Hai xa uns anos alguén decidiu crear un premio coma o Cervantes para as Belas Artes. Esa persoa xuntou a máis persoas e decidiron que Velázquez sería un bo nome porque Velázquez soa a Cervantes. Aos do ABC pareceulles ben. Entregaríao o rei malia que os premiados non serían deportistas españois. Primeiro déronllo a Ramón Gaya porque ía morrer. Ao ano seguinte déronllo a Tàpies; a cerimonia quítoulle tempo e esa tarde somentes rasgou 352 lenzos. En 2005 déronllo a Palazuelo porque ía morrer. Un ano despois déronllo a Juan Soriano porque ía morrer. Doce meses despois foi para Antonio López. Frustrouse e pintou durante dous anos as baldosas do seu garaxe. Luís Gordillo gañou en 2007, de aí a súa cita "a verdade é que, ante o debate artístico, a xente se caga de medo". Despois tocoulle a un brasileiro, Cildo Meirelles, tamén o Premio Cervantes danllo ás veces aos indios, aínda que neste caso non consta que pinte en español. E este ano, 2009, o galardoado é Antoni Muntadas (Barcelona, 1942). Artista polifacético, pionero en España da arte con ordenadores, da arte con video e da arte con internet. Os movementos e redes sociais fían toda a obra, unha crítica moi incómoda e diáfana a algúns medios de comunicación comprices da doutrina do shock ou tamén chamada doutrina que vén o coco. Non me gusta cando adxectivan un disco ou unha película como necesaria, é un término vago e sospeitoso ¿necesaria para que? ¿para quen? Pois neste caso si hai unha obra necesaria, necesaria para abrirnos os ollos, para disparar e para gañarlle tempo, aínda que aínda non saibamos a que. Gustaríame atopar o seu video TVE: Primeiro intento, dérono en LA2 hai pouco aínda que é de finais dos 80 pero non hai xeito, é unha xoia. Pódese adquirir aquí. Nesta entrevista suscita algunhas coordenadas do seu traballo. |
