Este artículo fue publicado en el Biblioletín nº 2, Lendo en abril 2007. Bibliotecas escolares de Galicia (archivo pdf )
“Ninguén pode parar unha idea cuxo tempo é chegado” esta cita de Víctor Hugo foi empregada na súa ponencia por Mario Núñez, profesor e blogguer ou blogfesor como el prefire que lle chamen, no Primeiro Congreso de Blogs Educativos celebrado en Porto Rico.
Mario está convencido de que somos quen de transformar o proceso de ensino –aprendizaxe ao integrar a tecnoloxía na nosa profesión: esas novas tecnoloxías da información e da comunicación que dende hai pouco menos dunha década están transformando as nosas vidas, os nosos traballos, os nosos xeitos de comunicarnos e relacionarnos.
Non podemos ficar alleos a estas mudanzas que se producen na sociedade; e nas bibliotecas escolares, ou nos ancoramos no pasado ou nos preparamos para participar na construción do “coñecemento colectivo” que nos levará á sociedade do futuro, sendo como é a biblioteca punto de encontro para facilitar o acceso á información e á cultura, estimulando a aprendizaxe e propiciando a igualdade de oportunidades.
Estes cambios producidos polas novas tecnoloxías xeran novas necesidades nos nosos usuarios, e cómpre preguntármonos: como podemos dende as nosas bibliotecas responder a estas demandas? Sen ningún xénero de dúbidas, empregando as novas ferramentas e aprendendo as novas linguaxes de comunicación que a Internet e a actual cultura dixital pon nas nosas mans.
Estamos asistindo a unha auténtica revolución na “arañeira”, donde os novos valores que terman dela son entre outros: a participación, a interacción, a intelixencia colectiva ou as redes sociais.
Os blogs convertéronse no máximo exponente desta revolución por moitas razóns, pero principalmente pola extraordinaria facilidade de uso que conleva unha sorprendente celeridade na actualización dos seus contidos, por fomentar o dialogo e con iso a participación e a creación de entornos colaborativos, e asemade pola capacidade que teñen de fusionar contidos variados e espallados coas nosas aportacións persoais, para deste xeito construír un “coñecemento compartido” que integra o poder da colectividade e o valor de cada individuo.
Por todo isto anímovos vivamente a empregar os blogs nas vosas bibliotecas: para proxectalas alén do seu propio espazo físico; para divulgar as vosas actividades, experiencias, recomendacións….; para procurardes novos espazos de colaboración e encontro con persoas que teñen as mesmas inquedanzas e están loitando polos mismos obxectivos ca vós; e dun xeito moi especial, para acadardes mediante a participación dos nosos usuarios, uns servizos que lles proporcionen aquilo que precisan e que nos demandan.
E para botar a andar o blog da nosa biblioteca, como todo novo proxecto ao que nos enfrontamos, debemos adoptar certo ton de descaro e termos a ousadía que cómpre para asumirmos os riscos que conleva estar dispostos a cometer erros, a non ter que agardarmos a conseguir algo perfecto para poñelo en práctica. Porque baseándonos na experiencia, no traballo continuo e na resposta que ese traballo produce entre os usuarios, podemos mellorar sen interrupción o noso proxecto, o noso blog.
Teño o convencimento de que os blogs atoparon nas bibliotecas o escenario axeitado para o seu emprego, sendo ademais a forma máis sinxela de engancharnos ás novas ferramentas tecnolóxicas que inevitablemente irán aparecendo nun futuro moi próximo. Porque lembrade... “Ninguén pode parar unha idea cuxo tempo é chegado”.
José Antonio Alonso Martín
A nosa Biblioteca 3.0
Blog dunha biblioteca escolar
IES As Mariñas de Betanzos