR
(PARTE I) COMA UN ANIMAL DE OLLOS GRISES
I
Viviamos nunha casa abeirada ó atlántico ti coleccionabas postais de viaxes
e eu era
coma un corazón enfermo
un paseo solitario
polas nubes.
E ó lonxe berraba un tigre
porque todo era silencio.
Porque todo era silencio ás veces pasabamos os días sen cruzar unha palabra
pola galería entraba o ceo
azul azul cobalto
e toda a dor do océano parecía meterse polo interior dos ollos
precipitándose caendo coma un tigre
o silencio.
o silencio caía coma un tigre e nós estabamos alí perdidos xogando con tres buques repletos de magnolias ollando o solpor dos horizontes e a cantidade de dor que se nos facía preciosa.
Pero ó lonxe berra un tigre
pero ó lonxe berra un tigre e os dous somos coma un animal
cos ollos grises
fóra chove a mares e os dous somos coma un animal cos ollos grises xusto antes da tenrura.
aí a poucos metros
es coma un buraco pequeno unha taza de café e todos os gramos de opio que me queden
un aloumiño de ti que sabe a terra
un roce perigoso polo fondo.
(PARTE II) ULINDO A LANDRAS
Ahora dejas resbalar la cabeza hacia el hombro mientras con la mano revuelves el cabello.
olvido garcia valdes
De momento o gato está deitado onda o meu pé.
EDITH SOMMER
E o caso é que eu relembro cada instante
( colleito area )
Ás veces saïamos pintar tigres de cores azuladas
levabamos pinturas e cámaras de fotos e algún que outro resto dos que queda da resaca.
e eu ficaba dolorido xa sabes así de dolorido
case enfermo.
Logo de pintar tigres voltabamos á casa e todo era perfecto
non sei
ti tiñas unha especie de tacto diferente e sabías como amar
o silencio
así de núa así de muda
o silencio
no silencio eres para min como un álbume de fotos
un calendario de minutos e de tigres un ópalo aberto a calquera dor
Eu recórdoo todo pero non o importante.
O importante era un quilo de café unha flor unha postura
( alí anicada no centro do salón) esperando algo que se esvae
todo negro e ti no centro do salón esperando algo con cara de animal
ulindo a landras.
Porque ti tamén estabas enferma dalgún xeito coma a casa
miles de termómetros de febre e de torturas
eu sabíao sabíao polo tacto
non preguntes
sabíao por como respirabas sabíao polas ondas e os outros arrecifes sabíao por ti e por min e por como chorabamos abrazados despois de xogar a destruirnos.
inocentemente abrazados
ulindo a landras
abrazados coma un tigre.
estamos aquí de costas á lúa con todo a pel mollada e os brazos ateigados de febre
( o amor é para nós un cruce de dores e vacíos )
pola fiestra entran os morcegos e as outras gaivotas xa se foron hai alomenos tres minutos
coa pel mollada a cara triste
somos un lugar
un lugar de cetáceos.
somos como un lugar de cetáceos e tres días á semana vomitamos o amor de boca a boca
logo abrimos os armarios onde están os pinceis as fotografías e as cintas de vídeo coas nosas posturas máis íntimas.
ti nunca levas bragas e sempre fas o mesmo cadro azul azul cobalto
eu quedo a mirarte lentamente non sei como se algo de todo isto me recordara a ti..
Pero axiña se nos fixo un cruce de mil garras
descubrímonos feridos baixo as pontes galopamos polo límite das cousas e ata no centro do cuarto aniñaron as formigas máis famentas.
E todo foi así coma un pulmón pequeno.
nácenos un tigre polo pulmón esquerdo e non hai aire.
somos coma un tigre de aire no cerne dos pulmóns
un berro seco así de enorme un laio enorme un berro seco así de enorme
parecido a un tigre parecido a un tigre parecido a un tigre
tan enorme.
(PARTE III) AREADOS. COS BECHOS POLA TARDE
Hai un abiso terrible que me anuncia FRANCISCO ALONSO Con pegadas doutras tardes RAFA VILLAR
Cando caeu a tarde e os restos do sol esnaquizáronse na porta berramos ó vento os nosos sexos coma a derradeira pegada da marea.
Pero xa era tarde.
Pero xa era tarde e os dous nos anicamos na postura do mar e colleitamos o solpor coas mans abertas como se quixeramos que todo se impregnase das nosas feridas e proera por dentro un tigre morto unha palabra con sabor a distancia
Pero era tarde
Ti sabías que era tarde os dous sabiamos que alomenos había un centímetro de tarde un peso inmenso de tarde a caernos dentro
polos dedos
Por iso recollemos as sobras non por nada quizais porque este mar nos sabe a morte e o xeito de sentir sexa o máis parecido a calquera caída
non o sei
O Universo pesa demasiado se se mide coa nosa balanza
e ti estabas enferma tan enferma
e eu estaba enfermo tan enfermo que o noso arrecife amencía enfermo cada día cada minuto cada hora
coma un tigre enfermo barado na metade do estómago
Na metade do estómago
Na metade do estómago nin a carne nos era suficiente.
e xa era tarde.
sinaleiche a miña loucura para que soubeses do meu corazón serodio e do tarde que era.
aquela noite non fun capaz de durmir milleiros de tigres berraban na selva e ti coma sempre xacías disposta ó amor.
Por iso tiven que matarte as cortinas da casa estaban cheas de moscas e xa case non comiamos
¿lembras?
a miña barriga era inmensa e o ceo sempre tiña a mesma cor
gris oscuro igual que o océano.
Pasabamos as horas despertándonos e iso que tiñamos os ollos caídos e as pálpebras cortadas e as pernas abertas pola metade do sol
así cara a caída dos astros.
Por iso tiven que matarte non por nada xustamente por iso case por nada
quizais porque era precioso mirarte a contraluz e ver que non podías sequera moverte
ou porque eu engordaba a cada paso e dábame medo engordar tanto para ti ou porque me nacían tigres e máis tigres por dentro dos petos
ou porque era bonito moi bonito
mirar como morrías coa boca chea de seme e sen facer preguntas
envelénase a raíz e a cabeza atéigase de febre.
no outro corredor un cadro azul azul cobalto
hai un neno que mira divertido case enfermo como te retorces
alí no centro do salón
ulindo a landras.
AREADOS PEQUENAS CARTAS A UN TIGRE
como ceniza o sierpe y humo pálido JOSÉ ÁNGEL VALENTE
Con las manos puestas en las llagas y el dolor en la espalda
como un niño CARMEN ÓRREGO
II
Hoxe espertei ás cinco. Almorcei un café con tres galletas ( Xa sabes, empezando polas puntas ) e din de beber ós tigres.
Logo, pensei que sería precioso observarte. Sentei no chan ( a tres ou catro metros de ti ) e puxen o reloxo na hora sete; cando os cangrexos espertan e hai que ter coidado. Estiven así durante dúas horas seguidas, case inmóbil, coa luz do faro petándome nos ollos...
como se un xigante enorme me culpase de ti.
Logo, ás sete en punto deron as sete; pero non apaguei a alarma
e eu alí abrazado ó teu corpo de follas e de area co son da alarma enchendo a habitación
era
como se un insecto enorme nos caese por dentro.
III
Hoxe amarreiche os brazos ás pernas e chantei un acivro na túa boca. Despois tracei tres círculos ó redor do teu corpo, e collín unha polea.
Agora estás aí no alto completamente espida e eu durmo docemente sobre as baldosas frías
espero que floreza estou seguro.
IV
Cada día os tigres están máis nerviosos. Pasean pola casa esparexendo todas as pinturas polo chan, e case non me queda comida que darlles.
Ti, non me axudas nada. Teño eu que saír a pola area, e logo debuxarlles un corazón nas tres metades do abdome....
É un corazón lento; deses que lles impiden andar;
son coma planetas que se cruzan antes de caer adormecidos.
V
Como sabía que estabas aburrida, esta noite invitei a tres homes a pastas e a café. Foron moi amables e axiña comprenderon a nosa historia de tigres.
Estivemos contigo varias horas; acariñándoche as mamilas coas nosas linguas e apostando a ver quen te amaba máis.
Un pintou un lagarto azul nas túas nádegas.O outro preferiu engalanarte con mil flores, e logo, agocharse dentro da ramaxe.
Eu preferín mirar como o terceiro sacaba a súa polla inmensa e dura.
Foi todo moi bonito; como se un peixe enorme visitara a túa boca.
VI
Hoxe estabas triste.Ó primeiro pensei se terías ganas de mexar, e por iso saquei o acivro da túa boca e desatei as correas. Logo andei ós poucos; arrastrándote a través do cuarto ata chegar á porta que da ás dunas. Dende alí pódense ver ós cangrexos afogar na auga e como as gaivotas baixan en picado a comer nelas. É un espectáculo precioso; o mar, o ceo gris, e todo ese areal inmenso ateigado de plumas brancas e cascas vermellas a medio soterrar.
E todo para ti Para que mexes contenta.
Ocorréuseme hai uns días; así, de súpeto. Mesturei a carne e o zume de marmelo con pétalos de mapoulas e leite de tigre. Logo, todo foi doado. Soamente tiven que ciscar a comida polas rochas, as cunchas de peneira e os buracos que deixan os meixáns cando caen mortos.
Os meixáns son uns animais horribles. Agóchanse na area e logo traban nos pés para zugar nas pingas de sangue que caian.
Os meixáns, ás veces, prodúcenme máis medo cós cangrexos; teñen a face aberta e penetran nos soños máis terribles.
Son coma animais que non dormen nunca.
Agora, os cangrexos, camiñan coma se estivesen borrachos, e son moi doados de atrapar; andan dun lado para outro, co bandullo na dirección do ceo, e botando un cuspe tan mesto que se lles apega ás patas e lles impide correr a máis velocidade.
Os cangrexos son os animais máis tristes; son coma bechos gordos e pequenos á saída do tren das sete e media.
Nunca me gustaron.
Agora tamén as gaivotas son felices. Baixan en picado a comer nos cangrexos moribundos; petéiranlles nos ollos, e nas mans, e na boca, e nos fillos dos cangrexos máis pequenos; e logo remontan o voo, inocentemente, con toda unha familia na boca e con toda unha canción de risa.
Están así tres minutos, no alto dunha nube, ata caer enfermas sobre a area.
As gaivotas son uns animais noxentos. Están aí, asexando detrás dunha nube
parece como se quixeran chegar a ocultar o sol.
coma un neno gordo cheo de tics nerviosos Diminuto.
E todo para ti para que mexes contenta.
e ti aí con eses ollos azuis tan apagados albiscando unha marea de mortes
coas pernas abertas na dirección do mar e cunha flor prendida por dentro dos labios.
estás tan guapa que me dá vergonza vivir contigo
faría todo o posible
Viñeron por min. Levaban sombreiros grises e pistolas, e facían unhas preguntas demasiado complicadas.
Eu faleilles de ti, e de min, e dos tigres; pero non fixeron caso. Espero voltar algún día
Cando saia do labirinto eu virei buscarte
non sei como
mais terás nas mans dos sete anos
un xelado de fresa un recuncho onde ensinarnos os sexos e un lugar onde apreixarnos quedamente.
non te esquezas de min
pero ó lonxe berra un tigre.
|